lunes, 28 de julio de 2008

A XENEROSIDADE NA NOSA CONTRIBUCIÓN..., TEN PREMIO! -I-




A XENEROSIDADE NA NOSA CONTRIBUCIÓN…,
TEN PREMIO!



Xosé María Gómez Vilabella         


Dedicado ao meu Párroco actual,
D. Amador Martínez Santos,
que me fai gozar oíndo e vendo o ben que ensina Catecismo aos nenos.
Xosé María Gómez Vilabella


Contribución.- A nivel xeral, unha contribución é un aporte, sexa voluntario ou forzoso, sexa a unha persoa, unha campaña, unha organización, etc.

Cando falamos de “contribución”, este termo tráenos á memoria os pagos que, directa ou indirectamente, lle facemos ao Estado, ao Erario Público... ¿E logo, as outras, as outras contribucións; as persoais, as que lle debemos ao próximo, estea próximo ou lonxe? De estoutras fálase, e faise, pouco, pero tamén son obrigatorias, máxime para os bautizados.

Aquela parábola do samaritano bo? ¡Foi outra lección maxistral, das do Mestre, así que convén lembrala, tela presente!

Lucas 10: 29-37.  “Pero o xurista, querendo xustificarse, preguntoulle a Xesús: -¿E quen é o meu próximo? Xesús replicou: -Unha vez un home baixaba de Xerusalén a Xericó, e asaltárono uns bandidos, que, despois de roubalo e de bourar nel, deixárono medio morto. Cadrou a baixar polo mesmo camiño un sacerdote, que, ó velo, deu un rodeo e pasou de largo. Igual fixo un clérigo, que tamén pasaba por alí. Pero un samaritano, que ía de camiño polo mesmo lugar, ó velo, sentiu mágoa; e achegándose a el, curoulle as feridas con aceite e viño, e vendoullas. Logo, montouno na súa cabalgadura, levouno a unha pousada e coidouno. Ó outro día colleu dous denarios, deullos ó pousadeiro, e díxolle: “Coida del, e cando eu volva xa che pagarei o que gastes de máis”. -¿Quen dos tres che parece que foi próximo do que caeu nas mans dos bandidos? El respondeu: O que practicou a misericordia con el. Díxolle Xesús: -Pois ti vai e fai outro tanto!”.

Rotundo e claro, non si? Daquela, a cumprir!

Paulo. Carta aos romanos. (15: 25-27). “Arestora vou ir a Xerusalén para facer un servicio ós irmáns, pois Macedonia e Acaia quixeron facer unha colecta a prol dos pobres que hai entre os santos de Xerusalén. Así o quixeron, e con razón, posto que están en débeda con eles. Porque, se os xentís tiveron parte nos seus bens espirituais, deben tamén á súa vez partillar con eles os materiais”. ¡Ademais de predicar, dar trigo! ¿E nós, que, que facemos, que xa temos recibido vinte séculos de apostolado; para cando o noso aprobado, a nosa Licenciatura?
-.-

Os cestos comézanse polo fondo: ¡É de ben nacidos ser agradecidos! ¿Ai, si? Daquela:

Señor, Creador Omnipotente, douche as máis expresivas gracias..., por tantas cousas! Unha das principais é, foi, que me permitises nacer nesta terra de privilexio, neste Edén galaico, precisamente no seo do catolicismo, cousa, privilexio, nunca bastante recoñecida; nin recoñecida, nin agradecida. Por se antes non o fixen, agora, si: ¡Douche as gracias; de corazón; e perdoa a demora, se é que a houbo!

Señor, vou facer unha mención sucinta, que tamén quero ser dos agradecidos. Voume lembrar de todos aqueles, ¡dalgún, xa que foron moitos!, dos que te valiches para quitarme do barro, para criarme, para educarme, para ensinarme a distinguir o ben do mal. Nisto último aínda estou verde, ¡e cos meus anos!, pois o teu, ¡o noso, xa que é común!, inimigo, Satanás, desde aquilo da Eva non se cansa de intrigar, así que temos un problema de discernimento que nos dá que tecer, ¡e non para! Xa sei que o teu Fillo, o Ben Amado, na súa oración ensinounos, ¡recomendounos!, pedir iso tan profundo, ¡tan necesario!, de que, “... líbranos do mal”, que ben traducido, do arameo, da lingua na que falaba o Mestre, significa “líbranos do maligno”, pero ese cabrón é tan cabrón que non acougará ata que ti, Señor do Ceo, o peches no inferno, definitivamente, ¡pero con sete chaves!

Cronoloxicamente, o meu, ¡o noso!, agradecemento, o inicial, o primordial, debe ser para esa parella que nos xerou. ¿Si? ¡Si, e non! Si, por criarnos, por nutrirnos, por educarnos, por instruírnos, por levarnos da man, afectuosamente, en tantas cousas! O que resulta máis escuro foi o de xerarnos, pois..., de postos a brincar, igual non pensaron nas consecuencias, na responsabilidade do seu brinquete!

Grandísimo, e seguramente que xa lles pagaches, Ti, por nós, o seu apostolado, foi o daqueles padriños bautismais, padriño e madriña, madriña e padriño, un par de apóstolos. Case nada: ¡lavarnos do pecado orixinal, precisamente coa receita que lle deu o noso Salvador, Xesús, ao seu primo, ao Xoán!

Isto  último faime pensar: ¿Os de antes, que? Deus, na súa bondade infinita, cando nos redimiu fíxoo para todos, naqueles tres días que estivo cos defuntos, axudándolles a entrar no Ceo. Hoxe, coa nosa tecnoloxía, diríamos que estivo dándolle ao ascensor da gracia, subíndoos ao Ceo; de paso, deixou as portas abertas para os que viñésemos detrás, particularmente os bautizados. ¡Que día tan grande aquel do teu Nacemento; que regalo nos fixo teu Pai, que lección de humildade..., naquelas pallas!

Nunhas pallas, ¡tiven o honor desa equiparación!, tamén miña nai, asistida pola señora  Josefa do Rego. Seica era costume poñe-las nais nunha saba de liño, enriba dun brazado de palla e cerca da lareira, ¡para que non se arrefriase a cría ao saír dun lugar quente para entrar na friaxe da terra! ¡Señor, outro privilexio que agradecerche; a Ti, e por ti, á señora Manuela do Rego!

De bautizados pásase á confirmación. Este sacramento débollo, no meu caso, ao bispo de Lugo, alí en Luaces... Os rapazolos do meu lugar, pícaros eles, gastáronme o bromazo de que o bispo me ía dar..., ¡unha hostia! Deuma, si, pero, consagrada! De paso, alistoume nas filas do exército do Espírito Santo; pero non para unha guerra, senón para a paz, para esa paz impartida na terra polo propio Xesús Cristo. A única guerra que temos, que debemos cumprir, ¡obrigatoriamente ademais!, é esa que ten Deus cos anxos rebeldes. ¡Pobre daquel que deserte, do que se pase ás filas do inimigo, ás do diabro! Xa llo dixo o Mesías cando se atreveu a tentalo: “¡Vade retro, Satana!”.

Outra obriga teño coas persoas que me protexeron, coas que me consellaron: ¡Moitísimas! Tamén as houbo que, co seu mal exemplo, invitáronme a desertar, mais, para esas, como tamén nos ensinou o Mestre, “... así como nós perdoamos aos que nos ofenden...” Díxoo, mandouno o Mestre, así que, por min, ¡fágase a túa vontade, señor!

Xa o teño dito noutras ocasións: Débolles máis, moitísimo máis, aos inimigos que aos amigos, pois os malos puxéronme en garda, estimuláronme para reflexionar, para coñecerme mellor, para distinguir no seu espello o cariz e mailas consecuencias das súas malicias.

Confeso que levo recibido moito, pero, ¿pagueille ao próximo con igual moeda? Prégolles aos meus avogados que, nese xuízo da Porta de San Pedro, aleguen que vontade non me faltou, pero..., a carne, desde aquel tropezo do Paraíso, é débil, que xa o ten recoñecido o Mestre desde aquel día da oliveira! (Mateo 26,41).
-.-   

... así como nosoutros perdoamos aos que nos ofenden...  2844 La oración cristiana llega hasta el perdón de los enemigos (cf Mt 5, 43-44). Transfigura al discípulo configurándolo con su Maestro. El perdón es cumbre de la oración cristiana; el don de la oración no puede recibirse más que en un corazón acorde con la compasión divina. Además, el perdón da testimonio de que, en nuestro mundo, el amor es más fuerte que el pecado. Los mártires de ayer y de hoy dan este testimonio de Jesús. El perdón es la condición fundamental de la reconciliación (cf 2 Co 5, 18-21) de los hijos de Dios con su Padre y de los hombres entre sí (cf Juan Pablo II, Cart. Enc. DM 14).”

Facémola boa, ¡facémola mala!, se non perdoamos, así que, como lles dicía Millán Astray aos seus lexionarios:”¡Oído al parche!”. ¡Atentos á orde!

A nosa obriga está en devolver ben por mal. ¿Que é difícil? ¡E logo, en que se diferencia un cristián dun pagán? Neste mundo os cargos, as categorías, teñen o seu aquel de vantaxes; en contrapartida, obrigas! A meirande das categorías é, está, en ser cristián; por conseguinte, aí está a nosa responsabilidade; apostólica, nada menos!

Os que teñen condecoracións ben se xactan delas levándoas, exhibíndoas, por riba da súa roupa; e os militares van de uniforme; ¿en canto á cruz de Cristo, que? ¡Fora dos cregos e das monxas, se a levamos é ben escondida, debaixo da garabata! Tampouco é de regulamento porque a nosa credencial, a suprema, está nos feitos; en facelos ben feitos, que non en presumir deles.

Dicía o vello Astete: “¿Es cristián? r/ Si, pola gracia de Deus!”. ¡Pois, xa que temos esa gracia, honrémola, fagamos un bo uso dela; que se vexa, que se note, que se transmita con e na exemplaridade!

Cantos máis periódicos lemos, máis radio oímos, e máis tele vemos, máis medran as catástrofes, as malicias, as traizóns... ¿Será que antes tamén as había, pero que nos pasaban desapercibidas por carencia de mass media? En todo caso, que Deus nos ampare, pois boa falta temos diso. ¿De quen é a culpa? En boa parte, dos cristiáns, porque nos comportamos como renegados. ¡Señor, se ti foses ministro de Hacienda xa nos tiñas subido as contribucións, pero, es tan misericordioso! Ao que se ve, déixanos a iniciativa, así que, ¡arriba coas contribucións, que as temos baixas, cutres que somos! Compre dar exemplo, compre revisar as nosas conductas; ¡acudamos aos Evanxeos, e se non oímos ben, poñámonos audífonos para escoitar as homilías!

¿Os que  non van á Misa, que? ¡Pois será cousa de que o Papa outorgue indulxencias aos que van..., en vista de que agora  todo o facemos por intereses, por recadar en vez de contribuír!

¿Volver á Inquisición? ¡Nunca; en absoluto; iso gustaríalle a Satanás! A nosa Inquisición ten que ser, debe ser, individual: Facer exame de conciencia, xulgarnos a nós mesmos, impoñernos restitucións, saír da nosa pasividade contributiva, predicar co exemplo, imitando ao samaritano, que niso está a solución. Cal fillo pródigo, volver á casa paterna, á Igrexa!


Temas para reflexionar



¡Que ben o dixo o que isto dixo! Quen tamén o dixo superior foi San Paulo na súa Carta aos Gálatas (Gal 6, 7-10): “Non vos levedes a engano, que de Deus non hai quen faga riso. Conforme sementes, recollerás. O que semente baixos instintos, dos baixos instintos recollerá podremia; pero o que semente no Espírito, do Espírito recollerá Vida eterna. Non cansemos de face-lo ben, que, como esmorecer non esmorecemos, cumprido o tempo habemos ter boa colleita. Polo tanto, fagamos ben a todos, mentres temos tempo, maiormente ós nosos irmáns na Fe”. Daquela, ¿a que esperamos, por que esperamos?

Os romanos, ¡pagáns, si, pero “cobráns” máis aínda!, ben dicían, e ben practicaban, o seu: “Do ut des”, Douche para que me deas! Pois os cristiáns aínda somos, aínda debemos ser, más prácticos cá eles pois contamos co compromiso bíblico de que Deus paga..., ¡o cento por un! ¿Un cento? ¡Máis aínda, pois a Gloria Eterna non é avaliable coas matemáticas fenicias: é infinita! ¿Sabendo isto, e somos cutres co próximo? ¡Merecemos que os burros nos chamen “burros”, pois nós tamén levamos a carga..., sen sentila!

Dar é bo, pero, quitar? ¡Nalgún caso, si! Estou pensado, e voume referir, a unha media hora de televisión, pois, se lla restamos para dedicala á meditación nocturna, iso é valiosísimo: ¡Media hora de meditación, na cama, como complemento doutras piedades, é gloria pura, gloria anticipada! Nas grandes empresas, tal que nos Bancos, levan un balance diario, cotián; daquela, para nós, hai empresa meirande cá da nosa salvación? Coas reflexións nocturnas apreciaremos as perdas, pero tamén as ganancias; de onde vimos e para onde vamos. En definitiva, trátase de poñer a traballar a conciencia, que é, ou debe ser, o noso contable.

¿A conciencia? ¡Non hai esmeril máis duro, así que, para que nos pula hai que comezar por pulila; si, a ela! Todo o día, cada día, pero dun xeito especial na quietude da cama.

O hábito non fai ao monxe..., pero axúdalle! Desde que se colle o hábito de examinar a conciencia polas noites, de día en día ímonos facendo máis frades, máis relixiosos. Se fósemos perfectos, tal que os anxos, e para iso algún deles tamén pecou, abusando dese libre albedrío que dá Deus ás súas criaturas, non precisaríamos limar asperezas, pero somos como somos, fillos de Eva, así que levamos ao lombo esa herdanza, e non queda outra máis cá de retornar á limpeza do bautismo, ¡tantas veces cantas sexan necesarias! ¿Como? ¡Lavando os hábitos, os malos hábitos; castigando a conciencia cando esta se nos desmande; amansándoa, coma quen amansa unha fera!

Seica foi o arcebispo Fulton Sheen o que dixo que “o exame de conciencia, en lugar de inducir tristeza convértese nunha ocasión de ledicias”. ¡Tivo razón! Claro que dá tristeza rememorar os pecados, pero co arrepentimento, de confesados, a alma medra, goza coa ledicia do propósito da emenda.

A confesión empeza por min mesmo, en min mesmo, traendo á memoria os deslices, para renegar deles; o burro sentirá máis ou menos a carga que leve, pero, unha vez descargado, séntese outro!

Pecar, xa o sabemos, é desertar das milicias de Cristo, pero no arrepentimento está a amnistía, o retorno a casa do Pai. ¡Ben nolo explicou o Mestre explicándonos, aplicándonos, a parábola do fillo pródigo!

Os cinco pasos que recomendaba San Ignacio de Loyola:
1.- Poñerse, situarse, (despois de persignado, claro), na presenza de Deus, agradecéndolle que nos dese a ocasión do arrepentimento.
2.- Pedirlle, agradecerlle, esa gracia que actúa, tan reiteradamente, “non unha vez, nin sete, senón setenta veces sete”, na nosa vida.
3.- Agradecerlle que sigamos tendo memoria; unha memoria reflexiva, crítica.
4.- Reflexionar, comparando días: ¿Imos a mellor; imos a peor?
5.- Mirar ao mañá; facer plans de mellora; ¡facelos, e cumprilos!

Os atletas adéstranse acotío; non si? ¿E os cristiáns?

É moi doado separarse, illarse da Igrexa, desertar, así que, en evitación dese perigo recorramos diariamente, noite si e noite tamén, á bandeira de Cristo, ese Cristo que se deixou crucificar para redimirnos, ¡por iso e só por iso, na súa paixón, voluntariamente aceptada!

A miña dona e mais eu, que non nos dá vergoña poñelo por escrito, ¡todo o contrario!, antes de darnos o bico nocturno, “Ata mañá, amor; se Deus quere!”, rezamos, ao unísono: “Con Deus me deito e con Deus quero levantarme; que a Virxe María me cubra co seu manto, nesta cama e sempre; e ti, Señor, dáme penitencia en vida, e na morte salvación, que se morro esta noite me sirva de confesión. Amén”.

Santa Teresa de Avila, esa Santa que tanto admira a miña dona, na que tanto se inspira, ¡ambas admiten, e confesan, que Deus tamén anda entre os pucheiros!, dicía, afirmaba: “Unha das principais razóns do pecado, ¡das sen razóns!, está en non darse conta da presencia permanente de Deus”. Claro que Deus está connosco, desde sempre e sempre, pero se nos durmimos sen lembralo, é tanto como darlle as costas; negarlle, e negarnos, as boas noites, e coas noites, os días.
-.-

Contribucións: Positivas e negativas.

Dar, a virtude de dar, sempre é positiva; a de recibir, en certas ocasións é negativa. O que dá da porque llo pide o corazón, a súa bondade, a súa xenerosidade; para o que recibe, tratándose dun folgazán, dun folgazán en boa idade e con boa saúde, aproveitarse das doazóns é un vicio, un fomento dos seus vicios.

Boa parte dos crimes xeráronse na pasividade dos seus feitores, na súa vagancia, na súa..., na súa inmoralidade! Xa sabemos que non abunda o traballo, o traballo xusto, rendible, pero, así sexa sachando nos hortos, ou coidando vellos e/ou impedidos, a comida gánase sempre; ¡iso, gánase, merécese! Darlles a eses malandríns é tanto como axudarlles a cultivar os seus vicios, pois, empézase folgando, e acábase roubando, ou incluso matando. ¡A ociosidade é a nai de tódolos vicios, de tódalas deformacións! Así, cando se nos presente unha dúbida razoable, acudamos ao cepillo de Cáritas, ou doutras institucións similares, pois nelas hai distribuidores que coñecen a parroquia, que saben, bastante ben, a quen dar e como dar.

O Mestre multiplicou os pans e mailos peixes, pero..., ¡para favorecer aos que o seguían, e tamén para evidenciarlles a súa divindade! Non llos multiplicou a San Xosé, pois colaborando no seu banco de carpinteiro gañaron, gañaban, o pan de cada día coa suor propia, da súa fronte, e non coa suor do de enfronte. ¡Tomemos, diso, boa nota, que non é para menos!

É necesario, é prudente, e por veces o necesario está en esforzarse niso, en distinguir ao verdadeiramente necesitado da nosa axuda dos encordiantes finxidos. A mendicidade con falsidade separa, illa do mundo produtivo, a seres capaces, pero pasotas; delincuentes por oficio e por natureza, constitúen un obstáculo, tanto para a orde pública como para a prosperidade do país; con isto, e con todo, hai que aplicar criterios selectivos fundados, misericordiosos, para non caer en extremismos, como pasou, por poñer un exemplo, en España, coa Ley de vagos y maleantes, do 4 de agosto do ano 1934 (Tratamiento de vagabundos, nómadas, proxenetas y otros comportamentos antisociales), que, na súa aplicación práctica, esaxerada, exhaustiva, converteu España nun campo de concentración exasperante.
-.-

¡Que bela é a sinceridade! Se fósemos algo máis sinceros, canto sentido non tería esta familia de verbas: amor, paz, confianza... Pero a sinceridade ten que, debe, comezar por min mesmo, pois, se me empeño en enganarme tamén acabarei collendo o hábito de enganar aos demais.

¿Gústanos a xente directa, franca (con minúsculas), aberta; esa que mira de fronte? ¿Verdade que si? ¡Pois ao próximo tamén lle gustaremos nós se optamos pola verdade e pola sinceridade! A maiores tamén está, nun sentido práctico, que para ser mentireiro precísase unha memoria de elefante; xa se di que, “antes cae un mentiroso que un coxo!”

A sinceridade fórxase no crisol da intimidade familiar, pois unha educación sen o sal da sinceridade é unha comedia, un ensaio de comediantes, unha..., ¡o dito, unha farsa!

Pero a sinceridade tamén hai que administrala, porque se dan ocasións nas que pode resultar ferinte. ¡O de sempre: hai que saber ser, e saber estar; e xa que temos dous verbos para auxiliarnos, utilizalos!

¡Iso, aprender; aprender, prender, frear a lingua, a lingua e mailos feitos, pois os  cabalos desbocados non dan resultado!

¿Entendido? ¡Para algo nos deu Deus a intelixencia, para entender, pero..., tamén hai que cultivala, desenrolala, aplicala!

Francisco de Quevedo á raíña Isabel de Borbón (primeira esposa de Felipe IV), para dicirllo nunha aposta, sen que se ofendese, colleu dúas flores, e ofreceullas: “Entre el clavel blanco y la rosa roja, su majestad es-coja...” Quevedo mentiu? Fíxoo con mentira piadosa, neste caso por unha broma? ¡A veces hai que ser un Quevedo para dicir unha verdade seria, sen ofender e sen mentir, cousa que require enxeño.

Tamén existe, tamén se dá, o “sincericidio”, que é unha especie de sinceridade sen prudencia; é a expresión dunha realidade obxectiva, pero sen bondade, sen beleza e sen unidade. Non se trata de mentir senón de escoller con prudencia a forma de presentar respostas para preguntas inoportunas; ¡séxase, un malabarismo dialéctico!

Os filósofos din que, por veces, requírese valor para falar o necesario no momento axeitado, pero tamén para calar cando así se deba facer; daquela, ser sincero é, por veces, ser valente.

De Descartes: É prudente non fiarse moito de quen nos teña enganado algunha vez.

Mark Twain: Hai tres clases de mentiras: as mentiras propiamente ditas, as malditas mentiras, e, por veces, as estatísticas.

De Forges

Jacinto Benavente: Non está mal unha mala mentira cando defendemos con ela unha boa verdade. ¡Que pícaro; autor teatral tiña que ser!

¿Queremos contribuír na feitura dun mundo limpo, xeneroso, pacífico, sen traizóns? Daquela aprendamos a ser sinceros, pois é unha virtude do máis benéfico.
-.-

O que levamos recibido ao longo da nosa vida, por curta que sexa, é inconmensurable, infinito; pola contra, ¿que levamos dado, que podemos incorporar á civilización, e tamén ao benestar, do noso mundo, do circundante? Esta é unha das preguntas que nos poden facer no tribunal do Ceo, cando nos chamen a declarar, cando depoñamos sobre o noso balance. Non é para asustarse, pero si para precaverse; ¡por se acaso, aprovisionemos as alforxas!

Un dos meus avós máis remotos supoño que foi aquel cavernícola da Cova da Valiña, no Vallis de Castrum Viridis, ¡que a saber como se chamaba daquela! El criouse cos rinocerontes, e eu cos porcos, que xa hai distancias. ¡Canto choveu desde aquela, e cantas herdanzas se foron transmitindo! O dito: A contribución recibida é inmensa, desde a caverna a este piso con ascensor no que vivo agora. Habitacións, moblaxe, alimentos, vestimenta, medios de transporte..., e sobre todo, ideas. Como tardou en haber un pobo, unha raza, capaces de entender a mensaxe divina, o neno Xesús demorou a súa visita, ¡non o ían entender, e aínda así, daquela, grazas aos seus milagres e a intervención do Espírito Santo! Veu, explicouse, fixo milagres, resucitou de entre os mortos..., e con iso e con todo levamos vinte séculos nebulosos, cunha boa parte da humanidade vivindo nas seitas e no paganismo. ¡Que horrible, e que fonda, foi a caída do pecado orixinal, aquela soberbia inspirada por Satanás! Pero vai sendo hora de que nos esforcemos por abri-los ollos, por contribuír a abrirllos ao noso próximo..., xa que nos temos por cristiáns!

Moito admiro, e moito me lembro do parente da miña dona, (que é neta de José Rielo Sanjurjo), aquel dominico, San José María Díaz Sanjurjo, (que foi canonizado no 1988), vítima do Tu-Duc, aló no Vietnam, quen, estando tan cómodo de bispo e de profesor, en Manila, lanzouse a predicarlles aos veciños infieis. Se abundase en nós, nos que nos chamamos seguidores de Cristo, esa valentía, ese apostolado, esa entrega, esa contribución, arestora xa sería coñecido e adorado o Calvario, desde onde sae o sol ata o seu ocaso.





Casa troncal dos Sanxurxo, de Mondriz. Estado actual.
Non é doado convivir coa parenta dun mártir..., que non perdoan nin os veniais! Díaz Sanjurjo, sendo bispo de Manila tivo dó dos infieis de Tonkin, e aló se foi, para evanxelizalos, pero tan valente e tan vehemente debeu ser que aquel Mandamáis, un tal Tu Duc, vietnamita, poñéndose de parte do diabro mandou que lle cortasen o garneato. Ten moito mérito ser mártir, ¡o máximo!, pero tamén é boa a prudencia, a sutileza, para coller indefenso ao diabro!
Con ese parentesco séntese obrigada a ser perfecta, ¡ela tamén!, así que, ¡imaxinarvos o que é convivir cunha santa, pois ademais de selo son esixentes! A maiores, foi adestrada na Normal de Lugo... ¡Bromas á parte: que Deus lle premie, e lle pague, o que leva educado, primeiro en min, e tamén nos nosos fillos! O malo do caso estará en que Deus, cando me pida conta dos talentos, incluirá a exemplaridade da cónxuxe, así que..., outra débeda, a maiores!
¡Sangue de mártires, semente de cristiáns!, que así o dixo, e así o escribiu, Tertuliano, no ano 197 d. de C.

Os mártires axúdannos a descubrir o gran valor do testemuño dado a Cristo ao doarlle por completo a vida. É un don que lles pode ser pedido a algúns nun momento dado, pero que se nos pide a todos día tras día, hora tras hora. San Ambrosio: “¡Cantos aínda hoxe son mártires en secreto, e dan testemuño ao Señor Xesús!”. Neste mundo ególatra, neste XXI, dubido que queden moitos desa xenerosidade; en todo caso, sempre serán poucos! (Eu, sendo civil, teño medallas militares, pero, ¿ir predicar ao Vietnam? ¡Non sei se me atrevería, aínda que mo pedise o espírito, pero a carne..., a carne é débil!).

Por pedir, pedimos que veña a nós o teu Reino...; ¡iso, recibir, pero non esquezamos que a recepción implica agradecemento, contrapartida!
-.-

As obras de misericordia

O Papa Francisco: “As obras de misericordia espertan en nós a esixencia e maila capacidade de facer viva e operante a fe coa caridade. Estou convencido de que a través destes simples xestos cotiáns podemos cumprir unha verdadeira revolución cultural, tal e como foi no pasado”.

José María Castillo: “Encontramos a Deus na medida en que nos facemos profundamente humanos; só así poderemos ser autenticamente “divinos”.

 Pero volvamos á fonte primixenia, aos Evanxeos:

Anuncio da verdadeira dita (Mc 9, 50, Lc 6, 20-23; 14, 34-35). Comezando por Mateo 5: “Vendo Xesús a multitude, subiu ó monte e sentouse. Achegáronselle os seus discípulos, e el, tomando a palabra, ensinábaos, ¡ensinábaos!, dicindo:
-Ditosos os que teñen espírito de pobres, porque deles é o Reino do Ceo.
-Ditosos os que choran, porque eles serán consolados.
-Ditosos os non violentos, porque eles herdarán a terra.
-Ditosos os famentos e sedentos de xustiza, porque eles ficarán fartos.
-Ditosos os misericordiosos, porque eles serán tratados con misericordia.
-Ditosos os de corazón limpo, porque eles verán a Deus.
-Ditosos os que traballan pola paz, porque eles serán chamados fillos de Deus.
-Ditosos os perseguidos por causa da xustiza, porque deles é o Reino do Ceo.


¡Todo un programa! Abrangue:
-O espírito que debe animar aos fillos do Reino.
-Como debía entenderse o cumprimento das leis xudías.
-O desprendemento das riquezas.
-As relacións co próximo.
-Que pertencer ao Reino supoñía, ¡supón!, unha praxe divina, salvadora.

Por máis que estea claro, superlativamente claro, dados os malos entenderes que temos ao noso redor, algo compre dicir, algo compre lembrar, para explicárllelo aos incrédulos:

Xesús non maldixo as riquezas, xa que de Deus veñen. ¿Veñen? ¡Todas, non, pois algunhas, moitas, son elaboración, ofrecementos de Satán para tentarnos! O fondo da cuestión está no bo uso que fagamos delas, como as administre o noso espírito, e que as enfoquemos para o ben, en boa conciencia.

Os perigos e mailas insatisfaccións da riqueza. A riqueza ten  moito de incubadora: Incuba soberbia, e ben sabemos que a caída daqueles avós estivo na soberbia que lles infundiu Satán invitándoos a ser coma Deus.

Un sudafricano, rico e famoso, Elon Musk, seica dixo, seica opinou, que a felicidade dos ricos pode chegar a ser relativa porque o materialismo provoca que, ao comprar algo, gocen diso inicialmente, pero que deseguida queiran mellorar. Tamén opina que, se es de clase media, xa tes un gran número de oportunidades para facer o que desexes coa túa vida, así que, se non es feliz, non será por causa do diñeiro. “Non está permitido que te queixes de nada, nunca. E como a maioría da xente se imaxina que ser rico é o nirvana, non che está permitido mostrar en público ningunha necesidade ou frustración. Es un ser humano, pero a maioría da xente non te trata como tal”. ¡Que pobriños son os ricos, e nós, os pobres, sen sabelo!

Outros din que as riquezas son unha fonte, un manancial de goces e de tranquilidades, PERO, ISO SI, se somos prudentes, se nos capacitamos para satisfacer as nosas necesidades, para compracer os nosos gustos; se aforramos para as emerxencias, e tamén para a xubilación... ¡Ah, que me quedaba: E tamén para dar con xenerosidade na Igrexa, para facer obras de caridade...; cousas así, obras de misericordia! Estes positivismos linllos a George Paul Wood. Dareille a razón, pois parecen atinados.

Pero volvamos ao Evanxeo, por se acaso nos desviamos. Lucas 12: 15. “E logo díxolle á xente: -Atención: gardádevos da cobiza, que por moito que un teña non por iso a súa vida depende dos seus bens”.

¿A cobiza? ¡Máis ou menos témola todos, desde Adán; que non se nos esqueza! Por cobiza matou Caín a seu irmán Abel. ¡Terrible!
-.-

A egolatría. ¡Todos, pero todos, cristiáns incluídos, levamos, conservamos, na ara do noso cerebro, unha deusa omnipresente, a que chaman, vulgarmente, Egolatría, pero eu prefiro chamarlle Soberbia..., porque a entronizamos co pecado orixinal, daquela que..., daquela que nos sublevamos, capitaneados por..., por ese diabro, que non quero nin nomealo!


¡Somos uns gatiños pero témonos por leóns!

Bertrand Regader dixo que iso do “ego” (eu), e “latría” (culto, admiración), é propio de certas persoas, dalgúns... Xa sei que é moi ousado corrixir aos sabios, mais para min teño que a egolatría, máis ou menos visible, máis ou menos educada, ou disimulada, témola todos: ¡Quedounos, conservámola, herdámola! Tamén sei, ¡e non teño dúbidas!, que o bautismo indúltanos, bórranos o pecado orixinal; iso na alma, pero o noso corpo vén daqueles avós, así que teño claro que conservamos a egolatría no propio ADN.

¿Auto admiración, culto idolátrico? ¡Lamentablemente, si; a humildade serve para disfrazalo, pero..., aló por dentro? Se repasamos os Evanxeos observaremos a insistencia do Mestre en recomendarnos humildade; tanta insistencia era, foi, porque, supremo coñecedor da humanidade, ben sabía El, ben coñecía os nosos defectos, as nosas carencias, así que se esforzou en cambiarnos de espello. ¿Agradecémosllo? ¡Nisto, como en tantas cousas, uns desagradecidos!

Moito levamos inventado, ideado, en materia de disfraces, pero a egolatría é tan poderosa, tan deusa, que nos custa disimular: Eu son bo, listo, misericordioso, xeneroso, traballador... ¡Non tanto, amigo, pois, quen máis quen menos, levamos tido as nosas omisións, os nosos pecados! Había un refrán que..., pero xa non o escoito: Dime de que presumes, que eu che direi do que careces! Neste XXI somos, ou témonos, por tan sabios que xa aborrecemos a experiencia dos vellos; estamos endeusados cos adiantos da tecnoloxía, tanto, que xa nos parangonamos co Creador.

O señor Bertrand Regader, ao que antes me referín, fixo unha lista das actitudes e das conductas dos ególatras, que me permito reproducir aquí polo que podan ter de boas orientacións e de bos consellos:
-Os ególatras teñen unha percepción esaxerada sobre os seus atributos e calidades.
-Confiren gran importancia ao diñeiro, e tamén ao poder, ás influencias persoais.
-Teñen sentimentos de grandeza pois están seguros de que na súa vida lograrán grandes metas, obxectivos brillantes.
-Aínda que podan gozar de habilidades sociais máis que suficientes, adoitan ser individuos solitarios; e iso pode deberse, polo menos en parte, a que xeran certo refugue social cando os outros se decatan da súa (especial) egolatría.
-Mostran un gran apego por tódolos aspectos que reforcen a súa imaxe de persoas con éxito..
-Gústalles, gozan de xerar envexa e celos nos demais.
-Poden tender á superficialidade labrando amizades instrumentais, ¡iso, instrumentais!, que lles permitan ou axuden a acadar certos propósitos; séxase, a ganar status.
-Distorsionan a realidade, e nalgún caso poden ter dificultades para levar a cabo un análise racional sobre a súa valía persoal.
-Nalgún caso poden ser persoas con pouca empatía, pouco dispostos a ofrecer axuda e soporte ás outras persoas.
-Non soportan recibir críticas, tomándoas como algo persoal.
-Poden tender a compararse constantemente cos demais, enfadándose se consideran que alguén ao que supoñen de valía inferior cá eles está nun posto de traballo mellor, ou ten unha vida máis acomodada.
-En certos casos percíbeselles unha tendencia ao exhibicionismo, tal que facendo alarde de logros materiais e económicos, como forma de reforzar a súa auto-percepción de persoas de gran valía e status social.
...

Non sigo, pois con isto xa temos en que pensar. ¿Encaixamos nalgún dos tipos, nalgún dos casos? ¡Daquela poñámonos a puír a nosa conciencia, con lixa que sexa! ¡Deus, que satánica, que velenosa, é a egolatría, e nós, torpes de nós, cultivándoa, adorando nela!
-.- 

 Ditosos os que choran... ¡Isto, como todo, hai que entendelo no seu contexto! Claro que os choros piden, necesitan, consolo, pero iso son os sinceros, pois tamén hai bágoas de crocodilo! ¡Si; como é iso? Os bichos fano para manter hidratados os seus ollos; pero os “malos bichos”, ou “bichos malos”, adoitan/adoitamos facelo para presentar, con disimulo, os arrepentimentos finxidos, hipócritas; choran/choramos, fan que choran, coa finalidade de acadar algo vantaxoso, séxase, ilícito. Entendeuno ben Bartholomaeus de Glanville, aquel que dixo: “O crocodilo chora sobre a súa presa, de morta, e despois diso, con iso, cómea!”.

¿A que se refería Xesús cando afirmou “felices os que choran, porque serán consolados? Non, non se refería aos crocodilos, nin a aqueles que os imitasen; en absoluto; referíase aos que tiñan dor, pena, fose polos seus pecados, fose por sufrimentos físicos e/ou morais, sempre que os levasen con fe e con resignación, séxase, redentores. Precisamente os seus sufrimentos do Calvario déronnos a felicidade eterna, a Redención.

No Calvario tamén chorou a Virxe, súa Nai, nosa nai; seguro que moitísimo, e non precisamente por falta de fe, senón por abundancia dela. Como Nai do Fillo de Deus ben sabía a transcendencia daquel padecemento: Choraba polo que facían sufrir ao seu fillo, naturalmente, pero tamén, todo xunto, pola pena que sentía de que aqueles matóns, fosen xudeus ou romanos, estivesen participando, caendo, nun deicidio. Igualmente choraba por nós, polos incrédulos futuros, dorida de que sangue de tanto valor fose derramada “inutilmente por moitos e para moitos”. Xesús díxolle, daquela, ao discípulo amado: “-Velaí a túa nai”. Tamén falou con súa Nai, nos mesmos termos, “Muller, velaí o teu fillo”, pero fíxoo por Xoán, directamente para Xoán, pois a Santísima Virxe, concibida sen pecado orixinal, ¡Deus non ía xerar o seu Unixénito nunha pecadora!, ben sabía, tíñao no seu corazón, que, ao ser Nai de quen se daba por irmán noso, nai nosa era, asemade!

Os humanos choramos de dúas maneiras: por dentro, e para dentro; por fóra, e para fóra. Non fai falta explicalo, que ben o sabemos, todos, sen excepción. Sáennos as bágoas nas desgrazas, na perda dos seres amados, na perda dos bens materiais, etc., e daquela choramos con ganas, coa dor verdadeira. O material sempre afecta ás glándulas, pero tamén abunda, lamentablemente, o ficticio, iso das “lágrimas” de crocodilo. No inmaterial, tal que nos nosos arrepentimentos, sexan do mal que fixemos, ou do ben que, podendo,  non fixemos, choramos por dentro, a soas, sendo nesas ocasións, -penso eu-, cando Deus máis disposto está a consolarnos. ¿Como? ¡Obviamente subíndonos a nota no balance que leva de cada ánima, de cada un de nós!

¿Cando empeza o consolo, a consolación de Deus? ¡As “recomendacións” de Deus, en Deus, sempre son instantáneas, inmediatas! Producen efecto desde o intre en que maduramos o noso arrepentimento; pode ocorrer que non o sintamos no noso intelecto, pero está aí, asegúranolo a fe, a fe evanxélica, tan asentada e demostrada que está nos Evanxeos.

Pouco prezo é unha bágoa, aínda que sexa das boas, das de agradecemento, se a cambio recibimos ¡unha eternidade! Amén.

No profano: Na nosa Galicia, nesta “Terra rica de xente pobre”, que dixo Castelao, afeitos como viñamos a chorar, a pedir abaixando a testa, moito uso fixemos daquel dito que era, “O que non chora non mama”.
-.-

Ditosos os non violentos (os mansos) porque eles herdarán a terra. ¿Que é máis difícil de amansar, un home ou unha muller, un cabalo ou unha egua?

Amansar, tranquilizar, aplacar...; no presente de indicativo dáse a cousa por feita: Eu amanso, ti amansas, el amansa... ¡Xa; en teoría, pero na práctica non é tan doado; mira que hai séculos que saímos das cavernas e aínda gozamos coas corridas dos touros..., polo que nos gusta amansar..., ao próximo!

De Garcilaso de la Vega: “Aunque harto sabía don Diego que era irrevocable toda resolución que tomaba su prima, y que su carácter era más firme que la roca en que descansaba el castillo al que ella había dado su nombre, todavía don Diego hubiera querido contestar a aquel discurso y procurar amansar a la dama; pero ella lo estorbó retirándose de súbito a su habitación más reservada, cerrando la puerta de golpe”. ¡Onte coma hoxe; e se cadra, mañá peor!

¿Como son os mansos do Evanxeo, os mansos amansados pola relixión? ¡Uiiih, cústanos
traballo entrar polo aro, e iso que nolo recomendou o Mestre! O Mestre, que nolo recordou Mateo no seu 11, 29), ben que nos dixo: “Cargade co meu xugo e aprendede min, que son bo e humilde de corazón, e atoparades acougo para as vosas almas; porque o meu xugo é levadeiro, e a miña carga leve”. As benaventuranzas, para entendelas, para acatar con plenitude o seu espírito, hai que repasalas, asimilalas no seu conxunto, sen illar ningunha, que así teremos unha idea das riqueza orixinaria dos termos evanxélicos. ¿Aceptado? ¡Pois, como din os mariños: “Avante toda!”.

Posuír a terra non é dominala senón estar por riba do terráqueo, encamiñándonos ao Ceo. Itero e reitero: As benaventuranzas son o auto retrato de Xesús; El é o verdadeiro pobre, o manso, o puro de corazón, o perseguido pola ¿xustiza?... ¡Mestre en todo, e por todo!

Gandhi estaba tan namorado, tan asombrado do sermón da montaña, que chegou a dicir: “Non me importaría se alguén demostrara, (¡unha hipótese, claro!), que o home Xesús en realidade nunca viviu, nunca existiu, e que canto se le nos Evanxeos é soamente froito da imaxinación dun autor..., porque o Sermón da Montaña permanecería, ¡sempre!, verdadeiro ante os meus ollos”. Témo-los Evanxeos, doutrina perfecta; temos os seus milagres; paixón, morte e Resurrección, e aínda así, ¡bravos! Se non fose unha fanfurriñada, eu diría que, ¡nin Deus nos amansa! Este bravío tamén serve para evidenciar o grave que foi aquela soberbia do Paraíso Terreal.

A proba máxima, excelsa, da mansedume de Cristo, no seu dobre aspecto de humildade e de paciencia, témola na súa paixón: ningún xesto de ira, ningunha ameaza, sendo, como era, Deus, Segunda Persoa Trinitaria. “Insultado, non respondía con insultos; ao padecer, non ameazaba” (1 P 2,23).

A promesa, ligada á benaventuranza dos mansos , “posuirán a terra”, realízase en diversos planos, ata a terra definitiva que é a vida eterna, -reflexións do P. Raniero Cantalamessa-, pero certamente un dos planos é o humano: a terra son os corazóns dos homes. Os mansos conquistan a confianza, atraen as almas. O santo por excelencia da mansedume e da dozura, San Francisco de Sales, tiña o costume de dicir: “Sede o máis doces que podades, e recordade que se atrapan máis moscas cunha gota de mel que cun barril de vinagre”. 
-.-

Ditosos os famentos e sedentos de xustiza, porque eles ficarán fartos. Cando Xesús Cristo di isto é porque se refire a aqueles que claman por unha xustiza divina, que non se gana con un traballo duro, ou por diñeiro ou sacrificio, e moito menos por conflitos penosos, porque é concedida gratuitamente por Deus!
Para os teólogos, nosos mestres acuais, a xustiza divina lógrase, merécese, aceptando con fe a Cristo, séxase, cumprindo a vontade da plabra de Deus. Neste sentido, unha persoa acada a xustiza espiritual se obra con bondade, se vive na verdade e se practica a mansedume.
Ao vivir dun xeito correcto, conforme co propósito, cos mandamentos de Deus, deseitando o odio, a condena, o rancor, e todos aqueles males que nos alonxan do bo camiño, ábrese autenticamente, directamente, a ruta que conduce ás gratificacións espirituais, séxase que, “benaventurados, etc.”. Os famentos e sedentos atopan aplacar a súa necesidade de xustiza en Xesús Cristo, xa que El como fillo de Deus posee tódolos elementos para saciar as almas coa dita de obter a paz espiritual co perdón dos seus pecados, e por conseguinte, coa vida eterna que só Deus outorga.
Da loita grande e estrutural dixo o noso Francisco: Bienaventurados los que tienen hambre y sed de la justicia» es otra gran afirmación de Jesús dirigida a quienes «luchan por la justicia, para que haya justicia en el mundo». La realidad nos muestra, cuán fácil es «entrar en las patotas (panda de amigos, xeralmente mozos) de la corrupción», formar parte de «esa política cotidiana del doy para que me des» donde «todo es negocio». «Cuánta gente sufre por estas injusticias». Precisamente ante esto «Jesús dice: son bienaventurados los que luchan contra estas injusticias». Lo que hay que saber es que esto de desear justicia «es una doctrina a contracorriente» respecto a «lo que el mundo nos dice» (Misa en Santa Marta 9 de junio de 2014).
O P. Luis Serentha expresouno así: “Ben aventurados os que teñen fame e sede de facer a vontade de Deus, séxase, os que así se expresan: o meu alimento, o alimento co que fago medrar a miña vida, así como o corpo medra co pan e coa auga, non é a miña vontade senón a vontade de Deus. Eu teño fame de Deus, teño sede de El; El é o meu gozo, o que El me revela cómoo e béboo coa mesma avidez coa que o sedento e mailo famento toman a auga e comen o pan”.
¡Teñamos, pois, fame e sede de meditación, pois sen meditación a alma pasa sede e fame, moitísima!
-.-

Ditosos os misericordiosos, porque eles serán tratados con misericordia.


¡Mans que non dades, que esperades! Unha das cousas que máis transgride o ser humano é a misericordia, sendo moi comúns os casos de relacións tensas ou rotas por motivacións coma a envexa, chismes, rancores..., que por veces terminan, ou poden acabar, en consecuencias fatais.
“... como nós perdoamos aos que nos ofenden...” Se non somos misericordiosos, para que lle rezamos ao noso Pai? Con Deus non hai bromas: Ou se está con El, ou contra El. E se estamos con El temos que imitar as súas bondades..., para recibir a súa, que ben nos dixo que será, que é, infinita.
“... El mensaje de la Divina Misericordia constituye un programa de vida muy concreto y exigente, pues implica el obrar. Una de las obras de misericordia más evidente, pero quizás más difícil de poner en práctica, es la de perdonar a quien te ha ofendido, a quien te ha hecho daño, a quien consideramos un enemigo. ¡Cómo es de difícil muchas veces perdonar! Y, sin embargo, el perdón es el instrumento puesto en nuestras frágiles manos para alcanzar la serenidad del corazón. Dejar caer el rencor, la rabia, la violencia y la venganza son condiciones necesarias para vivir felices» (Misericordiae vultus, 9)…Da mensaxe do Papa Francisco para a XXXI Xornada Mundial da Xuventude 2016. Como esta mensaxe non se pode mellorar, e nin sequera igualar, poñamos aquí un punto e á parte.
-.-


Ditosos os de corazón limpo, porque eles verán a Deus. ¡Nada desexo máis, pero..., co natural egoísmo de que esa vista sexa permanente, eterna, e non só para min senón para todos aqueles que veñan detrás de min, para cantos de min descendan ou dependan, pois a miña gloria, se chego a acadala, sería menor, cativeira, se por culpa miña, se polo meu mal exemplo, ou por deficiente educación, por racanería nas miñas contribucións, non deixase aos meus ben instruídos na doutrina cristiá!
Carta de Paulo e de Timoteo aos filipenses (3: 20,21): “Pero a nosa patria está no Ceo, onde nos agarda un Salvador, Xesús Cristo, o Señor. El ha transforma-lo noso pobre corpo, reproducindo en nós a gloria do seu propio corpo con ese poder que lle permite someter incluso o mesmo universo”. No 4: 1, din: “Por tanto, meus irmáns tan queridos e que tanto me faltades (boto en falta), miña alegría e coroa, ¡seguide así, firmes no Señor, queridiños!”
¿Firmes, no Señor? ¡Pois claro; ou non somos soldados de Cristo, seguidores do Noso Capitán, do mesmísimo Rei da Gloria?
O Catecismo da Igrexa Católica fai este resume dunhas expresións de San Agustín: “Alí descansaremos e veremos; amaremos e loaremos. Isto é o que acontecerá no fin sen fin; ¿e que outro fin temos senón chegar ao Reino que non terá fin?”


-.-


Ditosos os que traballan pola paz, porque serán chamados fillos de Deus. Serán “chamados” porque o serán efectivamente, serán os seus predilectos.
“Si vis pacem, para bellum”. Se queres a paz prepárate para a guerra. Isto dicían, querían e facían, os romanos, pero só é válido para os países belicosos, non para os cristiáns.
Para nós a paz vennos de Cristo Xesús, que ben nos dixo, e así o recolleu Juan (14: 27) “Déixovo-la paz, dóuvo-la miña paz: eu non vola dou como o mundo a dá. Non vos agoniedes, nin teñades medo”. Xesús é o “príncipe da paz” (cf Is 9, 5-6), e por iso nos deixa a paz, unha paz distinta da que promete o mundo. Xesús non nos evita as tribulacións (16,33), pero ao final participaremos da vitoria de Cristo sobre o espírito mundano: a paz de Cristo, en definitiva, refírese á salvación.
A paz, ademais de don, é tamén unha tarefa, unha tarefa ineludible.  A condición para ser canais da paz é permanecer unidos ás fontes, á vontade de Deus. Dante fíxolle dicir a un alma do purgatorio: “Na súa vontade está a nosa paz”. ¡Que ben dito, séxase, bendito!
O secreto da paz interior está no abandono total, pero sempre renovado, á vontade de Deus; axuda a conservar e a reencontrar esa paz do corazón repetir, con Santa Teresa de Avila, “Que nada me turbe, que nada me espante, pois todo pasa, pero Deus non se muda. Daquela a paciencia acádao todo, pois o que ten a Deus, nada lle falta; só Deus chega e basta”.
O noso Patrón (Santiago), sempre práctico, na súa carta (3, 16-18), recoméndonos: “ Pois onde hai celos e liortas, alí dáse, tamén, o descontento, e toda clase de ruindades. Pola contra, a sabedoría que vén do Ceo é, primeiramente, pura, e despois, pacífica, sinxela, acolledora, chea de misericordia e de bos froitos, imparcial, sen finximento. O froito da xustiza seméntana coa paz os que van facendo a paz”.
Daquela, a paz, faise? ¡Faise, PERO, se as dúas partes se aveñen a razoar, pois unilateralmente, por moito que se desexe...! Tamén por iso ten tanto mérito; tamén por iso..., polo difícil que é de lograr en moitas ocasións! A propósito, unha suxestión: Na igrexa, ao darnos a paz, a esas persoas que só che alargan a punta dos dedos, non estaría de máis apertárllelos ben, para que noten os latexos do noso corazón. Os que estivemos nalgunha guerra, das armadas, quero dicir, ben sabemos que as defensas adoitan ser inevitables, e diso vén o dito de que, a mellor defensa é un bo ataque. ¡En todo caso, sen pasarnos, sen asañamento!
¿Estamos atentos á Misa, na Misa? Daquela non nos pasará desapercibido, por mal que funcionen os altofalantes, a impetración do Celebrante: “Señor Xesús Cristo, que dixeches aos teus Apóstolos ´a paz vós deixo, a paz vós dou´, non mires os nosos pecados senón a fe da Igrexa, e conforme á túa palabra concédelle a paz e mala unidade”. De seguido, estendendo as mans, nun sino de xeral bendición: “A paz do Señor sexa sempre con vosoutros”. ¿Que paz nos dá, oficiando como Ministro do Señor? ¡A auténtica, a desinteresada, a de Deus!
Este tema é infinito, mais, de momento, cerrémolo coa Carta de Paulo aos Efesios (2: 13-19). “ Pero vós, que antes estabades lonxe, agora, gracias a Cristo Xesús, estades cerca, no sangue de Cristo. El é a nosa paz: o que dos dous pobos fixo un só, derrubando a medianeira divisoria -a inimizade-, e abolindo na súa carne aquela lei de mandamentos e normas, para crear en si mesmo cos dous unha nova humanidade, facendo a paz; e reconciliando con Deus ós dous nun único corpo por medio da cruz, matando nel mesmo a inimizade. El veu e anunciou a paz: paz para vós -os de lonxe-, e paz para os que estaban cerca: porque por El temos uns e outros acceso ó Pai, nun mesmo Espírito”.  ¡Ai Pauliño, Paulo, que ben che pintou que Deus te tombase do teu cabalo da soberbia e da ignorancia; pide por min: o meu non é un cabalo, pero é un burro!


-.-


Ditosos os perseguidos por causa da xustiza, porque deles é o Reino do Ceo. Hai que entendelo ao dereito: Refírese aos que proclamaron a xustiza de Cristo, e por iso chocaron co mundo, e foron perseguidos física ou verbalmente.
Ser perseguido é un indicativo de que se transita polo camiño correcto, abrazados a Deus. Daquela o perseguido sentirá a compañía de Xesús nas súas accións; pero o premio para o perseguido polos seus actos será glorioso; por iso, Ben aventurados os perseguidos por causa da xustiza porque deles é o Reino celestial.
Facer o que é xusto non é un camiño de paz e de tranquilidade; é un camiño de persecución, de incomprensión, de refuse; o que é xusto, a vontade de Deus, pode significar para moitos o desmonte de grandes imperios, o recoñecemento de estruturas de pecado, e de exclusión, ou a aceptación de que se está oprimindo ao propio irmán. A recompensa, pois, será o resultado de facer o que é xusto; o reino dos ceos non chegará, non culminará, mentres prevaleza a inxustiza institucionalizada.
-.-

Ditosos vós cando vos aldraxen, persigan e calumnien de calquera xeito pola miña causa: Alegrádevos e reloucade, porque grande será a vosa recompensa no Ceo; do mesmo xeito perseguiron ós profetas anteriores a vós.

As persecucións sempre foron semente de cristiáns; aí temos, por poñer un exemplo, o caso da China onde os cristiáns están aumentando de día en día, mentres Europa se materializa, tamén de día en día. ¡Deus se apiade de nós!

¡Señor, perdón; e de perdoado súbeme ao Ceo, para loarte e bendicirte con todos aqueles que me ensinaron a ser cristián!
-.-


SEÑOR, PERDÓN…,


POLOS DE OMISIÓN, TAMÉN POR ESES!
-.-


Señor, ti ben sabes que puiden ser confesor, nada menos que en Herbón, pois ocasión tiven, pero…, quedeime en pecador! Dobremente pecador: Polo que fixen mal, podendo facelo ben; e tamén, polo ben que deixei de facer nas ocasións que Ti, Señor, me fuches dando nos meus noventa anos.
Aquilo dos franciscanos de Herbón... Coido que xa o teño referido: Naqueles triduos dos anos 40, un frade dos de Herbón foi predicar ao meu Montecubeiro, e..., ¡tomounos o catecismo! Soberbia á parte, dos nenos seica fun o que mellor lle soubo a doutrina, tanto do dereito coma do revés. Entón, aquel frade, que moi listo, ou moi psicólogo, non debía ser, díxolle a meu pai: -Déixeme levar comigo ao seu fillo, que de balde en Herbón, a frade chegará! Pero meu pai, non sei se por respectar a miña condición de morgado, ou porque na súa crenza estimaba que, se deixaran casar aos clérigos, e lles substituían as sotanas por clergymáns, eles deixarían de chamarlles “sobriños” aos fillos propios, alegou que..., ¡que pensaba casalo na casa, para a casa! Con iso, vocación frustrada: ¡No sitio dun confesor, un pecador!
Por estas circunstancias, Señor, non levo alzacuellos; ¡nin o levo, nin o merezo! O meu sambenito debera ser unha pluma de bancario, ¡instrumento xudaico, que en definitiva iso fun, coa atenuante de que algo tiña que facer..., para comer!



Comezarei o meu exame deténdome na gravidade dos males que, podendo, non temos evitado, sexa porque, de cegos coas vaidades mundanas, non fomos capaces de ve-las súas consecuencias, ou pola covardía de non tomarnos as molestias que esixían as fórmulas correspondentes. ¡Señor, en ambos casos, peccáta mea, omisión culpable!
Como dixo Manuel Sánchez-Palacios, “Sancristán que vende cera e non ten cerería, de onde é a súa peccáta mea se non é da sancristía?”. Pois iso: Facer o mal é propio do diabro, séxase, da miña herdanza, pero, facer o ben? ¡O ben non é noso, somos delegados, administradores duns talentos que nos encomendou o Señor, así que compre traballalos, multiplicalos! ¿Como se multiplican? Para comezar, predicando co exemplo, sendo exemplares, levemos ou non alzacuellos, pois algo de administradores temos todos, incúmbenos a todos.
Paren de lerme, por favor llelo pido, e vaian a Mateo 25, 14-15. 19-21, onde atoparán a parábola do criado fiel, fiel e cumpridor: “Xa que fuches fiel no pouco, poñereite á fronte do moito. Pasa a gozar da festa do teu amo”. ¡Mecachis! ¡Así que había que utilizar e administrar aqueles talentos? ¡Claro; eran prestados! Non o digo eu, que o dixo o propio Xesús; e ademais, nunha parábola, para que entendésemos a lección!

En parábolas tamén falaba meu avó, pero con un matiz, que el contaba os contos verdes en metáforas grises; así resultaba que só entendían os pícaros, ¡maiormente os que xa fixeran a mili! Con Xesús foi ao revés, que o entendían os bos, os chamados ás obras de misericordia, os inocentes.
-.-

Talento, de que clase? O noso dicionario dá tres ou catro acepcións, e todas son positivas. Daquela non podo alegar que o meu sexa / fose escaso dadas as miñas circunstancias familiares: ¡pobres, pero, honrados!
Meu pai, ¡meu mestre!, era daqueles de “a ferrado”, así que non teño atenuantes de orfandade. ¿O resto da familia? ¡Todos a xogo, sen excepción! Entón, se algo omitín, ou en algo non estiven acertado, peccáta mea, mea culpa, absoluta!
V/ . Ne recordéris peccáta mea, Dómine.
R/. Dum véneris iudicáre sǽculum per ignem.

Nas omisións tamén podemos ter, como dicimos dos actos delituosos, atenuantes e agravantes. O baremo delas está arquivado na nosa conciencia, se a temos cultivada, pois pulila tamén é responsabilidade persoal. ¿Cultivar a conciencia? ¡Non hai horto máis difícil de sachar, maiormente para aquel que se críe rodeado de folgazáns! ¿Unha picaña? Témola en J. Krishnamurti, que nos deixou dito: “A función da educación está en axudarte (¡en axudarte!) desde a nenez; non en imitar aos outros, senón en ser ti mesmo todo o tempo”. Ti mesmo, si, pero cadora mellor, máis puído, cepillando acotío na conciencia..., para librarnos do po do camiño, das contaminacións ambientais!

Auto educación. Educación ad intra. Configurarnos a nosoutros mesmos.

Na autoeducación, con ela, o home fórmase, partindo da heteroeducación, conforme á súa vontade autónoma, de desenrolo interior; o individuo mesmo é quen busca a información, e despois de analizada incorpóraa ao seu cúmulo de coñecementos.

O fin educativo é a formación de persoas libres, conscientes e responsables de si mesmos, capaces da súa propia determinación; o seu cultivo está na formación da conciencia moral, séxase, na capacidade de discernir entre o ben e o mal.

¡Que importancia ten, e que pouco valoramos a nosa auto educación! É un dos fallos, unha carencia das máis xenéricas, maiormente nesa idade, tan decisiva, sen retorno fácil, na de adquirir a personalidade, na de soltarse do andador paterno. Ben dicía, e ben aconsellaba, o Padre José Kentenich: “Procuremos ter dominio sobre nosoutros mesmos; e para iso observemos, localicemos, onde está a nosa fortaleza, pero tamén as nosas debilidades. Se nos coñecésemos (a fondo, quería dicir) non tiraríamos tan facilmente pedras ao próximo..., porque nel tamén hai unha mestura (formativa)!”.

Iso é o que somos, unha mestura, un cóctel, complexo e mal axitado, pero sempre estamos a tempo de neutralizar os ingredientes perniciosos. ¿Sempre? ¡Case sempre, pero máis vale tarde que nunca!

Vemos a realidade ao noso xeito, aínda que non sempre con acerto, séxase, con visión clara e exacta; por iso compre afondar na percepción dos coñecementos, botarlle máis tempo á reflexión, e non darnos por satisfeitos coa primeira, superficial, impresión que nos formemos da magnitude e do alcance das circunstancias concorrentes. Pero fagamos todo isto, estas depuracións mentais, co farol dos evanxeos aceso, á luz e coas recomendacións profundas, certas, divinas, da palabra e dos feitos don Gran Mestre, que é o noso conselleiro Único, Perfecto, Inmutable, válido para tódalas situacións, para tódalas culturas e para tódolos séculos.

Non se trata, pois, de opoñer rebeldía fronte á cultura que nos rodee, que nos asedie, senón de atemperar as nosas cualificacións, aprendendo a libar o néctar, a parte boa, á vez que nos desentendemos dos erros, dos conceptos malignos, negativos, que nos vaia traendo, inoculando, o mundo circundante. Se imos á tenda, ao almacén, escollemos, ¿non si? Pois no mercado das ideas, outro tanto,  que para algo nos ten que valer o noso criterio. Ao respecto sobra explicar que criterio é o xuízo ou discernimento que ten unha persoa, que nos prové dunha actitude persoal para tomar decisións sobre nosoutros mesmos ou sobre outras persoas, cousas ou situacións. ¡O noso criterio constitúenos en xuíces de nós mesmos, así que, outra responsabilidade, na que tampouco caben omisións!

Vemos, acotío, nas opinións que nos ofrecen os mass media, que nunha boa parte dos coloquios non se di máis que conto, labia, razoamentos ocos, e incluso inconexos; con iso e con todo, teñen audiencia, seguidores e votantes; pero o oínte que teña afán de sabedoría propia, selectiva, meditará, reflexionará, absténdose de tragar, enteiras, esas pílulas de tanta actualidade.

De propósito: Cando se xeneralizou a fabricación dos instrumentos de medición foi unha praga a picaresca da súa utilización, pirlos (pilóns) falsos, marcacións, etc., ata o punto de que as autoridades de entón viron necesario crear un control dos mesmos, xeralmente provincial, que denominaron Fiel Contraste de Pesas y Medidas. Aqueles técnicos, así autorizados, estampaban o seu cuño, a marteladas, para evidenciar que o instrumento era legal.

Outra anécdota: O metro orixinal, de platino iridiado, que se conserva no Museo de Pesas e Medidas de París, foi idea do noso veciño ástur, Agustín de Pedrayes, que, no ano 1798, propuxo que se medise o cuadrante do meridiano terrestre comprendido entre Dunquerque e Barcelona. Actualmente o “metro” patrón relaciónase coa velocidade da luz.

Outro caso do  noso país foron os ferrados do cereal, que eran máis grandes os daqueles mosteiros que cobraban rendas e foros. Todo isto pasou onte mesmo, e corrixiuse, pero, hoxe, ¿quen controla as trolas que nos contan, e non só as dos fabricantes? Certo é que temos, que hai, diversidade de controis para produtos, pero as ideas seguen, terán que seguir sendo, persoais; a censura delas está, debe estar, no propio criterio do oínte..., ¡se é que nos esforzamos nisto da auto educación!

Neste furacán da globalización das comunicacións, ¡tamén das comunicacións!, un certo paraugas témolo, obtémolo, buscando datos básicos que nos permitan racionalizar as nosas decisións, as propias accións; así poderemos elixir, decidir, partindo de feitos constatados, comprobados, tal que, usando índices numéricos fiables. Con datos na man non será tan azaroso comprobar unha situación, basear plans de futuro, medir avances e/ou retrocesos, determinar prioridades, solicitar ou prever medios e remedios, plantexarnos as consecuencias probables das opcións posibles, etc., etc., pero isto é factible, adoita selo, no material, pois no espiritual temos que volver, sempre, á inspiración evanxélica, válida, como deixo dito, para cada época e para tódalas circunstancias.

Tamén haberá que ter en conta que ese diluvio de datos que agora nos atorda fainos máis voadizos, máis tornadizos, que unha folla de papel. Son os gobernos os entes que mellor poden controlar a suma de situacións persoais, cos seus medios, cos seus aparatos, con esas técnicas de medición de tendencias, así que, pola contra, a persoa individual, a personalidade, esfúmase, cadora máis.

A todo isto, a virtude? Na tradición ética occidental a virtude é considerada como condición indispensable do ser humano. ¡Menos mal, pero, con reservas, pois nesta sociedade materializada o que se busca, o que parece primar, é, ante todo, o éxito, o éxito a calquera prezo! ¡Pois non, non debe ser así, que a moeda da virtude é aurífera, o mellor que temos, o mellor que podemos conseguir no campo persoal, así que non vale desbaratala facéndoa moeda de cambio! Teñamos presente que a virtude, esa selectividade moral, é a única solución, o único que permite ao home perfeccionarse individualmente.

Abundado, e concluíndo, no tema, non perdamos de vista, tampouco, aquela aserción de John Stuart Mill de que o desexo de felicidade é o fin (que deben ter) das nosas accións, pois, sen ese desexo, non é posible nin sequera acadar a virtude. ¡Cantos pensadores teñen matinado nestas preocupacións, e con iso e con todo, nós, os da presente xeración, trasnoitando!

¿En definitiva, é difícil a auto educación? Desde que sabemos ler, desde que nos deixaron ler os Evanxeos, non, en absoluto, pois o Mestre deixounos explicadas todo tipo de leccións, para todo tipo de situacións. Antes do Vaticano II a clerecía, que viña asustada desde aquilo de Lutero, tíñalles pánico ás interpretacións erróneas, pero os da miña xeración tivemos a sorte de que aquela apertura nos collese en idade propiciatoria, así que..., ¡evanxeos, fonte limpa; lelos e aproveitalos, que xa tivemos ressourcement, e tamén aggiornamento! ¿Que nos falta aos católicos? ¡Predicadores, que diso é do que estamos máis escasos; entre que hai poucos, e o pouco caso que lles facemos...!
-.-



No Concilio Vaticano II
En Galicia, a Deus gracias, -a Deus, e de paso, aos teólogos-tradutores-, temos a Biblia de Sept, unha xoia, tanto teoloxicamente como no seu rigor literario; ¡é para sentirnos felices!
A 50 anos do último Concilio é digno e xusto recoñecerlle ese favor que nos fixo aos segrares de corresponsabilizarnos un pouco, polo menos un pouco, no apostolado da Igrexa. Así se recolle no documento Lumen Gentium, núm. 31: “Por laicos enténdese a tódolos cristiáns, agás os membros do orde sagrado e do estado relixioso recoñecido na Igrexa. Son (¡somos!) pois os cristiáns incorporados polo bautismo, que forman (formamos) o Pobo de Deus e que participamos das funcións de Cristo, Sacerdote, Profeta e Rei: Eles realizan (realizamos), segundo a súa condición, a misión de todo o pobo cristián na Igrexa e no mundo”. ¡Por fin, recoñecéronos como membros da familia, e non simples invitados!
¿Que aínda queda algo sen facer? ¡Moito, segundo o vaian requirindo as circunstancias, para aplicar o II, ¿ou un Terceiro?, aos tempos cambiantes, evolucionados, pero teñamos paciencia, pois temos un bo Papa..., se lle deixan selo! Por de pronto, pidámoslle ao Espírito que nos perfeccione a título individual, pois algunhas cousas hai que limalas de abaixo arriba, comezando polo puímento dos segrares!
-.-

Pasotismo, pasotas = laissez faire, laissez passer, le monde va de lui-même = Deixen facer, deixen pasar.
Os árabes, ¡en definitiva, parentes!, tamén o aceptan: Séntate na porta da túa casa e verás pasar o cadáver do teu inimigo!
¡Estámosche  bos se non nos enfrontamos ao mal, ao mal vivir, que é igual a vivir mal; así que, ou loitar, ou enterra-los talentos! Liberdade, si, pero, libertinaxe, saltearse os mandamentos? Se Deus nos di que amemos ao próximo coma a nosoutros mesmos, non debemos permitirlle malos tratos, séxase, desviarse naquilo que nós mesmos debemos e temos que evitar. ¿Como; a fungueirazos? ¡Non tal, que para algo temos a intelixencia, e coa intelixencia, a elocuencia! Que non se repita aquela convención, aquela recriminación de Unamuno: “Vencereis pero no convencereis!”. ¡Esa é a boa receita: predicar, predicar para convencer, e non para vencer!
A predicación ten que comezar na infancia, coa infancia; facer apostolado desde a caneta, que así axudámoslle ao Redentor a redimir. Ou para que nos deu, para que nos prestou, os talentos? Cando “pasamos”, cando perdemos a motivación no que facemos, do que facemos, daquela volvémonos grises, mediocres. ¿Como se sabe, como se calibra, como se mide? Actuando sen présas e sen agresividade; por algo se di que o malo do ignorante é que ignora o que ignora; nesta ignorancia, para non caer en accións irreversibles, vaiamos amodo, suai suai, como din os mouros. Tampouco hai que confundir iso de “darlle tempo ao tempo” co pasotismo, coa pasividade.
Houbo unha psicóloga, Marina Martín-Artajo, que referíndose á prudencia deu este consello: “Unhas veces o pasotismo pídenos, esíxenos, intervención, e outras, sosego, cariño e coidados”. ¿Con que se mide isto? ¡Coa prudencia! A mesma especialista danos unhas indicacións para centrar o concepto, para distinguilo:
. Anerxia, que é a falta de resposta alérxica fronte a un estímulo ou antíxeno.
.Abulia, falta total de motivación, desinterese, infra-esixencia, funcionamento unicamente desde o principio do pracer.
. Estado de ánimo deprimido, con desilusión e desesperanza.
. Fatiga fisiolóxica, por culpa de esforzos físicos e mentais, tales como saídas nocturnas, exames, deportes, etc.
. Tamén pode tratarse dunha forma de rebeldía encuberta, (que ao parecer aínda está de moda).
Anécdota referente ao pasotismo: Daquela da guerra había un sancristán na miña parroquia (Alfonso da Cordeira) que, ¡xa entón, antes de inventarse o vocábulo!, recomendaba: “Auga que non vas beber..., déixaa correr!”. Daba ese consello, pero el ben que medía o alcance das circunstancias pois cando o puxeron de camisa azul, ¡para perseguir aos rojos, aos ateos!, o primeiro que fixo foi coller a escopeta e presentarse na forxa do ferreiro, para pedirlle que lle torcese un pouco o canón daquela arma, para que ao apuntarlles aos perseguidos o seu tiro saíse desviado..., que así participaba pero non mataba!
-.-
As sucesivas metamorfoses


Témolas no corpo, pero a alma tampouco é estática; ¡evoluciona, facémola evolucionar, nun sentido ou noutro!
¿Como eran os corpos do Adán e da Eva antes da súa caída, antes da súa traizón? Por pura lóxica tiñan que ser anxélicos; non sei se con alas, pero anxélicos, si. A podremia veulles despois, ao cambiar de bando, ao cambiar de amo.
Imos ganando fortaleza, aínda que con achaques frecuentes, ata un momento en que eses achaques poñen o punto final: ¡chega un intre en que a alma se cansa de tanta corrupción, e daquela emigra co desexo de volver ao Paraíso!
Para os corpos fomos elaborando tratamentos e medicamentos, pero a alma témola un tanto descoidada, pasando por alto, ¡tantas veces!, que é necesaria a nosa cooperación ás gracias que nos veñen de Cristo a través da súa Igrexa; grazas que viñeron para todos, incluso para os que nunca oíron pronunciar o seu Santo Nome, que tamén os salva o mesmo Cristo, pero os que recibimos os “talentos” temos unha responsabilidade meirande. ¿No reparto, que; non parece lóxico que Deus deixe fillos sen herdanza, ou si? ¡Iso é imposible, pero aqueles que foron mellores na terra tamén é lóxico que Arriba teñan mellora, que sexan gratificados!
Imos medrando no físico, pero, no espiritual? Aquí hai que recoñecer, hai que matizar, que non tódolos nenos pasan á fase adulta nun ambiente propicio. Os máis arroupados terán menos frío, perfeccionaranse máis facilmente, pero iso conleva a obriga de compartir a capa, como fixo San Martiño, de ensinar aos que tiveron peores oportunidades.
Outra anécdota: Cando ingresei no Banco pronto detectei que os Xefes trataban de escondernos coñecementos que eran básicos para a nosa función. ¿Por que o fan? Lle preguntei a un dos xefes, que fora profesor meu na academia das oposicións. Resposta: -¡Tamén ti o farás, que se trata dun arma defensiva..., para que os novatos non lles pasedes diante! Daquela non se me ocorreu, pero se fose hoxe replicaríalle, facéndome portavoz dos evanxelistas: “Ide, e facede discípulos a tódalas nacións...” ¡O egoísmo, que frea o apostolado, e con iso estámonos freando a nós mesmos!
-.-


Partir e compartir:


O Mestre, en Juan 14,6, ben que nos avisou: “Eu son o camiño, a verdade e a vida: ninguén chega onda o Pai máis que por min”. Daquela, torpeza é ir por mal camiño, pero desviar ao próximo, mostrarlle rutas equivocadas, a sabendas, iso é satánico!
-.-

A orella de Malco... 

Juán, 18 -11 “Pero Xesús díxolle a Pedro: Mete a espada na vaíña; ¿ou acaso non hei bebe-lo cáliz que me deu o Pai?”
Xa non son tempos de defende-la relixión coa espada, senón coa lingua, cos feitos, cos exemplos. Hoxe, “Estamos chamados a vivir de misericordia porque a nosoutros en primeiro lugar aplicóusenos misericordia”(cf. Papa Francisco, Misericordiae Vultus, n.9).
Pero ter misericordia non exime de predicar, de transmiti-las verdades evanxélicas. Deus Fillo, igual có Pai, e co seu Espírito Santo, queren evanxelistas, e non pasotas. Cargar coa cruz, si, pero evitar, no posible, cruces innecesarias que sexan consecuencia do noso pasotismo.
Que dixo, que nos dixo, Xesús, que nos ordenou no seu testamento post mortem? (Mateo 28, 20). “... ensinándolles a gardar canto vos mandei. Asegúrovos que estarei sempre convosco ata a fin do mundo”. O mundo non se acabou cos apóstolos, pois aquí estamos os seus sucesores, tanto os clérigos coma os laicos, así que esta orde é un auténtico apoderamento, un apoderamento irrevogable, no que participamos todos, todos aqueles que tivemos a sorte de coñecer a Cristo a través dos seus Evanxeos.
Para que o entendesen aqueles cernís, aqueles brutiños do seu entorno, Xesús faloulles, explicoulles, con parábolas sinxelas, de seu intelixibles; ¡pois así temos que facer nós cando damos con interlocutores cernís, abaixarnos ás explicacións sinxelas, pero sinceras, e por ende, convincentes.
Acabo de lerlle ao teólogo Manuel Cabada Castro: “... o que verdadeiramente importa é que cada quen poña ó servizo dos demais os dons que Deus lle deu. Porque -como ben sabemos- Deus non precisa dos nosos servizos. El é en si mesmo absolutamente autosuficiente. Precísannos, en cambio, cantos, máis preto ou máis lonxe de nós, teñen algunha relación connosco. Unha vez máis, a medida ou a tradución máis correcta e máis exacta do noso suposto amor a Deus é o amor que teñamos ós nosos irmáns.” ¡Cabal, xusto, amigo Cabada!
-.-


¡Vinte séculos, e aínda estamos así! Sinceramente, pouco fixemos pola expansión do cristianismo, en tanto tempo, e co que avanzaron os medios de comunicación de masas. A estas horas, se fósemos cumpridores do mandato divino, non deberían quedar infieis, e tampouco ignorantes, da Boa Nova. ¿Onde, como, e cando fallamos?
Certo é, tamén, que temos ao diabro na oposición, empuxando firme para tirarnos ao abismo, para apartarnos do Ceo, do que el mesmo foi expulsado, por traidor. Na súa ousadía incluso tentou a Deus feito home, pero Xesús, á vez que o devolvía aos abismos, deixounos a lección de como hai que tratalo: “Xesús respondeulle: -Tamén está escrito: ´Non tentarás ó Señor, ó teu Deus´. Mateo, 4:7 ¡Non volveu ata o Calvario, onde a levou cadrada, pois alí, do mal resultou un ben: a nosa salvación, a definitiva!
Na loita entre o ben e o mal temos que elixir campo, e non sempre o facemos, que aí está a nosa debilidade: ¡poñámonos de parte do gañador, que é Deus, que sempre o será, polos séculos dos séculos! Se así o viñésemos facendo, todo o orbe estaría santificado, pero, ao fallar na execución das Leis Divinas, o triunfo avanza, ¡como non podía ser menos!, pero, amodo, e non con bos modos.
¿Que o diabro aínda conserva un poder tentador? ¡Iso é simplemente porque non o arredamos coa espada fulminante, coa da humildade e coa oración; en definitiva, coa exemplaridade!
-.-

¿Exemplaridade? Este pecador, este servidor, este comodón, coñeceu dous casos de exemplaridade magnífica e frutífera, dignos de mención, entre outros por suposto. Ambos en África:
. O arcebispo de Tánxer, Monseñor Francisco Aldegunde Dorrego, nado o 12 de marzo do ano 1896, en Chamoso (Lugo).

As simpatías que tivo entre os musulmáns de Marrocos logo estou por dicir que igualaban, se non superaban, ás que lle tiñamos os cristiáns. Aquel home predicaba co exemplo, tanto ou máis que coa palabra: sinxelo, afable, comunicativo... Que eu saiba, non foi canonizado, pero, meréceo!
. Outro caso notable foron aqueles franciscanos de Sidi Ifni: Fray José e mailo Padre Santiago. ¡Canto me pesa non terlles feito unha foto cando os vía rodeados de cativos musulmáns, bicándolles o seu cordón franciscano! Aquilo foi un milagre, un milagre edificante: Non tiveron que dicir, “Deixade que se nos acheguen os nenos...” Non houbo musulmán que llelo impedise, polo ben que facían e pola simpatía que se lles tiña nas dúas relixións.
Anécdota cruel: Os franciscanos foron expulsados de Ifni, coa anuencia do Nuncio, única e exclusivamente por obedecer ao bispo de Canarias, Pildaín: non lle deron a comuñón á cuñada dun militar de altísima gradación..., ¡porque ía comungar escotada e pintarraxada!
(Isto foi antes do Vaticano II)


-.-


A exemplaridade apostólica

¡Veña, a funcionar, por parellas, coma a Garda Civil!

Xa que somos apóstolos, sucesores dos Apóstolos, continuadores da súa obra, e todo iso por mandato divino, sería bo que fixésemos un curso de cristiandade, imitando, aprendendo deles; non si?
“Recibiréde-la forza do Espírito Santo, que virá sobre vós, e seréde-las miñas testemuñas en Xerusalén, en toda a Xudea e Samaría, e ata os confíns da terra”.
Ah; pero nós non tivemos Pentecostés! E logo, o Bautismo non foi unha admisión no cristianismo? ¡Estamos admitidos na herdanza; daquela somos administradores dela!


«Cando veña Él, o Espírito da verdade, ensinaravos toda a verdade» (Juan 16:13)
 ¡A iso imos, ata onde sexamos capaces!
Non temos que inventar nada, como fixeron os falsos profetas desas pseudo relixións que por aí andan esparramadas, cheas de absurdos e de contradicións, e non obstante, cridas e cumpridas por moita xente. A doutrina cristiá é perfecta, perfectamente demostrada, co cuño irrebatible da resurrección de Cristo, e todo iso testemuñado polos Apóstolos de mil maneiras, incluso co sacrificio das propias vidas na defensa da verdade absoluta. Daquela, ¿por que non avanzamos máis á présa? Pois..., pola miña culpa, e comigo, a desta caterva de pasotas, tan dados que somos á comodidade, ao desagradecemento.
¿Cabe mellor regalo có de bautizarnos? Nese caso, ¡sexamos agradecidos, compartámolo; sexamos testemuñas, catequicemos!
“Ti, Señor, que coñeces os corazóns de todos, amosa cal destes dous escolliches para ocupar neste servizo do apostolado o lugar que Xudas deixou para ir ó sitio que lle correspondía”. Feitos 1, 26. Eu, servidor, non me chamo Matías, pero si Xosé María, así que..., se non hai outros mellores, preséntome voluntario, para predicar..., se non é cos feitos, de pobres que son, a ver se de palabra, en galego, que igual soa como Galilea!  Para comezar, invocarei ao profeta Xoel, aquel que dixo: “... todo o que invoque o nome do Señor será salvo”. ¡Aí o tedes: Eu tamén quero salvarme, e para iso, no que de min dependa, ensinareilles o Camiño, o verdadeiro, aos meus lectores, se é que algún teño, ou me queda!
Non teño afillados, que ninguén se fiou do meu bautizo, pero aínda estou a tempo; podo comezar acordándome de Pedro, que dixo: “Arrepentídevos e cambiade, que cada un de vós se faga bautizar no nome de Xesús para o perdón dos seus pecados, e recibiréde-lo don do Espírito Santo. Porque a promesa é para vós e mais para os vosos fillos e para tódolos que están lonxe, tantos como queira chamar o Señor noso Deus”.
Tódolos crentes vivían unidos, e tiñan todo en común. ¡Daquela volvamos ás andadas, pidamos os votos para Xesús de Nazaret, pois ese Salvador é o único que non falla: é católico, é universal! E se nos ameazan os inimigos, chamemos tamén a Pedro para que nos defenda, que lles dirá aos tales, como fixo aquel día en Xerusalén: “Xulgade por vós mesmos se está ben diante de Deus obedecervos a vós antes cá a El, porque non podemos deixar de falar do que temos visto e sentido”.
¡Que sublimes as vivencias daqueles crentes iniciais; non poderíamos imitalos, nós; sequera imitalos? “A comunidade dos crentes tiña un só corazón e unha soa alma, e ninguén consideraba como seu o que posuía, senón que tódalas cousas eran comúns”. Feitos 4, 32. Hai, e houbo, adoradores de ídolos que tamén predicaron a fraternidade, pero a cristiá vennos do Mestre, do propio Fillo de Deus, o único que foi capaz de multiplica-lo pan, o único que se quedou con nós, baixo a forma do pan eucarístico. Con estas verdades, sabidas e demostradas, ¿como somos tan egoístas con este pan? ¿E se Deus, de castigo polo noso egoísmo, nos nega a entrada no banquete celestial? ¡Non quero nin pensalo! Certo é que nos redimiu, pero algo de egoísmo quedounos... ¡Claro; deixóunolo para que fagamos méritos, para que participemos na loita, para que poñamos algo da nosa parte, para que lle demostremos que estamos dispostos á penitencia; xa nolo dixo no Noso Pai, invitándonos á humildade: ... perdoa as nosas ofensas, como tamén nosoutros..., etc.!
-.-



¡Señor, tírame do cabalo do orgullo; a min, tamén!
“Entón Ananías, poñéndose en camiño, entrou na casa, e impoñéndolle as mans, díxolle: -Irmán Saulo, quen me manda é o Señor Xesús, que se che apareceu cando viñas polo camiño, para que recóbre-la vista e te enchas do Espírito Santo”.
¡Señor, Señor, cantos Ananías, cantos cregos puxeches no meu camiño para que me predicasen, para que me abrisen os ollos, pero a min..., un cegarato impenitente, custoume ve-la luz evanxélica! Agora que vou vello, déixame acelerar, sequera sexa para recuperar algo do tempo perdido, que vexan en min, polo menos, un pecador arrepentido! Modestia á parte, algo xa fixen, que lle puxen ao meu fillo, Pedro Paulo..., séxase, acollino á súa protección  ¿Foi un sopro de Deus? ¡Coido que si!
“Daquela, a igrexa tiña paz en toda a Xudea, Galilea e mais Samaria. Crecía coma un edificio, progresaba na fidelidade ó Señor, e coa asistencia do Espírito Santo ía aumentando en número”. ¿Daquela, por que houbo eclipses, freadas posteriores? ¡Xa o veño dicindo: Porque o diabro non se durmiu, e os cristiáns, si! Agora que está tan de moda acelerar, aceleremos, tamén, na comunicación doutrinal!
“Bernabé foi a Tarso en busca de Saulo e, cando o atopou, levouno para Antioquía. Durante un ano enteiro estiveron xuntos naquela Igrexa, adoutrinando a moita xente. Foi en Antioquía onde por primeira vez ós discípulos lles chamaron “cristiáns”. ¡Vaia, ho, para ter froito, para recoller, hai que sementar! ¿Tomamos nota?
“Por aquel tempo o rei Herodes botou man dalgúns membros da Igrexa para os maltratar. Mando matar con espada a Santiago, irmán de Xoán, e, vendo que iso lles agradaba ós xudeus, mandou prender tamén a Pedro, etc.” Hoxe en día sentímonos heroes se nos prenden por calquera burrada política, pero, ¿por defende-la fe cristiá, por defende-las verdades da nosa Salvación? ¡Hai que meditar nisto, analizar esta covardía, tanto que ten de acomodaticia, séxase...., pasotismo!
Os maquiavelos dos partidos políticos captan, e pagan, manipuladores do pensamento para que lles fagan guións pedagóxicos cos que catequizar aos votantes... ¡Arre, demo, que cousa; e nós, os cristiáns, que temos a verdade absoluta nos evanxeos, predicada de balde nas igrexas, domingo a domingo, perdemos o tempo ollando para as mozas...”que van guapas e frescas...”! (Romance de Riello: Pa misa diba un galán - caminito de la iglesia  / no diba por ir a misa – ni pa estar atento a ella, / que diba por ver las damas – las que van guapas y frescas!”.


 ¡Cantas veces terei feito de galán de Omaña! (Mellor que non o saiba a miña muller..., por se acaso!)
-.-




Despois de celebradas as vodas cotiáns con un exame sincero e recíproco, amigable, deténdose o tempo necesario na análise do que fixeron mellor, pero tamén do que fixeron peor, ao longo do día, a promesa recíproca de seguir en harmónica comunicación, que debe selarse con un bico matrimonial máis convivencial que erótico. O paso seguinte, xa quediños, é, debe ser, invariablemente, cada noite, solicitar a bendición da Divindade rezando, pedindo e prometendo aquilo de: “Con Deus me deito...”. Noso Pai, Ave María e Gloria, rezados en común. Outro bico, e a continuación, xa de costas, en posición fetal, o exame individual:

Rapaciño, fuches sincero coa rapaza; pórtaste ben: con ela, contigo mesmo, co próximo...? Daquela, se te arrepintes, pero de verdade, con sinceridade, mañá serás máis feliz cá hoxe! ¡Que o dixo o propio Xesús, e repetiuno o noso Santiago na súa carta ás tribos que estaban na emigración. Sant. 1 -25: “... quen afonda no coñecemento da lei perfecta, a que dá a liberdade, e quen se mantén nela, non para a escoitar e a esquecer deseguida senón para poñela por obra, ese será feliz na súa actuación”. ¿Queremos ser felices, queremos durmir serenos, con conciencia recta e tranquila? ¡Aí o temos, que é ben doado: afondar no coñecemento da lei de Deus! Para estas reflexións non hai mellor sitio co silencio da cama; nada de contar ovellas no insomnio, que iso faino calquera, pero os crentes temos outras contas que botar!
Miña nai, ¡Santa Irene!, cando me vía na cama facíame unha cruz na fronte, á vez que me dicía: “Agora, meu neno, a soñar cos anxos!”. Daquela interpretábao como que o seu desexo era que non tivese pesadelos na miña durmida, pero desde que me / que nos viñeron os fillos, e tempo adiante os netos, entendín mellor aquel imperativo: ¡que me quería de anxo, que fixese por imitalos!



¡Deus, tanta xente boa que un leva coñecido, e co doado que é imitala a pouco que nolo propoñamos!
-.-


Falando de parentes. Coido que os predicadores deben explicar, de vez en cando, que, cando nos evanxeos se fala de “F. de Tal, irmán de...”, non se pode interpretar no senso actual dese tratamento, deste parentesco, senón que os semitas empregaban o termo “irmán” para referirse a primos e parentes. ¡Ollo, que este equívoco, este error, ten orixinado interpretacións disparatadas nas lecturas relixiosas!
Temos a lamentable experiencia das consecuencias, das desviacións, que trae a interpretación errónea dunha verba ou dun concepto naquelas desviacións dos nestorianos nas que se baseou Muhammad para afirmar, absurdamente, que o noso Xesús foi “creado e non xerado” cando a realidade, obviamente, foi a contraria, que ben nolo recorda o Credo: “... que foi concibido por obra e gracia do Espírito Santo...”
Séntense moi a gusto co machismo do seu Al Qurán pero teñen en riba unha forte ameaza pois as súas mulleres, dun tempo a esta parte, están copiando, moito, das occidentais, particularmente das europeas; entre outras sublevacións, pronto lles dirán que están fartas de parirlles media ducia de fillos, así que..., irán a menos, en tódolos aspectos!
-.-


Paulo no Areópago grego. ¿Por que nos engurramos cando nos parece ter sabios enfronte, e así desaproveitamos a ocasión de catequizalos? Memoricemos aquela arenga de Paulo, que mellor non se pode dicir:
“Atenienses, vexo en todo que sodes moi relixiosos, pois andando por aí e mirando para os vosos monumentos de culto, incluso atopei un altar con esta inscrición: “Ó deus descoñecido”. Ben, pois o que venerades sen o coñecer, é o que eu vos anuncio: o Deus que fixo o mundo e todo o que nel hai, o Señor do ceo e mais da terra, non habita en santuarios feitos pola man dos homes, nin o serven mans humanas, coma se precisase de cousa ningunha El, que a todos dá vida e alento. Dun só home quitou a raza humana, para que habitasen toda a terra, e estableceu os lindeiros dos seus tempos e mais dos seus territorios, para que o buscasen a El e o encontrasen, aínda que fose atoutiñando. En realidade non está lonxe de cada un de nós, posto que nel vivimos, nos movemos e existimos, como algúns dos vosos poetas dixeron: “porque somos incluso da súa caste”. Así que, sendo da liñaxe de Deus, non debemos pensar que a divindade sexa semellante ó ouro, á prata ou á pedra, traballados pola maña e a imaxinación do home. Ora ben, pasando por alto os tempos de ignorancia, agora manda Deus ós homes que todos en todas partes se arrepintan. Porque estableceu un día no que ha xulga-lo mundo con xustiza por medio do home que El determinou, dándonos a todos a garantía disto, resucitándoo de entre os mortos”.
Paulo, querido Paulo, patrón da parroquia á que pertenzo actualmente, e na que tes uns cregos, uns apóstolos, que che copiaron a elocuencia, faime partícipe da súa valentía para imitalos, ¡para imitalos!, na súa evanxelización, para atreverme cos amigos que, ademais de sabios, téñanse por ateos. Mais, agora que o penso, coido que ateos non son, que non os hai, non pode habelos; ¡en todo caso, desinformados! A culpa dos seus erros igual é máis miña que deles..., por non falarlles dese Deus que lles é descoñecido, como lles pasaba aos atenienses! 
Non sei se sería co mesmo cabalo, con aquel de antes, pois non vexo que se diga nos “Feitos dos apóstolos”, pero o caso é que Paulo foi un trotamundos incrible. Estoume lembrando do que lle pasou en Éfeso, na segunda viaxe, cando lles preguntou a uns daqueles bautizados por Xoán: “-Recibíste-lo Espírito Santo, cando abrazáste-la fe? Eles respondéronlle: Nin sequera sentimos dicir que haxa un Espírito Santo. Entón díxolles: -E logo, ¿que bautismo recibistes? Eles responderon: -O bautismo de Xoán. Entón díxolles Paulo: -Xoán bautizaba con un bautismo de conversión, dicíndolle ao pobo que cresen no que viña despois del, é dicir, en Xesús”. (En vista diso, Paulo bautizounos no nome de Xesús, e coa mesma veu sobre eles o Espírito Santo; comezaron, ¡eles tamén!, a falar en linguas estrañas, e a profetizar). De Éfeso, a Xerusalén, pasando por Macedonia e Acaia; despois, Roma. ¡Pobre cabalo, se o levou consigo!
-.-


Hoxe en día.



Señor, agora que estou esperto e me lembro daquilo do Éxodo, 17 -11-12: “Cando Moisés erguía as mans, vencía Israel; cando as baixaba, vencía Amalec”. Daquela a posta do sol, ¡era a posta do sol! Hoxe en  día, sol posto, lámpadas acesas! Non fai falta levanta-los brazos, que chega con darlle ao interruptor; e con iso xa che estamos levando a contraria, Señor, séxase, pecando, pecado moral, e a maiores, pecado mortífero, derrota segura!
Coas lámpadas acesas tentamos levarche a contraria, alonga-los días matando o sono: radios, televexos, espectáculos de todo tipo... ¿Señor, é ou non é verdade que nos deches a noite para repoñer forzas, e de paso para reflexionar no silencio das nosas camiñas?
Se eu fose médico dos corpos opinaría que restarlle horas ao sono, tal que durmir menos de 6, é, produce, como pouco:
-Que afecta a diferentes sistemas, desde o cardiovascular, neuroendocrino, dixestivo, respiratorio..., e incluso ao inmunolóxico.
-Incrementa ata 4 veces o risco de desenrolar ou morrer dun accidente cerebrovascular en persoas da mediana e da terceira idade.
-Eleva ata un 48 por cen as probabilidades de desenrolar ou morrer dunha enfermidade cardíaca.
-Etc., etc.
¿Que facemos os predicadores (ou aprendices de tales) que non lles dicimos aos nosos gobernantes que paren de atentar contra a vida, contra a saúde, dos seus votantes, co doado que teñen dar normas para a nocturnidade, ou é que lles gusta? Isto no que se refire á saúde física, que tamén habería que falar da inmoralidade dos noctívagos.
-.-


“Este creyente, malo pero creyente, que cada domingo os acompaña al misterio de la Eucaristía, y que parece llevaros a un remanso de paz, en realidad os está llevando a una guerra, y es bueno que lo sepáis. Los creyentes, con nuestras misas y nuestras mesas, con nuestros ritos y nuestras oraciones, no estamos tratando de salvarnos a nosotros mismos, y mucho menos pretendemos salvar a Dios; luchamos para que la salvación de Dios alcance al hombre, a todo hombre que viene a este mundo, primero al pobre, luego al indiferente; luego, si es todavía posible, también al del escándalo orgulloso”. (Jesucristo, Rey del Universo, por Santiago Agrelo Martínez, Arcebispo de Tánxer, en Galicia Digital, do día 26-11-2017).
¡Esta é a loita, si Señor, pois o contrario sería pasarnos ao outro exército, ao de Satán, que por desgracia xa ten demasiados seguidores, pero, Deus mediante, nós, que estamos de parte de Deus, e non do diabro, acabaremos vencendo, que para algo Xesús tivo unha Paixón, voluntariamente aceptada, resucitando ao terceiro día, segundo testemuñan os evanxelistas!
Xa que resucitou por si mesmo, daquela era Deus, Segunda persoa da Santísima Trindade... Pois si, e non só resucitou, senón que subiu ao Ceo, en presencia dos mesmos apóstolos; índose, quedou, tamén se quedou con nós..., ¡na Eucaristía! ¿Que máis probas necesitamos? Falando de probas: Unha proba, a mellor de todas, de que Xesús quere ás mulleres como apóstolos foi que..., ¡que se lles apareceu a elas antes que aos varóns! Digámolo en voz alta, e se é preciso, por escrito, por se o teñen esquecido eses cardeais de Roma!
O caso é que as mulleres, ¡vese nos políticos!, ante o público (e non só ante os esposos) son máis convincentes que os homes; daquela, ¿non será un error evanxélico deixalas en simples diáconos?
Agora que hai mulleres nos exércitos da nosa cultura, na Cultura Superior, na Eclesiástica, na de Cristo Rei, que? Igual chegan a velas no presbiterio os nosos netos..., desde que non queden Curas, desde que o celibato sexa inoperante!
-.-


 
Curación da sogra de Pedro (Mat 8, 14-15; Mc 1, 29-31; Luc  4, 38-39)

“Ó que saíu da sinagoga, entrou en casa de Simón (Pedro). A sogra de Simón tiña unha febre moi alta, e pedíronlle por ela. Achegándose a onde estaba , ordenoulle á febre que a deixase, e deixouna. De seguida ergueuse ela, e púxose a servilos”.
¡So ogra!, que así dicían na miña aldea os maleducados cando querían referirse a unha sogra que lles caese antipática. ¡A miña, de ogro, nada, que era unha santa, e ben que a botei en falta cando..., cando a chamaron de Aló Arriba, do Alto! Que tivese sogra o primeiro dos Papas faime pensar..., pero..., “doutores ten a Igrexa que nolo saberán explicar!”.
Acaba de saír desta miña/vosa casa unha santa, ¡Santa María Luísa!, que lle veu traer a comuñón á miña dona, que está de “clausura” por culpa das súas cadeiras, das dúas. (Ela di que Deus lle mandou o purgatorio en vida, e como tamén é unha santa, outra, ata terá razón).
Como é natural, púxenme de xeonllos na presenza do Altísimo, pero en certo modo tamén diante dela, diante da señora Luísa, porque me conmocionou que chegase a ver unha dama trasladando, compartindo, a Eucaristía. ¡Deus a bendiga, Amén! Tiven unha prima, a única curmá que tiven, Mercedes Cora, que representaba ás mil marabillas aqueles papeis das súas once películas, pero esta María, esta Luísa..., que só lle falta levar sotana en vez de faldra! ¡Deus a bendiga, Amén!
Na prehistoria: Irán aló tres cuartos de século. A igrexa distaba da miña casa natal cousa dunha legua. A nosa veciña, Josefa de Brais, non querendo morrer sen outra visita de Xesús Sacramentado pediume que lle fose polo Cura... O seu marido tiña besta, e nós non, pero, tendo un neno na veciñanza...! Co medo de que fose morrer no ínterim, dinlles ás miñas zocas un bo aceleramento, pero..., ¡outro pero!, o señor Cura aínda non tomara o seu chocolate, así que me desesperei esperando na súa cociña. Por fin arrancamos, pero en silencio porque me recomendou que, polo camiño, non lle contestase a ninguén..., ¡xa que levabamos o Santísimo! Outra legua..., pero desta vez tocando a campaíña cando pasabamos por diante de alguén, ou dalgunha casa. O Señor tamén estivo calado, permitíndolle á veciña que tivese a paciencia de non despegar para o infinito ata que El chegase. Aquí e agora, que aínda non se fora a señora Luísa cando se me veu esta lembranza: ¡Deus, como cambian os tempos; os tempos, non, nosoutros mesmos, que somos distintos a cada minuto que pasa; o único que permanece nun Presente Eterno é o Único, que por algo e para algo é o Único Deus verdadeiro!
-.-


Volvamos cos apóstolos, coa evocación dos seus Feitos, deixando a Paulo en Roma: “... que botou dous anos enteiros nunha casa alugada, onde recibía a tódolos que o viñan visitar predicando o reino de Deus e ensinando o que se refire ó Señor Xesús Cristo, con audacia e sen impedimento algún”. ¿Con audacia, eh? ¡Pois así é como temos que predicar os cristiáns, a imitación dos nosos mártires, con audacia!
Carlos Osoro, arcebispo de Madrid, referíndose á viaxe do Papa a Kenia, Uganda e República Centroafricana: ¡Qué propuesta más audaz la que nos hace el Papa con este viaje! Los cristianos tenemos que hacer una movilización general y proponer la fe con entusiasmo, con hechos y con palabras. Nos está pidiendo, a quienes formamos parte de la Iglesia, que dediquemos nuestras energías a proponer el mensaje del Evangelio, haciéndolo creíble con obras a todos los hombres. Hablar de Dios no es imponer obligaciones a las personas; es compartir una alegría que nos desafía a actuar con la misma bondad con la que actuó Jesús. No se conforma con que denunciemos las situaciones con más y más declaraciones, el Papa busca cambiar las cosas. Esto es lo que nos dice en La alegría del Evangelio cuando pide que la economía esté al servicio de las personas y no al revés, que no convirtamos la sociedad en una dictadura de la economía que al final no tiene rostro ni fin. La persona en el centro de todo, donde la puso Dios mismo cuando nos creó. A todas las personas hay que hacerles llegar la noticia que nos dio Jesús: que el amor es algo concreto. Los cristianos hemos conocido que el amor tiene rostro, es Jesucristo, no es una idea. Y ese Amor que nos ha sido dado como el regalo más grande debe entrar en otros rostros. Porque se ama a las personas. Un mensaje que enciende corazones apagados, da sentido a la vida y nos hace a los hombres más humanos”.
-.-

Audacia e..., sorrisos!

Nós, a xeración da guerra, criados na guerra, pois guerra tamén é / foi a retagarda, non soubemos rir, non vimos sorrisos, non aprendemos a vivir con felicidade; ¡estamos xustificados, en certo modo, pero, os que viñeron despois?
Ao presente, con este progreso do XXI, falando a distancia e todo iso, lamentablemente segue a melancolía; ou é que se me figura, consecuencia da miña miopía? Só vexo sorrisos nas tendas, e para iso dura un instante, o intre que dedican a contar os meus cartos!
¿Que se pode facer para remediar esta situación? A miña dona, que é moi observadora, ¡é mestra pero ten vocación de periodista!, opina que lle temos medo ao Xuízo, que as vemos vir de lonxe. ¡Vaia, ho, e nin con esas tratamos de lavar o expediente!
Meditando un pouco en todo isto, fáiseme que os cristiáns temos dous grandes motivos para sorrir: A ledicia que debe quedarnos daquela auga bautismal que nos lavou tan a fondo que incluso nos purificou a alma, anticipándonos, de paso, o título de cristiáns; e logo que esa mesma impronta, esa titulación, ao facernos apóstolos de Cristo, debe animarnos, ten que animarnos, a ensinar sorrindo, afablemente, para que os catecúmenos se convenzan de que estamos en posesión da verdade, que lles ensinamos verdades absolutas, e por tanto, felices e incontrovertibles!
A quen temos que pedir que nos axude a poñer cara de felicidade é á Virxe das Dores, pois ninguén coma ela nos pode comunicar a esperanza de que, detrás das dores, coas dores, é como mellor se gaña o Ceo; que despois da Cruz, redimidos polo seu propio Fillo, nós tamén subiremos; ¡mellor dito, subirannos, invitados pola Sagrada Familia!
A pouco que meditemos farásenos obvio que poñer cara de tristeza é unha mala presentación no noso papel evanxélico. ¿Como van a animarse os infieis, os incrédulos, se nos vén desanimados a nosoutros, aos crentes?
Daquela é certo que temos medo, precisamente por crentes, precisamente por saber que teremos, que nos espera, un xuízo persoal? Pois, tranquilos, que nese xuízo os acusadores seremos nós, nós mesmos, ninguén máis, pero se levamos borrada a cartilla dos feitos impuros..., laureada ao canto! ¡Que Xuíz máis benévolo é Deus, que non hai outro que lle permita ao reo salvarse dos seus delitos simplemente co propósito, co firme propósito, iso si, de confesarse, de cumprir a penitencia; ¡poñendo o máximo interese en evita-las omisións, por suposto, decatándonos de que iso tamén son tentacións, tentacións consentidas!
Unha advertencia: o sorriso, para ser eficaz, ten que ser sincero, cristiá; nunca de tendeiro! Ante esa tentación mercantilista lembremos que Xesús, na súa vida publica, só castigou, ¡a lategazos!, aos tendeiros do templo: “-¿Non está escrito que a miña casa será a casa de oración para tódolos pobos? Pois vós convertéstela en cova de bandidos...” (Marc. 11, 15-18; Mt. 21, 12-17; Luc.19, 45-48; Xn. 2, 13-22).

-.-

Cave ne cadas!


Por vitorioso que tornes das túas vivencias, faille caso ao teu escravo, á túa conciencia! ¿Ou é que non notas que, a cada intre, empúrrate a propia arrogancia, esa soberbia que che inspirou Lucifer, ¡precisamente o derrotado!, ese ego que che fai presumir do temporal, do prestado! Ante todo, humíllate; aprende a ser emperador de ti mesmo, que é máis difícil e máis meritorio que selo de Roma; contrólate!
Certo é que as caídas son fáciles, pero temos a caiada da fe, aínda que pouco nos apoiamos nela! Témonos por vencedores, con Lucifer derrotado; pois non, non exactamente, pois o diabro foi vencido pero non desaparecido; segue envexoso, cadora máis, pois o triunfo irremediable do cristianismo teno desesperado. Enganou á Eva, pero veu María e pisoulle a cabeza; ¡é tan torpe e tan maligno, que se nega a admitir as derrotas, e volve, e volve...; iso si, por detrás da cruz, como fai o zorro cando vixía ás pitas por tras do palleiro!

A primeira procesión coa nosa imaxe. (Á dereita, coa miña dona)
 
Sentímonos tan emperadores que esquecemos a verdadeira situación: Non somos emperadores senón soldados de Cristo, soldados da verdade; e así estamos no bando da luz, da humildade, no exército de Cristo Rei; enfronte, os diabros, eses traidores que se lle sublevaron a Deus, ao Deus da xustiza e da perfección. Sendo anxos, como farían esa animalada? Saberémolo con detalle no outro mundo, pois neste abonda con loitar, con loitar na causa xusta, acollidos ás bandeiras dos dez mandamentos, que ben poucos son para tanto premio como é o que nos espera. O noso Comandante tennos tan cerca que, en vez de defendelo nós, deféndenos El; verdade que si, Santa Teresa, verdade que o temos ata na lareira, xunto dos potes?


Teresa de Ahumada e de Cepeda, ti querías ir á mourería, con teu irmán, para acadar o martirio; pois eu tamén fun, xunto coa miña dona, alén do Estreito, ¡dez anos en Ifni, guerra e atentados incluídos!, pero non en busca do martirio, aínda que estivemos a punto de telo; ¡nós fomos en busca de diñeiro, e de ascensos, que non é igual senón todo o contrario!
-.-


Guerra e paz, (en ruso Война и мирVoiná i mir), de León Tolstói (18281910), que a comezou a escribir nunha época de convalecencia tras romperse un brazo ao caer dun cabalo, nunha partida de caza, en 1864. Pois eu tamén caín; non dun cabalo, senón dacabalo dos anos; caín, decaín, e comezo a ter rota a memoria, así que, ¡eu tamén, a reflexionar, antes de que sexa tarde!
¡Deus, que pouco tempo dedicamos á reflexión! ¡Claro, dánnolo todo feito, que só hai que ir á tenda...! Pero o forno dos pensamentos é individual, persoal, así que temos que atizarlle..., nós mesmos, in person!
-.-


Precaucións, para evitar desavinzas.




Sempre se dixo que máis vale precaver que curar, pero..., a profilaxe non adoita coñecerse, ser coñecida, e/ou estar doada!
Pola vida adiante somos tan evolucionistas, cambian tanto as nosas circunstancias, que mesmo podería dicirse que somos distintos, minuto a minuto, e o    que está ben nunhas circunstancias, nas seguintes sería contraproducente. Este mareo circunstancial esíxenos vivir alerta, e reaccionar con prudencia, pero, ¡sen demora! ¿Cumprímolo? ¡Ás veces!
Factores emocionais, profesión, entorno... ¿De onde sopra o vento no intre da decisión? Se nos colle enfadados, ou deprimidos, ou iracundos..., acertar é máis difícil. Daquela pidámoslle a Deus serenidade, imparcialidade, e que nos sopre o Espírito; ¡que arrede a Satanás, pois adoita disparar maldades poñéndose detrás da cruz! ¿Ai, Deus, que boíño é Fulano / Mengana; e non será máis certo que poñen esa cara para enganarnos, para levarnos ao seu horto? Se nos enganan as aparencias, mal actuaremos; para atinar coa profilaxe correcta hai que tomarlle o pulso ao contrincante, e iso non é doado nesta vertixe das personalidades.
Os factores emocionais, parentescos e/ou veciñanzas, son auténticos caretos; ¿que, ou quen, hai detrás? Non é bo analizar con desconfianza, pero si cos ollos da intelixencia; con cariño, por suposto, pero, espertos! A empresa familiar é moi guapa, pero esixe máis atención; non desconfianza, atención. Os nosos avós, aqueles do século XX, adoitaban dicir: “A confianza mata ao galego”. ¡Pois a desconfianza, tamén; así que, ollos abertos e, para adiante! Compre manter un equilibrio, establecer un “protocolo familiar” cariñoso pero vixiante, que nos evite as guerras internas, desenganos que sexan irreparables por tardíos!
Cando estudamos Economía, Empresariais, ou similares, os textos formativos dinnos que nas empresas familiares o seu funcionamento non se debe contaxiar pola espontaneidade; aconsellan establecer regulacións claras e sinceras; que os socios se sintan cómodos pero non como na súa casa, adoecéndose. Que o traballo delimitado axuda a previr problemas. Etcétera, etcétera. Se iso procede no mundo mercantil, para a paz familiar outro tanto, ou parecido, que tamén é un negocio, positivo ou negativo, segundo os casos!
¡Señor, que pracer máis puro, máis gratificante, iso de levarse ben de portas para dentro; non hai mellor negocio! Pero o caso é que non hai receitas específicas; hai que ir preparándose, cultivando o criterio segundo se van coñecendo os feitos de cada quen!
Mateo 7, 15-20; e Lucas 6, 43-44. “¡Gardádevos dos falsos profetas que veñen onda vós con aparencia de ovelliñas, pero no fondo non son máis que lobos rapineiros! Polos seus froitos coñecerédelos. ¿Ou é que se recollen uvas dos espiños, ou figos dos abrollos? Así, toda árbore de boa caste produce froitos xeitosos, e toda árbore de mala caste produce froitos ruíns. Non pode unha árbore boa producir froitos ruíns, nin unha árbore ruín producir froitos de calidade. Toda árbore que non produce froitos bos, córtase e bótase no lume. Así que polos seus froitos é como os coñeceredes”.  Está claro: hai que mirarlles os feitos, pois os ollos, en contra do dito, non sempre son o espello da alma!
 
 

.../...

Matinar, si; maquinar, non.

Il Pensatore, di Rodin.

De metidos no XXI, para ser Rei, ¡Rei de min mesmo!, precísanse 4 Conselleiros: Un Teólogo, para non caer en contradicións relixiosas. Un Psicólogo, para defenderme dos amigos falsos; ¡defenderse dos inimigos é máis doado! Un Economista, que nos ensine a administrar a nosa bolsa, a de minúsculas. Un Avogado, leal e legal, que nos defenda das estrapucias do próximo. Médico xa temos, na Seguridade Social. E de Matemáticas, contando polos dedos...!
¡Ai, pobres nenos os deste XXI, a que vos espera, co complicada que se puxo a vida cotiá! Con iso, a nosa obriga, a dos pais, a dos avós, a dos coidadores, a dos profesores..., é cousa seria, pois require moito esforzo para poñernos á altura que nos incumbe! Se había materia para pensar, daquela, nos tempos de Rodin, se vivise hoxe, ¿como nos retrataría? ¡Seguro que coas dúas mans na cabeza!

A nosa principal obriga, ¡pero a de todos!, é ensinar aos nenos a pensar, xa desde a caneta; a pensar ben, a discernir, a tomar decisións sopesadas, maduras, imparciais! Incumprilo é outro pecado, sobrevido, consecuencia dos pecados anteriores, que refillan, que xeran novas e malignas consecuencias. Precisamente os erros dos políticos están demostrando que xestionar os conflitos non é cousa doada, e menos para simples afeccionados como adoitan ser eles. ¡Hai que bota-las mans á cabeza, á nosa, á propia, para esixirlle concentración, meditación, matinación!
Das maquinacións é mellor non falar, para non cultivalas, pois pode ocorrer, como pasa nos mass media cando explican os trucos dos criminais, que, sen querer, están ensinando a roubar e a matar sen consecuencias. Dos casos individuais, dos seus detalles, tamén deberamos ter Secreto de Estado!
-.-


Volvendo ao tema dos conflitos, que ten máis importancia da que lle damos.


Que vexan en nós un mal exemplo é outro método, eficacísimo, de xerar conflitos. As consecuencias virán despois, por veces moito despois, xeralmente na nosa ausencia, noutro escenario, así que, aínda que para daquela teñamos cambiado de vida, reflexionado, xa non haberá ocasión de sabelo, e por tanto, de desdicirnos. ¡De aceso o monte, quen o apaga?
Satanás, que sempre está atento ás debilidades, debe gozar de raio cando nos ve escandalizar; ¡e o caso é que estabamos avisados!
Agrava a situación o feito de que os nenos cáptano todo, xa desde a caneta, e nós, a maiores, pensando que non se decatan! Volvendo a vista atrás lémbrome que na miña aldeíña moito veleno nos inxectaron aqueles veteranos da guerra, que volvían dela xactándose da súa valentía: mortes, incendios, desfeitas ao inimigo, violacións... ¡E menos mal que na maioría das casas tiñamos pais, avós e tíos responsables, pois, do que non, aquela contaminación, de aparencia gozosa, ía ser peor cá de Sodoma e Gomorra. Aínda que o dixesen un tanto a medias, os rapaces entendiámolo todo. Agora que se fala moito da violencia de xénero cabe pensar se unha parte dela virá de lonxe, concretamente daquelas intoxicacións.
Para os criados no campo: lograr un bo cultivo non sempre é doado, pero se deixamos unha leira a monte, aos poucos non hai arado que a roce! ¡Algo parecido!
O feito de que a muller, nas últimas xeracións, rompese as cadeas do fogar, pasando, traspasando a terceiros, unha boa parte da educación dos fillos, estase notando nos conflitos e nas carencias dos rapaces actuais.
Estas conmocións do XXI nalgún aspecto son positivas, pero noutros negativas; iranse corrixindo na medida ou proporción en que os avances da civilización desacrediten as desviacións dos escandalosos. ¡Hai tantas cousas que corrixir, tantos parafusos que apertar, que moito tempo e moita paciencia se precisará para ir asentando os egos! ¿Quen o fará? Non é tarefa individual senón responsabilidade colectiva, así que, comecemos por un mesmo, para que outros nos imiten, ¡se é que resultamos, se é que somos, imitables nas cousas positivas! Eu apúntome a colaborar; coa axuda de Deus, iso si, pois, como me tiren ao mar coa pedra do meu muíño, sen saber nadar...!
-.-

 A boa sementeira, o Catecismo.


Xosé Manuel Carballo Ferreiro, outro Mago da Catequese. Chamouno Deus, no ano 2017, para darlle os froitos da súa sementeira.

O principal Mandamento do catequista é ter unha boa formación..., para non deformar, en vista do pegadizos que son os erros! Se encima é un mago, e se chama Carballo..., hai que subilo aos altares! Se o santoral seguise sendo cousa do pobo raso, neste caso concreto xa estaba feito!
Das moitas leccións que nos deixou este superhome, ¡sacerdote!, hai un paragrafo na súa serie de artigos en Galicia Digital, “¿Casan, ou non casan, humor e relixión?”, que o debíamos levar no peito, coma unha medalla, ou coma un antídoto: 
“Non me cabe dúbida de que un mundo que, coma a España do trinta e seis, anda sobrado de crispacións, guerras, tensións, frustracións e amarguras, tamén anda moi necesitado de persoas que aporten gracia, distensión e alegría. De persoas que repartan válvulas de escape para aliviar a presión cotián, sen caer na pura e irreflexiva evasión dos problemas”.
¿Está claro? ¡Claro, si, pero pouco exercido, tamén; esta é unha das tantas receitas que non cumprimos!
Comezando polo fogar, que é o templo inicial; despois do bautismo, claro. A receita que dan os bos pedagogos é esta; con estas verbas, ou parecidas:
-Os avós deben seguir as pautas educativas aconselladas para os pais. ¡Vasos comunicantes, igual nivel!
-Os pais non poden, non deben, restarlles autoridade aos avós; se en algo disenten, fagan as discusións desde que os nenos estean durmidos, ¡e coas portas cerradas!
-Nunca ceder ás chantaxes dos nenos, salvo que teñan eles a razón.
-¿Mentiras aos nenos? ¡Ningunha, coa única excepción da dos Magos!
-Se na casa hai signos e imaxes relixiosas, a catequese familiar será máis eficaz.
-Espiarlles os curmáns, e tamén os compañeiros de clase e/ou de xogos, pois, se vemos indicios de contaminación, hai que vacinalos, illalos, a tempo.
-¿O resto? ¡Pregúntenlle ao párroco, que eu non pasei de sancristán!
-.-

O equilibrio familiar


A carreira matrimonial hai que levala ao altar ben sabida, ou, do contrario, volver en Setembro, seguir madurando. Sería interesante unha estatística que mostrase a mutabilidade dos frechazos; o matrimonio, coma o pan na artesa, ten que levedar, pois un / unha non se casa cunha foto senón coa mentalidade que hai detrás da foto!
Ademais do Decálogo que recibiu Moisés, tan explícito que xa o di todo, andan por aí 10 consellos domésticos, familiares, que axudan, moito, a cumprir os da Lei de Deus:
1.     Aceptar a autoridade dos pais, que pola súa experiencia e amor, saberán educar aos seus fillos, aínda que algunhas veces lles doa a ambos.
2.     Calar, se o que se vai dicir non serve para manter a paz e soamente vale para aumentar a discordia, tendo moito coidado ao facelo, pois algunhas veces o que cala outorga ou consinte.
3.     Comprometerse toda a familia a falar sen berrar, educadamente, cando se presente unha discusión ou un problema.
4.     Ter moi claro cales son as principais virtudes e valores humanos que deben conformar á familia e cumprilos e facelos cumprir por todos.
5.     Fomentar co exemplo a firmeza e maila amabilidade, propoñendo regras íntegras, claras, concretas e respectuosas con cada idade, características e situacións, para que trunfe a xustiza, a liberdade e maila caridade.
6.     Impulsar que tódolos familiares e amigos sexan queridos e respectados, para que iso repercuta como exemplo na sociedade.
7.     Manter sempre unha comunicación aberta, de forma que poda fluír o dialogo entre todos y sobre tódolos temas, pois cada un dos membros da familia é igual de importante ante os demais.
8.     Permitir que todos podan expresar a súa opinión, para que sexa escoitada con atención antes de ser xulgada.
9.     Promover que todos falen ben de todos, evitando as murmuracións, os falsos testemuños, as mentiras e as medias verdades.
10.  Respectar a cada un da familia e facerse respectar por eles, fomentando as demostracións de cariño e de tolerancia, evitando as situacións de violencia, vinganza, odio e rancor.

Nas outras carreiras danse diplomas, titulacións; pois na matrimonial o mellor certificado é a emocionante celebración dunhas vodas de ouro, que sempre testemuñan que a convivencia foi aurífera; por se vale de exemplo, esta:



No ano 2003..., e seguimos funcionando! (Anécdota: A Virxe que se ve no altar doámola nós, recén casados; seguro que tivo algo de culpa da nosa felicidade!

Lin no “Diari de Tarragona – Montse Martínez Bastida, que, “Cuando se crea una empresa es un momento de mucho entusiasmo en el que los socios están concentrados en cuestiones como la financiación, abrir mercado, contratar personal, etc. Pero hay que mirar un poco más allá y recordar que al inicio deben tomarse algunas sencillas precauciones y evitar así llegar a futuras situaciones que puedan complicar la continuidad de la empresa”. ¡Se estas recomendacións se fan no mundo empresarial, por que non no matrimonio, que é o noso negocio vital, o definitivo?
Xa sei que hai cursos prematrimoniais, e son bos, pero tamén se necesita do seu complementario: espiar, coñecer a fondo os comportamentos familiares e sociais da / ou do, que vai ser novo socio da ¿empresa? familiar.
-.-


Marta e María; ¿unha, ou dúas?


Lucas 10, 38-42. “Cando ían de camiño entrou en certa aldea, e unha muller chamada Marta acolleuno na súa casa. Esta tiña unha irmá chamada María, que sentada ós pés do Señor, escoitaba as súas palabras. Marta, en troques, estaba moi apurada co labor da casa; e achegándose a El, díxolle: -Señor, ¿non che importa que miña irmá me deixe a min o traballo? Dille que me bote unha man. Pero o Señor respondeulle: -Marta, Marta, preocúpaste e desacóugaste con tantas cousas. María escolleu a mellor parte, e esa nunca se lle vai quitar”.
Lendo e relendo isto un decátase de que as dúas foron necesarias para o caso; ou dito con máis precisión, que as dúas, na práctica, facían unha, complementábanse! San Benito de Nursia debeu tirar deste episodio a súa consigna, o seu precepto, aquel Ora et labora; ¡seguro! María, oraba; e Marta, laboraba. As dúas foron necesarias para atender debidamente ao Señor.
¿Que a mellor parte era, foi, a de María? Naquel intre, si, pero do traballo de Marta ía saír o almorzo, que tamén era bo, ademais de oportuno! Unha parte era mellor cá outra, ¡vale!, pero, complementábanse. Xesús, de ben mirado, de ben lido, non dixo o contrario, senón que estableceu categorías entre o espiritual e mailo material.
Neste cadro, o pintor debera darlle unha faciana máis vella, con “v”, a María, se quixese resaltar que a espiritualidade gaña cos anos; e que o materialismo, os afáns materiais, van a menos. Certo é, tamén, que a vellez trae os seus gastos, os seus imprevistos, así que nunca está de mais “laborar” para aforrar, na idade propicia.
Xesús non desautorizou a ningunha das dúas; ¡simplemente estableceu categorías! Era o seu, propiciar a Salvación, pois para os materialismos xa traballa Satanás, e foi bo, sempre oportuno, sempre en plan de indicarnos o Camiño. Criado na casa dun carpinteiro, e carpinteiro el mesmo, ata os trinta anos segundo tódolos indicios, é a mellor demostración de que enxalzou o traballo, que non viviu, que non quixo vivir, do maná do ceo.
E de paso, predicou? ¡Pois claro, asemade, que xa o facía de neno, tal que daquela que o deron por extraviado cando de feito lles estaba ensinando ¡aos doutores do templo! Lucas, 2, 41-50. “E resulta que, ó cabo de tres días, atopárono no templo, sentado no medio dos doutores e dialogando con eles. Tódolos que o escoitaban estaban asombrados do seu talento e das súas contestacións”.
¡Pero se o temos todo, absolutamente todo, nos Evanxeos! Se os lésemos, se quixésemos entendelos, entendelos e cumprilos, maldito se falta facían as leis civís, en ningún país dos que se teñen por civilizados. ¡Co Catecismo, paz na terra, pois o resto son sancións, convivencia forzada neste caos da torre de Babel, que teñen que atarnos..., porque trampeamos, porque non nos entendemos!
-.-


Disxuntiva: ¿por que este divorcio, por que imos os vellos á Misa, e os novos á praia?



¡Meus pobres, que o fan para poñerse negros..., coma se tivesen poucas negruras na vida! ¿Ou será porque, de vellos, temos máis cerca o exame final, e daquela éntranos o medo, e co medo o arrepentimento polas omisións gozadas / padecidas? ¡En certo modo vai ser unha consecuencia daquelas omisións!
No XX, cando os curas se subían ao púlpito, e de alí non daban baixado, esquecéndose de que os crentes, ademais de crentes, chegaban cansos, ¡a veces cunha legua de corredoira, ou máis!, e logo que tiñan que volver para as súas casas, para almorzar, pois eles non tiñan Ama que lles fixese o chocolate, había / concorrían ás igrexas máis mozos que vellos. ¡Que alguén mo explique, que non o entendo! ¿Ou si? Cavilando un pouco atopei a solución: No último século non había fútbol; nin fútbol, nin tele, nin bailes á media noite, así que os rapaces ían á Misa, en parte, como espectáculo!
Moito tardou en vir o Vaticano II, coa falta que facía poñer o latín a descansar; ¡ou iso, ou falar todos en latín! O que tiña de bo era que, como tampouco nos deixaban ler a Biblia na lingua de cada quen, por se a interpretabamos mal -penso-, aqueles cregos, en particular os da carreira curta, traducían / interpretaban, eles si, á súa maneira.
A propósito: De cativo, nunha parroquia chamada Gondel, tiven clara a orixe, a comprobación, deste aserto. Unha parte vina, e a outra explicouma meu avó, que tamén estaba presente: Aquel cura queixábase de que lle ían pouco, e poucos, á Misa, así que, acordándose dos milagres dos apóstolos, díxolle ao sancristán: -Cando eu suba ao púlpito, ti, desde a tribuna do fondo, axitas un tizón, con boa brasa. Dito e feito. O crego, desde o púlpito: -Bien queridos feligreses, vengo observando que tenéis poca fe en la oración, cuando que su poder es milagroso. Así, si yo impetro: ¡Que caigan rayos, rayos que abran los ojos a los pecadores, rayos caerán! Nisto oíuse a voz do sancristán, tan inocente e tan obediente, que exclamou, en voz alta por suposto: -¡Ao carajo, señor Cura, que non podo facer o milagre porque..., porque vostede tardou en avisarme, e acabóuselle a brasa ao tizón!
¿Daquela, non houbo milagre? ¡Si que o houbo, pois contaban que, desde aquel día, aqueles fregueses non se cansaban de ir ao confesionario arrepentidos da súa pereza, da súa incredulidade, tanta, que obrigaran ao señor Cura a face-lo milagre da elocuencia, e iso co pouco persuasivo que era!
Bromas á parte, o drama estaba en que daquela acudíamos pero non entendíamos; e agora, que entendemos e nos explican,  non imos! ¿Que milagre, que tizón, nos fai falta, agora, para estimularnos? Xa o sei: ¡O medo á morte, que é universal, pero tarda en vir; e logo que nos levantamos tarde, insomnes, en parte por culpa dos mass media nocturnos!
-.-


O fariseísmo, avanza ou retrocede?


Desde que acenda o cigarro douche a caixa dos mistos!

Neste caso trátase dun fariseísmo bo, útil, pois o peor, o tabaco, resérvao para si o cacique, mentres que os mistos, se algún quedaba, podíanlle servir ao mendigo para quenta-las mans no lume..., a falta doutro abrigo!
Co desenrolo das liberdades, ¡xo, cabalo, non vaiamos caer na foxa do libertinaxe!, as carautas foron a menos; non precisamos facer estatísticas, que se nota ben, en tódolos ámbitos.
Carautas, carautas de todo tipo, onde foron a máis é na política, pois, coa competencia sobrevida, e maila mamandurria in crescendo, vese e óese cada discurso que precisaríamos dun tradutor neutral, unha espalladoira, que nos fose separando o trigo da palla.
Un signo notable, visible e palpable, da decadencia do fariseísmo témolo nas igrexas, singularmente ao darnos a paz, aquilo de darse a man con regateo, pouco máis que tocándose a punta dos dedos. ¡Iso crispábame! Hoxe abren más a man, e algúns / algunhas incluso cha apertan con afecto. Á dereita sempre poño á miña dona, así que o primeiro pax tecum é para ela; despois diso vólvome á esquerda para buscar a man seguinte, que case sempre é a doutra muller; xa se sabe, por cada home, na igrexa, tres mulleres, xeralmente viúvas. ¡Agora dan a man chea!
¿Son aquelas que daban a punta dos dedos, as mesmas? ¡Pois, claro; pero agora están desenganadas da vida, xa miran ao redor, feos incluídos! Outra variante que se aprecia nestas viúvas é que deixaron de levar tacón alto; coido que será porque xa se libraron da obsesión de igualar ao marido, en altura física, pois na outra sempre estiveron, e foron, altísimas. (Tamén influiría iso que lles din os médicos de que o tacón esaxerado trae malas consecuencias dos corenta para arriba).
Volvendo, ou seguindo, no fariseísmo: Lucas parouse moito en trasladarnos a semblanza dos fariseos feita polo propio Xesús, e a min sintetizáseme todo naquela advertencia tan rotunda: “-¡Coidadiño co fermento dos fariseos, que é a hipocrisía!”. Lucas, 12 : 1.
¡De fariseo a pasota, un paso!
Danos pena que vaia tan pouca xente á Misa, pero é mellor así, que vaian os fieis, e non aquelas manifestacións farisaicas, presididas coas selas maxistrais de cabeceira dos mangantes; perdón, pois debo dicir “dos mandantes”!
-.-

Ao César o que é do César

¿Fai falta reiteralo? ¡Coido que si, pois acotío estamos vendo intromisións absurdas: Mandos da Igrexa politiqueando, e politiqueiros que meten o nariz en asuntos puramente relixiosos, non sempre para ben!
Volvamos a ler: “Mostrádeme un denario. ¿De quen é esta imaxe e de quen fala esta inscrición? Contestáronlle: -É do César. Xesús replicoulles: -Pois logo ó César o do César; e a Deus o de Deus”. (Lucas 20, 24-25). Por se fose pouco explícito, podemos ir a Mateo 22, 15-21; ou a Marcos 12, 13-17. ¡Pois, nin coas advertencias do Mestre, e van vinte séculos de controversias, tanto, que onte mesmo, no XX, metemos a Franco baixo palio! O chiste irreverente era: -¡Baixo palio, a Santa Hostia! Resposta: -¡Si, claro, pero é que Franco é a “reostia”.


¡Cave ne cadas, que se caes acábasenos a mamandurria a uns cantos!

Eses preitos entre o ateísmo e maila Inquisición, se non fosen dramáticos serían risibles, pura comedia. Na miña aldea tíñano claro, que por algo dicían: “¡Zapateiro, aos zapatos, e zoqueiro..., ás zocas!”.
-.-

Cando nos queda sede...


Xoán, 4 : 13-14. “Xesús contestoulle: -Todo o que bebe auga desta, terá sede outra vez; pero o que beba da auga que eu lle darei, nunca máis terá sede: a auga que eu lle darei converterase dentro del nunha fonte que saltará ata a vida eterna”.
¡Grazas, Señor, pero a veces somos insaciables, e queremos máis, máis auga, máis explicacións, precisamente cando a nosa sede é grande! Por poñer un exemplo: Aqueles Ite Missa est, do P. Espiña, seguidos dun saúdo, dun pequeno coloquio, dunha despedida cordial e próxima, enchían a alma. A alma con sede é insaciable, e iso é bo, ¡mesmo apostólico!
Xa sei que hai poucos sacerdotes, así que teñen présa, que os esperan na seguinte igrexa, e na outra, e na outra..., pero algún fregués quedaría saciado, agradecido, se as Misas rematasen, como ocorre nas conferencias científicas, con un explicativo “Rogos e preguntas”. Temos o Evanxeo, e a continuación, xeralmente, a homilía. ¡Xa; pero...; o pero está precisamente nos que estiveron atentos, que lles pode quedar unha sede atroz por darlle outro sorbo ao tema!
-Doutor, a receita xa ma deu, pero, por se non entendo o prospecto, vostede, que é un experto, explíqueme as dúbidas...
¡O Evanxeo explícase por si mesmo! Si, conforme, pero 5 ou 10 minutos, despois da Misa por suposto, igual poden servir para afianzamentos, para clarificacións persoais, de prospecto para aplicar o tratamento receitado. A homilía cortada en seco, ou cos micrófonos baixos, ou cunha audiencia pouco catequizada, pode resultar un tanto seca, e incluso ditatorial.
Volvamos a vista atrás: O vello catecismo, aquel do padre Gaspar Astete, dicía aquilo, tan oportuno, de que, “Doctores tiene la Santa Madre Iglesia que os sabrán responder”. ¡Pois iso! Os nenos tiñan, e seguen tendo, na súa Catequese, se non doutores si iniciados que lles aclaran as dúbidas, as interpretacións. Saímos do Catecismo e pasamos á Homilía preceptiva: ¿Quen, como, e cando, se nos explican as dúbidas, quen nos apaga a sede adicional, suscitada precisamente polo trago anterior? Se estou acertado, nalgún Concilio tratarase o tema, e igual deciden, os Doutores, claro, poñerlles ás Misas un minuto de explicación post para os..., para os indocumentados!
-.-


Da Torre de Babel aos rañaceos do XX






A cousa, -din que-, comezou coa multiplicación das linguas; ten lóxica, pero a idea de vivir cerca do ceo foi a máis, así que da multiplicación das linguas pasamos á multiplicación das ideas, e con isto caemos na multiplicación das torres. ¡Coidado que somos pretensiosos!
O de entenderse non é doado. Xa o dixo Juan da Valeyra, “Todos somos galegos e non nos entendemos!”. Pero non é exacto: O que son, somos, coa miña excepción, é filósofos, que por iso discutimos en busca da verdade. Tan filósofos que por veces pecamos de incrédulos; así temos o caso do señor Sant Iago que, farto de que lle dixesen: “-Déixemo pensar”. Ou: “-Teño que consultalo coa muller”. Ou: “-Todo iso é tan milagroso, que lle agradecería me dea probas...” Decidiu volver á Terra Santa, para consultar con Pedro aqueles problemas. Daquela os mellores barcos ían e viñan de Tarragona, da Tarraco Nova..., pero, ao chegar á Caesar Augusta, parouse a contemplar os pilares daquel templo maxestoso, que estaba en construción. Ao mirar para unha columna decatouse de que lle falaba, desde o alto, nada menos que a Virxe María: “-Pero, Santiaguiño, como lles fas este desplante aos nosos galegos, tan filósofos eles que de fariseos non teñen nada?” Sanct Iago, apeouse do cabalo, e posto de xeonllos diante do mesmo pilar prometeulle á Virxe non só retoma-la predicación senón, e tamén, esperar pola resurrección da carne medio a medio de Galicia.
Os baturros presumen da súa Virxe, pero o caso é que esa aparición foi de Corredentora..., para nós, que por algo nos gusta vivir cerca do ceo, en forma columnar!
-.-




Iso non vai comigo!

¡Pois si que vai, que non pasa cousa algunha neste mundo tan globalizado que, para ben ou para mal, moito ou pouco, non deixe de afectarnos; así, se o que fan outros, en particular os do noso entorno, me afectada, daquela, en reciprocidade, o que fago eu tamén afecta aos demais!
Se un bo / ou un mal día, sae Trump trasladando a súa embaixada para Xerusalén, declarándoa capital dos xudeus, revolucionará, alporizará, ao mundo musulmán, ¡tantos que son, machistas que son, e por tanto, especialistas na proliferación! ¿É xusto este desprazamento, este recoñecemento? Sería discutible pois na Historia está o deicidio xudeu, orixe e causa de tantas controversias, mais, de presente, había / gozabamos dun equilibrio de paz relativa, que a saber que consecuencias nos trae, ao mundo enteiro, esa decisión unilateral e unipersoal. (Unipersoal, exactamente, non, pois compracer aos xudeus pode ser moi rendible para os ricos da USA).
Por moito que se fale deste tema, da transcendencia dos feitos individuais, nunca será abondo, dada a fraqueza humana. Se queremos velo claro tiremos unha pedra nun depósito de auga estancada: ¿verdade que fabricaríamos unha serie de ondas concéntricas? ¡Pois, aí o temos! Daquela esforcémonos por irradiar exemplaridades, bondades, fe no deus auténtico, no Único, tratando, á vez, na medida das nosas forzas, de paralizar, de neutralizar, as pedradas de Satanás.
-.-


O Ceo empézase a gozar na terra, pero coa conciencia limpa.

Tamén gozan os outros..., diabolicamente, que non é o mesmo. Gozar honestamente é unha boa ximnasia; boa para o corpo, pero tamén para a alma.
Éxtase = Estado da alma caracterizado por certa unión mística con Deus e a suspensión maior ou menor do exercicio dos sentidos.
Tiven que ir ao dicionario porque esta sensación, que debe ser propiedade dos santos, nunca a sentín. O que si tiven, nalgunha ocasión, a Deus grazas, foi a resignación de acoller os sufrimentos dos que gocei / padecín como ofrenda ao Altísimo por irme sacando de certas fochas que, inicialmente, parecían tétricas.
Xa que entrei no dicionario: Da resignación din que é a actitude de ánimo de quen acepta ou asume algún suceso adverso, etc., e logo que a aceptación asóciase a un entendemento do que se parte para cambiar, alguén ou algo. A estes efectos a solución que mellor me resultou, advertido desde neno por miña madriña, foi a de encomendarme á Virxe das Dores: ¡O que Ela sufriu para Co-redimir os meus pecados, e eu, que son un pecador, bailando no aquelarre! Virxe Santísima, dáme paciencia para facer, para colleitar, algún mérito neste Val das Bágoas, pois diso non estou sobrado!


¡Aí tes a túa nai!
Superadas as traxedias e subidos de novo ao vehículo da normalidade, ben ingratos somos se non lle agradecemos a Deus o gozo de ir camiño do Ceo, achegándonos á meta que nos prometeu por medio da segunda persoa da Santísima Trindade. ¡Ata ao ladrón arrepentido, coma El crucificado, lle prometeu Cristo: “Asegúroche que hoxe estarás comigo no paraíso”. (Lucas, 23. 43). ¡Isto non é esperanza; isto é seguridade, vindo de quen viñan aquelas promesas!
-.-


Axudar ao próximo

Falando de facer méritos: ¡Campo e oportunidades temos, así que é cousa de aproveitar este transo térreo!
O meu modelo é, ten que ser, debe ser, a Verónica. Pedro ía para Papa, pero a Verónica foi a primeira misioneira da Igrexa, a primeira persoa que predicou co exemplo. ¡Así llo premiou Cristo, xa en vida, dedicándolle a súa foto!

Eu creo na Verónica, por máis que o machismo da época non recollese a súa intervención, pero..., ¡seguro que a houbo! As mulleres, desautorizadas pola Avoa, por Eva, pero levadas polo seu instinto maternal, sempre fixeron por lavar a súa honra, sempre foron misericordia pura. Tanto que admiraban a Xesús as súas paisanas, ¿como non ían sufrir cos seus sufrimentos, como non se ían doer do Mestre, como no ían limparlle, con piedade, os seus ollos desencaixados polas malicias e pola incomprensión xudía?
En cambio, os homes ben que se ocuparon dos homes, que ata subiron á Historia a un labrego de Cirene, que casualmente volvía da leira, (Mateo, 27: 32), “Ó saíren atoparon un home de Cirene, chamado Simón; e obrigárono a leva-la cruz de Xesús”. (Máis ben foi axudarlle a levala). O da leira dino Marcos, en 15: 21, e tamén Lucas, en 23: 26.
¿Onde estou, a cal teño imitado? Señor, perdón, mea culpa, pois, e non só no de labrego, senón e tamén, en cargar coas cruces, ¡porque me conviña, ou porque non puiden evitalas!, ao Cireneo quen o imitou fun eu! No sucesivo, no que me quede, permíteme pasar ao lado da Verónica, darlle o meu voto, imitala niso de apiadarse dos teus sufrimentos, ¡meus en definitiva! ¡Ai Verónica, Verónica, bendita sexas, pois, ademais da túa obra divina, o exemplo que nos deches é impagable! ¡Que Deus cho pague, que xa o ten feito, como demostrado queda!
Nesta vida danche cruces por calquera cousa, ¡eu teño unhas cantas!, pero a Gran Cruz pola que suspiro, a Gran Cruz que espero da túa benevolencia, Señor, é a de imitarte, a de seguirte: Ti, Camiño do Calvario, realizando a miña Redención; eu, un labrego, outro, que volve da horta, contemplando impasible o teu Viacrucis, mais espero, e desexo, cambiar de actitude, contribuír no sucesivo a secar as bágoas do próximo, tanto como alcance o meu pano, que é máis pequeniño có da Verónica, pero..., polo menos imitareina!
-.-

O problema da transmisión

Esta é a miña, e por tanto, persoal, reflexión; daquela, que ninguén me tome en serio xa que non son teólogo. Sei que existo porque penso, pero, ¿saberei pensar posto e suposto que o único que fago, ¡que facía!, ben feito, eran as zocas?
Penso, e por tanto digo: ¿Onde está a alma? No propio corpo, que é o seu portador transitorio, séxase, neste, e durante este, tránsito terreal!
A outra pregunta que me fago é a seguinte: ¿O Adán e maila Eva, cando tiveron os fillos, antes ou despois da súa terrible, e por tanto punible, soberbia, aquela que lles inculcou Lucifer, aquela sublevación, consentida, aceptada, contra o Ser Supremo, seu Creador? Para min está claro, isto si: pecaron antes de te-los fillos, que aí está o misterio desa maldita herdanza. ¡Tiveron os fillos despois de enxurradas as súas almas!
Lanzados do Paraíso, perdidas as súas facultades inmunolóxicas, tanto do corpo como das almas respectivas, entregáronse á paixón, e..., ¡xeraron! Daquela, onde tiñan as almas? ¡No seu corpo, por suposto, así que, ao unilos, coa semente traspasaron alma e corpo, unha semente, un gaxo das dúas cousas, e como ambos pecaran, como ambos desertaran..., ¡co seu ADN xeraron pecadores!
Daquela as almas non as recibimos ao nacer exterior senón que se inician, acompañan, na nacenza auténtica, na formación interior, que é a verdadeira nacenza do ser, pois iso de saír ao exterior é simplemente unha emancipación nutritiva; de formados, de conformados, xa robustos, sóbranos o cordón umbilical!
Efectuada esta transmisión, esta conxunta, perfecta, completa, alma e corpo, hai que deducir que tódolos métodos que non sirvan para evitar un encontro dos espermatozoides cos óvulos, é criminal: ¡Matamos un novo ser; un ser vivo, feito, xa feito, con toda a herdanza recibida, aínda que non fale, aínda que non respire polos seus pulmóns! ¡Invisible, pero, todo un drama; un drama que lle pasa inadvertido á humanidade, mais non a Deus!
A Virxe María, concibida sen pecado orixinal... ¡Claro e rotundo, pois Deus non ía xerar un Fillo nunha muller pecadenta, impura! Aquí cabe preguntarse: ¿Non lle viría xa de súa nai, de Santa Ana, que a concibise por obra e graza do Espírito Santo, e non de Xoaquín, outro San Xosé? Non precisamos sabelo, pois, para salvarnos, chéganos con cumprir a vontade de Deus. ¡Fagámolo, e non nos pasemos, como fixo Eva, Eva e mailo seu Adán, mal aconsellados, e eles, obedientes ao inimigo malo, a ese inimigo promotor da soberbia e dos malos pensamentos! ¡Vade retro, Satana! (Marcos 8, 33)
-.-

As comunicacións:
De Deus comigo, e miñas con Deus. As ganas de romper os silencios.


Que Deus se comunica comigo, ¡de mil maneiras!, téñoo ben sabido, ben experimentado; pola miña parte, maiormente cando estou no campo, na súa soidade, daquela séntoo moi cerca e fálolle; trato de facelo co corazón na man!
Nas cousas que me levan pasado, en especial nos perigos dos que fun saíndo dun xeito visiblemente milagroso, sentín que Deus estaba cerca, que tiraba de min para sacarme dos abatementos; faloume en silencio, pero, faloume!
Pola miña parte, salvo cando me chamou para o convento de Herbón, e non fun, no resto, fose polo día ou pola noite, e por veces, ¡moitas!, con moito atraso, sempre procurei acordarme de darlle as grazas; abusando de confianza, iso si, porque sempre lle chamei de Ti, mentres usaba o vostede, incluso, para os inimigos.
¿Fun unha excepción? ¡En absoluto, pois Deus é tan bo compañeiro que incluso lles fala a eses que din ser, e proclamarse, ateos! Os seus “Cave ne cadas” non son en latín senón na lingua de cada quen, sexa ou non cristián.
Outro tema, outra circunstancia, son as conversacións restrinxidas, breves ou inexistentes, con todos aqueles que me deron o seu afecto ao longo dos anos. ¡Ai, Deus, que ganas levo de falar cos meus, coa miña xente, tanto cos parentes como cos amigos! ¿Darasme esa oportunidade? Cada vez que preguntei a algún teólogo se se fala no Ceo, ademais de loar a Deus, a súa resposta foi lacónica: “Aló non temos lingua, pero si comunicación espiritual”.
A mecánica neste caso é o de menos, non importa; o que si me importa é poder comunicarlles canto os quixen, canto os admirei, canto deles me lembro; e á vez pedirlles perdón pola pouca atención prestada xa que se me ían os ollos para as belezas térreas, fosen mulleres ou flores.
Se é posible esa comunicación, como xa están santificados espero o seu perdón..., se é que non esgotei aquela cota das setenta veces sete!
-.-

¿Por que non participamos nas Catequese de Adultos?


Cando Xesús chama á nosa porta, ¿por que non lle abrimos?

Con respecto ás Catequeses dos adultos, Roma tennos dito que, ao dalas, as informacións deben ser sempre exactas e actualizadas; que os argumentos teñan unha concatenación lóxica, e que o discurso faga referencia, tamén, aos datos da experiencia, da cultura e da ciencia, que son moi significativos nos tempos actuais. Que a Catequese dos adultos terá un éxito meirande se se presenta aberta ao encontro entre fe, cultura e ciencia, para unha mutua integración, respectuosa das competencias recíprocas. ¡En definitiva, sabendo o que se fai, e facendo o que se di!
A nosa vida en Cristo. (Carta de Paulo aos Romanos, 12, 1-2). “Rógovos, irmáns, pola misericordia de Deus, que ofrezáde-los vosos corpos como sacrificio vivo, santo, grato a Deus: como o voso culto espiritual. E non vos instaledes no mundo presente. Transformádevos, máis ben, pola renovación da mente, para que poidades coñecer cal é a vontade de Deus: o bo, o que lle agrada, o perfecto”.
A renovación da mente, xa que logo, ten que ser, debe ser, unha disciplina continua e progresiva. Tras das carreiras, o máster; e a continuación, manterse ao día; pois en relixión, o mesmo, e non quedarse coa elementalidade infantil, coa da catequese infantil.
Hoxe as ciencias adiantan que é unha barbaridade..., dixeron en “La verbena de la Paloma”, (música de Bretón e libreto de Ricardo de la Vega). Isto, que é verdade, que adiantan en progresión xeométrica, trae consigo unha esixencia, a de afondar na teoloxía para enfrontarnos ás desviacións dos científicos, pois con tal de descubrir unha formuliña, un remedio, endiósanse, súbense aos cangos, e téñense por deuses, eles, en completo ateísmo. ¡Atérrame, preocúpame, este desequilibrio entre relixión e ciencia!
Daquela, que piden, ou más exactamente, que esixen os niveis da cultura actual? ¡Apostolado, simplemente apostolado! E para discutir cos sabios, ou que por tal se teñen, non hai outra que avanzar pola teoloxía, superar aquel catecismo escolar. Que xa temos as homilías? ¡Si, pero iso só vale, só forma, aos que van á Misa!
Señor Santiago, non permitas que a nosa Gallaecia volva a ser terra de misión..., co traballo que che deu convencer aos nosos entregos!


Santiago ante a Virxe do Pilar
-.-

É moi san pasar polo quirófano... , para os corpos, pero tamén para as almas! Iso pensaba eu, daquela, en “Junio do ano 2014”, cando dediquei, e subín ao meu blog, un libro así titulado,

Dedicado ao Dr. D. Javier Rodríguez-Rivera García, urólogo,

emperrado en extirpar os pólipos da miña vexiga,
pero eses condenados, eses “fénix”,
de cando en vez renacen das súas cinsas.

Moi agradecido,


Xosé María Gómez Vilabella

pero esta semana, que volvín a pasar por outro dos quirófanos de don Javier, tiven a sorpresa de que, por tras da cruz, tamén pode andar o diabro. Por se a alguén lle serve de escarmento, vouno referir ao pé da letra:
Separadas as dúas camas por esa colgadura, ou saba, branquísima, pero que non impide a clara audición dos lamentos respectivos, propios das circunstancias, outro operado... Varón, por suposto, xa que lle vira as barbas cando me levaron á, para min, bendita habitación 208. O tal ¿señor? falaba, ou discutía, que diso non estou certo, cunha señora, que polo ton da súa voz xa debía estar entrada en anos. A operación do encamado non debeu ser moi dolorosa xa que falaba forte, levando naquela conversa o que se di, o que se entende, por “a voz cantante”.
Eu, servidor, na miña convalecencia, tiña as orellas tan desexosas daquel silencio que tiñamos no deserto do Sáhara, ¿seguirá habéndoo?, que prefería deitarme nunha duna areosa que naquela cama de brando colchón. O meu fillo, na súa incómoda sela dos acompañantes, a tal momento estaría durmido xa que lle oía un respirar profundo, pero eu..., de Morfeo nin os brazos, para canto máis os abrazos! O veciño, que non paraba, fosen explicacións ou improperios. ¡Tres ou catro veces invocou a Deus, pero... para ofendelo!
Se chego a ter forzas, ou forza de vontade, ou as dúas, o que me apetecía era berrarlle:
-¡Oia, veciño, que para iso de “cagarse” xa temos a saba de debaixo!
O meu escándalo tamén tiña / tivo moito de sorpresa, con medio século de distancia, pois aquel tipo de blasfemia, ¡a Deus grazas!, non volvera a oílo desde a miña infancia, na miña remota aldeíña, e para iso só, tan só, a catro incultos, ou rebeldes, pois as dúas cualificacións merecerían, asemade.
En paralelo, outro pecado meu, dos de omisión, pero..., ¡seguín calado! Tan só ao día seguinte, cando me deron a “alta”, e como fórmula de despedida, díxenlle:
-Quede con Deus, e que tamén El vaia comigo, para que non teñamos que vernos de novo..., nunha habitación destas! (Disimulei).
El, por toda resposta:
-¡Adeus, señor!
Daquela estiven a punto de dicirlle:
-¿Vostede sabe o que significa iso de “Adeus”? ¡Pois élle..., “A Deus te encomendo, e que El te acompañe”!
Outra vez covarde. E logo din que “é máis doado predicar que dar trigo”! Estou cambiando de opinión pois, a tal momento, custaríame menos esforzo, se trigo tivese, darlle unha fanega, que botarlle un predicote ao tal veciño.
Por se a presente vale de predicote..., ¡ata o Ceo, amigos!

Xosé María Gómez Vilabella
-.-


Hermanos, morir habemus.


Xa o sabemos, pero..., Señor, dáme un pouco máis de purgatorio neste mundo, aquí na terra, que lle teño medo ao outro!
Falando da morte; tomándoa en serio: A partir da paixón, morte e resurrección de Cristo, este vocábulo perdeu o seu significado; agora deberamos chamarlle Vida, ¡a vida con maiúsculas!
Matinando en como será a entrada no Ceo, ¡a entrada na vida eterna, na pura, na perfecta, na indolora!, coido que son capaz de formarme unha imaxe mental lembrando aqueles gozos meus de cando volvía á casa paterna despois das miñas ausencias: ¡Deus, que goce, aquelas apertas, cos pais, cos avós, cos amigos, cos veciños, cos carballos da nosa carballeira...! Pois entrar no Ceo ten que ser algo parecido: ¡Volvemos, tornamos, ao Paraíso, do que nos botaron aquelas miserias, aquelas tentacións; volvemos á Casa de Deus!
¿Os espíritos, as almas, abrázanse? ¡Espiritualmente, si! Daquela, quen estará na porta agardando pola miña chamada? Espero que mos presente o meu “chofer”, o meu Anxo da Garda, ao que lle pido, desde xa, que toque a bucina ao pasar pola Aduana de San Pedro para que se decaten da nosa chegada, para que saian a esperarme, de ser posible todos aqueles polos que teño rezado, ¡xa que creo na Comuñón dos Santos!
Arriba si que se cumprirá, á perfección, aquel indicativo do Mestre: ”Coñecerédelos polos seus froitos”. Alí só estarán os bos, os purgados, así que cabe esperar que brillen coma o sol, ¡ou máis! ¡Deus, que día de goce me espera..., con tal de que suba lavado, perdoado!
-.-

¡Abracemos, irmandemos, o Oriente co Occidente, e o Norte co Sur!


 
Xosé María Gómez Vilabella