jueves, 6 de noviembre de 2008

VAN CAMIÑO DE XERUSALÉN


.

Van Camiño de Xerusalén.
¿E nós, qué?


Xosé María Gómez Vilabella

VOLVENDO AO REGO, VOLVENDO AO CAMIÑO.




Cando nos poñemos a andar, cando facemos Camiño, tal que cara a Compostela, mesmo cando pasamos por Castroverde, os ollos, obviamente, van cara a diante; ¡impórtanos ir, impórtanos chegar! Pero pode ocorrer que nos esquezamos de que o Camiño que estamos facendo non é precisamente o da ida senón o da volta.

¿Da volta? ¡Si, da volta, tal que desde Zaragoza! Lembremos que o señor Santiago, Sancti Jacobi, arraigou na Gallaecia despois, e grazas, ao seu retorno. De aquí foise decepcionado. Non aguantou aquilo de “Xa veremos”, “Teño que consultalo coa ama”, “Agarde que o pense”, “Mañá falaremos!, “¡Vaia un Deus que se deixou crucificar polos romanos; sequera aquí, no Medullius, envelenámonos antes que entregarnos!”. Aqueles celtiñas, escarmentados dos romanos, perderan a fe no descoñecido.

O Fillo do Trono non era o axeitado para a Gallaecia: Impulsivo, urxente..., Fillo do Trono! ¿Ou si? ¡Por algo San Pedro o mandara á Finis Terrae: Facía falta un Jacobi para atreverse co ignoto, co remoto, tan recentes que estaban aquelas, belicosas, conquistas. Non é posible que se asustase, pero si que se desanimase á vista do trasacordo galaico. Un bo día, ¡si, si, un bo día!, pola vía romana do Norte, co seu cabalo branco, ¿sempre o tivo así?, púxose en ruta para Tarraco; en Tarraco embarcaría, retornado, para Roma...

¡Ah, pero saíulle ao Camiño nada menos que María, upada nunha columna daquela Seo en construción, na Caesar augusta!

-Santiaguiño, parece mentira en ti, tan bos que son eses galaicos; ¡desanda o Camiño, que vale a pena!

¡E desandouno! Así que agora, cando imos, cando van, a Santiago, non van, non vamos: Volven, volvemos! Pasa moito na vida, que por veces andamos, facemos, camiño, e noutras desandámolo.

Xosé María Gómez Vilabella
-.-


No cruceiro da Vacariza

Xa que falei de Santiago e aludín ao camiño Castroverde, invítovos a que tamén leades isto que dixen diante do cruceiro da Vacariza, axudando, colaborando, na restauración do Camiño Antigo:



O día 20.06.1993
agardando pola comitiva – representación
de Afonso II

Ben queridos amigos, coido que sobra comentar este acto, non só preñado de simbolismo senón, e tamén, de realidades, pero os organizadores dixéronme que vos dea, que nos deamos, os bos días neste punto, como preludio da representación que teremos aí abaixo, en Vilabade, así que, aquí estou, feito un Pedro Madruga pois da Coruña veño.

Aquí, neste paso da Vacariza, neste paso de vacar, de repousar, de repoñer monturas, tantas cousas pasaron que non habería longametraxe que as recollese en película. Pero da man dos historiadores é doado remontarnos ao celtismo, que por aquí, mesmo onde nós estamos, camiño natural onde os haxa, camiñaron e  camiñaron aqueles celtas que, desde o Briteiros de Portugal, polo menos desde Briteiros, intercambiaban cultura e tradicións cos seus parentes do castro de Coaña, nese casarío de Xarrius, arriba da Navia de Luarca; desde aquí onde estamos a tal momento, chegaron ao Navia, ao río, e pola súa marxe esquerda baixaban ata os confíns das terras ástures. Non é que non houbese celtiñas máis aló, máis contra o Oriente, pero a súa concentración poboacional, como é sabido, estaba desta parte.

Chegaron aqueles romanos do saco, ¡do saco ao lombo dos escravos!, que viñeran loitar cos púnicos, pola parte de Levante, pero tanto levantaron que, de postos no terreo ibérico, dixéronse: ¡Oes, e se nos désemos unha voltiña pola Gallaecia, que todo por alí seica hai riquezas, o demo delas, e como temos tantos parasitos en Roma, non estaría mal levarlles, nestes sacos, canto de bo, canto reluza, ouro incluído, do que teñen eses fisterráns! Dito e feito, pero custoulles caro xa que por aquí estaban, entre outros, os da Meda, aqueles do Medullius, que preferiron morrer envelenados co zume dos seus teixos antes que rendérselles. Tanto medo lles colleron aquelas lexións aos nativos destas terras, que se pecharon aí no Lukus, arrodeando o campamento con esa muralla que custou milleiros de vidas, vidas de escravos, por suposto, para darlle remate. ¿Non vos fixades que propensa é a caerse esa muralla de Lugo? Débese ás pedras, que llas asentaron en falso aqueles escravos, deixando dentro os seus propios cadáveres, pois de non ser así, cos bos canteiros que sempre tivemos neste país, ¡esa obra ía para un millón de anos!

Despois viñeron os suevos, no 409. Estendéronse todo por aquí, por esta terra de pastos. Xa sabedes que aquela xente era pacífica, e que nos trouxeron as vacas teixas. Tiveron a sorte de que os do “Club de Roma” non lles puxeron Cota láctea, así que se dedicaron a fundar lugares, un terzo dos terreos desocupados, ademais de criar marelas e cabalos.

Cando, un pouco despois, polo 712 máis ou menos, irromperon os mouros, coas cimitarras, daquela moitos dos nosos fuxiron, bispos incluídos. ¿Para onde? ¡Témolo claro: fóronse pola vía romana adiante, pola que pasa exactamente por aquí, por onde estamos pisando, para acollerse ás montañas ástures! A Historia afirmou, -escrita despois, moito despois, por aqueles aos que lles conviña proclamarse sucesores legais do trono visigótico-, que don Pelaio era descendente daqueles Reis visigodos de Toletum, cando que non, que parece máis certo, e desde logo máis realista, pensar que o tal Paio, ou Pelayo, como se lle queira chamar, era realmente o Conde de Flammoso, o noso condado, o condado dos trigos flamexantes. Da súa fracción, do que hoxe chamamos Corgo, xa sabemos que é un topónimo derivado dos seus corgos ou torrenteiras.

Vindo máis ao presente, atopámonos coas liortas dos nobres da Gallaecia occidental, que non quixeron aceptar as levas, nin as gabelas, do Rei Silo, das Asturias. Esta é outra proba de que por aquí non se admitían as morgadías de Cangas de Onís, máis tarde Ovetun, Oviedo, pois a casa matriz da reconquista éramos nós, os desta parte do país.

Aí adiante, nese Campo da Matanza, quedaron aqueles cadáveres, tan mouros, tan esturruxados, que por mouros os apuntou a tradición local, e así o estivo crendo a xente da Valeira. O feito, a pobre estratexia militar de entón, parece estar clara: Os de país, os de por acó, queimaron esas toxeiras do Cádavo, (cádavo = toxo queimado), para poñérllelo difícil aos ástures. Pelexando e pelexando, a última resistencia foi en Montecubeiro, ¡de sempre, país de resistentes! Aló na Fonte de Matahomes, da que baixa o rego dos ósos, xunto ao actual Cepomundín, Silo venceu, afianzándose a supremacía, a coroa ovetense.

Aínda estaban frescos aqueles ósos da nosa xente cando ao Rei Afonso II lle deu por honra-lo Santiago, no seu Campus Stellae, e de paso facerse cunha bandeira, outra: Na vangarda, para insuflar ánimos aos combatentes; e na retagarda, para ter controlados aos galegos, que daquela non éramos tan mansiños coma hoxe, que ningún caudillo se aventura en loitas sen atenazar primeiro a súa retagarda. Estes feitos son históricos, á marxe da súa piedade relixiosa, que non hai por que negarlla.

Púxose aquel Afonso de camiño, polo Camiño Santo, por este, pola Vía Romana, facendo a primeira das peregrinaxes da nosa Historia, a máis primitiva destas características. Así que en Oviedo mandou carga-las az-zémilas con todo o preciso para unha viaxe tan longa. Entón púxose a face-lo seu “planing”, que diríamos hoxe. ¿Por onde? Descartemos as feas: Por León nadiña, que a primeiros do IX aínda estaban os mouros do outro lado do Pajares, na terra da palla. ¡Que máis quixesen aquel mouros que interceptar a comitiva real, cargada de tesouros para a nova igrexa do Campus Stellae! Pola costa...; ben mirado, non, que entre outros obstáculos había que pasar coas cabalgaduras polos tremedais do Eo, alí nas Veigas. ¿Subir de par do Eo, pola súa marxe dereita? ¡Descartado: Peor sitio, e moito rodeo! Como a viaxe había que facela directamente a Lugo, que era onde estaba a gran urbe histórica, fortificada, digna dun Rei, a cousa era indiscutible: ¡Segui-la Vía trillada e ben coñecida, a que pasaba todo por aquí, desde Lucus Augusti á Gigia romana! Neste caso, á viceversa.

Con estas lembranzas chegamos, podemos chegar, a estas reflexións: Todos recordamos que se nos dixo, naqueles tempos da escola, que os pobos que esquecen a súa historia están obrigados a revivila, a refacela. ¿Está claro? Todo por aquí fomos caendo no esquecemento desa Historia, da propia, e agora, ás portas do século XXI, axuntámonos nesta peregrinaxe para repasa-lo noso Camiño! ¿E, como se fan os camiños? ¡Ben sabedes que só hai un xeito de facelos: camiñando!

Non podo terminar estas verbas sen facerme portavoz de todos vosoutros e pedirvos unha aclamación para todos aqueles, persoas e asociacións, que fixeron posible esta resurrección do Camiño Vello. Uns máis e outros menos, pero incluso os que nada fixeron ata hoxe, con só que estean receptivos desta recreación, algo fan, ¡ademais de gozar da paisaxe! Por eles, polos ausentes e polos presentes, un ufido, ben forte; tan forte coma os daqueles que loitaron contra do usurpador Silo. Agora temos que loitar contra os que esquecen a nosa Historia, a coa Historia, a nosa Relixión..., ¡para traelos ao rego, para traelos, para atraelos ao Camiño! ¡Veña, ufemos; forte!


Xosé María Gómez Vilabella
-.-

Uns fan o Camiño escoitando a radio, pero eu prefiro facelo lendo, repasando, a Biblia.
“Chegaron onda el uns fariseos (¡puñeteiros, sempre encordiando!) e preguntáronlle para poñelo a proba: -¿É lícito repudia-la muller por un motivo calquera? El respondeu: -¿Seica non sabedes que o Creador os fixo varón e femia desde o principio, e que dixo: “Por iso deixará o home a seu pai e mais a súa nai, unirase coa súa muller, e serán os dous unha soa carne? De xeito que xa non son dous, senón unha soa carne. Polo tanto, o que Deus xuntou, que non o separe o home”... “Asegúrovos que quen repudia a súa muller (sacado que estean malvivindo) e casa con outra, comete adulterio”.
¿Receita? ¡Escoller con tino, de parte a parte, e a partires diso, ir limando, pois ata o ferro admite as limas!
-.-

Insiste no dos nenos: “Deixade que os nenos se acheguen a min, non llelo privedes, porque deles é o Reino do Ceo”. ¡Xa, pero, como non podemos volvernos nenos, polo menos imitalos!
-.-

O perigo das riquezas, ¡o fume delas! “Entón díxolles Xesús ós seus discípulos: -Asegúrovos que lles vai ser difícil ós ricos entrar no Reino do Ceo”. Difícil non é igual que imposible, pero teñen que aprender a facer un bo uso das súas riquezas, e a xulgar polo comportamento duns cantos que eu coñezo, ¡meus pobres!, fáiselles costa arriba.
-.-

Tres veces lles anunciou o seu transo, pero eles, ao positivo, veña pedirlle enchufes para cando gañase as eleccións; así, meu Santiago, vosa nai, e cal non? “Entón achegóuselle a nai dos fillos do Zebedeo cos seus fillos, prostrándose como para pedirlle algo. El preguntoulle: -¿Que queres? Respondeu: Manda que estes dous fillos meus senten un á túa dereita e o outro á túa esquerda, no teu Reino. Respondeulle Xesús: -Non sabéde-lo que pedides. ¿Poderedes beber o cáliz que eu teño que beber? Respondéronlle: -Podemos. Xesús replicou: -O meu cáliz beberédelo; pero o de sentar á miña dereita ou á miña esquerda, iso non depende de min concedelo: é para quen meu Pai o ten preparado”. Como se celaron os outros dez, Xesús, sempre disposto a poñe-las cousas, ¡as cousas e mailas persoas!, no seu sitio, advertiulles: “Quen queira ser importante, que sirva ós demais, e quen queira se-lo primeiro, que sexa o máis servizal, porque o Fillo do Home non veu a que o sirvan, senón a servir e a entrega-la súa vida en rescate por todos”.
(Será mellor que non lean isto os políticos de hoxe en día porque..., porque lles caería a cara de vergoña!).
-.-

Despois de curar dous cegos... ¿E a min, que, que tamén desexo distinguir entre verdades e mentiras, entre virtudes e vicios, que andan por aí medio a escuras, confundidas?... despois de cura-los cegos, o Humilde, aquel Xesús do Gran Poder, entrou triunfal en Xerusalén..., nunha burra! ¡Os cabalos tíñaos, usábaos, Poncio Pilato!


¡Que grande é a grandeza de Deus,
co seu Fillo dacabalo dun burro,
e eu, que pretendo entrar no Ceo
dacabalo dos meus pecados,
feito un emperador!

“Trouxeron a burra e mailo burriño, botáronlle enriba os mantos, e Xesús montou. Moita xente estendeu os mantos no Camiño; outros cortaron polas das árbores, e estendéronas tamén no Camiño. E a xente que ía diante e mailos que o seguían gritaban: -¡Hosanna ó fillo de David! ¡Bendito o que vén no nome do Señor! ¡Hosanna no Ceo!”
Meu Deus, Ti, que por mediación do teu Fillo tantos milagres fixeches naquel tempo, se non é moito pedir, pídoche que me aceptes un ramo dos loureiros da miña finquiña..., pois quero participar activamente nesas loanzas..., agora que vén o Domingo de Ramos! Se me arrepinto, ¿verdade que aceptas o meu ramo, e co ramo, un Hosanna?
-.-

Da Paixón,
¡voluntariamente aceptada!,

non vou dicir nada, que non me atrevo nin a comentala; tan só invitarvos a este Vía Crucis, Calvario, lles chamaba meu pai, que os andaba el, en Montecubeiro, tres ou catro, ¡de memoria!, e aínda así perseguírono por “rojo”! ¡Foi a súa cruz, levada con tal resignación que nunca lle oín unha palabra que significase vinganza! ¡Deus, canto me obriga ser fillo seu! Este atopeino nun Misal, e téñolle especial devoción porque coincide rigorosamente con un dos del!


Por la señal de la Santa Cruz...
Señor mío Jesucristo, que a todos los que queremos seguirte nos invitas a tomar cada uno la cruz que tu providencia nos destina en esta vida, y a llevarla con ánimo y abnegación detrás de ti, oh buen Maestro, que para darnos ejemplo tomas tú la más pesada de todas las cruces, y caminando delante de todos, nos incitaste a seguirte con nuestras cruces: danos tu luz y tu gracia, al meditar en este Vía Crucis tus pasos, para saber y querer seguirte. Y vos, oh Madre de los Dolores, inspíranos los sentimientos de amor con que acompañaste en este Camino de amargura a vuestro divino Hijo.
I Estación. Jesús es condenado a muerte. –Señor mío Jesucristo, que quisiste ser condenado a muerte por mis pecados, para que yo fuese perdonado de ellos: te suplico que me perdones en vida mis culpas, y en el día del juicio me absuelvas de las penas eternas.
II Estación. Jesús toma la cruz. –Señor mío Jesucristo, que con tanto ánimo tomaste en tus hombros la cruz de mis pecados: te suplico me concedas resignación y ánimo para llevar por tu amor la merecida cruz de mis trabajos.
III Estación. Jesús cae por primera vez. –Señor mío Jesucristo, cuando yo caiga desfallecido y sin ánimos para cumplir con mi deber, te suplico me levantes y reanimes con tu gracia para seguir con mi cruz, cumpliendo hasta morir tu santa voluntad.
IV Estación. Jesús se encuentra con su Santísima Madre. –Señor mío Jesucristo, no sólo a ti, sino también a tu Madre, fui causa de dolor. En la calle de la amargura de mi vida, envíame el consuelo de encontrar a tu Madre; que con su presencia tendré más ánimo. Y vos, oh Virgen Dolorosa, Madre mía, perdonadme y no os apartéis jamás de mí.
V Estación. Jesús es ayudado por el Cirineo. –Señor mío Jesucristo, te suplico me des la gracia de que yo sea tu Cirineo, cooperando a la salvación de los hombres; que yo sea el Cirineo de los afligidos, pobres y necesitados, aliviando sus penas, y que tu seas nuestro Cirineo, para que perseveremos hasta el fin.
VI Estación. Jesús encuentra a la Verónica. –Señor mío Jesucristo, te suplico que grabes en mi corazón aquella imagen que dejaste a la Verónica en el lienzo con que enjugó tu rostro, para que, teniendo presente lo que sufriste por mí, me anime a sufrir por ti.
VII Estación. Jesús cae por segunda vez. –Señor mío Jesucristo, te suplico que, aunque yo caiga segunda vez, y muchas más en mi Camino, no me dejes, no me abandones caído. Ten paciencia conmigo; levántame, anímame, ayúdame, para que siga adelante, y con tu cruz, a tu lado.
VIII Estación. Jesús habla a las hijas de Jerusalén. –Señor mío Jesucristo, que a pesar de ser árbol florido y fructuoso, tan duramente fuiste castigado por mis culpas: dame tu santo amor, temor y humilde resignación para que, pues soy tronco árido y leño seco, acepte gustoso lo que tu providencia me envía, que es mucho menos de lo que merezco, sin comparación menos de lo que padeciste Tu por mí.
IX Estación. Jesús cae por tercera vez. –Señor mío Jesucristo, yo te suplico que, si es posible, me libres de las grandes tribulaciones y cruces, como la que te hizo caer tres veces; pero si tu voluntad me las da y mis pecados las exigen, auxíliame con tu gracia, y levántame en mis desmayos con tu amor.
X Estación. Jesús es despojado de sus vestidos. –Señor mío Jesucristo, te suplico me concedas gran conformidad con la pobreza, y profundo desprecio de los bienes de esta vida, de modo que, así como dejaste tus vestidos por mí, así yo me despoje al menos de lo superfluo y lujoso, por ti y por los pobres.
XI Estación. Jesús es crucificado. -Señor mío Jesucristo, aunque estás en la cruz humillado, ajusticiado, deshecho, eres mi Dios, mi Rey y mi Redentor. Como a mi Dios, te adoro con viva fe; como a mi Rey, te saludo y ofrezco cuanto poseo; como a mi Redentor, te amo con toda mi alma y te consagro todo mi corazón.
XII Estación. Jesús muere en la cruz. -Señor mío Jesucristo, que en la cruz mueres por mí: más me amaste a mí que yo a ti, pues quisiste morir por mí. Concédeme vivir y morir por ti como tú viviste y moriste por mí. Dame una buena muerte: morir en tu gracia, morir en tu amor, morir en tu voluntad, morir en tu cruz contigo.
XIII Estación. Jesús es bajado de la cruz. –Señor mío Jesucristo, muerto y deshecho por mí: yo venero tu santísimo y divino cuerpo reclinado en los brazos de tu piadosísima madre, y te suplico me concedas un vivo dolor de tanto como a ti y a tu madre os hice padecer por mis pecados, y gracia para enmendarme de todos ellos.
XIV Estación. Jesús es sepultado. –Señor mío Jesucristo, te suplico me concedas la gracia de morir de tal manera, que por haber participado de tu Pasión pueda al expirar participar de tu gloria y, en el día del juicio, de tu resurrección. Que tu cruz gobierne mi vida, y cobije mi muerte en el sepulcro.
-.-


Resucitou!
Despois destas reflexións trepidantes, volvo contigo, querido Mateo. “Pasado o sábado, (¡os tres días anunciados!), na alborada, María Magdalena e maila outra María foron visita-lo sepulcro. (¡As mulleres, sempre en vangarda apostólica, e nin así as deixan subir ao presbiterio!). Entón produciuse un gran terremoto, xa que o anxo do Señor, baixando do Ceo, removeu a lousa e sentouse enriba dela. Tiña o aspecto dun relampo e o seu vestido era branco coma a neve. Os gardas tremeron co medo, ficando coma mortos. Mais o anxo díxolles ás mulleres: (¡Ás mulleres, señores cardeais, ás mulleres!) Non teñades medo, que ben sei que buscades a Xesús o crucificado. Non está aquí, que resucitou tal e como dixera. Vinde ve-lo sitio onde estaba. E ide axiña dicirlles ós seus discípulos: (¡Aos varóns, aos da segunda Compañía, esa de Destinos, esa da retagarda!) Resucitou de entre os mortos, e vai diante de vos para Galilea; alí o veredes”. 


As tres Marías diante do sepulcro baleiro.
Se con Él morremos,
con Él vivimos,
e con Él cantamos:
aleluia.
-.-

Querido Mateo, despois de darche as grazas polo moito que nos ensinaches,
e aínda que me queda moito sen ler,
déixame pasar a Marcos,
outro cronista fiel:


Case o principio, ti tamén citas a curación da sogra de Pedro... ¡Fai o favor, baixa un momentiño, e repítelle-lo aos cardeais, pois teño a impresión de que o teñen esquecido; claro, natural, coas engurras, aos vellos encóllesenos a memoria!
-.-

Querido Marcos, non o tomes a mal, pero, en realidade de verdade, despois de lido Mateo sobrades ti, Lucas e Xoán. ¿Que por que? De ben situados na Historia, sen a menor dúbida da santidade absoluta de Cristo, palabras e milagres, todo clariño e perfecto, indubidable, certo, e por engado, marabilloso, alén das forzas humanas, quen pode vacilar en relixión, pero, de máis a máis, vosoutros tres, referendando, dando testemuño, etcétera, etcétera, ben incrédulo, ben animal diría eu, é aquel que non cre nas verdades reveladas e transmitidas coa memoria, coa presenza, do Espírito Santo!
Meu venerado Marcos, outro si che digo: ¡Que teño a impresión de que fuches o Secretario de San Pedro, pois as túas actas non deixan episodio ou milagre que non recollan, que non confirmen! Estoume fixando nas firmas: “Estes foron os doce que designou: Simón, a quen lle puxo de nome Pedro; Santiago, o fillo de Zebedeo e mailo seu irmán Xoán, ós que lles puxo de sobrenome Boanerxes, que quere dicir, fillos do Trebón; Andrés e Felipe; Bartolomeu e Mateo, Tomé e Santiago, o fillo de Alfeo, Tadeo e Simón o Zelota, e Xudas Iscariote, o traidor”.
-.-

¡Pero que letrados, ou máis ben, que iletrados, aqueles falsarios que, para non crer, para resistirse á graza, para levar a contraria, atribuían a Belcebú os milagres do Fillo do Home! Pero Xesús, sempre oportuno, sempre ocorrente, fíxolles tragar a blasfemia: “Tende por seguro que todo se lles perdoará ós homes, os pecados e cantas blasfemias digan, pero a quen blasfeme contra o Espírito Santo, nunca se lle perdoará, e cargará eternamente co seu pecado”.
-.-

Para non ser reiterativo, sáltome as parábolas e mailas curacións, coincidentes coas que cita o teu colega, Mateo, pero algunha hai que me chama especialmente a atención polo seu simbolismo, tales que:
A semente.- “... outra caeu en boa terra; naceu, creceu e chegou a dar froitos... Quen teña oídos para oír, que escoite”. ¡Outra verdade inconmensurable, que non todos, nin sempre, temos oídos para iso, para oír; orellas si, que tamén as teñen os burros, e por iso entenden o que lles convén! Daquela oíron, e agora lemos, lemos o que vosoutros os seus discípulos oístes, e oístelo porque estivestes atentos, todos, menos se acaso aquel Xudas, ¡meu pobre! ¡Que oportunidade perdeu! Pedro tirou de espada, e Xudas..., arrepentido, vomitou os trinta denarios! Algo é algo, que así, o Mestre, sempre sobrado de bondade, igual lle perdoou. ¡A min gustaríame que si, que todo se arranxase con uns aniños de purgatorio, precisamente por iso, porque sen un arrepentimento atroz aquel materialista nin tolo se suicidaría!
-.-


Sementar sementarei,
loguiño de clarear,
en tanto no pobo medre
un meniño, un vello e un cantar,

que tamén o di a nosa cantiga. O sementador sementa a Palabra. Os do camiño son aqueles nos que se sementa a palabra, pero cando a escoitan vén Satanás e arrepúñallela. (Son os do camiño equivocado, o “camiño” con minúsculas). Da mesma maneira son aqueles que de seguida reciben a semente con alegría, pero pásalle-lo mesmo do que á sementada entre pedras: por non teren raíces e seren inconstantes, mal veñen as dificultades ou a persecución por causa da Palabra, de seguida abandonan. A outros pásalles coma á semente caída entre as silvas: si escoitan a Palabra, pero moi axiña as preocupacións do mundo, o engano das riquezas e mailas ambicións, asolágana, afógana, e queda sen froito. Pero os que son coma a boa terra, escóitana, acóllena e dan moito froito”.

¿Que mestre dos nosos, nos nosos días, sería capaz de explicalo mellor? ¡Non coñezo a ningún, e fun a non sei cantas escolas, e non só á primaria! O problema debe estar na miña silveira...
-.-



¡E volve a sementar; non se cansa! “-¿Con que compararemos o Reino de Deus? É coma o gran de mostaza, que cando se sementa na terra é a máis miúda de tódalas sementes. Pero despois de sementala, medra ata se-la maior de tódalas hortalizas, chegando a botar unhas polas tan grandes que na súa sombra poden vir aniñar os paxaros”. ¡Os que logo nos cansamos de oír somos os cristiáns, que adoitamos saír da igrexa a cen, antes incluso de que se retire o Celebrante..., non sexa o diabro que se acabe o viño da taberna!
-.-



“... Cando chegou o sábado, empezou a ensinalos na sinagoga. E moita da xente que o escoitaba dicía abraiada: -¿De onde lle veñen a este todas esas cousas? ¿Que sabedoría é esa que lle ensinaron, e como pode facer tantos milagres pola súa man? ¿Non é este o carpinteiro, fillo de María e irmán de Santiago, Xosé, Xudas e mais Simón, e as súas irmás non viven aquí connosco?”

Hai que insistir, para os retorcidos: Naquela época o concepto de fraternidade abarcaba aos parentes máis próximos, tal que aos primos, e non no sentido estrito e limitativo actual; pero aínda hoxe se segue nas Ordes Relixiosas, frei, frai, irmá, etc.

“Estaban realmente escandalizados. Pero Xesús díxolles: -Non hai profeta máis desprezado que na súa terra, na súa casa, ou entre os seus parentes”. ¡Outra verdade, que aínda se cumpre hoxe, e van XX séculos de escola!
-.-



A transfiguración. Todo o Evanxeo, os catro, a pouco que reflexionemos en cada un dos seus cadros, é unha revolución, o nunca visto; esperado, si, xa que o Mesías estaba anunciado, pero non resultou segundo imaxinaban, ¡unha especie de Emperador! O que lles veu / o que nos veu foi..., o propio Deus, desdobrado! É ben propia de Pedro aquela capitanía: “-¡Mestre, que ben estamos aquí! (É non ían estar: entraran no Ceo sen saír da terra!). “Imos facer tres tendas...” Non llo aceptaron, obviamente porque, “Tan asustado, (tan impresionado), estaba, que non sabía o que dicía. E unha nube cubriunos coa súa sombra, mentres saía dela unha voz: (¡Outra vez, coma no Bautizo!). –Este é o meu Fillo ben querido, escoitádeo!”.

¡Aí estaba o detalle, que o escoitaban pouco; a súa admiración era superficial: curaba enfermos, abría ollos, filosofaba coma ningún grego, pero..., nin con esas! Calquera de nós, incluso os de mellor vontade, ante tantas ofensas e tanta indiferenza dos homes, mulleres incluídas, houbese desequilibrado a terra para que chocase contra o sol, a ver se así deixaban / deixabamos de amolar, de ofender, de teimar. ¡A paciencia de Deus, como todo nel, é admirable!
-.-



Na entrada de Xerusalén aproximáronse, pero só iso: “¡Hosanna! (Iavé salva) ¡Bendito o que vén no nome do Señor!” ¡Cerca, cerca, pero só iso: Non veu no nome do Señor, non era un apoderado ao uso, senón o propio Deus, a Segunda Persoa da Santísima Trindade, encarnada nunha Virxe! Se cadra algún daqueles xa berraba ao día seguinte: ¡Crucifícale, crucifícale! ¡Somos así, unha raza de traidores, co noso e polo noso libre albedrío, na nosa soberbia adictos a Lucifer, ao Gran Traidor; así que lle damos que tecer ao propio Deus!
-.-
Os tendeiros do templo. Sempre os houbo, pero os posteriores non o foron por culpa da Igrexa senón por algún que outro explotador dela; hoxe os controis sociais fano máis difícil. “Chegaron a Xerusalén, e, entrando no templo, empezou a botar de alí os tendeiros e compradores (¡ollo, que non só botou aos tendeiros!) derrubando as mesas dos cambistas e os postos dos vendedores de pombas. E non permitía que ninguén pasase polo templo carrexando cousas. Púxose a ensinar, dicindo: -¿Non está escrito: “a miña casa será casa de oración para tódolos pobos” Pois vós convertédela en cova de bandidos. Ó que o souberon, os sumos sacerdotes e mailos letrados, buscaban o xeito de acabar con el, pois tíñanlle moito medo, porque todo o mundo estaba admirado de canto ensinaba. E á tardiña saíu da cidade”.


¡Aínda non chegara o momento de entregarse, de deixarse entregar, pero a revolución estaba en marcha. Faltaba o principal: instituír a Eucaristía!

Lembremos: A purificación do templo esperábase que a fixese o Mesías. Xesús dá cumprimento pleno, como en tantas outras cousas, aos anuncios proféticos; neste caso Zac. 14, 20-21. 
-.-
Capítulo impresionante, nos tres, nos sinópticos, ¿e cal, non?, tamén foi este no que tratan da autoridade de Xesús:
“Chegaron de novo a Xerusalén, e mentres andaba polo templo, foron onda el os sumos sacerdotes, letrados e senadores, e preguntáronlle: ¿Con que autoridade fas estas cousas? ¿Quen che deu tal autoridade? Xesús respondeulles: Vouvos facer unha pregunta nada máis; respondédema e logo dígovos eu con que autoridade fago estas cousas. O Bautismo de Xoán, ¿era cousa de Deus ou dos homes? Veña, ide respondendo. Eles razoaban entre si, dicindo: “Se respondemos ´de Deus´, vainos preguntar: ´e daquela ¿por que non crestes no que dicía?´ ¿Responderemos entón: “dos homes”?”. Pero tiñan que andar con moito tino co pobo, que consideraba profeta a Xoán! (¡Pillados nas súas picardías, pois na “oposición” só tiñan un, pero..., nada menos que o Fillo de Deus! Así, pillados en renuncio, contestáronlle a Xesús, evasivamente: “-Non sabemos”. Xesús devolveulles a pelota: “-Pois eu tampouco vos vou dicir con que autoridade fago estas cousas”. (Se puidésemos entrar na súa sabedoría, quizás descubriríamos que, en verbas de hoxe en día, o que lles estaba dicindo é que, que se fosen á porra, que non merecían o seu ensino!).
-.-

A parábola da viña é excelente; como todas, por suposto; pero esta ten un algo que nos vén como anel ao dedo, así que non vou ser tan egoísta como para sobala: Íde directamente a Marcos, 12, 1-12; ou a Mateo, 21, 23-46; ou a Lucas, 20, 9-19; e botádelle o seu tempo, pois convén lela, relela, e meditala.
-.-

Igrexa / Estado. ¡Que pillines aqueles fariseos, e con eles os herodianos, pero non sabían con quen se metían, que lles daba leccións en todo, incluso en cidadanía! ¡E logo hai quen ousa dicir que Xesús debera vir antes! ¡Ai si, ho, cando o pobo elixido, preparado polos Profetas, aínda estaba así de verde, que se podía mellorar anticipándose? ¡Sería como ensinar a ler a un neno de teta; primeiro de palabra, e despois por escrito..., cando a escritura permitiu deixar constancia para a posterioridade, e aínda así, nin apalpando as verdades aramos dereito!
“Mandáronlle algúns fariseos e herodianos, para pillalo nalgunha pregunta. Ó que chegaron onda el, preguntáronlle: -Mestre, sabemos que es sincero, e non andas con miramentos, porque ti non te deixas levar polos respectos humanos, senón que ensina-lo verdadeiro camiño de Deus. ¿Está permitido pagarlle a contribución ó César, ou non? ¿Pagámoslla, ou non lla pagamos? Xesús, decatándose da súa hipocrisía, contestoulles: -¿Por que me queredes comprometer? A ver, traédeme un denario para que o vexa. E leváronllo, e el preguntoulles: -¿De quen é esta imaxe e de quen fala esta inscrición? Contestáronlle: -É do César. Xesús replicoulles: -Pois logo dádelle ó César o do César, e a Deus o de Deus. Ficaron pasmados”.
Agora pregunto eu: ¿Deus, como poderá haber xente, pobos enteiros, que, despois de coñecido e divulgado o cristianismo sigan aferrados a unha serie de absurdos e de contradicións; de boa fe, si, douno por suposto, pero, aferrados, asidos con ferros? ¡A culpa é nosa por non ter explicado, explicado e aplicado, con xeito, o Evanxeo de Cristo! ¡Tal parece que nos apetece reter a exclusiva da verdade; pois non, que ese non é o Camiño, afellas que non; verdade que non, meu Señor Santiago? Agora que o digo, un comentario: ¡Ai que ver o ben que se leva o clero de Santiago con eses césares da Xunta!
-.-

¿O principal mandamento? ¡Esta si que é a pregunta do millón! “Un letrado, ..., (letrado, reviravoltas tiña que ser!), preguntoulle: ¿Cal é o máis importante de tódolos mandamentos? Xesús respondeulle: -O primeiro é: “Escoita, Israel: o Señor é o noso Deus, o Señor é único, e amarás ó Señor, ó teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma, con todo o teu entendemento e con tódalas túas forzas. O segundo é, Amarás ó teu próximo coma a ti mesmo”. Non hai mandamentos máis importantes cá estes”. ¡Está claro, pois os outros son desenrolo, consecuencia, destes dous! Pero non remata aquí a escena pois o letrado (¡mal letrado é o que non duplica ou replica!), insistiu: “Moi ben, Mestre, estás no certo cando dis que é único e non hai outro fóra del; e que amalo con todo o corazón, con todo o entendemento e con tódalas forzas, e ó próximo coma un mesmo, é máis importante do que tódolos sacrificios e holocaustos. Xesús, vendo que respondera con moito tino, díxolle: -Non estás lonxe do Reino de Deus. E ninguén se atreveu a facerlle máis preguntas”. ¿Para que, digo eu, pois naquela resposta ían tódalas preguntas e tódalas respostas do cristianismo; o saber non ocupa lugar, pero saber e non facer iso é mortal, sacrílego!
-.-

Os letrados ou escribas eran moi reverenciados polo pobo, e tiñan dereito ós postos de honor, pero esa superioridade tamén os inducía á picaresca. (¡Xa daquela!). “El seguía ensinando (ensinando e aconsellando, diría eu, aprendiz de teólogo!). “¡Coidado cos letrados! Gustan moito de pasearse con vestidos fachendosos (e menos mal que daquela no había Rolls-Royce!), e que lles fagan reverencias polas rúas; buscan os primeiros postos nas sinagogas e mais nos banquetes. E acábanlles cos bens ás viúvas, facéndose os piadosos. Pero serán xulgados como lles cómpre”. (Aí e nada: polo Supremo!).
-.-

Os sufrimentos. ¡Alerta, que xa veñen; veñen e van, porque son inevitables; croios do Camiño! “Estando outra vez sentado no Monte das Oliveiras, enfronte do templo, preguntáronlle á parte Pedro, Santiago, Xoán e Andrés: -Anda, dinos cando van pasar esas cousas, e como imos saber nós que todo isto vai acabar. Xesús empezoulles a dicir: -Estade atentos, para que ninguén vos extravíe. Moitos virán dicindo: “son eu”, e extraviarán a moita xente. Cando oiades falar de guerra, ou de rumores de guerra, non vos alarmedes; teñen que vir, pero aínda non será a fin. Erguerase pobo contra pobo, reino contra reino; haberá terremotos e fame en diversos lugares; será o comezo de grandes sufrimentos. Vós tede moito coidado, porque vos entregarán ós tribunais e máis ás sinagogas; zorregaranvos duro e hanvos levar ante reis e gobernadores pola miña causa; así daredes testemuño ante eles; De por parte cómpre que a Boa Nova se anuncie por todas partes. E cando vos leven para vos entregaren, non andedes agoniados polo que ides dicir; falade como vos veña a idea no momento, porque non seredes vós, senón o Espírito Santo quen fale. Haberá irmáns que entreguen aos seus irmáns á morte; pais, que entreguen aos seus fillos; fillos, que denuncien aos seus pais, ata os faceren matar. Pola miña causa seredes aborrecidos por todos, pero o que persevere ata o final, ese hase salvar!”.
Señor, polo que a nin respecta, agora que estou de Camiño, préstame o teu báculo!


-.-
A muller, “báculo da Igrexa”, e os homes facendo por arredala, pero tempos virán, volverán...! “Estando Xesús en Betania, na casa de Simón o Gafo, recostado na mesa (costume naqueles tempos) chegou unha muller con un frasco de alabastro cheo de perfume de nardo puro, moi caro; rompeu o frasco (debe estar mal traducido: será que o destapou) e unxiulle a cabeza. Algúns dos convidados comentaban indignados: -¿Pero a que vén este estrago de perfume? Podíase vender en trescentos denarios, e repartírllelos os pobres. E alporizábanse contra ela. (¡Coido que non era precisamente polos pobres, senón porque o xesto, aquela adoración, viña dunha muller, que se metía onde non a chamaban, miña pobre!) Pero Xesús dixo: -Deixádea, ¿por que a molestades? Ben está o que fixo comigo. Ós pobres tédelos sempre entre vós, e podédelos axudar cando queirades; pero a min non me ides ter sempre. Ela fixo o que puido. Adiantouse a unxi-lo meu corpo para o enterro. Asegúrovos que onde queira que se anuncie a Boa Nova, polo mundo enteiro, falarase, para honra dela, do que acaba de facer”.
¡Falar, falouse, e nos Evanxeos quedou, pero eses Cardeais..., acaso por vellos, esquécense de que son fillos dunha muller, dunha muller que os unxiu, nada menos que nove meses, co seu líquido amniótico!
-.-
¡Vaia desgraza, que nunca falta un Xudas, e xa non sexa un cento  deles! “Xudas Iscariote, un dos Doce, foi onda os sumos sacerdotes, para lles entregar a Xesús. Eles alegráronse moito do que lles propoñía, e prometéronlle cartos. Andaba buscando o momento axeitado para entregalo...” Non podo evitalo: Dáme pena de Xudas, de tódolos xudas, que boa desgraza teñen con selo! ¿Que sería del? ¡É unha curiosidade, das importantes, que a levo na maleta!
-.-
Nos cadros da Última Cea non pintan ás mulleres; ¿estaban na cociña, ou na casa do lado? Na miña parroquia, en Montecubeiro, os homes tiñamos bancos, á esquerda, ¡para sentarnos!, e as mulleres cadeiras, á dereita, ¡para axeonllarse! ¡Obvio, os catedráticos, as da cadeira, eran elas!


Isto tiña que teclealo de xeonllos, pero o ordenador non entende de xenuflexións. “Mentres estaban comendo, Xesús colleu pan, deu gracias, partiuno e déullelo, dicindo: -Tomade, isto é o meu corpo. E collendo unha copa, dando gracias tamén, pasóullela, e todos beberon dela. Díxolles: Isto é o meu sangue, o sangue da Alianza, vertido por todos”.

¡Agora tócame dicilo: Señor, eu non son digno..., PERO QUERO RECIBIRTE, EN MEMORIA TÚA! Hoxe, baixo as especies sacramentais, e no seu día recíbeme Ti, presentado por Xosé e por María, que así me bautizaron!
-.-

“Despois de cantaren os Salmos... (Non só bendiciron a Mesa senón que cantaron os Salmos, e nós, a imitación súa, que? Nesta vosa casa sempre a bendicimos..., nas grandes ocasións!), saíron para o Monte das Oliveiras. Díxolles Xesús: Todos ides tropezar na vosa fe, como está escrito: Ferirei ó pastor e espallaranse as ovellas. Pero cando resucite, irei diante de vós a Galilea. Replicoulle Pedro: Anque tropecen todos, en non caerei. Xesús respondeulle: Ten por seguro que esta mesma noite, antes de que o galo cante dúas veces, ti hasme negar tres”.
¡Oh, incomparable Pedro, meu admirado Pedro, que só o negaches tres veces; agora ponte deste lado, do meu...! A outra diferencia é que ti choraches; pídelle ao Mestre, de parte miña, que me inunde en bágoas..., das miñas!
-.-

“-Simón, ¿dormes? ¿Seica non podedes velar unha hora tan sequera? Estade atentos e rogade, para que non se vos someta a tentación. O espírito está disposto, pero a carne é débil”.
¡E tanto que o é; por min opino; que aínda non espertei! A ver se con esta visita a Santiago, con tanto apostolado como alí se respira...
-.-

Xesús, na finca chamada Xetsemaní, nesta ocasión, para que se cumprisen as Escrituras, obrando como home, na mentalidade do home, do propio Fillo de Deus sufrinte, sacrificado por toda a humanidade, en redención dela, tremeu, ¡como non, infinito pois infinitas eran as culpas alleas, a redimir na súa persoa! “Abba, meu Pai, ti pódelo todo, arreda de min este cáliz. Pero non se faga o que eu quero, senón o que queres ti”. Non é que non estivese disposto, xenerosamente disposto, senón que, en canto home, todo aquilo que se lle viña encima era abafante, desgarrado, terrible, indicible. ¡Meu Deus, e todo iso, gran parte diso, mea culpa! Para que nós volvésemos ao Paraíso Ti coa cruz, na cruz! Porque iso foi a Redención: ¡Retornarnos ao Paraíso; puros, non; purificados, si!
-.-

“Tamén había mulleres mirando desde lonxe; (¡Porque non as deixaban achegarse aqueles machistas, obviamente, pois o que é por elas..., tan de cerca coma a Verónica); entre elas (¿Elas? Logo eran varias, máis que as citadas), María Magdalena, María a nai de Santiago o Menor e de Xosé, e mais Salomé, que o seguían e servían cando estaba en Galilea; e moitas outras (¡Iso: moitas!), que subiran con el a Xerusalén”.
-.-

Nota histórica
Tendo como fonte os Evanxeos, confirmados por traballos arqueolóxicos, a tumba estaba situada nun xardín próximo á rocha (montaña, ou montículo). Os Evanxeos din, lugar, -onde foi a crucifixión, chamado orixinalmente Gólgota, e despois Calvario (lat. Calvaria, calavera), ou en grego kranion (cráneo). Este lugar estaba próximo á muralla herodiana da cidade de Xerusalén, e incluso comunicado con ela por unha rúa, pero extramuros, xa que as normas xudías prohibían os enterramentos intramuros, salvo para o caso dos Reis.
-.-
Os discípulos, -dedúcese-, seguían aterrados, fuxidos ou fuxidíos, loxicamente por medo as represalias, pero as mulleres, ¡o afecto e maila tenrura femininas, que as afoutaban!, tiveron azos, así que, “Pasado o sábado, María Magdalena, María de Santiago, e mais Salomé, mercaron perfumes para iren embalsamalo. E moi cedo, no primeiro día da semana, despois da alborada, foron ó sepulcro. Ían comentando entre elas: -¿Quen nos vai arreda-la lousa da entrada do sepulcro? Pero, erguendo a vista, descubriron que a lousa estaba arredada, e iso que era moi grande. Entrando no sepulcro viron un mozo vestido de branco, sentado no lado dereito, e quedaron espantadas. Pero el díxolles: -Non vos espantedes. ¿Buscades a Xesús Nazareno, o crucificado? Non está aquí. Resucitou. Mirade o lugar onde o puxeron. Agora ídelles dicir ós discípulos (¡elas; elas a eles!) e mais a Pedro que El vai diante de vós a Galilea; alí o veredes, como vos ten dito”. Elas saíron fuxindo do sepulcro, pasmadas e tremendo; e non lle contaron nada a ninguén, do medo que tiñan”. (O evanxelista di “medo” seguramente porque non atopou outra verba máis axeitada, máis descritiva, pero eu, e Deus me libre de corrixirlle a plana, coa linguaxe actual máis ben diría que, atónitas!
-.-

Aínda queda moito de Marcos, moito e importante, pero teño a Lucas, outro dos grandes, agardando pola súa quenlla; ademais de evanxelista, séxase, testemuña fiel, patrón de Médicos e de Artistas.


O profundo senso social que anima o Evanxeo de Lucas agroma por todas partes, tanto falando dos deberes chamados de estado como dos comportamentos sociais en xeral. Por algo lle chaman, o Evanxeo dos pobres, porque aparecen sempre como amigos preferidos de Xesús.
-.-

Comeza deténdose en particularizar o nacemento do Bautista, colaborador e parente de Xesús, (súas nais eran primas), para achegarse logo a Belén, de onde arranca a cristoloxía: “Ós seis meses (do milagre de Isabel) Deus mandou ó anxo Gabriel a unha vila chamada Nazaret, onda unha mociña prometida (só prometida) a un home da casa (da descendencia) de David, que se chamaba Xosé; o nome da mociña era María. Entrando onde estaba ela, díxolle: Alégrate, chea de gracia, o Señor está contigo. ... María contestou: -Velaquí a escrava do Señor: cúmprase en min o que dixeches. E o anxo marchou de onda ela”.
¡Xa temos Avogada, xa temos protectora, xa temos Nai; de Xesús, Fillo de Deus, e como tal, igualmente Deus, segunda persoa da Santísima Trindade, pero, á vez, por aquel designio do Calvario, Nai adoptiva de toda a humanidade! ¡Oh, María, sen pecado concibida, rogade por nós, que recorremos a vós!


¡Creu, e admitiu!
¡Raíña, non houbo coroación máis excelsa cá túa;
desde aquel intre, Raíña do mundo,
xeración tras xeración!
-.-
“Envolveuno nuns capizos e deitouno nunha manxadoira, na corte das bestas, porque dentro da pousada non había lugar para eles”.
¡Sublime lección de humildade, no propio Fillo de Deus; cabe lección máis conmovedora? Pero..., nin con esas, tal é a nosa soberbia; luciferina, por suposto!
-.-

¡Máis humildade, máis: foron os pastores levarlle o cesto á Virxe! “Había naquela comarca uns pastores que pasaban a noite ó descuberto, vixiando o seu rabaño. Presentóuselles un anxo do Señor, e a gloria do Señor rodeounos co seu resplandor. Eles levaron un gran susto, pero o Anxo díxolles: -Non vos asustedes, que vos veño anunciar unha boa nova: vai haber unha gran alegría para todo o pobo. Hoxe, na vila de David, naceuvos un Salvador, o Mesías, Señor. Este é o sinal: atoparedes unha criatura envurullada e deitada nunha manxadoira, nunha corte. E, de súpeto, arredor do anxo apareceu unha multitude do exército celestial, que louvaba a Deus dicindo:
¡Gloria a Deus no Ceo
e na terra paz ós homes
que gozan do seu amor!

Cando os anxos se retiraron marchándose ó Ceo, comentaban os pastores entre eles: Vaiamos a Belén ve-lo que sucedeu, o que o Señor nos manifestou. Foron ás carreiras e atoparon a María e mais a Xosé, e á criatura deitada na manxadoira. Ó que o viron, contaron todo o que lles dixeran do meniño, deixando pasmados a cantos escoitaban o que tal dicían os pastores. María, pola súa parte, conservaba todas estas cousas no seu corazón. Os pastores regresaron glorificando e louvando a Deus por canto viran e oíran, tal como lles fora anunciado”.

Aquí, Señor, diante deste ordenador, onde vou reproducir unha lembranza do Nacemento, acepta a miña adoración, reproducindo aquel da señora Emilia de Brañas, de Millares, que tanto me emocionou!


-.-
Simeón. “Vivía naquel tempo en Xerusalén un home xusto e piadoso, chamado Simeón, que agardaba a restauración de Israel. O Espírito Santo, que estaba con el, tíñalle prometido que non había morrer sen ve-lo unxido do Señor. Movido polo Espírito, foi ó templo, e, cando entraban os pais do neno Xesús para cumpriren o mandado pola Lei do Señor, el, colléndoo nos brazos, louvou a Deus dicindo: -Agora podes, Señor, segundo a túa promesa, despedir en paz ó teu servo, porque xa os meus ollos viron o teu Salvador, o que preparaches para tódolos pobos: luz de revelación para os xentís e gloria do teu pobo Israel”.

Simeón viuno antes de morrer, pero eu, á distancia, pido, suplícolle ao Neno, que me deixe entrar no templo definitivo, no do Ceo. ¡Amén!
-.-
Falando do templo, volvamos ao templo buscando o seu abeiro, a súa luz, o seu ensino: “... E resulta que, ó cabo de tres días, atopárono no templo, sentado no medio dos doutores e dialogando con eles. Tódolos que o escoitaban estaban asombrados do seu talento e das súas contestacións. Ó velo, ficaron moi impresionados, e súa nai preguntoulle: -¡Meu fillo! ¿Como te portaches así connosco? Mira que teu pai (por Xosé) e mais eu andamos cheos de angustia en busca túa. El respondeu: -¿E logo por que me buscades? ¿Seica non sabiades que teño que estar na casa de meu Pai? ... Xesús medraba en estatura, en sabedoría e en gracia diante de Deus e mais dos homes”.
Axudaba na carpintería, por suposto, pero o seu Oficio era Divino; tíñanse que ir afacendo a considerar que El viña de Doutor dos doutores, de Mestre absoluto.
-.-

O capítulo das tentación é para ler e reler, pois só así nos decataremos da importancia que ten encomendarse a Deus cando nos tenta a soberbia e demais vicios. Nas tentacións opera a nosa liberdade, así que, se a usamos para mal, pecando estamos. Señor, non nos deixes caer na tentación, e líbranos do mal..., do mal e do maligno, pois del nos veu o mal!
-.-

Chegou a Nazaret, onde se criara, e o sábado entrou, como estaba afeito, na sinagoga. Ergueuse para face-la lectura, e déronlle o libro do profeta Isaías. Abriuno e atopou unha pasaxe que dicía:
O espírito do señor está sobre min,
porque El foi quen me unxiu
para proclamarlles a Boa Nova ós pobres.
Mandoume para a anunciarlles a liberación
ós secuestrados,
e a vista ós cegos,
para darlles liberdade ós asoballados,
e proclamar o ano de gracia do Señor.

 “... Hoxe cúmprese diante de vós esta pasaxe da Escritura”, etc., etc. ¡Aínda non chegara á idade da súa vida pública, pero non acougaba sen predicar, consciente da falta que lles facía oílo, así que a sona de Xesús foise estendendo por tódolos lugares daquela terra! ¡Era o natural: Coñecíano, pero custáballes entendelo!
-.-

Aprendamos, aprendamos, que sempre nos queda moito que aprender. “E púxolles unha comparanza: -¿Acaso poderá un cego guiar a outro cego? ¿Non caerán os dous na fochanca? Non está o discípulo por riba do mestre, anque todo discípulo que chegue a prepararse ben, será coma o seu mestre. ¿Por que reparas no lixo que hai no ollo de teu irmán, e non te decatas da trabe que está no teu propio ollo?”
¡Que humano, que frecuente, iso de non ver a nosa propia trabe, e sentímonos mestres sen pasar de alumnos! ¡Maldita soberbia!
-.-

A fe do Centurión, e iso que era pagán. “Abonda cunha palabra túa, e o meu criado quedará curado”. ¿Por que será que adoita entrarnos o sono cando escoitamos as homilías? ¡É a palabra de Deus, pero, resistímonos, e iso que temos enfermos na casa, comezando por nós mesmos!
-.-

Cantas máis mulleres atopo nos Evanxeos máis me pregunto por que tardamos tanto tempo en recoñecerlles a súa función apostólica, evanxélica. Eu mesmo abrín os ollos dun palmo, que ata me esvararon as gafas, cando vin, aquí na miña igrexa de San Pablo, que o Párroco as autorizaba para repartir a eucaristía.
“Despois disto púxose a percorrer vilas e aldeas, predicando e anunciando a Boa Nova do Reino de Deus. Ían con el os doce e mais algunhas mulleres que el curara de doenzas e de malos espíritos: María, chamada Magdalena, Xoana, a muller de Cusa, administrador de Herodes, Susana, e outras moitas que o servían cos seus bens”.
¿De Amas de Cura, si, pero de Curas, non? ¡Ai, mulleres, mulleres, que dóciles sodes, pois eu, na vosa fangela, tede por seguro que me ía a Roma, cos Evanxeos na man, e alí comportaríame  dun xeito parecido a como fixo Moisés coas táboas nas que levaba escrita a Lei!
-.-

Nunca sobra repetir, aclarar, esta pasaxe, xa que tanto sorprende aquel xeito, medio infantil, de explicarse con contos, con parábolas: “A vós concedéusevos coñece-los misterios do Reino do Ceo, pero ós outros unicamente en parábolas, de xeito que, vendo, non ven, e escoitando, non entenden”. A Lucas faltoulle engadir (para nós): ¡Nin así fan por entender! Realmente era un xeito moi persoal de axudarlles a entendelo, unha bondade máis, pero, nin con esas..., coas orellas do revés!
-.-


CAMIÑO DE XERUSALÉN


Se agora dicimos que tódolos Camiños levan a Roma, a Roma ou a Santiago, daquela tiñan a Xerusalén de cabeceira: Alí estaba o templo, alí matarían nada menos que ao Fillo de Deus, e alí, alí mesmo, faríase visible a Resurrección de Cristo. 

Cando ordenou aos setenta e dous, “... e mandounos de dous en dous por diante del a tódalas vilas e aldeas onde tiña pensado ir. Díxolles: ... Ide e sabede que vos mando como años entre lobos...” Como años entre lobos andarán sempre os Apóstolos, os predicadores da Boa Nova, porque..., están na terra deles, na terra dos rebeldes, e non somos doados de domar! ¡Seino por min mesmo, tantos predicadores que levo tido, e aínda así...!
-.-

Marta e María; coma quen di, a leiga e maila monxa, que as dúas eran / e son necesarias, útiles. “Cando ían de Camiño, entrou en certa aldea, e unha muller chamada Marta acolleuno na súa casa. Esta tiña unha irmá chamada María, que sentada ós pés do Señor, escoitaba as súas palabras. Marta, en troques, estaba moi apurada co labor da casa; e achegándose a el, díxolle: -Señor, non che importa que miña irmá me deixe a min o traballo? Dille que me bote unha man. Pero o Señor respondeulle: Marta, Marta, preocúpaste e desacóugaste con tantas cousas, pero soamente unha é a necesaria. María escolleu a mellor parte, e esa nunca se lle vai quitar”.

A prevalencia da oración, por suposto, fronte aos outros afáns. ¿Non vemos nesta María un anticipo da muller sacerdote? ¡Eu véxoa así, pero..., tempos traen tempos!
-.-


Os dilectos, os nenos, pola súa inocencia, claro! “E levábanlle tamén os meniños para que os tocase. Pero os discípulos, (tomándoo a molestia), rifábanlles. Entón Xesús chamounos e dixo: -Deixade que os nenos se acheguen a min: non llelo privedes, porque dos que son coma eles é o Reino de Deus. Asegúrovos que aquel que non reciba como un neno, o Reino de Deus non entrará nel”.
-.-

O perigo das riquezas, presente nos Evanxeos.- “Tende por seguro que ninguén que deixa casa, ou muller, ou irmáns, ou pais, ou fillos, polo Reino de Deus, non pasará sen recibir agora cen veces máis, e no futuro a vida eterna”.
A isto se veñen acollendo os Curas, pero mal interpretado, pois deixar de ter familia, deixar de ter fillos para ter “sobriños”, non é ningún gaño senón unha falsidade. ¡Hai que aprender a ler!
-.-



¡Señor, eu tamén, que tamén vou de Camiño, tamén quero ir, contigo, por días de vida! Contóunolo Lucas con todo detalle, así que o vou ler, tres ou catro veces, para que nunca máis volva a levar comigo a Xesús de Nazaret, resucitado, explicándome os Evanxeos, e eu sen sabelo, sen decatarme!
“Aquel mesmo día dous deles ían camiño de Emaús, unha aldea que está a uns dez quilómetros de Xerusalén. Ían falando de canto pasara. E resulta que mentres parolaban e discutían, Xesús en persoa, achegouse, e camiñaba canda eles. Pero os seus ollos estaban incapacitados para recoñecelo. Entón preguntoulles: -¿De quen ides falando polo camiño? Eles pararon cun aspecto moi tristeiro, e Cleofás, un deles, respondeulle: -¿Seica es ti o único forasteiro en Xerusalén, que non sabe nada do que pasou alí durante estes días? El preguntou: -¿De que, logo? Eles contestaron: -Do asunto de Xesús o Nazareno, que foi un profeta poderoso en obras e palabras, ante Deus e ante o pobo todo; de como os nosos sumos sacerdotes e demais xefes o condenaron á morte e o crucificaron. Nós esperabamos que el fose quen liberase a Israel; pero xa van alá tres días desde que pasaron estas cousas. Claro que algunhas mulleres das nosas déronnos un susto, porque foron ó risca-lo día ó sepulcro. E, ó non atoparen o corpo, volveron falando dunha visión de anxos, que lles aseguraron que el vive. E algúns dos nosos alá foron ó sepulcro, atopando todo como as mulleres dixeran; (¡quen lles ía crer sendo mulleres!); pero a El non o viron. Entón díxolles: -¡Que parvos e lentos sodes para crer todo o que anunciaron os profetas! E logo, ¿non cumpría que o Cristo padecese todo isto, antes de entrar na súa gloria? Comezando por Moisés, e con tódolos profetas, foilles interpretando o que as Escrituras falaban del. Ó entraren na aldea onde ían fixo coma quen quería seguir para adiante, pero eles porfiáronlle, dicindo: Quédate connosco, porque se fai tarde, e a noite bótase enriba”.

¡Deus, que se nos bota a noite enriba, a noite da morte, e nós, uns cantos, eu entre eles, aínda con dúbidas! Por favor, acende a túa lámpada, iso, antes da noite irremisible!

“Quedou con eles. E mentres estaban na mesa, colleu o pan, bendíxoo, partiuno e déullelo. (¡Comungaron!). Entón abríronselles os ollos e recoñecérono, pero El desapareceu. Dixeron: ¿Non ardía o noso corazón cando nos falaba polo Camiño, interpretándono-las Escrituras? E levantándose no intre, volveron a Xerusalén. (¡Coa noite pecha, que non lles importou!). Alí atoparon ós Once reunidos cos seus acompañantes, que dicían: -É certo, o Señor resucitou e aparecéuselle a Simón. Eles tamén contaron o que lles pasara polo camiño, e como o recoñeceran no parti-lo pan”.
¡Todo está no pan..., xa que no pan se quedou, no da Eucaristía!
-.-

A aparición / as aparicións aos Apóstolos tamén é un relato denso. Edificante e denso. Como di o meu cura pola Folla parroquial: ¡Convén levalo para a casa, e lelo amodo!
-oOo-

Quédanos Xoán, un de tantos Xoán, que, por certos indicios, os teólogos pensan que foi aquel rapaciño ao que lle deu Xesús, xa na cruz, a María por nai, en plena adopción. Se foi aquel, que tal parece, aquí, e así, o representamos:


Sexa quen fose, e como fose, o que está claro é que as preocupacións deste Evanxelista e a súa finalidade son máis ben de tipo teolóxico. Sen embargo, non por isto descoida os datos históricos.
Apuntes: A Lei deuse por medio de Moisés; a gracia e a verdade realizáronse por Xesús Cristo. A Deus ninguén o viu; o Unixénito, que está no seo do Pai, foi quen nolo revelou.

Xesús posúe o Espírito en plenitude, como estaba anunciado no A.T. Por iso pódeo comunicar aos outros. Esta comunicación faina polo Bautismo co Espírito Santo. Deste bautismo faláralle Xesús a Nicodemo, e inaugurarao o mesmo Xesús o día de Pentecostes, e administrárano os Apóstolos a partir dese día. Estes son os pasos do Camiño.
-.-


“Ó terceiro día (despois de escollidos os discípulos, os “ministros”) houbo un casamento en Caná de Galilea, (¡decatádesvos, renegados do matrimonio, que o propio Fillo de Deus iniciou os seus milagres bendicindo o viño dunha voda, pois iso foi aquela multiplicación!), e estaba alí a nai de Xesús. Tamén foi convidado Xesús e mailos seus discípulos ó casamento. Chegou a falta-lo viño e a nai de Xesús díxolle: -Non teñen viño. (¡Non aguantaba sen pedirlle milagres; que conste, e que nos conste!). Replicoulle Xesús: -Muller, ¿que ten que ver iso comigo e contigo? Aínda non chegou a miña hora. Súa nai (¡que ben sabía a quen tiña na casa!), díxolles entón ós servidores: -Facede o que el vos diga. ... Foi así como fixo Xesús o primeiro dos signos en Caná de Galilea; manifestou a súa gloria, e creron nel os seus discípulos”. ¡Viño de celebración, viño de premonición!


-.-



Fe imperfecta, entre outras a miña, que tantos dentes de serra leva tido: “Estando Xesús en Xerusalén pola Pascua, no día de festa, moitos creron nel, vendo os signos que facía. Pero, pola súa parte, Xesús non se fiaba deles, porque os coñecía a todos. Non precisaba que ninguén lle dese información de ninguén, que ben coñecía el o que había no home”.  (Vén a ser coma o que ten un terra mala, e en vez de deixala a silvas, abona e abona, esperanzado en facela boa!).
-.-

¡Atención vellos, que vai por nós: “Replicoulle Nicodemo: ¿Como pode un home nacer, sendo vello? ¿Pode entrar outra vez no seo da nai e nacer? Respondeulle Xesús: -Con toda verdade cho aseguro: como un no renaza pola auga e o Espírito, non pode entrar no reino de Deus. O que naceu da carne, é carne; e o que naceu do Espírito, é espírito”.
¡No comment, que non fai falta!
-.-

Pero hai máis, que máis remacha na ocasión seguinte, completando a predicación simultánea de Xoán: “Quen vén de arriba, está por riba de todos; quen é da terra, á terra pertence e da terra fala. O que vén do Ceo, está por riba de todos; do que viu e oíu, disto dá testemuño; pero ninguén acepta o seu testemuño. Quen acepta o seu testemuño, confirma que Deus é verdadeiro. Porque aquel a quen Deus mandou, fala as palabras de Deus, que non dá o Espírito cunha medida limitada. O Pai ama ó Fillo e púxolle tódalas cousas nas súas mans. Quen cre no Fillo, ten vida eterna; pero quen non obedece ó Fillo non verá a vida, que a ira de Deus pesa enriba del”. (Obviamente é unha forma de falar para estimularnos, pois Deus non é irado, ¡nin quere, nin pode, xa que é verdade, verdade amorosa, e como tal verdade, xustiza, xusticeiro; ecuánime pero xusticeiro!).
-.-

O encontro coa Samaritana é de película. ¡Un dicir, pois os feitos históricos, pola súa natureza e importancia, son irrepetibles; nada tan ridículo como asumir as personalidades históricas, de seu inimitables, e menos a distancia, por un simple actor, por moi de carácter que sexa!
“Necesitaba pasar pola Samaria. Chegou, logo, a unha cidade da Samaria chamada Sicar, preto do terreo que lle deixara Xacob ó seu fillo Xosé. Estaba alí o pozo de Xacob. E Xesús, canso do camiño, (¡dos Camiños, de tanto predicar para xordos, coma aquel frade de quen se dixo: Predícame frade, que por un oído me entra e por outro me sae!), sentou onda o pozo. Era ó pé do mediodía. Chegou unha muller de Samaria sacar auga. E Xesús díxolle: Dáme de beber. Os seus discípulos foran á vila, mercar comida. Preguntoulle entón a muller samaritana: -¿Como é que ti, sendo xudeu, me pides a min, muller samaritana, que che dea de beber? (Porque os xudeus non se levaban ben cos samaritanos). Respondeulle Xesús: -Se coñecése-lo don de Deus e quen é o que che di “dáme de beber”, ti mesma lle pedirías a el e el daríache auga viva”.

¿Auga viva? ¡E tanto! Xesús volvería a falar diso, dese símil, na Festa das Tendas.

“Replicoulle a muller: -Señor, se ti nin sequera tes caldeiro e o pozo é fondo. ¿De onde pensas quitar esa auga viva? ¿Seica es ti máis có noso pai Xacob, quen nos deu este pozo, do que beberon el, seus fillos, e mailo seu gando? Xesús contestoulle: Todo o que bebe auga desta, terá sede outra vez, pero o que beba da auga que eu lle darei, nunca máis terá sede: a auga que eu lle darei converterase dentro del nunha fonte que saltará ata a vida eterna. A muller suplicou: -Señor, dáme, logo, desa auga para non ter sede, nin ter que vir aquí por ela. Díxolle Xesús: -Vai chamar polo teu home e volve aquí. A muller contestou: -Non teño marido. Xesús díxolle: -Falaches ben, dicindo “non teño marido”; tiveches cinco homes e o que tes agora non é o teu marido. A muller respondeu: -Señor, vexo que ti es profeta. Os nosos pais adoraron neste monde e vós dicides que é en Xerusalén onde hai que adorar. Xesús díxolle: -Faime caso, muller: chega a hora en que nin neste monte nin en Xerusalén adoredes ó Pai. Vós adorades o que non coñecedes; nós adorámo-lo que coñecemos, pois a salvación vén dos xudeus. Pero chega a hora, xa é agora, en que os verdadeiros adoradores adorarán ó Pai en espírito e verdade, pois eses son os adoradores que procura o Pai. Deus é espírito e compre que os que o adoran, o adoren en espírito e verdade”.
¡Que ledicia e que sorte a daquela pecadora falando co Fillo de Deus, pero non o facía a distancia, pois a fe falaba nela, por ela! Nesa fe,
“Respondeu a muller: -Sei que está para vi-lo Mesías, o chamado Cristo. Cando el veña hanos anunciar tódalas cousas. Díxolle Xesús: Son eu, o que está falando contigo. Nisto chegaron os seus discípulos e chamóulle-la atención que falase cunha muller. Pero ningún lle preguntou: “Que pretendes?”, ou “De que falas con esa?”. Entón, deixando a muller o seu cántaro, foi á vila e díxolles ós veciños: -Vinde ver un home que me dixo todo canto eu fixen. ¿Non será el o Mesías? ... Moitos samaritanos daquela vila creron nel, pola palabra da muller, (¡outro apóstolo, esta vez feminino!), que declaraba: “díxome todo canto eu fixen. Por iso os samaritanos chegados onda el, rogábanlle que se quedase con eles; e quedou alí dous días. E creron aínda moitos máis polo que el lles dixo”.
¡Deus, que gloria, e que sorte, ver ao teu Fillo predicándolles aos pecadores; está visto que, na túa bondade desbordante, acodes a onde máis te necesitamos, así sexa en terra inimiga, hostil!
-.-        

Testemuños:


“Eu teño un testemuño máis importante có de Xoán, pois as obras que o Pai me encargou de levar a cabo, esas obras que eu fago, dan fe de que eu son un mandado do Pai. E o Pai, que me mandou, dá testemuño en favor de min. Pero vós non oístes nunca a súa voz, nin víste-lo seu rostro e tampouco conserváde-la súa mensaxe entre vós, porque non credes naquel que el mandou. Estudiáde-las Escrituras coidando que nelas tendes vida eterna: pois esas son as que testemuñan a favor miña e vós non queredes vir a min, e así ter vida. Mais se non fiades nos seus escritos, ¿como ides crer nas miñas palabras?”.

Señor, eu quero crer, ¡vaia se o quero!, o que pasa é que os quereres terreos tiran tan forte de min que..., que me torzo por veces! Dáme, préstame, o teu báculo da verdade para seguir polo Camiño correcto, sen retrocesos, sen caídas, sen erros, sen desviacións!
-.-

O discurso do pan da vida: Xesús, que utiliza unha vez máis a fórmula divina, identifícase co pan do Ceo, que dá o Pai e que lles convén a eles. Anuncia así a Eucaristía: “Díxolles entón Xesús: Con toda verdade volo aseguro: se non coméde-la carne do Fillo do Home e non bebéde-lo seu sangue, non teredes vida en vós. Quen come a miña carne e bebe o meu sangue, ten vida eterna e eu resucitareino no derradeiro día. Pois a miña carne é verdadeira comida e o meu sangue é verdadeira bebida. Quen come a miña carne e bebe o meu sangue, permanece en min e eu nel. Así como o Pai, que me mandou, vive e eu vivo polo Pai, así tamén quen me coma vivirá por min. Este é o pan que baixou do Ceo”.

Meditemos e comunguemos, PERO..., en graza de Deus, arrepentidos, que outra forma non hai de recibir ao Redentor. ¡Iso, de recibir ao Redentor, pois, para ir xunto del, primeiro visítanos a nós, e co indignos que somos!
-.-


“Entón eles preguntáronlle: -¿Onde está teu Pai? Xesús respondeulles: -Nin me coñecedes a min, nin a meu Pai; se me coñecésedes a min, coñeceriades tamén a meu Pai”.

Señor, ben sabes que as tebras do mundo, deste mundo que se fixo tenebroso pola herdanza do pecado, por veces escurécenme o Camiño. Segundo no coche teño faros, pídoche de xeonllos que non se apague en min aquela candea que acenderon meus padriños, no me bautizo, na igrexa de Montecubeiro. Se me salvo, algún día poderei presentarme ante eles, que seguro os tes no Ceo, para darlles as grazas polo inestimable obsequio de acristianarme!
-.-

Curación dun cego de nacemento. Era crenza común entre os xudeus que todo mal é consecuencia dun pecado. Xesús vailles dicir que, se é verdade que o mal está no mundo polo pecado, non o é que todo mal físico veña dun pecado. “Ó pasar, viu a un cego de nacemento. Entón preguntáronlle os seus discípulos: -Mestre, ¿quen pecou, para que nacese cego: el ou seus pais? Xesús respondeu: -Nin pecou el nin os seus pais, senón que está cego para que se mostren nel as obras de Deus. Precisamos face-las obras do que me mandou mentres é día; está a chega-la noite, e daquela ninguén pode traballar. Mentres eu estou no mundo, son a luz do mundo. Dito isto, cuspiu na terra e fixo lama co cuspe, e untouna polos ollos do cego, Etcétera.” ... Oíu Xesús que o botaran fóra, buscouno e preguntoulle:-¿Cres ti no Fillo do Home? El respondeulle: -¿E quen é, Señor, para que crea nel? Díxolle Xesús: Éche o mesmo que estás vendo e que está a falar contigo”.
Deus, eu vexo, pero máis ben cos ollos da carne, con gafas; por iso douche as grazas, que peor podía estar, pero tamén preciso abrir os ollos da alma; e de abertos, ensinar a andar aos cegos, a eses cegos que palpan, coma min, os teus milagres, pero, nin con esas...!
-.-



Lázaro. “Díxolle Xesús:-Eu son a resurrección e a vida. Quen cree en min, aínda que morra, vivirá; e todo o que vive e cre en min, non morrerá endexamais. (Non morrerá, non se perderá definitivamente). ¿Cres ti isto? Ela respondeu: Si, Señor: eu creo que ti e-lo Cristo, o Fillo de Deus, que había de vir ó mundo”.

¡Pero como somos de cerrados, como nos adurmiñou aquel pecado, o orixinal, que necesitamos ducias de milagres para decatarnos de que Xesús viña de onde viña, e era quen realmente dicía ser!
-.-

Retorcidos aqueles xudeus..., e nós tamén! “Pero algúns dixeron: “E logo este, que deu vista ós ollos dun cego, ¿non podía facer que non morrese?” ¡Ben lles aguantou Xesús, ben, ata o incrible!
-.-

¡Tres anos de milagres continuos, e de explicacións baixo tódalas fórmulas da didáctica máis perfecta, e aínda seguían verdes aqueles fariseos! “Xesús gritou (Se non fose quen era, cabía pensar que foi un verro de desesperación pola esterilidade da súa predicación): -Quen cre en min, realmente non cre en min, senón naquel que me mandou. Eu son luz que veu ó mundo para que todo o que cre en min non permaneza nas tebras. Se alguén escoita as miñas palabras e  non as garda, eu non o xulgo, pois non vin para xulga-lo mundo, senón para o salvar. Quen me despreza e non recibe as miñas palabras, ten quen o xulgue: a palabra que eu falei hao xulgar no derradeiro día. Porque eu non falei pola miña conta, senón que o mesmo Pai, que me mandou, deume a encomenda do que debo dicir e de como debo falar. Por iso, as cousas que eu falo, fáloas como mas dixo o Pai”.

Reflexión: A misión de Cristo é salvadora, pois é a mesma misión do Pai. Pero o home pode aceptar ou non a palabra de Xesús. Se a acepta será un fillo da luz, e a salvación de Cristo farase realidade nel; pola contra, se non a acepta, será un fillo da tebra, e a palabra rexeitada será un argumento contra el. ¡Quedamos advertidos!
-.-


“Comprendéde-lo que fixen convosco?”. ¡Eu dubídoo, pois, se atinásemos a comprender este signo de humildade, sería a mellor vacina contra este mal infernal da soberbia! ¡O pelo váisenos, pero a soberbia queda, herdámola!
-.-

O mandamento novo, que por certo xa o temos medio esquecido: “Cando saíu, dixo Xesús: Agora queda glorificado o Fillo do Home e Deus queda glorificado nel. Se Deus queda glorificado nel, tamén Deus o glorificará a el e hao glorificar axiña. Meus fillos: só un pouquiño estarei convosco. Habédesme buscar, pero, como lles dixen ós xudeus, dígovolo a vós agora: “onde vou eu, vós non podedes vir”. Douvos un mandamento novo: amádevos uns a outros; como eu vos amei, amádevos tamén entre vós. Nisto coñecerán todos que sóde-los meus discípulos: se vos tedes amor uns a outros”.
-.-

Xesús, Camiño cara ao Pai. “Xesús respondeulle (a Tomé): Eu son o Camiño, a Verdade e a Vida; ninguén chega onda o Pai mais que por min. Se me coñecésedes, coñeceriades tamén a meu Pai; anque xa desde agora o coñecedes e o tedes visto”
Neste pasaxe, Xesús preséntase como o Camiño, a Verdade e a Vida. É o Camiño, como é a porta, porque non se pode chegar ao Pai prescindindo de Xesús. É Verdade porque nos revela fielmente ao Pai. Xesús é a Vida porque pode dá-la súa e recollela, dar vida eterna a quen quere, e porque quixo o Pai que teña vida pola súa conta. 
-.-

A promesa do Espírito

“Díxenvos estas cousas mentres estaba convosco, pero o Paracleto, o Espírito Santo que meu Pai mandará no meu nome, ese havos ensinar todo, e traeravos á lembranza canto eu vos dixen. Déixovo-la paz, dóuvo-la miña paz: eu non vola dou como o mundo a dá. Non vos agoniedes, nin teñades medo”.

Así se explica que os Evanxeos sexan un milagre memorístico!

CONCLUSIÓNS DE SAN XOÁN

“Este é o discípulo que dá testemuño desas cousas e o que as escribiu; sabemos que o seu testemuño é verdadeiro. Hai aínda moitas máis cousas que fixo Xesús, que, se se escriben unha por unha, coido que o propio mundo non podería conte-lo libros que se habían escribir”.

Pola miña parte, perdóame Xoán, e contigo Mateo, Marcos e Lucas, por este extracto tan mínimo que acabo de facer dos vosos escritos, das vosas referencias; o completo deles déixolle-los aos Curas, que, como non teñen fillos, están máis abondosos de tempo. Isto meu foron unhas simples reflexións persoais, coa simple intención de contribuír un chisco a esa labor apostólica que nos incumbe a tódolos cristiáns, pois para isto non hai xubilación. ¡Antes ao contrario!
-oOo-

¿Que foi daqueles apóstolos, que fixeron..., ao quedar orfos, sen o seu Mestre?

¡Tranquilos, que tamén aquí vou ser breve, ou máis que breve, lacónico. Comezarei así: A Igrexa en Xerusalén. Primeiro pasos.  Con Xesús resucitado: “... elevouse á vista deles e unha nube quitóullelo da súa vista. Estando eles fitando para o Ceo mentres El marchaba, presentáronselles dous homes con vestidos brancos, que dixeron: -Galileos, ¿que facedes ollando para o Ceo? Este Xesús que vos foi levado de entre vós ó Ceo, ha de volver do mesmo xeito que o vistes ir”.
“Entón volveron para Xerusalén desde o monte das oliveiras, que está cerca de Xerusalén: distante o camiño que se pode facer en sábado. Logo que chegaron, subiron ó cuarto de arriba, onde residían Pedro, Xoán, Santiago, Andrés, Felipe, Tomé, Bartolomeo, Mateo, Santiago o de Alfeo, Simón o Zelota e Xudas o de Santiago. Todos eles dedicábanse conxuntamente á oración, coas mulleres e mais María a nai de Xesús e cos seus irmáns”.
Pero, somos once! Así que..., “sortearon, e (a vacante) correspondeulle a Matías, que formou grupo cos once apóstolos”.
-.-

“Cando se cumpriron os días de Pentecostes, estaban todos xuntos no mesmo sitio. De súpeto, veu do ceo un ruído como dun forte golpe, que encheu toda a casa onde estaban; e apareceron talmente como linguas de lume, que, repartidas, foron pousándose unha sobre cada un deles. Quedaron cheos do Espírito Santo e puxéronse a falar noutras linguas, conforme lles concedía o Espírito”.

Pedro, encabezando o apostolado, e todos eles asistidos, ¡transformados!, polo Espírito Santo, comezou a súa homilía. ¡Aquela si que foi Misa maior! “Israelitas, escoitade: fálovos de Xesús de Nazaret, home acreditado por Deus ante vós por milagres, marabillas e sinais que Deus fixo por El entre vós, como vós mesmos sabedes; a este, entregado conforme ó plan establecido e á previsión de Deus, matástelo crucificándoo por man de impíos. Pero Deus resucitouno, librándoo das dores da morte, pois non era posible que ficase baixo o seu dominio”.

A Igrexa avanzaba...!

Comezan a bautizar. Pedro concluíu: “Saiba, logo, con certeza toda a casa de Israel que Deus fixo Señor e Mesías a este Xesús a quen vós crucificastes. Ó sentiren isto, quedaron moi impresionados (¡sería cousa de velos, con aquel deicidio sobre as súas conciencias, uns por activa e outros por pasiva!) e dixéronlle a Pedro e ós outros apóstolos: -Irmáns, ¿que debemos facer? Pedro respondeulles: Arrepentídevos e cambiade, que cada un de vós se faga bautizar no nome de Xesús para o perdón dos seus pecados, e recibiréde-lo don do Espírito Santo. Porque a promesa é para vós e mais para os vosos fillos e para tódolos que están lonxe, tantos como queira chamar o Señor noso Deus”.
-.-

Cos sermóns viñeron os milagres e mailas conversións. Os martirios, que comezaron con Estevo. A conversión de Saulo (Pablo), etcétera, etcétera, e así ata hoxe. Pero o que non me pode quedar no tinteiro, nin extractarse, é a carta de Santiago, que dá para meditar, tamén hoxe. ¿De cal Santiago, do noso, ou do outro, do Maior ou do Menor? Que o discutan os teólogos, pero eu estou tentado de chamarlle a esta epístola, “Consellos para Gallaécicos”, así, por cousas, pois de Galilea a Galicia carácter, materia común, temos!




Santiago, o servidor de Deus e do Señor Xesús Cristo, saúda ás doce tribos que están na emigración...

As tentacións.- Cando vos vexades envoltos en diferentes tentacións, meus irmáns, tédevos por moi ditosos, porque xa sabedes que aquilo que somete a proba á vosa fe xera paciencia. Pero compre que a paciencia vaia acompañada de boas obras, de xeito que sexades perfectos e completos sen fallardes en cousa ningunha.
Se alguén de vós está necesitado de sabedoría, que lla pida a Deus, que llela dá a todos abondosamente e sen roñar; e a ese tal tamén lla ha dar. Pero cómpre que pida con fe e sen dubidar para nada, pois quen dubida é coma as ondas do mar, que o vento abala e leva de aquí para acolá. Un home así non pense recibir cousa ningunha do Señor: é un indeciso, un inconstante en tódolos seus camiños.
Que o irmán de condición humilde se glorie da súa gran dignidade; e o rico, da súa humillación, porque pasará coma a flor da herba: soérguese o sol coa súa fogaxe e queima a herba, cáelle a flor e pérdese a súa fermosa aparencia; pois así mesmiño murchará o rico nas súas empresas.
Benia o home que resiste na tentación, porque, como a supere, recibirá o premio da vida, que Deus prometeu ós que o aman. Que ninguén diga ó se ver tentado: “Deus é quen me tenta”, porque nin o mal tenta a Deus nin Deus tenta a ninguén. A cadaquén téntao a súa cobiza cando o arrastra e engaiola: despois a cobiza concibe e pare o pecado; e o pecado, en consumándose, xera morte. Non vos trabuquedes, irmáns queridiños. Todo bo regalo e toda dádiva perfecta vén de arriba, do Pai dos luceiros en quen nin hai cambios nin tempos de sombras. Pola súa vontade tróuxonos á vida coa palabra da verdade, para que fósemos como as primicias das súas criaturas.
Escoita-la palabra e cumprila.- Xa o sabedes, meus irmáns benqueridos: que todo home sexa espelido para escoitar, calmo para falar e calmo tamén para o asaño, porque o asaño do home non leva á conducta que Deus pide.
Polo tanto, rexeitando calquera lixume ou resto de ruindade, acollede docilmente a Palabra enxerta en vós, que pode salva-las vosas vidas. Sede cumpridores da Palabra e non vos contentedes con escoitala xustificándovos con razóns enganosas. Porque quen escoita a Palabra e non a pon en práctica é coma o home que se puxo a olla-la súa propia cara nun espello; mirouse ben nel pero, ó que deu media volta, esquecéuselle como era. En cambio, quen afonda no coñecemento da lei perfecta, a que dá a liberdade, e quen se mantén nela, non para a escoitar e a esquecer deseguida, senón para a poñer por obra, ese será feliz na súa actuación.
Se alguén se tiver por home relixioso sendo un badueiro que engana ó seu propio corazón, a súa relixiosidade sería baleira. A relixión limpa e sen lixo ningún ós ollos de Deus Pai é esta: mirar polos orfos e polas viúvas nas súas coitas e gardarse da contaminación deste mundo.
Distingos nas comunidades. Meus irmáns, a fe que temos no noso Señor Xesús Cristo, o glorioso, non cadra ben con certos distingos entre persoas. Entra na vosa asemblea -é un supoñer- un home cun anel de ouro, vestido con moita galanura, e entra tamén un pobre vestido con farrapos; se vos fixades no que vai ben vestido, e lle dicides: “ti acomódate ben aquí”, e ó pobre “ti queda de pé aí”, ou “senta no chan ós meus o pés”, ¿non estades facendo distincións entre vós mesmos, converténdovos en xuíces de criterios inicuos?
Escoitádeme ben, meus irmáns queridiños: ¿seica non escolleu Deus ós pobres deste mundo para seren ricos na fe e herdeiros do Reino que Deus prometeu ós que o aman? Vós, en troques, abafáste-lo pobre. ¿Seica non son os ricos os que vos asoballan e os que vos levan a xuízo? ¿Non son eles tamén os que aldraxan o fermoso nome que se invocou sobre vós? Facedes moi ben se, con todo, cumprides á perfección a lei rexia da Escritura que di: “Amarás ó teu próximo como a ti mesmo”. Pero se andades con favoritismos, pecades, e a lei havos acusar de transgresores. Porque quen garda toda a lei, aínda que só quebrante un mandato, ten que responder de todos, pois o que dixo: “non fagas adulterio”, tamén dixo; “non mates”.
E, se non adulteras pero matas, xa non compres coa lei. Falade e facede as cousas como acae a quen a lei da liberdade vai xulgar, pois terá un xuízo sen misericordia o que non foi misericordioso; a misericordia está por riba do xuízo.

A fe móstrase nos feitos.  Irmáns benqueridos, ¿que proveito lle trae a un dicir que ten fe, se non ten feitos? ¿Acaso o poderá salvar esa fe? Se un irmán ou unha irmá andan espidos e necesitados de pan de cada día, e vai un de vós e dilles: “ídevos en paz, quentádevos e fartádevos”, pero non lles dá aquilo que lle cómpre ó seu corpo, ¿que proveito levan? Pois o mesmo pasa coa fe: se non ten feitos, leva a morte no seu cerne.
Pode dicir alguén: “ti te-la fe, eu teño os feitos”.- Móstrame a túa fe sen feitos que eu polos feitos heiche de mostra-la miña fe.
¿Ti cres que só hai un Deus? –Fas ben, pero iso tamén o cren os demos e mais tremen.
¿Queres entender dunha vez, parvo, que a fe sen feitos está morta? Os feitos xustificaron ó noso pai Abraham, cando ofreceu o seu fillo enriba do altar, ¿non si? ¿Fíxaste como a fe colabora cos seus feitos e como polos feitos a fe chegou á súa madurez? Así se cumpriu a Escritura que di: “Abraham tivo fe en Deus e iso valeulle a xustificación”, de xeito que mesmo se lle chamou amigo de Deus. Xa vos decatades de como son os feitos os que xustifican o home e non só a fe. O mesmo podemos dicir da prostituta Rahab: ¿seica non a xustificaron os feitos, cando recibiu os mensaxeiros e os encamiñou logo por outros carreiros? O mesmo que un corpo sen alento está morto, así tamén a fe sen feitos morta está.

A verdadeira sabedoría. Meus irmáns, que non haxa moitos de vós que se poñan de mestres; xa sabedes que ós mestres os han xulgar con maior severidade, porque todos pecamos moitas veces. Se hai alguén que non falte no falar, ese é un home perfecto, que pode refrea-lo seu corpo enteiro. Ollade: ós cavalos poñémoslles un freo na boca para que nos obedezan e así controlámo-lo seu corpo. E o mesmo os barcos: con seren tan grandes e ir empurrados por ventos tan fortes, gobérnanse cun temón pequeno cara a onde o temoeiro os quere levar.
Pois outro tanto pasa coa lingua: ser é un membro ben pequerrecho, pero pode gabarse de grandes cousas. Aí o tedes: ¡cunha fogueiriña cantas fragas poden arder! E a lingua é un lume, un mundo de ruindade. A lingua é unha parte dos nosos membros que contamina o corpo enteiro e, por estar inflamada polo inferno, fai arder ela tamén, pola súa banda, toda a nosa vida desde os comezos.
Calquera caste de bestas ou paxaros ou cóbregas ou peixes pode domeala o home e, de feito, doméaa; a lingua, en troques, ninguén a dá domeado: é un mal sen acougo, cheo de solimán de morte. Con ela bendicimos a Deus, o noso Pai; e con ela maldicimos ós homes, creados semellantes a Deus. Dos mesmos beizos saen a bendición e maila maldición. E isto, irmáns, non debía ser así. ¿É que hai fonte que polo mesmo picho bote auga doce e auga amarga? Meus irmáns, ¿é que pode dar olivas a figueira ou figos a videira? E tampouco unha fontela salgada pode dar auga doce.
¿Quen de vós ten bo xuízo e experiencia? Pois quen o teña que manifeste coa súa boa conducta as obras feitas con xuiciosa mansedume. Pero, se téde-lo corazón cheo de celos acedos e de liortas, deixádevos de fachendas e non andedes mentindo contra a verdade; esta sabedoría non vén de arriba senón que é da terra, animal, endiañada. Pois onde hai celos e liortas, dáse tamén alí o descontento e toda clase de ruindades.
Pola contra, a sabedoría que vén do Ceo é primeiramente pura e despois pacífica, sinxela, acolledora, chea de misericordia e de bos froitos, imparcial, sen finximento. O froito da xustiza seméntana coa paz os que van facendo a paz.

As cobizas fan as divisións. ¿De onde veñen esas guerras, esas  liortas que se dan entre vós? ¿Non será das vosas cobizas, que loitan no voso interior? Degoirades e non tedes; enrabechádesvos e andades cheo de envexa e non logrades cousa; combatédesvos e facédesvo-la guerra e non conseguides porque non o pedides e, se pedides, non recibides, porque pedides só co devezo de satisfacérde-las vosas cobizas.
¡Desleigados! ¿Seica non sabedes que a amizade con este mundo é inimiga de Deus? E así quen quere ser amigo deste mundo faise inimigo de Deus. ¿Ou é que coidades que a Escritura di sen razón aquilo de que “o Espírito que puxo en nós ten arelas fortes”? Pero meirande é a gracia que nel concede. E por isto di: “Deus arrepónselles ós soberbios, pero ós humildes dálle-la súa gracia”.
Sédelle, logo, ben mandados a Deus; facédelle fronte a Satán e arredarase de vós. Achegádevos a Deus e El achegarase a vós. Lavade as mans, pecadentos, limpade os corazóns, homes falsos. Apalpade as vosas miserias, poñede o loito e chorade; que o voso riso se converta en pranto; e a vosa alegría en tristura. Abaixádevos no acatamento do Señor, que El vos ha soerguer. Non andedes falando mal uns dos outros, irmáns. Quen fala mal de seu irmán ou xulga a seu irmán, fala mal da Lei e xulga a Lei; e, se xúlga-la Lei, xa non es cumpridor da Lei, senón o seu xuíz. Só un é lexislador e xuíz: o que pode salvar e perder. Pero, ¿quen es ti para xulgares ó próximo?

¡Pobres dos comerciantes e dos ricos! Reparade agora no que dicides: “hoxe ou mañá imos ir para esta ou aquela cidade, botaremos alí o ano, negociaremos e teremos beneficio”. Pero, ¡se non sabéde-lo que vai ser de vós mañá! Porque, ¿que é a vosa vida? Unha fumaradiña que aparece e desaparece no mesmo intre. En vez diso debiades dicir: “se Deus quere e chegamos alá, imos facer isto e aquilo”. Pero vexo que vos sodes uns farfalláns, e semellante fachenda é mala. O que coñece ben  que ten que facer e non o fai, comete pecado.
E vós, os ricos, chorade e berrade polas desgracias que van vir enriba de vós. A vosa riqueza está podrecida; a vosa roupa chea de couza; o voso ouro e a vosa prata, enferruxados; e a mesma ferruxe será testemuño en contra vosa e, coma se for lume, comerá as vosas carnes. ¡Estades atesourando na fin dos tempos! ¡Atención! O xornal que non lles pagastes ós obreiros que vos fixeron a seitura está clamando e o seu berro chega ós oídos do Señor dos exércitos. Vivistes na terra cheos de fartura e cebáste-los voos corazóns nos praceres para o día da matanza. Condenáste-lo xusto e matástelo sen que el vos fixese fronte.

Saber agardar. Tede, logo, paciencia, irmáns, deica a volta  do Señor. Reparade en como o labrego coa esperanza posta nos preciosos froitos da terra agarda con paciencia as augas temperás e as serodias. Tede tamén vós paciencia e collede folgos, porque o Señor axiña chegará. Non vos queixedes, irmáns, uns dos outros, para que non vos sentencien; mirade que o xuíz está xa á porta. No sufrimento e na paciencia, irmáns, seguide o exemplo dos profetas que falaron no nome do Señor. Mirade que agora nós chamámoslles benaventurados ós que aturaron todo. Tedes oído falar da paciencia de Job e xa véde-la fin que lle concedeu o Señor, porque o Señor é compasivo e misericordioso.
Sobre todo, irmáns, non xuredes: nin polo Ceo nin pola terra, nin por cousa ningunha; que o voso si sexa si e que o voso non sexa non, para que non vos sometan a xuízo.

A oración. ¿Anda magoado algún de vós? Que rece. ¿Séntese alegre? Que cante salmos. ¿Algún de vós ten unha doenza? Faga traer ós anciáns da comunidade, para que recen por el, unxíndoo (extrema unción) con aceite no nome do Señor. E a oración feita na fe salvará ó enfermo; o Señor fará que se erga e, se tiver pecados, perdoaránselle. Así que confesádevos mutuamente os voso pecados e rezade uns polos outros para que teñades saúde. Moito pode a oración teimosa do xusto. Elías era un home coma calquera de nós; pediu afervoadamente que non chovese e non choveu nada en tres anos e medio; volveu a pedir, e o ceo mandou auga e a terra deu os seus froitos.

Meus irmáns, se algún de vós se arreda da verdade e outro o trae ó bo Camiño, tede seguro que quen fai que un pecador volva dos seus camiños trabucados, salvará a súa alma da morte e soterrará unha chea de pecados.
¡Amén!


Semana Santa 1948 en Montecubeiro

Despois destas reflexións, carguemos coa nosa cruz, e que Deus nos colla confesados. ¡Amén!

Xosé María Gómez Vilabella
-.-