jueves, 27 de octubre de 2016

VOLVERÁN? -I-



VOLVERÁN?




De momento, saen!

XOSÉ MARÍA GÓMEZ VILABELLA

  
Volverán las oscuras golondrinas…

Gustavo Adolfo Bécquer

As de Bécquer, si; as de Bécquer volveron, pero estas, de momento, saen, voan, emigran! Voamos, pero, con intención de regresar…, para permanecer, cinsas incluídas, ao abeiro dos nosos carballos…, in aeternum!


Sempre volven, sempre queren volver, ao seu niño.




Carballos, centenarios, da nosa carballeira.


De darlles ás pitas pasou a ser ela mesma andoriña
-.-


Casámonos, ¡casouse ela!, un martes, martes e trece, na capela de Rois, ¡por poderes, para máis fazaña!



Fonte de Rois, en restauración.
Reformárona, pero a súa auga segue sendo purísima:
¡Para sabelo só hai que fixarse nas flores, pero tamén nas mozas deste lugar!

Rois (xermánico) = Xunqueira.
-.-


O niño nupcial? ¡Onde mellor que nas calores desérticas do Ifni?




Alí veunos un fillo…, e ensinámoslle a ser galego!



Pero..., ¡a parella; sempre hai que clamar pola parella! ¡E veu: Unha santa, unha Estrela, outra! ¡Deo gratias!




Pasaron 50 anos…, coma se nada: unión consolidada!




Pasaron 60…, e seguimos namorados!




Terceira xeración…


... que completa e perfecciona a nosa felicidade!

Deo gratias, outra vez, e sempre!

-.-


A todo isto, de que vai este libriño? ¡Pois..., non sei, se acaso de pedagoxía, unha Pedagoxía matrimonial; natural, elemental, iso si! Ou sexa, aprendida das andoriñas, que son mestras da convivencia!

-oOo-



¿Exemplaridade? ¡En absoluto: Normalidade, que xa non é pouco neste tempo das rupturas imprevistas!

Iguais, non, nunca; complementarios, si, sempre. “(1) Entón infundiu o Señor Deus un sono profundo no home, e este adormeceu. Tirou dunha costela e cerrou con carne o sitio. (2) Da costela do home formou unha muller e presentoulla ó home. O home exclamou: -Agora esta é coma min, o mesmo óso, a mesma carne. Chamarase muller, -seguiu dicindo Deus-, porque foi tirada do home. (3) Por iso deixa o home a seu pai e á súa nai para xuntarse coa súa muller e faceren un mesmo corpo”.

Da Biblia de Sept:
1                    X. 2, 21.    Á costela coñécenselle diversos simbolismos. Na nosa aldea dicíase moito, “A miña costela”. Aquí a razón primeira de pintar dese xeito a orixe da muller é afirma-la identidade entre ela e o home.
2                    X. 2, 23. A identidade confírmase outra vez pola dos termos “home” e “muller”, un mesmo substantivo con dúas formas.
3                    X.  2.24.   A atracción entre os dous sexos, un dos principios do matrimonio e da familia (Mt 19, 5s; Ef 5, 31).


Para iso dos namoros non hai receita, pero temos o sentido común, que nos di aquilo do refrán: O que lonxe vai casar, tacha leva ou a vai buscar! Este lonxe non significa distancia senón ignorancia, casar sen previo, sen un profundo coñecemento. Esta é a clave, a dificultade do asunto: coñecerse, coñecerse para entenderse!

A fermosura atrae, pero a sensibilidade cativa; tamén atraen os imáns…, ao ferro! A sensibilidade é brandura; por tanto, moldea. O valor da sensibilidade reside nesa capacidade que temos os humanos para percibir e para comprender o estado de ánimo, o modo de ser e de actuar do analizado. Non consiste en ser poeta, por máis que a miña dona sempre me bote en cara que a namorei a base de poesías. Non consiste en ser poeta pero si en ter alma de poeta, que é diferente. O poeta ama a beleza dos corpos, pero, por encima desta, adora a exquisitez das almas…, de certas almas! A sensibilidade é o termómetro das circunstancias, ese algo interior, e por tanto indescritible, que se sente pero non se ve, e non obstante indícanos espiritualmente a natureza das nosas febres, o seu grado de espiritualidade e / ou de materialidade. Para coñecer hai que analizar, formar un xuízo neutral baseado no que vemos e no que oímos; despois diso comprenderemos. Trátase, pois, de procesar información, pero que sexa veraz, correctamente captada e imparcialmente analizada. A persoa é un complexo de corpo e alma, así que non chega con namorarse dos corpos, das formas, por máis que inflúan, moito.

Os sensibleiros abundan, pero os sensibles coido que en menor grado. O sensible é sincero, natural; o sensibleiro, teatral. ¿Valen para ao teatro? ¡Tampouco, porque non encarnan a natureza real do personaxe: serven para representar teatrerías, finximentos, pero non teatro!

Os másteres de Psicoloxía debían facerse nos Bancos, aínda que máis cómodo e menos perigoso sería facelos nos bancos do xardín. Sabido é que os pecados de máis transcendencia social nos Bancos se confesan; iso si, se o “confesor” ten experiencia, mando e preparación, que é igual a dicir, se está en garda, de garda. Un ditame erróneo nun Banco pode acabar, soe acabar, en creba. ¡Sexa no Banco, ou fóra del, todo o que é mal analizado acaba en creba!

Todo cliente / todo paciente, “Coñecerédelos polos seus froitos”, que xa o dixo o Mestre, ten un historial: de onde procede, que avances se lle rexistran, como os logrou, que tratamentos segue actualmente…, e así ata infinito, ou case, pois infinitas son as variables das que se vale o ser humano para competir neste mundo saturado de inmundicias e de contaxios. Infinitas desviacións, infinitas tentacións, pero teñen os seus síntomas, os seus precedentes:

-Ambientes nos que se criou: familiar e social. Un mal ambiente é un mal abono, unha descomposición, e milagrosa ten que ser a árbore que se auto sustente neles, que sexa capaz de dixerilos.
-O seu desprezo dos medios en relación á meta, ou metas, que se propón lograr.
-Endeusamento persoal, presencial; petulancia.
-Prácticas convivenciais que se lle coñezan.

Todo isto de entrada, mirándose aos ollos cando disto se fale.

¿Que os ollos son o espello da alma? En principio, en teoría, si, pero hainos que levan lentes, que aprenderon a mirar por detrás das cortinas…, séxase, das comenencias!

Con tantas dificultades nesta vida logo entra o desánimo, a desilusión por coñecer á xente. ¡Auga que non vas beber, déixaa correr! Non sempre se pode, e non sempre se fai, pois temos que vivir en grupo, agrupados; temos que beber e vivir neste mundo das complexidades, así que só cabe espelirse, manterse en garda para que non nos enganen as aparencias, os disfraces do próximo

Nestas alturas do XXI, con tantos séculos de picardías ao lombo, xa cabe pensar se as recibimos nos xenes; as aparencias, os comportamentos, parecen confirmalo pois hai casos, vense casos, mesmo infantís, que asombran, que nos parece imposible que actúen motu proprio, de propia iniciativa. ¿Como pode un anxo tornarse diabro a pouco de nacer? ¡Non hai psicólogo que sexa capaz de explicalo, de complexa que é a mente humana, esta mente deformada, autodeformada, un pouco polo noso pasotismo, e outro tanto pola propia contaminación ambiental. ¡Canto máis se globaliza a cultura, máis precisamos sachar o noso horto, o propio!
-.-


Contrato prematrimonial:

Algo que non se fai, -penso-, pero coido que sería bo, boísimo: Celebrar, de mutuo acordo, este contrato, un acordo verbal, con este condicionado:
-Respecto mutuo, pero non submisión; e dentro dese respecto buscar entendementos que non humillen a ningunha das partes.
-Honestidade plena, inescusable; se algún antollo ten que ser secreto, non facelo, desbotalo ab initio.
-Unha independencia razoable dentro da dependencia debida ao contrato matrimonial.
-Fixarse, e por tanto gozar, do que nos guste da outra “parte contratante”, pero advertir razoadamente do que nos desguste para ve-la forma de eliminalo, ou polo menos atenualo.
-Admirar máis que xulgar; que a Defensa predomine sobre a Fiscalía.
-Esfarelar os aburrimentos, que son a couza principal dos matrimonios.
-Charlas de distensión, sobre temas amenos e variados, que fagan sitio, no medio, entre as obsesións do traballo, familia, coidados caseiros e demais problemas familiares.
-Afirmacións afectivas, principalmente da muller para co home, pois os varóns estamos sedentos delas polas poucas confidencias que damos e que recibimos do noso entorno habitual.
-Non esixamos igualdades senón complementariedades, pois para ser iguais a nós mesmos xa estamos nós, os propios interesados.

Isto é a Lei matrimonial, pero, un regulamento dela, previo, minucioso, para o seu cumprimento? O regulamento no matrimonio, para o matrimonio, non existe, xa que se vai redactando, e cumprindo, ou non, sobre da marcha, acorde coas vivencias de cada día!

Para os fracasos está, hai, ese disolvente ao que chaman divorcio… ¡Hai…, puñetes, mangas por ombro, porque aínda están sen inventar os divorcios sen consecuencias bilaterais, pero son peores as plurais, as que herdan os nenos, de habelos, pois eses, ¡meus pobres!, non teñen renuncia a beneficio de inventario.

A análise dos corpos é cousa dos médicos; a das almas é función persoal, individual, intransferible, de todos e de cada un dos seres. Se problemático é elixir carreira, pois pouco sabemos delas, das súas dificultades e das súas oportunidades intrínsecas, antes de meternos dentro, antes de fichar, non che digo nada da carreira matrimonial, para a que non valen copias nin apuntes, e tampouco validacións; á vista está que unhas segundas nupcias, por rotura, por interrupción das primeiras, adoitan resultar insatisfactorias a pouco que se evoque o mellor das primeiras; o malo das situacións anteriores sempre nos resulta máis esquecible; isto é o que me dixeron algúns que teño por sinceros.

Iso, algúns, que ata van ao médico para que os analice, para que lles diagnostique con antelación se poden ter fillos ou non, pero isto, con todo ser importante, e incluso recomendable no estadio actual da ciencia, resulta insuficiente para a validez, para a satisfacción do contrato matrimonial.

¡Casarse é unha carreira, a que máis e mellor vocación, máis e mellor preparación, previas, precisa! As cousas fisiolóxicas virán despois, e non preocupan de antemán pois, cando se leva ao casamento unha boa dose de amor, o outro, tanto a testosterona como a proxesterona e mailos estróxenos, resultan pan levedado, masa reservada na artesa para cando o forno estea en condicións de admitila.

¿Cursos prematrimoniais? De pouco vale dar consellos morais se fallan os outros, se non hai consciencia plena da carreira elixida. ¡Tantas sinaturas, e descoidamos a xeral, a vital, a vitalicia!

Eu tratei de aprender cando me vin en noivado, pois tanto se aprende dos bos como dos malos exemplos, e igual na aldea que na cidade; o caso é estar atento aos catro ventos, para saber capealos! ¡Dixen!
-.-



A miúdo imos con exceso de velocidade pola estrada da vida, e sabido é que a velocidade marea, obnubila a vista. Xa se dicía das noivas, Vísteme amodo, que teño présa…

Non respectamos os semáforos, e iso que coñecemos o perigo, que temos o seu aviso, ¡en colores!, diante dos ollos; daquela, os outros semáforos, os das luces interiores, que? Queremos coller o Ceo coas mans, pero o Ceo só se colle, só se logra, coas mans xuntas, sen sobos precipitados, anticipados. Ben o dixeron, sempre, os italianos, e iso que teñen sona de lanzados e de emotivos: Chi va piano, va lontano. ¡Experiencia propia! Explícano así: Esso ci vuole dire che con la calma e la tranquillità si raggiungono i propri obiettivi, mentre al contrario chi agisce con troppa fretta e rapidità finisce per non ottenere assolutamente nulla e quindi deve rassegnarsi e perciò rinunciare a poter conquistarli.

Incluso temos na Biblia a advertencia correspondente, ¡do noso Patrón, do propio Santiago! “Xa o sabedes, meus irmáns benqueridos: que todo home sexa espelido para escoitar, calmo para falar, e calmo tamén para o asaño, porque o asaño do home non leva á conduta que Deus pide”. (1, 19). ¡Os galegos nunca a obrigación lle pagamos ao Patrón polos seus consellos, que non é suficiente con dedicarlle Anos Santos Composteláns!



Xa me namorei de cativo, naquela escola de Maxide,



¡Só queda o seu escudo, no alto das escaleiras, e co escudo as miñas lembranzas!

ou iso cría, pero, como me deron cabazas, fixéronme un gran favor, que así tiven tempo e ocasión para ir coñecendo, coñecendo e comparando!
-.-


¿Coñecendo e comparando? ¡Pois si! Pero, advirto e repito: Para coñecer hai que analizar, formarnos un xuízo do que vemos e do que oímos; despois diso, comprenderemos. Trátase, pois, de procesar información, pero que sexa veraz, correctamente captada, e imparcialmente analizada.

Daquela a información era limitadísima: o fogar, a veciñanza, as feiras e mailas festas da contorna..., e de cando en vez, unha viaxe a Lugo! Pouco sabíamos analizar, pero as mostras tamén eran simples, simples e visibles; case diría, palpables! O pouco que se sabía era ben sabido pois as mentiras, as contradicións, víanse en plenitude, nesa plenitude da proximidade.

Dicía, daquela, meu Avó: Do oído, nada crido; e do visto, a metade. Neste XXI o oído vennos polas ondas, interpretado e dito por alguén que, probablemente, tampouco o viu; por alguén que está a soldo a saber de qué comenenciudos! No de ver... ¡Si, xa, a  televisión, pero a deformación da imaxe tamén está inventada!

Os medios de comunicación convertéronse no espazo da interacción social por excelencia, circunstancia que implica maiores facilidades para o intercambio de preocupacións e de ideas, pero, tamén, unha arriscada supeditación aos consorcios que teñen a influencia meirande, particularmente eses medios de difusión aberta, tamén chamada xeneral ou xeneralista. Esta irradiación actual é preocupante porque nos colle tan acelerados que nin tempo temos, ou nos damos, para as análises concienciudas. En definitiva, indo ao práctico: Que necesitamos aprendizaxes, instrución e instrucións, para elixir atinadamente entre o que nos resulta útil, formativo e construtivo e os velenos azucrados que nos serven acotío desde tódalas latitudes. Nesta algarabía, Deus, que difícil o teñen agora os nenos/as nenas para atinar nas súas pretensións!

-.-

  
Por aí chámanlles suxeitos sensibles aos que interpretan correctamente as situacións sociais; e limitan o de insensibles para aqueles que sexan incapaces de interpretalas axeitadamente. A experiencia dos vellos dinos que as verdades, as realidades, case sempre andan polo medio da vía, ¡da vida!, así que, xa que só nos coñecemos, e coñecemos, a medias, vaiamos con cautela nas nosas relacións interpersoais. Din que os galegos somos desconfiados...; non é exacto, o que realmente son, ou somos, é: prudentes, cautos, que nos vén da carga histórica que levamos ao lombo, séculos dunha Historia azarosa; ¡en parte, consecuencias de vivir neste paraíso fisterrán!

É ben certo que cada quen ten unha careta propia, natural, ata certo punto defensiva, máis ou menos cultivada, e por ende, máis ou menos identificable, ¡a do Carnaval non deixa de ser algo humorístico, superficial!, así que só nos retratamos detrás dela nos momentos de medo, tristura, felicidade, ou ira, que son os máis propicios para identificar e xulgar o carácter básico daquel, ou daqueles, que pretendamos estudar, coñecer e comprender.

Díxoo o Papa, que de rapaz tivo noiva, así que, ademais diso, é Doutor da Igrexa: O noivado é o tempo no que os noivos deben traballar sobre o amor (o seu coñecemento) como artesáns. Traducindo: Con arte, ademais de ciencia! En italiano, pero tamén dixo que, A verba noivado ten que ver coa confianza, coa confidencialidade e coa fiabilidade. Confidencia coa vocación que Deus dá, -engadiu-, porque o matrimonio é, ante todo, o descubrimento dunha chamada de Deus.

Sigue o Papa adoutrinando, advertindo, que, que é unha cousa ben fermosa que os mozos/mozas poidan elixir casar baseándose no amor recíproco; que a liberdade do vínculo require unha consciente, ¡consciente!, harmonía na decisión, e non só unha relación baseada na atracción ou no sentimento, porque o matrimonio, como vocación, establece unha alianza tan sólida e duradeira que fai de dúas vidas unha soa, un auténtico milagre da liberdade humana e da graza de Deus.

En consecuencia, ao matrimonio hai que ir con valentía, pero nunca con temeridade! A temeridade exclúe o sentimento do medo no senso útil de axuda e aviso fronte ao perigo. Os valentes, sen por iso deixar de selo, senten temor, avalían, calculan as posibilidades, e se as ven positivas, factibles, con un risco limitado, de interese, enfróntanse aos seus medos. O temerario lánzase á acción desarmado, impulsado pola súa ansiedade incontrolada. A temeridade, xeralmente, vaise controlando coa idade, pero sen chegar, ou poucas veces, á prudencia absoluta.

¿A imprudencia nos rapaces? Xeralmente recoñecémola desde que pasa pola nosa porta, cando está chamando na casa do veciño! Pero hai cousas, casos, veces, nas que é oportuna, e ata meritoria. Invocando a Luís Espinal Camps: “Señor, consérvanos la imprudencia de la juventud; la bendita imprudencia que es capaz de jugarse la vida por un ideal; capaz de ilusión y de amor. Que nunca tu Iglesia sea la Iglesia del silencio”. Sóubose que o Papa Francisco rezou polo padre Espinal fronte ás montañas nas que foi atopado o seu cadáver. (Histórico: Na noite do 21 de marzo do ano 1980, Luís Espinal foi detido por militares e paramilitares do Ministerio do Interior; e o seu corpo apareceu na tarde do día seguinte, con marcas de tortura, no quilómetro 8 do camiño a Chacaltaya, xunto ao río Choqueyapu, Bolivia). Está visto que as imprudencias adoitan levar ao martirio, e as matrimoniais nada menos!

A propósito: Non hai matón que non sexa covarde. Isto está pouco estudado, pero existe. Na violencia de xénero, tan…, ¿de moda?, actualmente, resulta palpable: Sexan fundados ou infundados os celos, o que deles padece, se é valente, expón a separación con dignidade; atrévese a ela. Se a desavinza ten outras motivacións, o valente propón solucións razoables e prácticas, sexan reparadoras ou definitivas.

¿Por que adoitan suicidarse eses matóns nada máis cometer o crime? Tamén está claro: Non se atreven a vivir co peso da culpa, a estilo Xudas; non se atreven a facer penitencia pública do seu crime. En definitiva: covardes para facer o que fixeron, e covardes na, sempre posible, sempre necesaria, reparación social do dano causado, pois non hai crime con consecuencias unipersoais, e por tanto, todos requiren satisfacción social.

O crime sempre é irreparable no individual, pero purgado no social, no cárcere ou fóra del, practicando obras modélicas, de pública penitencia, é a forma de contribuír, de colaborar coa Xustiza a unha certa reparación: ¡Aquí me tedes, condenado por desconfiado, así que, non vos tente o diabro imitarme; se iso pasa, dádevos un no rotundo, pois as consecuencias en min as vedes, en min as tedes! Isto, dentro do malo, algo ten de positivo: demostraría unha vontade reparadora, unha lección xenérica e xeral.

Cando a causa remota vén de pecados secretos, ¿para que discutir, para que disimular? ¡Acóllete aos teus dereitos, se os tes, e vaite…, a onde se che arrefríe o cerebro! ¡Iso, antes de que sexa tarde!
-.-


Pouco mérito ten aquel que nace en boa casa, nunha casa normal, de xente normal, educada, instruída, relixiosa; o mérito persoal está na propia, persoal, reconstrución, no esforzo por saír da lama, por rexenerar os xenes recesivos herdados.

A rexeneración é o mellor título de nobreza persoal, porque é propio, porque indica unha valentía sa, heroica, un esforzo xeneroso, e incluso un amor ao próximo ao libralo da súa contaminación, dos seus defectos iniciais. Tampouco observo que se lle preste atención a este tipo de persoas; antes ao contrario, é vulgar, é corrente, oír: De tal pau tal estela; ese fillo de Tal. Pero o caso é que sempre se alude á nai, sendo así que o gran puto foi o pai, por non saber ou non querer absterse! Será cousa de insistir neste baremo de méritos / deméritos: Loor e gloria para os malnacidos, para os malcriados, se foron capaces de uparse sobre si mesmos, desatándose das atumes coas que viñeron ao mundo, así como daquelas coas que foron criados!

Redundando, matizando: A rexeneración (dos valores internos) é a recuperación dos principios básicos para unha boa convivencia entre os seres humanos, de maneira e forma que estean interiorizados na nosa conciencia, e se proxecten dunha maneira natural na nosa conducta e no noso comportamento nas relacións coas demais persoas. Para transformar unha sociedade, con futuro sostible, non chega coa represión, tal que metendo no cárcere aos corruptos, pois tamén é precisa unha rexeneración global dos valores internos da persoa, de forma que os cidadáns asumamos, na nosa conciencia, uns valores axeitados que sirvan de freo a este cúmulo de debilidades: egoísmo, cobiza, soberbia, afán de riquezas e de poder, etcétera, tan inherentes e familiares que son da prosperidade acadada no século XX.
-.-
  

Nesta auto educación, nestas reflexións prematrimoniais, volvo ao tema da sensibilidade, do seu cultivo: ¿De que se vale a alma para abrirse ao exterior? ¡De que vai ser, dos sentidos corporais!

Así, coa vista poñendo ganas de ver, vexamos:

-Que abundan máis os pobres que os ricos… ¿Iso? ¡Elemental, Watson, porque os de arriba non se cansan de subir, e toda altura lles parece pouca; seguen tentándoo aínda que se atafeguen por falta de osíxeno! Pero hai ricos que, nesa febre ascensional, non se doen dos pobres, non reparten con eles, ¡nin sequera os sobrantes!, cousa que é de agradecer porque así os pobres estarán máis anchos, máis espazados no Reino dos Ceos.

-Que non hai ben que non se acabe, nin mal que cen anos dure.

-Que as feas adoitan ser máis simpáticas que as guapas porque, aínda que se miren no espello, non lles entra a soberbia.

-Que a noite prefírena os vagos…, porque sen luz non lles fan traballar.

-Que as rosas teñen espiñas, pero, cheiran ben!

-Que moi grande, moi importante, e moi sabio, ten que ser ese Enxeñeiro ao que chamamos Deus para que fose capaz de crear, e de soster, unha maquinaria tan grande e tan complexa.

Con isto visto, aínda que non vexamos o alén, é suficiente para decatarnos de que Deus é tan perfecto que, tendo motivos para ser, e para estar, orgulloso da súa obra, ninguén lle iguala en afectuoso, tanto que ata ten a paciencia de aguantarnos, co mal que nos portamos, incluso os que se teñen por mellores.

¿Do oído, que? ¡Con só oír trilar aos paxaros, ou o murmurio das mulleres, o home máis bruto tiña que derreterse, tiña que falar en poesía!

¿Gusto? Os pobres teñen o gusto tan educado que, cando comen pan, sábelles a pastel. ¿Si? ¡Pois, daquela, para qué desexarlle a muller ao próximo se non hai pan, se non hai pastel, coma o da nosa artesa!

Queda o tacto… Este si que é un sentido complicado, porque, se collemos mal certos asuntos, igual se nos esfarelan nas mans! Primeiro hai que ver se somos capaces de entender, pois, do que non, a estudiar, que libros hai, para escoller, e onde falten, acudir ao sentido extra corporal, tan escaso pero posible, ao que chamamos, precipitándonos na definición, común, sentido común!
-.-



Seguindo cos consellos, coa auto medicación, aínda que parezan soliloquios: Deus púxonos os ollos frontais, como para mirar de fronte e ao lonxe, pero, ¿usámolos así, xeometricamente?

Se ollásemos ao lonxe veríamos, intuiríamos, as consecuencias dos nosos actos, por nimios que parezan inicialmente, pero a experiencia dinos que non só somos miopes estes que levamos gafas. Dicía meu avó que non hai peor xordo có que non quere oír, pero eu, co que del aprendín, e algo que engadín, engado: Non hai cego máis cego que aquel que non quere ver.

Os ceguiños, meus pobres, e será porque eses ollan máis ben para dentro, adoitan ser exemplares; en conxunto, persoas admirables. ¡Será tamén porque non se distraen cos antollos do camiño!

¿As consecuencias dos nosos actos? Nesta condución que é a vida, e acaso sen decatarnos diso, estamos bailando co temón a todas horas, salvo acaso cando durmimos. Cada decisión nosa, por minúscula que sexa, por intranscendente que nos pareza, trae, carrexa, comporta, un novo rumbo. ¡Seino! Para por un caso persoal: Se aquel día invernoso, en Lugo, non baixase cedo para quitar billete de regreso nos coches de Trigo eu non tería ocasión de observar aquelas rapaciñas que a tal momento falaban co chofer, co señor Avelino, e a saber con quen casaría aquel zoqueiriño!

A das gafas:

-Señor Avelino, faga o favor de darlle este papeliño a miña irmá…, cando saia á estrada para recoller o cántaro do leite…

-Muller, se o metes no voso cacharro será máis seguro…, porque podo esquecerme!

-Os cacharros, aquí na Quiroguesa, tráenos recén lavados para devolvelos aos provedores, e o papel, coa humidade, pode borrarse. É urxente que me manden, que llo dean a vostede, mañá mesmo, o meu abrigo, que estou aterecendo de frío…


Xa co abrigo: Igual de guapa, por fóra, que por dentro, ¡unha santa!

¡Tate, -díxenme- esta cativa é da miña ruta, e se cadra de familia coñecida; a maiores, é previsora, é prudente…; pide as cousas por favor; ademais, estudia, que trae libros debaixo do brazo…; farei por coñecela!

Nisto apareceu un veciño, Amadeo de Tellado, que estudiaba por libre, con apuntes da Academia das tres CCC, e vin que falaba con elas, coas dúas, antes de subirse á Liña:

-Amadeo, esas rapaciñas…?

-A das gafas chámase Estrela; a outra é Inés, pero na Inés non penses porque é de altura; casa con capela, pombal e ciprés, que pazo es!

-Daquela, preséntame á Estrela…

Así o fixo, pero nunha ocasión propicia, que non tardou. Despois diso viñeron uns anos longos pero felices, de cartas e de versos asonantes, que fixeron o seu efecto! ¡El que la sigue, la consigue!, din en Castela. En definitiva, que por un cravo pode perderse unha ferradura; por culpa da ferradura, coxea o cabalo; e se o cabalo non arremete, igual se perde, ¡ou gana!, a batalla.
-.-



¡Que fracaso, que defraudados nos sentimos cando buscamos afecto, comprensión e apoio, sexa moral ou material, e só atopamos frialdade, desinterese! Xa o vemos, xa o apreciamos no bebé se non lle facemos caso, ou pouco; se o temos frío, ou famento, ou mollado. Na situación inversa, pasando de activa a pasiva, que?

As cavernas eran máis cómodas cás pallozas, que incluso podían ter auga ao alcance da boca, pero nunha caverna poucos caben, poucos cabían, e logo que non se prestaban á intimidade. Con troncos e ramas, séxase con esforzo, podemos construír unha palloza, e situala cabe ou cerca dos irmáns, constituíndo unha veciñanza. ¡Pensado e feito!

A soidade tolea, fai tolear; porén, aquel Isidro de Bergland dicía: ¡Non hai vida coma a dun só…, levándose ben! Niso último estaba a clave, o siloxismo: que non hai persoa que se leve ben consigo mesma, nin en todo tempo nin en todo lugar. O illamento é tan anti natural que un acaba tendo asco de si mesmo, da súa inutilidade, e ata pode rematar en suicidio se non controla os nervios. ¡É terrible!

Vén do Xénese, repito: Non é bo que o home estea só! Non é bo, non, pero mellor estar só que mal acompañado. ¡Cantas desgrazas aportan, derivan, das malas compañías! Porén, non é doado pasarse a vida de sentinela; é incómodo, pero, inevitable! Claro que sería meritorio, moitísimo, catequizar, corrixir ao mal compañeiro / compañeira, pero a heroicidade non sempre é posible, nin posible nin obrigatoria; daquela fagamos o posible, prediquemos co exemplo, pero se o catecúmeno se resiste a ser catequizado, despidámolo; iso si, dándolle a man, a man aberta, cun “Deica logo”..., por se cambia!

Isto de dá-la man ten o seu aquel, que é outro signo externo: temos, na propia igrexa, que non na Igrexa, eses que nos dan a paz deixándose coller tan só a punta dos dedos. ¡Non son Igrexa!
-.-


“¡Se sensible!”, lles dicía ás sentinelas da calle Prim, traseira do Ministerio, aquel Sarxento ao que deron en alcumar “Gilda”; polo de “sensible”, dicían. Ben torpe debo ser eu para que tardase tantos anos en descubrir aquel enigma: ¡Dicíalles así, nese argot, para que o soldado da garita entendese que tiña que estar atento, e reaccionar a tempo se algo estraño ocorría! O de Gilda non tiña nada que ver pois tratábase dunha película de moda, recente, do ano 46, na que Rita Hayworth lle “levantaba”…, ¿a man, a moral, o instrumento reprodutor?, a Glenn Ford. Aquela sensibilidade, a da película, era física, meramente física, para a ¿sensibilidade? daqueles soldados, eu entre eles.


A sensibilidade, filosoficamente interpretada, que non fisicamente, é a posta en acción do noso interese, da nosa preocupación, colaborando, entregándonos xenerosamente ao próximo, por lonxe que o teñamos.

Esta verba, iso do “próximo” pode levarnos a equívocos se a tomamos nun sentido cuantitativo, métrico; métrico de medida pero non de poesía. Próximo é todo ser que se pareza a nós, por lonxe que se atope; e só se parecen eses que teñen corpo e alma, por máis que algún haxa que mereza o tratamento de desalmado. Facer dano aos ausentes aínda é peor que facérllelo aos presentes, ao próximo próximo, porque de lonxe teñen, e natural que teñan, peor defensa. ¡Sería aleivosía!

Nas “rondas” militares dicíase: ¡Centinela, alerta! E o sentinela, para demostrar que estaba vixiante, tiña que responder: ¡Alerta está! Pois na vida civil, comezando polo fogar, e seguindo pola primaria, pouco se nos alerta, ou nada. O propio Cristo, que así nolo refire Mateo en M 26, 40, díxolle a Pedro, recriminoulle: -¿Non puidestes velar comigo nin tan sequera unha hora? Estade á espreita e orade, para que non entredes na tentación. O espírito está disposto, pero a carne é débil”. Xa sabemos que é débil, falible, así que compre avisar aos nenos: -Rapaciño / rapaciña, non te deixes enganar pola carne…, que xa nolo advertiu o Mestre, pois é voluptuosa, débil en definitiva!

Os mestres actuais, os laicos, os das nosas escolas, ensinan a desconfiar da carne? ¡Nos meus tempos, non, e agora, pola trazas, por algún signo externo dos que vemos acotío, tampouco, ou pouco! A carne é un soporte, pero hai que calzalo ben para que aguante a carga vital, para que non se produzan desequilibrios no importante, no espiritual.
-.-



Volvendo aos Evanxeos: A figura do Samaritano, o cadro do Bo Samaritano, esváranos aínda máis do que se pode apreciar polos signos externos, nos disimulos de calquera status, de tódolos grupos sociais. Para non comprometernos ou involucrarnos en coitas alleas, ou que cualificamos de tales, o usual, o común, o frecuente, é baixa-la vista, seguir camiño; daquela, ¿que vemos? ¡A punteira dos nosos zapatos, sempre dispostas a dar patadas…, contra nós mesmos, sempre expostos a caer de cu, na lama!


O bo samaritano

¡Eu teño abondo co meu; e a ese que o leve o demo! Ao longo da Historia, cal sexo se portou mellor? ¡Este si que é compromiso, pero, limitándonos á Paixón, ao cadro grande, ao salvífico, vemos que: Os lugartenentes, os Apóstolos, acovardados, fixeron mutis polo foro, saíronse da escena; Simón de Cirene puxo o ombro, ese si, ¡pero…!, á forza, compelido; tan só a Verónica tirou de chal para reanimalo un pouco, para secarlle as feridas! Analizados estes antecedentes, gañan as mulleres. ¡Rapaciños, xa que sodes máis ben covardes, buscade unha parella con rédanos, pero non tantos que se vos poña dacabalo!

As mulleres teñen sona de agarradas, e de que só son xenerosas na compra dos seus afeites… ¡Mentira; ou logo quen dá nas igrexas cando hai colectas de caridade, e iso que é máis incómodo ir aos seus bolsos que aos nosos petos? Rapaciños, dádelle ao César o que é do César, e á muller as grazas pola súa complementariedade; ¡daquela, a que non vos complemente, que se quede atusmando pola ventá…, para o seguinte!
-.-


¿Aflicións alleas? ¡Teño abondo coas miñas! ¡Burro / burra, que se todos pensásemos desta maneira igual non terías quen che mirase para a cara, e a túa, de tan dura, acabaría caéndose, caendo no abismo da soidade, que é o peor de todos!

¿Os problemas? ¡Que cada quen resolva os seus! ¡Xa; que che apliquen a recíproca, e despois falaremos…, se che quedan azos!

No fogar sempre houbo, e sempre haberá, problemas que non se resolven pola regra de Tres: Se este é meu, e ese é teu, os comúns, que? ¡Todos son comúns, todos! Se o home chega de mal xenio igual é por causa e por culpa dos problemas que tivo para arrancar un xornal, para cultivar o su prestixio, por defenderse dos seus inimigos. ¿Que atopa á muller de malas? ¡As mulleres tamén teñen oficio: unhas, na casa, e outras, fóra dela; na modernidade, en ámbalas dúas situacións! Daquela os problemas entran nos gananciais, non si? Por moito que se estipulase nunha, suposta, separación de bens, hainos que son comúns, indivisibles, tanto para o bo como para o malo. Os problemas da vida cotián levados con afecto e con desinterese, sen egoísmos nin personalismos, sempre serán máis liviáns, máis…, levadeiros.

O home, maiormente o home, adoita / adoitamos poñer xesto adusto, insensible, por dous motivos: parecer máis varón, e de paso, librarnos de compromisos sociais. ¡Teatro puro, ou máis exactamente, impuro, ridículo! Os problemas non se resolven co seu arquivo; é mellor programar solucións, estudalos, sempre que sexa posible, debaixo das mantas, contrastando pareceres, enfrontándose a eles persoal e directamente, sen demoras, sen deixar que pasen as ocasións de afogalos, de anulalos, ou, polo menos, de minimizalos.

Aos touros hai que collelos polos cornos, e aos problemas polas solucións probablemente máis seguras, suxeitando aqueles puntos que máis nos podan ferir, sexa a nós mesmos ou ao próximo. Facelo a tempo, tendo presente aquel axioma que di que hai tres cousas que, de pasadas, de pasada a ocasión, non retornan, foxen de nós, libéranse do noso alcance, do noso control: o tempo, as palabras, e mailas oportunidades. Con respecto ao tempo, as cousas mal feitas aló van, e con elas as súas consecuencias; as palabras inconvenientes nunca teñen búmerang, non se anulan os seus impactos; e das escusas, o que delas fagamos xa alertaban aos romanos: Excusatio non petita, accusatio manifesta; en canto ás oportunidades, por veces son tan fugaces que nin tempo nos dan para espertar.
.../...

Pasa a
VOLVERÁN?
-II-

Xosé María Gómez Vilabella