martes, 16 de enero de 2018

TIME IS RUNNING OUT




TEATRO PARA AFECCIONADOS


TIME IS RUNNING OUT

Xosé María Gómez Vilabella
-.-


Time is running out






¡Escápase o tempo; detédeo, aproveitádeo!

Teatro crítico para nenos.

Debate infantil sobre o Estado da Cultura
que atoparon ao vir a este mundo.

-.-



Argumento – escenificación

Khronos, que preside o Tribunal da Historia, aparece con barba branca, obviamente postiza xa que se trata dunha obra representable por nenos, por estudantes. Ten diante súa unha clepsidra, que é o emblema tradicional da súa función.

Detrás da Presidencia, unha árbore ramificada, coas polas das ciencias e das artes, polo estilo do emblema do Instituto Superior de Investigacións Científicas.


Abre e cerra as sesións, flanqueado por unha Secretaria e por un Secretario, estes sen ningún disfrace, coa roupa de cada día, que farán de Cronistas da Historia.

Cruza o escenario, con paso vacilante, o Século XX, que arrastra unha túnica longa, que poderá ser de amianto, tea de amianto, (para evitar un incendio), coma a cola dun cometa, séxase, botando chispas, de artificio; unha especie de ninot que comezase a arder.

Gabinete saínte.- Gráfanse con S, e un subíndice por cada neno. Tres nenos e unha nena, evocando aquel, xa histórico, ¡25 % para as mulleres! Visten ao uso actual, pero con roupa un tanto pasada de moda, e deben maquillarse simulando algo de barba nos nenos, e engurras na cara dos catro, para evidenciar a súa antigüidade, a súa periclitación. Levarán un letreiro ben visible que diga, XER. SÉCULO XX (Xeración do século XX).

Gabinete entrante.- Gráfanse cun E, e mailo correspondente subíndice. Tres nenas e un rapaz, expresando con esta composición a evidente evolución/revolución feminista dos últimos anos, séxase, a crise do varón. Os catro vestirán traxes espaciais, como de científicos do espazo; e levarán, tamén todos eles, un letreiro que poña, XER. SÉCULO XXI (Xeración do século XXI).

Escenificación libre, movéndose os nenos con naturalidade e con soltura. O resto xa se deduce dos diálogos e das situacións sucesivas.
-.-

Papeis:

Khronos, tirando das súas barbas:
-¡Que o diabro nunca me leve se entendo este mundo; o actual, quero dicir, e iso que só levamos XX séculos diso que chaman cultura cristiá, séxase, consolidada, sublimada! O mundo vello, o antigo, o mítico, o de meu pai, o de Zeus, aquel si que era divertido…, ¡por sinxelo e por inxenuo! ¡Oh Deus dos deuses, canto gocei con aqueles humanos das cavernas, cos cavernícolas, pois aqueles omnívoros devoraban canto pillasen, pero, no demais, eran homes de boa fe!

Secretaria de Khronos:
-Xefe, iso que acaba de dicir, ese exabrupto…, ¿prefire que non conste en Acta, nesta Crónica cronolóxica, non si?

Khronos:
-¿Pour quoi, mon amour…?

Secretaria:

-Señor…, coido que se trata dunha boutade extemporánea, digamos que resulta impropia para unha reseña histórica!

Khronos:
-Muller, fai o que queiras, que desta civilización, destes humanos que se están apartando da propia esencia da súa humanidade, estou farto; e para máis INRI, viñeron esas guerras da Mesopotamia… ¡Mira que foron notables aqueles topetazos cos que arrincou este século XXI…, e iso que estes occidentais presumen de conta-lo tempo a partires de Xesús Cristo, o Deus dos deuses, o Deus da Paz!

Os Secretarios escriben de continuo, sen case alza-la vista.

Khronos:
-¡Señores, ábrese a sesión, e con isto iníciase un debate sobre o Estado da Cultura nos comezos deste século, do XXI!

Secretario:
-Señor, coa venia, vou ler as Actas dos ceses, das despedidas deste Gabinete, ben longo por certo xa que arranca daquel Maio do 68, aquel do Coxo Manteca…, ¡que así se puxo de moda iso de coxear, pois, os que non o fan da dereita, víranse da esquerda!

Khronos:
-Coido que tes razón, pero, ¿que foi daquel Coxo omnipresente ao que alcumaban "Manteiga" que non o vexo nesta Sala das Autoridades?

Secretario:
-Mire, Señor, agora coxéanlle todos, que xa llo dixen, e por iso confúndense cos outros! A dificultade estriba en distinguirlles a pata…, con tanto malapata solto, séxase, no seu transfuguismo transfugado!


Khronos:
-O que me ten intrigado é que foi dos augures que preconizaban aquilo de, “¡A imaxinación ao poder!”. Seica din de min, de min mesmo, que, “tempus fuxit”, mais, polas trazas, vou ser o único inmutable, o único permanente!

Secretario:
-¿Señor, vostede, que ten a Eternidade ao lombo, non se decata de que as mexericadas sempre pasan pola Historia como ao traveso dun vidro? ¡Quere dicirse, sen rompelo nin manchalo! Aquilo foron choscadas, promesas grafíticas, de superficie. Os máis daqueles rapaces acabaron na corrupción máis abxecta; e xa que vén ao caso, lémbrese que Nerón comezou dándolle á lira para rematar dándolle ao tizón! Tamén hai aquel dito de que, “¡Detrás de min virá quen bo me fará!”.

Khronos:
-¿E logo, ti, Secretario dos meus segredos, non esperas milagres, non agardas pureza nas novas xeracións, nas presentes?

Adiántase a Secretaria, quitándolle o uso da palabra ao Secretario.

Secretaria:
-Meu Khronos, poño a Venus por testemuña, e que as parcas rabenen a miña lingua vaticinadora se me equivoco: ¡Miúdo século imos ter cun predominio de femias mandando e dirixindo en tódolos ámbitos do saber, da empresa e da política! ¡Por fin acadamos o cénit da civilización!

Khronos:
-Muller, entón, ¿que diferenza hai? Se é por estudos, tamén os tiñan os vellos; ¡máis cós de agora, pois estes da esquerda incluso deron latín, a fortiori, naquel Bacharelato antigo!

Secretaria:

-Señor, os anteriores farfallaron os sete farfallares, e prometeron moito pero fixeron pouco. ¡Malditos juppies! Agora entrarán os meus, ou máis exactamente, as miñas, as miñas conxéneres, unha xeración de calzón unisex, estas mozas do calzón roto e do pelo curto, pero coas ideas longas, de largo alcance. Nós estreamos a mellor das utopías, a máis sa, a máis pura: ¡Mens sana in corpore sano!

Secretario:
-Estou contigo nesa esperanza de que virán tempos mellores cós herdados…

Secretaria:
-¡Amén! Nós renegamos das drogas, do tabaco, do alcohol…; ¡en xeral, de tódalas dilapidacións dese patrimonio hixiénico, ecolóxico e cultural que nos foi legado polos entregos deste país dos paisanos, das paisaxes e do paisanaxe, que así lle chamou Unamuno!

Khronos:

-Daquela, para ir ao positivo, para ir ao futuro, deixemos falar ás Ministras entrantes; que nos presenten as súas bases, as súas ideas, as súas formulacións socioculturais… ¡En definitiva, o seu contiño, as súas promesas electorais!

Nisto, que se levanta unha nena, con moita soltura, desenvolta e ben preparada, segura de si mesma.

Rapaza E-1:
-Queridos e respectados Colegas saíntes: A vosa xeración, aquela do Maio francés, só nos trouxo dexeneración, mais agora, neste XXI, entramos nós, que somos os seus netos, e vimos dispostos a come-lo mundo, ¡pero con salsa verde, de verde ecolóxico!

Khronos:
-Iso de come-lo mundo…; ¡mal te vexo, que está cru!

Rapaza E-2:
-Señor, un respecto para a nova xeración, en particular esta do CPI de Castroverde, estas promesas do futuro mundial, e non se ría da miña Colega, por menor que sexa… ¡En idade, que non en entendemento! Mire, Señor, é certo que o mundo está verde, verde e desequilibrado: A economía, cos nosos antecesores, medrou nun desequilibrio abraiante, en progresión negativa, maiormente por culpa de esquilmar ao terceiro mundo, fose nas materias primas, ou na man de obra barata, contratada en precario as máis das veces! E tamén está ese buraco que fixeron na capa do ozono…

Levántase un rapaz do Grupo S para replicarlles aos seus sucesores, ao seu relevo.

Rapaz S-1:
-A modo, rapaza, que os progres tamén afloraron na miña xeración, e daquela fixéronos abandonar as colonias, os protectorados, os centros provedores de materia prima, coa agravante de que os deixamos antes da súa maduración cultural, integral; por culpa diso tivemos importantes conmocións… Estoume lembrando, para por un exemplo, que deixamos a nosa Guinea nada máis saber que tiña xacementos petrolíferos… ¡Pois ben, daquelas tormentas, daqueles utópicos, veñen estes lodos, esta crise, estas miserias actuais!

Rapaz E-4:
-O voso endeusamento, o voso endebedamento, meus colegas periclitados, debeuse á velocidade acelerada dos descubrimentos do século XX, que non fostes capaces de asimilalos pragmaticamente, e de paso, maltratastes a ecoloxía!

Rapaza E-1:
-Aquí, neste debate do Estado da Cultura, trátase de ser construtivo, de construír o futuro. ¿Que nos pide o pobo, que nos esixen os nosos representados, ademais de panen et circenses?

Rapaza S-4:
-¡Pan e pasteis, por suposto!

Rapaza E-1:
-Colega, non lle fagas caso, que os saíntes son uns fracasados; e xa que te fuches ao latín, voute advertir que, de mínimus non cúrat Praetor! Nós, os da última xeración, que nos estamos preparando para rexe-lo mundo, deixamos a procura do pan para aos agrónomos, e as artes escénicas para aos danzantes. O noso, o noso baile, é, fundamentalmente, dispoñer o preciso para que dancen os recursos ociosos: ¡nin capitais en paro, nin persoas NINIS, desas coa man no peto!

Rapaz S-1:
-Nós acadamos as xornadas reducidas, aquelas das 48 horas; e sostivemos as Bolsas, salvo, acaso, aquela tronada de catro atronados, de catro especuladores; refírome á caída de Nova York do ano 1929, pois estoutra, a do 2008, fixéstela vosoutros, os economistas actuais, que farfallades moito pero economizades pouco.



Cambio de xeración. Cambio de século.

Rapaza E-3:
-O noso non será traballar máis, senón facelo mellor, con máis acerto: ¡traballos de paz para a paz, mentres que no século último, no XX, de cada oito horas de traballo, tres levounas o demo por efecto dos derrubes e dos consumos bélicos! O noso será, deberá ser, a constancia no traballo, a permanencia e maila utilidade do produto, particularmente na investigación. Alzaremos o listón da ciencia para posibilitar novas técnicas, tendo presente, asumindo, sempre, que, gutta cavat lépidem non bis sed saepe cadendo, que para os que non sabedes latín, ¡nin despois de habelo estudado!, significa que, a gota fura na pedra simplemente caendo, non un par de veces senón moitas, con asiduidade!

Os saíntes fan xestos de desconformidade, pero calan.

Rapaza E-2:
-Para ir ao gran, ao pragmático, xa que o noso será a eficacia empresarial, ¿que remanentes, que plusvalías xeraron estes predecesores, estes do XX? ¡Que nolo diga o Presidente, que o explique Khronos!

Khronos:
-Precisamente para efectuar unha analítica construtiva, crítica, é para o que estamos aquí, nesta ágora; para iso celebramos este Auto de Fe, de fe no futuro, ¡que non é unha carnavalada!

Rapaza E-3:
-¡Pola miña parte vou engadir que aquí trátase de aceptar o noso herdo, a nosa continuidade, rigorosamente a beneficio de inventario, acolléndonos en España ao artigo 1.011 do noso Código Civil; por ende, ¿a masa hereditaria, o patrimonio socio-cultural-económico que estamos a recibir neste relevo xeracional, secular, é ou non é positivo? ¡Para esta análise suxírolles que aporten demostracións, evidencias, balances…!

Rapaz S-3, vacilante:
-Iso, estas comparanzas, estes baremos de méritos non son doados de establecer! Tede presente que, comparando os bens cós males…, ¡tódolos tempos, tódolos lugares, tódolos pobos, son iguais! Vosoutros, os entrantes, os da nova xeración, predicaredes, planificaredes, prometeredes…, pero non convenceredes xa que, en definitiva, o péndulo sempre retorna ao punto inicial, e se non me credes, preguntádelle a Foucault!

Rapaz E-3, con xestos de desconformidade, de desconcerto:
-¿Quen dixo iso, que relación ten o traseiro coas catro témporas, ou o touciño coa velocidade, ou a física có dirixismo económico? Aquel dogmatismo, aquelas rixideces, aquel fatalismo do XX, traduciuse nun papanatismo, nun pasotismo, nun lastre, que nós estamos dispostos a eliminar…, así teñamos que reinventar a Inquisición! O voso conformismo, iso das especulacións cómodas, iso de medrar sen molestarse en engadirlles valor ás cousas, conduciunos ao estancamento socio-económico. ¿Queredes parar o tempo? ¡Daquela agarrádeo polo rabo; detédeo, parádeo, aproveitádeo, que ben vedes que foxe…!

Di isto último ao ver que Khronos se vai da reunión, e daquela cólleno os do Grupo “E”, os entrantes, para facelo volver ao seu sitio.

Rapaza: E-1
-Colegas, non insistades, ¿ou non vedes que estes parvos do XX están periclitados, obsoletos, coa vista lagañosa, envoltos nas sabas das súas propias cataratas? Eles fracasaron, e precisamente por iso a nosa preferencia, a nosa opción, a nosa indignación, debe estar centrada en coñecer as cousas polas súas causas… Para dicircho no seu latín, xa que tanto presumen estes entregos de que se pasaron a vida durmindo con Afrodita, ¡acta est fabula!, que para os desmemoriados significa que se acabou a ficción, que se levanta Acta da mesma, pois o teatro da vida esixe máis de ciencia e menos de ficción, séxase, menos cinismo!

Rapaz S-1:
-Nesta comparanza dos bens cos males acredito eu, que mo dixo meu avó desenganado de que cortar a cana en Cuba era peor que cavar na touza…, ¡tal que nas Bouzas de Vilabade, que por algo fixeron delas un pasteiro!

Rapaza E-2:
-Por favor, vello cesante, non insistas con esas filosofía baratas, de rueiro, que nós non temos, nin cultivamos, aquel dogmatismo voso, inxenuo, do XX; aquel crer nas verbas antes que nos feitos evidentes, evidentes ou evidenciables. Aquelas verborreas, aquelas arengas castrense - mitineiras, foi o que vos levou, foi o que dominou, en vinte séculos de mareo, de evolución - involución, empezando pola dinamita de don Alfredo Nobel e terminando pola bomba H, aquela de hidróxeno. ¿Que houbo, que tivestes, nos intermedios? ¡De notable só a guerra fría, os aduaneiros e mailos espías!

Rapaz S-3:
-Como saíntes, como vellos, débesenos un respecto, aínda que máis xusto sería un agradecemento. Sen ir máis lonxe: Comezamos o noso século, o XX, cunhas escoliñas de “a ferrado”, invernais e curtas; pero, á forza de pedilas, o Estado deu en conceder Agrupacións Escolares, unha por cada Municipio, con transporte e comida incluídos. ¡Moito desagradecemento sería non agradecernos isto ás xeracións do século XX! ¿Sabedes que aínda onte, a mediados dese XX, os nenos e mailas nenas adoitabamos facer, nalgún caso, que tal foi o meu, máis dunha legua, máis de cinco quilómetros, que con ida e volta fan dez, tal que desde o Pereiro a Maxide, atrochando pola neve e pola lama das corredoiras, para ir ás escoliñas de daquela? ¡Ah, e de comida, un cachiño de pan e queixo, por veces mouro e duro, cando non, balorento! Se non o sabedes, a culpa é dos vosos pais por non tervos informado, pero, se volo teñen dito, e o esquecedes, neste caso o desagradecemento será voso; como pouco, un pecado de omisión!

Intervén Khronos, facendo xestos de pacificación en vista de que os parlamentarios se exaltan:
-O agradecemento sempre foi un baleiro na Historia dos pobos, e por iso é obriga dos profesores rectificar, corrixi-las desviacións, rescatar esa virtude, que é unha das básicas para a civilización consciente. Para que se me entenda correctamente: agradecemento non é sometemento senón espontaneidade cordial; séxase, unha virtude natural do corazón, pero tamén das mentes sans, nobres, libres pero cultivadas!

Rapaza E-3:
-¡Non admitimos leccións do Pretérito! Nós, a xeración do XXI, estamos aquí, neste Centro de Castroverde, dispostos a darlle a volta ao mundo, a soterra-los erros dos nosos entregos; a triunfar, en definitiva! Acabaremos cos traballos por conta allea, cos horarios ríxidos, coas crebas empresariais…, ¡porque o faremos, todo, cando e como nos pete, simplemente manexando robots informáticos, que traballarán por nós e para nós! Con iso, ¡todos a gozar, todos a folgar, empezando agora mesmo, xa! Eu, e coma min os meus colegas, dicímoslle ¡Adeus! a ese Pretérito, simplemente dándolle as costas! Colegas, facede coma min: ¡saltade, cantade e bailade, pois o Futuro é noso! ¡Viva o Futuro, folgado e despreocupado, viva o Botellón, vivan os ni-nis, viva a Boa Vida, vivan os eucaliptos, que son boísimos para o catarro, e abaixo as landras e mailas castañas, pois era moi incómodo soutalas!

Sen máis, baixan o pano
-.-


EPÍLOGO

Aparece en escena unha velliña, levando dous netos da man, de curta idade; neno e nena.

Velliña:
-¡Deus, como cambiou o noso Castroverde! Xa non hai feiras, xa non hai traballo, xa non hai xente, que se foron para a Lúa neses foguetes dos Hervei, e quedei soa, ao cargo destes netiños, que mos deixaron seus pais..., mentres eles non volvan ricos…, se é que volven! Lémbrome que aquí, aquí mesmo, nisto que foi Centro Escolar, eu despedinme do Pretérito coa esperanza de que o Futuro, cos seus adiantos, cos seus robots, nos permitiría vivir sen traballar, pero…, ¡co que non contabamos era con esta soidade!

Neno:
-Avoíña, ¡teño fame!

Velliña:
-Daquela, meu neno, toma outra pílula destas de nutrición calculada, pois agora xa sabes que non quedan panadeiros, nin fornos do pan…

Nena:
-Eu tamén teño fame… Avoíña, dixéchesnos que antes, cando te criaches, as nais dábanlles a teta aos nenos… Daquela, como miña nai se foi á lúa, ¿teño que seguir de biberón, con leite de améndoas, por días de vida?

Velliña:
-¡E biberón houbese, pois, ben o sabes, meniña, que os veciños desta bisbarra cansáronse de criar vacas, e agora, desde a lúa, só nos poden mandar leite das súas cabras!

Nena:
-Pero, avoíña, ese leite é amargo, coma os codesos do Codesal… ¡Non me gusta!

Neno:
-Avoíña, xa que estamos tan mal neste país selvático, eucaliptado, pura selva, abandonado despois de tantos séculos de litigar por un ferrado de terra, por que non emigramos, nós, tamén nós, agora que nos tes a medio criar… ¡Envíalles un e-mail aos nosos pais para que che manden tres pasaxes para o próximo foguete!

Velliña:
-¡Meus nenos, tedes razón, que vai ser inevitable, e canto antes mellor, pois, como isto segue a monte, sen xente que o traballe, logo se porá a silvas esta rampla de Castroverde…, e daquela acabaranse as viaxes ao espazo!

Séntase diante dun ordenador e vai lendo o que escribe:
-Queridos fillos, sendo inminente o peche desta rampla dos lanzamentos espaciais de Castroverde, cheíñas de toxos que están as estradas de ir a Lugo, encarézovos que nos mandedes tres billetes no primeiro dos retornos, para reunirnos con vosoutros nesa lúa tan próspera, que así gozarémola todos, de consuno, os cinco!
Nesta espera, moitos bicos desde a Terra…

¡Ah, que se me esquecía! Non deixedes de esperarnos na Estación da Terceira Fase Luar…, para non perdernos! De aquí, como regalo, só vos levarei amoras, amoras das silveiras, pois é o único comestible, ecolóxico, que nos queda.

Deica logo, queridos,

Khronos, que reaparece en escena:
-¡Estívolles ben a estes terráqueos…, por apresurarse! Querían pasarlle diante ao tempo, darme a volta coma se fose unha calceta..., abandonar a terra para irse de emigrantes á lúa…, e que conseguiron? ¡Nada, ou peor que nada: converter Castroverde nun silveiral, tal e como estivo ao comezo dos séculos, naqueles tempos da Cova da Valiña! A vida ten o seu ritmo, que de nada vale poñer o carro diante dos bois; e logo que as utopías adoitan ser guapas, pero o pragmatismo iranos dicindo cales valen e cales non! ¡En definitiva, así o quixeron estes humanos, estes humanus que ían para sapiens, e quedáronse en humus!

Cae o pano.
-.-

 

O autor dando unha conferencia no CPI de Castroverde.

Xosé María Gómez Vilabella

-.-

O Autor non terá inconveniente en permitir que se represente calquera destas obras sempre e cando se faga co seu consentimento previo, del ou dos seus herdeiros, e, por suposto, con un mínimo de dignidade escénica. Se para entón estou reunido con San Pedro, que ninguén me interrompa; nese caso, falen cos meus herdeiros, que de seguro respectarán estas instrucións.





Xosé María Gómez Vilabella

O CEO COMEZA AQUÍ




O CEO COMEZA AQUÍ



Xosé María Gómez Vilabella

Explícome; tratarei de facelo:
Isto non son os Evanxeos, que os temos, completos, en cantidade de libros relixiosos, senón un espigueo deles, captando puntos, guías, sinais orientativos do camiño a seguir, que estimo útiles para o noso camiñar, para a nosa práctica cotiá, relixiosa.
-.-

A nosa, particular, transformación, concretamente a dos bautizados, comeza aquí, aquí mesmo, xa na terra. A miña comezou nesta pía, así que lle agradezo ao veciño que a substituíu que deixase, que gardase, a pía vella, de relicario, na miña/na nosa parroquia. ¡Seguro que xa ten cobrado, seguro que lle pagou Deus..., pois Deus é xeneroso, infinitamente xeneroso, con quen lle fai apostolado!


Aquel día, o da Transfiguración, abriuse o Ceo, para que os terráqueos tivésemos un adianto, un anticipo, unha ventá aberta ao noso entendemento, para ver, para comprender, que o Ceo estaba en comuñón coa terra, ¡e que Xesús, Fillo de Deus, deus e home, nunha soa persoa, tiña as chaves, e por tanto compartía a súa gloria coa humanidade pecadenta. Con un só requisito para a nosa emigración definitiva: ¡Primeiro, bautizarnos; e despois, arrepentirnos..., para volver a limparnos!
-.-

¡Estamos salvados! ¡Deo Gratias!

Lucas 9, 28-36; Mateo 17, 1-8; Marcos 9, 2-8. “Oito días despois..., colleu a Pedro, a Xoán e mais a Santiago, e subiu ó monte a orar. Mentres estaba orando cambiou o aspecto do seu rostro, e os seus vestidos viraron brancos e resplandecentes. De súpeto apareceron dous homes falando con el; eran Moisés e mais Elías. Tiñan un aspecto glorioso e falaban do seu éxodo que remataría en Xerusalén. Pedro e mailos outros caían co sono, pero, manténdose espertos, contemplaron a súa gloria e ós dous homes que o acompañaban. Cando eles se arredaron, díxolle Pedro a Xesús: -Mestre, ¡que ben que esteamos nós aquí! ¿Queres que vos fagamos tres tendas, unha para ti, outra para Moisés, e outra para Elías? Pero non sabía o que dicía. E mentres falaba, unha nube cubriunos coa súa sombra; eles quedaron moi asustados ó entraren nela. Entón unha voz dixo desde a nube: -Este é o meu fillo, o Elixido: escoitádeo. Cando a voz acabou, Xesús apareceu só. E eles gardaron silencio. Non lle dixeron a ninguén nada do que viran naqueles días”.
¡Non dixeron nada, non se atreveron pois aquel si que era un Secreto de Estado, un secreto celestial; non o dixeron ata que o Espírito Santo, despois da Resurrección do Fillo de Deus, lles deu coraxe para ser, e proclamarse, apóstolos, embaixadores da Redención!
Aclarémonos: Daquela non foi que os apóstolos predilectos, aos que hoxe chamaríamos “Ministros in pectore”, acompañasen a Xesús ao Ceo; ao Ceo, non, pero á antesala do Ceo, si. O que viron foi unha ¿entrevista? na sala de espera, na que, ao igual que outras ánimas limpas, Moisés e mais Elías agardaban polo momento crucial da Redención, séxase, pola Paixón, Morte e Resurrección de Xesús, que ía ser a inauguración, a apertura, da Porta Santa, da Porta do Ceo.
Naquela conversa, que os apóstolos non entenderon xa que se falou na lingua celestial, na divina, o que parece lóxico é que Xesús lles anticipou aos entrevistados, para que informasen na súa sala de Espera, tamén chamada Seo de Abraham, que estaba próxima a apertura do Ceo, do grande, do solemne, do definitivo.
Xesús, aínda na terra, máis ben lles tiña que parecer un profeta, outro, pero nisto acudiu o Pai á entrevista, confirmándolles, tanto a Moisés como a Elías, a Pedro, a Xan, e a Santiago, que Xesús era Fillo seu, e por tanto triunviro, un só Deus aínda que visible en tres persoas, que é como se nos vén representando a Divindade para facilitarnos o seu entendemento, séxase, un misterio, o que aquí abaixo entendemos e acatamos como “Santísima Trindade”.
Daquel milagre, daquela, os apóstolos concernidos non falaron, pero cabe supoñer que ben lembraron aquel feito ao presentárselles o Mestre resucitado. Daquela diríanlle ao Tomé: Desculpa que non cho tivésemos advertido cando foi a súa transfiguración, na que Deus o recoñeceu como Fillo unixénito, e por tanto con dúas naturezas, pero quedámonos tan pampos, tan cegos da luz celestial que nunca, ata o de agora, soubemos expresar a grandeza de Deus; éramos pecadores, non anxos, así que aquilo quedábanos alén do noso entendemento. Por algo nos sentimos tan felices, daquela, naquel sitio, con aquela visión; claro, era felicidade celestial, un anticipo da gloria, e tanto, que se de nós dependese achantaríamos no sitio as tres tendas que se nos ocorreu facer, cravadas naquel santo lugar, que, como che dicimos, era un anticipo do Ceo, tal cal.
O Mestre ben que lles viña anticipando que entraba nos seus poderes a apertura do Ceo definitivo, para toda a humanidade doente daquela soberbia iniciática, pero  aquela novidade era, foi, tan extraordinaria que non foron capaces de captala en toda a súa plenitude ata que viron ao seu Xesús resucitado. Por certo: aqueles varóns, que viñan do machismo tradicional, logo esqueceron que o Resucitado a quen primeiro se presentou foi ás mulleres. ¡Haberá que lembrárllelo aos sucesores de Pedro, por se o teñen esquecido!
 “La transfiguración les hizo abrir los ojos del corazón al misterio de la luz. La luz de Dios presente en toda la historia de la salvación. Y cuando, en el colmo del éxtasis, de la alegría, Pedro grita, soltado toda la adrenalina acumulada: “¡Qué bien se está aquí”! (Mt 17,4). No disimuló su felicidad. Incluso quiso atraparla y guardarla. Ellos vieron la luz, tu vestimenta deslumbrante. Intuyeron, quisiste que así fuera, intuyeron la Divinidad. Que ver, no se puede ver. Y quisieron quedarse allá. Y no en una acampada de verano. “Si quieres, haré tres tiendas...” (Mat. 17,4) Pero la visión desapareció y tuvieron que bajar a la cotidianidad”. (Juán Manuel del Río Lerga. Teólogo. Misionero Redentorista. No seu “Jesús y mis recuerdos primeros”).
¡Ai, Deus, que escuridade a dos primeiros séculos; aquela noite herdada, aquel Paraíso perdido! Co Ceo aberto, aberto de novo, a humanidade xa é feliz; ¡se aqueles entregos tiveron esperanza, a esperanza que dá a fe, agora, os cristiáns, temos seguranza; o Ceo deixou de ser “outro mundo”, porque pasou a ser o noso, salvo que renunciemos á herdanza!
-.-

¿Onde comeza o Ceo? ¡Para os cristiáns, na pía bautismal! E logo, cal é o papel da terra? ¡Este planeta, esta herdanza, vén a ser un aula universitaria, universal, na que facemos a carreira da santidade..., que é a única que confire o título desde o mesmísimo ingreso! ¿O diploma? ¡Dáos San Pedro na Porta Coeli, mesmo de fronte, segundo se entra na sala grande, que é onde nos recibe a comunidade dos fieis, que son, que a forman, todos aqueles que nos ensinaron a rezar! ¿Así que ensinar a rezar é un mérito? ¡Iso, ademais dunha obriga: “... Xesús, achegándose, díxolles: -Déuseme todo poder no Ceo e mais na terra. Ide, pois, e facede discípulos meus a tódolos pobos, bautizándoos no nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo; ensinándolles a gardar canto vos mandei. Asegúrovos que eu estarei sempre convosco, ata a fin do mundo” (Mateo, 28, 18-20).
Que ben se está aquí; que ben se durme coa conciencia tranquila... ¡Ollo cos pensamentos superficiais, porque poden ser enganosos, farisaicos! Para estar ben, para seguir ben, para seguir unha ruta correcta, por pedregosa que sexa, hai que levar de guía, de farol, os evanxeos; e polo que fai á conciencia, ollo tamén, que non sempre a temos esperta: ¡Educa-la conciencia é a ximnasia máis esixente..., ¡porque a temos que educar diariamente, acotío, pois do contrario..., dórmese, entumécese!
Daquela, ¿é difícil ser cristián? ¡En absoluto; non hai cousa máis gratificante..., pois imos cobrar en gloria celestial, uns réditos que son eternos! Pero, ¿aquí na terra...? ¡A terra, coas nosas perspectivas, Ceo é, entremés do Ceo!
¿De onde lles veu a fortaleza aos mártires? ¡Da Paixón de Cristo, de verse ás portas do Ceo, do de Arriba, do Definitivo! Señor, mártir, ou non, dáme forzas para seguirte, para cargar coa miña cruz; e grazas polos cireneos que puxeches no meu Calvario!
-.-

Naquela procesión axudei a levar a túa cruz, (con Trabada do Gruñedo, outro mestre coma min, dos de a ferrado), pero aquela imaxe era lixeira; despois tiven outras que se me fixeron máis pesadas, guerra de Ifni incluída, pero nunca, ¡nunca!, meu querido Xesús, botei de falta a túa axuda, que me / que nos axudaches a saír con ben de tódolos calvarios. ¿Como teño que pagarche? ¡Xa mo tes dito por medio dos teus apóstolos: “Porque o Fillo do Home ha vir coa gloria de seu Pai entre os anxos; entón pagará a cadaquén conforme á súa conducta” (Mateo 16, 27).
Se Xesús nos aplicase a Lei do Talión, a cada pecador daríalle unha cruz semellante á súa, e diríanos: “Eu padecina polos teus pecados; agora tócache a ti!”. ¡Ca; nin o fixo, nin o fará, porque o Fillo do Home é o máis home, o máis caritativo de todos; mulleres incluídas, por suposto!
-.-

Preparativos para a mudanza

¿Que facemos ante a perspectiva, ¡neste caso, seguridade!, dun desprazamento, dunha viaxe, dun cambio de domicilio? Antes cá equipaxe, documentarnos: datos, referencias, guías, planos, postais... Todo isto para un simple desprazamento, sexa por terra, mar ou aire. ¡Xa! Pero, para a viaxe á eternidade? ¡Como non sabemos o día..., despreocupación, xeralmente absoluta!
A viaxe á eternidade esa si que é mudanza, aínda que só espiritual pois o corpo para esta viaxe non ten pasaporte, que Deus non lle dá entrada..., de momento!
Ora ben, ese traslado require máis atención da que lle prestamos: A equipaxe espiritual comeza coa auguiña da pía bautismal; e despois, o ambiente que vexamos ao noso redor, tan importante, e tan decisivo, para ir enchendo as nosas maletas. Non esquezamos que o Ceo comeza na terra; e por iso a equipaxe comeza no berce familiar. ¡Ai, Deus, que privilexio tan grande, indescritible para un simple escribidor, por moi parte interesada que sexa, que estea, nisto das mudanzas humanas! E por outra parte, os teólogos explícano dun xeito tan grandilocuente que axuda pouco a entender o planing desta viaxe.
¿Hai axencias a estes efectos? ¡Case nada: toda a Igrexa Católica! Pero somos tantos, e tan xordos, que se nos escapan as mensaxes. O caso é que en todo o demais somos mestres, emperrados en transmitir as nosas ideas, así sexa discutindo, pero no máis íntimo, no máis persoal, nesta mutación das almas que, sen deixar de selo, pasan a ser ánimas, anda o Satán a berros e non nos deixa oír con claridade. ¡Que malos foron, e son, aqueles anxos felóns, soberbios, traidores; Señor, non nos deixes caer na tentación, e líbranos dos seus males!
Un emigrante, tanto a ida como á volta, non se despega da súa maleta; ¿e o noso Catecismo, que?


O emigrante terráqueo non se cansa de matinar; e nós, os da eternidade, que?
-.-

Preparando a equipaxe
Abnegación.
Mateo 16, 24. “Entón díxolles Xesús ós seus discípulos: -Se alguén quere vir comigo que renuncie a si mesmo, que cargue coa súa cruz e que me siga”.
Renunciar a un mesmo non é abandonarse, que non o dixo nese sentido; non é ser pasota de min mesmo senón renunciar aos meus caprichos, aos caprichos do meu corpo, dándolle preferencia absoluta a lei de Deus; ¡os Dez! Ou máis exactamente os once, pois mandamento tamén é, aínda que tácito, reparar no posible as omisións que puidesen danar ao meu próximo.
Marcos 8, 36. “Pois, ¿de que lle serve ó home gaña-lo mundo enteiro, se perde a súa vida?”. ¡A vida eterna, a dos santos, de par dos anxos; que esa si que é riqueza!
Lucas 9, 26. “Quen se avergoñe de min e das miñas palabras, tamén o Fillo do Home se avergoñará del cando veña na súa gloria, na do seu Pai e mais na dos santos anxos”. ¡Caramba, esa si que é boa: Se Xesús nos repudia, adeus Gloria, adeus herdanza; desherdados, a perpetuis!
“En el bautismo hemos escogido ese modo de ser humanidad. Lo hemos escogido de una vez para siempre; pero hemos de estar siempre aprendiendo lo que al bautizarnos escogimos ser”. Díxonolo Santiago Agrelo, Bispo de Tanxer, un predicador que sabe predicar a doutrina do Gran Predicador.
-.-

Acción de gracias.
¡Señor, por tantas cousas, todas importantes; só o Deus da Bondade pode ser tan xeneroso..., e nós, os pecadores, tan desagradecidos!
O Magníficat de María tamén, con ela, e grazas a ela, pode e debe ser noso, compartido. Lembremos que Xesús, na cruz, a través de Xoán, fíxonos adoptivos de María, da súa propia nai, así que, con iso déusenos en herdanza, para nai adoptiva, a propia nai de Cristo!
Lucas 1, 49.53. “O seu nome é Santo; a súa misericordia chega xeración tras xeración a tódolos que o temen. Manifesta o poder do seu brazo, desbaratando os plans dos soberbios. Derruba do seu trono ós poderosos, e fai subir ós humildes; ós famentos éncheos de bens, e ós ricos despídeos baleiros”.
Mateo 14, 19.21. O cerimonial de Xesús bendicindo e repartindo o pan, que foi un anticipo da derradeira cea: “E mandando recostar á xente na herba, colleu os cinco bolos e mailos dous peixes, ergueu a mirada ó Ceo, dixo a bendición, partiu os bolos e déullelos ós discípulos, que á súa vez llos pasaron á xente. Comeron todos ata fartarse, enchendo coas sobras doce cestas. Os que comeron eran uns cinco mil, sen contar mulleres e nenos”. ¡O poder e maila magnificencia de Deus, inmenso, absolutos, na persoa do seu Fillo; laus tibi Christe!
Lucas 24, 28. 31. “Ó entraren na aldea onde ían fixo como que quería seguir para adiante. Pero eles porfiáronlle, dicindo: -Quédate connosco, porque se fai tarde, e a noite bótase enriba. Quedou con eles. E mentres estaban na mesa, colleu o pan, bendíxoo, partiuno e déullelo. Entón abríronselles e recoñecérono; pero el desapareceu”. Os xudeus, só despois da resurrección de Xesús, foron purificando a súa fe.
¡Xesús, que cousa, que milagre tan completo, tan absoluto: a través da eucaristía, co seu corpo, corpo e sangue, quedácheste, segues, connosco; e se temos en nós mesmos o corpo e mailo sangue do Fillo de Deus, en visita sacramental, como se pode dicir que non estamos no Ceo? ¡Témolo con nós, veu a nós..., e quedouse connosco; non só nos abriu as portas do Ceo, senón, e tamén, que nolo anticipou, así que estamos, ou podemos estar, participando del!
Aquí na terra dámo-las grazas por un favor calquera, así sexa do solto; ¿e da Santa Eucaristía, que?
-.-

Acepción de persoas.
Mateo 22, 15.22. “Entón os fariseos fóronse reunir para veren o xeito de pillalo nalgún dito. E mandáronlle algúns dos seus discípulos e dos partidarios de Herodes, que lle preguntaron: -Mestre, sabemos que es sincero, que ensína-lo verdadeiro camiño de Deus e que non andas con miramentos, porque non te deixas levar polos respectos humanos. Dinos, logo, ¿que che parece: está permitido pagarlle o tributo ó César, ou non? Xesús, captando a malicia, contestoulles: -¿Por que me queredes comprometer, hipócritas? Mostrádeme a moeda do tributo. Eles presentáronlle un denario. E el preguntoulles: ¿De quen é esta imaxe e de quen fala esta inscrición? Contestáronlle: -Do César. Entón replicoulles: -Pois logo dádelle ó César o que é do César e a Deus o que é de Deus. Ó oíren isto ficaron pasmados e, deixándoo, marcharon”.
¡Que ben definida deixou Xesús a fronteira entre o humano e mailo divino, entre o terreo e mailo celeste! Aquí abaixo témo-los dous poderes: o humano, que é unha permisión, unha concesión transitoria, instrumental, séxase, un instrumento para tratar de mante-la paz entre Caín e Abel; e convivindo con iso, o acatamento de Deus, do Creador, do Xefe Espiritual; por ende, aquí tamén manda o Ceo, somos unha..., digamos, unha especie de Colonia do Ceo, así que non caben sublevacións!
Con todas estas leccións, certificadas cos milagres de Xesús, e  rubricadas indelebles coa Resurrección, ¿como pode haber fariseos, como poden ter crédulos as relixións falsas, as equivocadas, as imaxinativas? ¡Está claro: baséanse no denario, no material, no prezo das comodidades, dos vicios e das falsidades! ¡Todo iso é tan apetitoso para os corpos, e tan negativo para as almas!
-.-

Adopción divina.
Mateo 5, 9. “Ditosos os que traballan pola paz porque eles serán chamados fillos de Deus”. ¡Se son así chamados é que o son, que o somos; admitidos, adoptados, non repudiados!
Dámonos a paz, pero, ¿é de veras que nos desexamos a paz? ¿Fillos de Deus, e non queremos a paz? ¡Coidado con iso, pois o que non quere a paz, a paz que nos deu o propio Cristo, está renegando da súa filiación, está desertando, e xa sabemos a que lles espera aos desertores da Igrexa!
Se quixésemos coñecer a definición máis completa, e á vez elocuente, do que é o Ceo, temos que utilizar a verba “Paz”, pois iso é o Ceo, nunha soa verba: ¡Paz! Algo xa intuímos aquí na terra, ¡en definitiva, unha parte, unha antesala do Ceo!, pois ben a gusto que nos sentimos entre xente pacífica, que se é pacífica tamén é pacificadora. ¿Rebeldes, maléficos? ¡Os satánicos! A primeira proba que nos deron diso xa foi o propio Satán, enganando á nosa Eva.
Mateo, 12, 48.50. Xesús non se cansa de reiterarnos a súa familiaridade, a súa cordialidade cos que lle son fieis a Deus: “El respondeu: -¿Quen é a miña nai e quen son os meus irmáns? E sinalando coa man os seus discípulos, dixo: -Velaí a miña nai e mailos meus irmáns. O que cumpre a vontade do meu Pai Celestial ese é o meu irmán, a miña irmá e maila miña nai”.
¡Como podemos ler, lembrar, oír, estas verbas de suma fraternidade no Fillo de Deus sen emocionarnos? Cando se está coa familia, na casa da familia, na nosa Casa estamos, séxase, no Ceo, nese Ceo no que non hai partillas, xa que todos somos iguais, tratados con igual consideración no campo da fraternidade; ¡no noso! ¿Sabedes de alguén que teña renunciado a unha herdanza positiva? ¡Pois eu, non, e iso que traballei nun Banco, moitos anos, que é por onde acaban pasando as herdanzas lucrativas!
Mateo, 28, 9. 10. ¿E ás mulleres, tamén as adoptou o Fillo de Deus? ¡Xaora; que ata o fixo con preferencia! Foi precisamente ás mulleres ás que nomeou embaixadoras, ¡ministras!, súas: “Entón Xesús saíulles ó encontro dicindo: -Alegrádevos. Elas, achegándose, (achegándose ao Resucitado, que así as admitiu, coa máxima familiaridade), abrazáronlle os pés e prostráronse ante el. Xesús díxolles (reiterando a súa concesión de fraternidade): -Non teñades medo: ide avisar a meus irmáns de que marchen para Galilea, que alí me verán”.
¿Aínda non está claro que Xesús, Deus e Home á vez, incluso de Resucitado, tratou ás mulleres como irmás, a elas tamén, e con todo agarimo? En canto aos homes, non alardeemos de machismo, e as mulleres que se deixen de complexos, que se para o Xefe, para o Xefe Máximo, somos iguais, ¿a que veñen os nosos preitos, as nosas partillas? Deus, na Creación, fíxonos diferentes, diferentes no físico pero non no anímico, porque así tiña que ser..., ¿ou como ía ser posible a reprodución, a multiplicación, a conservación da especie?
Xoán, 1, 12.13. “Pero a cantos a recibiron, -ós que cren  no seu nome- déulle-lo poder de seren fillos de Deus. Estes non naceron do sangue, nin da vontade da carne, senón de Deus”. Está dito en metáfora, pero enténdese ben: ¡A nosa filiación, esa chamada á filiación divina, está, vén, da palabra de Deus; todos da mesma; daquela, ¿por que uns se parecerán a Caín e outros a Abel? Ese maldito Satanás, ese anxo desagradecido, cando se cansará de guerrear?
Xoán, 20, 15.18. ¡É como para terlles envexa ás mulleres; envexa, que rabia, non! Aparición á Magdalena: “Xesús preguntoulle: -Muller, ¿por que choras? ¿A quen buscas? Ela, coidando que era o xardineiro, díxolle: -Señor, se o levaches ti, dime onde o puxeches, que eu o collerei. Xesús díxolle: -¡María! Ela, virándose, exclamou en hebreo: -“¡Rabbuni!” (que quere dicir “Mestre”). Xesús díxolle: -Sóltame, que aínda non subín onda o Pai; máis ben, vai onda os meus irmáns (¡con que cariño tratou, sempre, aos seus discípulos, aos seus seguidores!), e dilles: “Subo onda meu Pai e voso Pai (¡enésima afirmación da súa fraternidade!), o meu Deus e o voso Deus”. María Magdalena foilles contar ós discípulos que vira o Señor, e que lle dixera estas cousas”.
¡Hai que ler os Evanxeos engorde..., para entendelos ben, e de entendidos, atendelos!
-.-


Adoración. ¿Que fan os anxos no Ceo? ¡O propio deles: adorar a Deus! ¿E nós, aquí na terra, xa que é outro Ceo? ¡De momento, o que mellor se nos dá é adorar as riquezas, e coas riquezas, ou para conseguilas, o mando! Pero eu tiven un Mestre que nos dicía: “Para mandar hai que saber obedecer; mandar e obedecer, as dúas, por tempos, segundo as circunstancias!
A adoración verdadeira leva consigo unha fondura interior, que excede o culto oficial; algo que non se queda en exterioridades porque é froito do Espírito. Xoán 4, 23.24. (Xesús, á Samaritana). “Pero chega a hora -é xa agora- en que os verdadeiros adoradores adorarán ó Pai en espírito e verdade, pois eses son os adoradores que procura o Pai. Deus é espírito e cómpre que os que o adoran, o adoren en espírito e verdade”.
¿Adorar en espírito e verdade? ¡Si, ho; está claro: Adoramos a Deus incluso cando temos, cando sentimos, un dolor. Tamén adoramos, podemos adorar, nas circunstancias alegres. A verdade mesma pode ser, ¡é!, un medio de adoración; adoramos a Deus cando actuamos con verdade, con tódalas consecuencias da verdade.
O noso espírito, a nosa alma, é o centro da nosa volición e das nosas emocións. Así, adorar en espírito é facer algo que está alén do físico. Non adoramos simplemente dobrando os xeonllos; adoramos a través dunha postura do corazón, dos sentimentos (Salmo 51:17). En definitiva, que a nosa oración está en liña coa adoración no Ceo. (Salmo 148: 1-2; Efesios 6:12; Apocalipse 4:8). ¡Outra evidencia de que xa estamos no Ceo; polo menos, entrando, de camiño a...!
Adorar co corpo é darlle ordes á alma para que faga uso da súa independencia, para que se eleve ao Ceo dos espíritos. Iso é mandar, mandar en nós mesmos, que pode ser o mando máis difícil. Tamén o dixo, tamén nolo advertiu Xesús na súa oración sacerdotal (Xoán 17, 1-26). “Erguendo os ollos ó Ceo, dixo: -Pai, chegou a hora: glorifica ó teu Fillo de xeito que o fillo te glorifique a ti; conforme lle deches poder sobre todo home, para que dea vida eterna a tódolos que ti lle deches. (E nisto consiste a vida eterna: que te coñezan a ti, o único Deus verdadeiro, e a quen mandaches, Xesús Cristo). Eu glorifiqueite na terra, rematando a obra que me deches a facer. E agora, Pai, glorifícame onda ti, coa gloria que eu tiña onda ti, antes de que o mundo existira”
“Eu manifesteite ós homes que me escolliches do mundo. Eran teus, e déchesmos, e gardaron a túa palabra. Agora coñecen que todo canto me deches vén de ti, pois entreguéille-las palabras que ti me encomendaches, e eles recibíronas; coñeceron verdadeiramente que saín de onda ti, e creron que ti me mandaches. Eu rógoche por eles; non che rogo polo mundo, senón polos que me deches, pois perténceche; todo o meu é teu; e o teu, meu; e neles quedo glorificado. Eu xa non vou estar no mundo, pero eles quedan no mundo, mentres eu vou onda ti. Pai santo, coida ti mesmo dos que me entregaches, para que sexan un coma nós”.
...
“Pai, os que me deches, quero que, onde estou eu, estean tamén eles comigo, para que contemplen a miña gloria, a que ti me concediches, porque me amabas xa antes da fundación do mundo. Pai xusto, o mundo non te coñeceu, pero eu coñecinte, e estes coñeceron que ti me mandaches. Eu manifestéille-lo teu nome e llelo seguirei manifestando, para que o amor co que me amaches estea neles, e tamén eu estea neles”.
Aclaración dos teólogos: A unión existente entre o Pai e Cristo é o fundamento da unión que debe existir entre os cristiáns. Tal unión fará que os homes comprendan que Xesús é o mandado do Pai, e que este nos ama de verdade.
¡Queda aclarado e xustificado, ao máximo, á perfección, o carácter da adoración divina; e por conseguinte, a sincera fraternidade que nos ten que unir nas devocións e na oración!
-.-
  
Alegría.
Se fósemos crentes profundos a alegría de estar chamados a vivir, ¡a sobrevivir!, por toda unha eternidade, no Ceo, tiña que facernos saltar, bailar, de gozo; tanto, que nin os Seises da catedral de Sevilla!


Lucas, 10, 21. 24. O Evanxeo é para os sinxelos. “E naquel momento exclamou cheo de gozo do Espírito Santo: -Bendito sexas, Pai, Señor do Ceo e mais da terra, porque lles agachaches estas cousas ós sabios e ós prudentes, e porque llas revelaches á xente humilde. Si, meu Pai, bendito sexas por che agradar iso así. Meu Pai ensinoume tódalas cousas, e  ninguén coñece ó Fillo a non se-lo Pai, nin coñece ó Pai a non se-lo Fillo, e aquel a quen o Fillo llo queira revelar. Volvéndose ós discípulos, díxolles á parte: -Benia os ollos que ven o que vós vedes. Porque é ben certo que moitos profetas e reis arelaron ve-lo que vós vedes, e non o viron; e oí-lo que vós oídes, e non o oíron”.
Cos Evanxeos na man, vemos e oímos todo aquilo que os mesmos profetas quixeron ver e oír. ¡Que afortunados somos; canta alegría nos concedeu o Señor! ¿Poñemos interese en gozala; e gozándoa, agradecémoslla a Deus?
A alegría é algo propio da vida cristiá. ¿quen non se pon contento, ledo, ao recibir un bo regalo? Daquela, onde hai mellor regalo que na auga bautismal, xa que simboliza o lavatorio dos nosos antecedentes penais! Filipenses, 3, 1; 4, 4; 1 Tesalonicenses, 5,16. “Meus irmáns, estade alegres no Señor”. “Estade sempre alegres no Señor. repítovolo: estade alegres. Que todo o mundo vexa o bos que sodes. (Paulo e Timoteo, pregúntovos: ¿se real e xeralmente fósemos bos, se os infieis visen algo máis de bondade nos cristiáns, arestora, neste século XXI, verdade que xa  non habería ateos, nin ateos nin infieis!). “O Señor está a chegar... (¡A por nós, para levarnos ao Ceo!) Non desacouguedes por cousa ningunha. En todo presentádelle a Deus as vosas peticións con oracións de súplica e acción de gracias. E a paz de Deus, que supera toda intelixencia, custodiará os vosos corazóns e os vosos pensamentos en Cristo Xesús”. Grazas Paulo, grazas Timoteo, que mellores consellos cós vosos, imposible; para daquela, e para hoxe, tamén!
En canto aos tesalonicenses ( 1ª 5, 16.22), Paulo insiste na súa teima da alegría; ¡bendita teima! “Estade sempre alegres. Orade constantemente. Dade gracias en tódalas ocasións, que isto é o que Deus quere de vós como cristiáns. Non apaguéde-lo Espírito; non desprecéde-las palabras inspiradas. Examinádeo todo e agarrádevos ó que é bo. Arredade de toda especie de mal”.
¿Arredarnos do mal? ¡Ai, xa, pero resulta que o mal é tan atractivo para as persoas de conciencia laxa! ¡Vai ser cousa de poñer a punto as conciencias, de puílas coa lima da penitencia!
A existencia cristiá, comezada no bautismo, é unha vida na alegría do Espírito; ¡non o esquezamos!
-.-

Altar
Xa que temos a Deus en todas partes, toda a terra é altar seu; daquela tratémola como tal, como o que é. Prestóunola, iso si. ¿E que renda nos cobra? ¡Barata: confórmase con que lle esteamos agradecidos!
Feitos 2, 46. 47 “Todos a unha asistían diariamente ó templo, partían o pan nas casas, comendo con alegría e sinxeleza de corazón. Louvaban a Deus, e eran ben vistos por todo o pobo”.
Nestas dúas frases todo un Catecismo; todo lles era altar, e así o trataban. ¡Isto é exemplaridade, isto é para recordalos imitándoos; xa que estamos no seu altar, que máis razóns precisamos para adorar a Deus?
-.-

Amigo
¿Verdade que a todos nos gusta presumir dos amigos que sexan importantes, daqueles que destaquen no noso entorno? ¡Pois aí temos ó Mestre, ao Mestre dos mestres; ou dános vergoña que se saiba que somos cristiáns?
Mateo 26, 48. 50. O amigo, non; o inimigo: “O traidor déralles esta contrasinal: -A quen eu lle dea un bico, ese é, prendédeo. De seguida achegouse a Xesús e díxolle: -¡Saúde, Mestre! E bicouno. Xesús respondeulle: -Amigo, ¿e para isto viñeches? Entón, adiantáronse, botáronlle a man enriba  a Xesús e prendérono”.
¡Esa escena reproducímola nós mesmos cada vez que pecamos! Xesús entregouse, ¡paixón voluntariamente aceptada!, para redimirnos dos nosos pecados...; ¡e nós, imitando, reproducindo, a Xudas, volvemos a traizoar a súa doutrina! ¡De amigos traidores, libera nos, Domine! ... e perdóano-las nosas ofensas, como tamén perdoamos nós a quen nos ten ofendido; e non nos deixes caer na tentación, mais líbranos do mal. Amén.


-.-

Amor
¡Todo o bo é amor; sempre que amemos as cousas boas, claro, pois as outras son..., xa sabemos de quen!
Na Biblia dánsenos estas referencias, así que, como son moitas, y moi fondas, recoméndovos que as vexases, e as repasedes, no libro do amor, séxase, na nosa Biblia:
-Que o amor sexual (de ben entendido, por suposto) é obra de Deus.
-Que Deus fixo, ¡fixo, e fai!, pacto de amor co home.
-Que Deus ama ao pobo gratuitamente.
-Que o amor do Pai ben se manifestou no Fillo, no Fillo e co Fillo.
-Que Deus é amor, ¡amor por excelencia!
-O amor universal de Deus busca a resposta do home; ¡home e muller, por suposto!
-O amor é dun don; ¡un don que vén de Deus!
-O amor é comuñón; o amor, pola contra, é desunión.
¿Chéganos? ¡Pois a meditalo..., para non esquecelo!
-.-

Anxos
¡Mirade se somos importantes no baremo de Deus que ata nos puxo un de garda, individual! (Eu, modestia á parte, teño un a maiores: un neto, apadriñado e apelidado por San Miguel; que padriños tivo tan atinados!).
Díxosenos que na ultratumba ímonos parecer aos anxos...; ¡daquela, miúda adopción! Eu confórmome con ser adoptivo, con ser lexítima curta, ¡que xa non é pouco! A ver se o merezo..., que esa é outra!
O anxos con Xesús. Mateo, 4, 10.11: “Entón replicoulle Xesús: Arreda, Satanás, porque está escrito “Só ó Señor, o teu Deus, adorarás, e só a El darás culto”. Deixouno Satán, e achegáronse os anxos para servilo”. No 13,  36.43: “Entón, deixando á xente, foise para a súa casa. Achegáronselle os seus discípulos e pedíronlle: -Explícano-la parábola do xoio na leira. El respondeu: -O que sementa a boa semente é o Fillo do Home; a leira é o mundo; a boa semente son os fillos do Reino; o xoio son os fillos do Malo. O inimigo que a sementa é o Satán; a sega é a fin do mundo, e os segadores son os anxos. E así como se entrecolle o xoio e se bota ó lume, así pasará na fin do mundo. Mandará o Fillo do Home os seus anxos, e quitarán do seu Reino tódolos escándalos e a tódolos que fan o mal; e botaranos no forno do lume, onde será o pranto e o renxer dos dentes. Entón, os xustos resplandecerán coma o sol no Reino de seu Pai. Quen teña oídos que escoite”.
Os meus oídos andan medio atascados, incluso cos audífonos postos, pero aínda conservo algo de vista, así que tomarei boa nota destas recomendacións: Anxo da miña garda, doce compañía, non me desampares, nin de noite nin de día; non me deixes só, que me perdería.


Aparicións do Resucitado.
Aquí temos que descubrirnos, descubrirnos e axeonllarnos, porque este é o broche definitorio la divindade de Xesús Cristo, segunda persoa da Santísima Trindade. A realidade da Resurrección é irrebatible. Este é o mellor telescópico para ver o Ceo, para palpalo, para achegarnos á Gloria:
Mateo 28, 1-20: “Pasado o sábado, na alborada do primeiro día da semana, María Magdalena e maila outra María, (¡Benditas mulleres, canto fixestes por contribuír a redimir á Avoa; ben que lle pagastes a débeda de xénero que tiñades con Adán!), foron visita-lo sepulcro. (¡As mulleres, e os homes, mentres, acazapados, coma coellos!). Entón produciuse un gran terremoto xa que o anxo do Señor, baixando do ceo, removeu a lousa e sentouse enriba dela. Tiña o aspecto dun relampo e o seu vestido era branco coma a neve. Os gardas tremeron co medo, ficando coma mortos. Mais o anxo díxolles ás mulleres: -Non teñades medo; ben sei que buscades a Xesús o crucificado. Non está aquí; resucitou tal e como dixera. Vide ve-lo sitio onde estaba. E ide axiña dicirlles ós seus discípulos: “Resucitou de entre os mortos e vai diante de vós para Galilea: alí o veredes”. Isto é o que vos tiña que dicir. Elas marcharon do sepulcro con toda a présa, con temor pero cheas de gozo; e correron para comunicárllelo ós discípulos. Entón Xesús saíulles ó encontro dicindo: -Alegrádevos. Elas, achegándose, abrazáronlle os pés e postráronse ante el. Xesús díxolles: -Non teñades medo: ide avisar a meus irmáns que marchen para Galilea, que alí me verán”.
¡Ver a Deus, a Xesús Cristo, resucitado; que marabilla! Despois deste coñecemento temos que facernos á idea de que, nós mesmos, ao entrar no Ceo, cando teñamos a Deus visible, coa brancura celeste, se alí tivésemos corpo o máis seguro sería desmaiarnos, pero como xa imos de ánima, de espírito, como será esa emoción? ¡De premio; absoluta, absolutamente feliz! ¡Meu Señor Xesús Cristo, aquí na terra dáme as cruces que me purifiquen dos meus pecados, pero non me negues a túa visión celestial, que é o mellor que pode desexar todo cristián, que ben anunciado nolo tés! O caso é que, mentres os parentes e os amigos do defunto / da defunta, choran pola perda material, a súa ánima estará gozando co premio más completo e máis absoluto. ¡Deo gratias!
Para máis goce da gloriosa Resurrección de Xesús temos outras ventás; entre elas: Marcos 16, 1.20; Lucas 24, 1.49; Xoán 2O, 11, 21, 14; Feitos 1, 3ss; 1 Corintios 15, 3.8. ¡Grazas; un millón de grazas, testemuñas fieis, que tivestes a valentía de declarar a verdade, aínda que era perigoso, á costa do voso martirio, que foi outra proba da vosa verdade!


Os gardas, asombrados, mortos de medo.
-.-

¿Apóstolos? ¿Apostolado?
Si: De segundas, por delegación, por extensión, sómolo tódolos bautizados; outra cousa é que exerzamos esta responsabilidade. Coma eles, coma os doce, a nosa misión é predicar. ¿Con ou sen púlpito? A primeira de todas é predicar co exemplo, que para iso pouca tribuna e pouca oratoria precisamos.
Mateo 10, 12. 14: “Ó entrar na casa, saudade. Se a casa é digna, veña a ela a vosa paz; pero se non é digna, que a vosa paz volva convosco. E se alguén non vos acolle nin escoita as vosas palabras, saíde daquela casa ou daquela vila e sacudide o po dos vosos pés”. No 28, 16.20: “Os once discípulos (aínda non elixiran a Matías) fóronse para Galilea ó monte onde Xesús os citara. E véndoo, postráronse ante el, anque algúns dubidaban. Xesús, achegándose, díxolles: -Déuseme todo poder no Ceo e mais na terra... (¿Vedes? ¡Xesús ten igualdade de atribucións no Ceo e mais na terra; logo é que somos dun mesmo reino, os do Ceo, pero tamén os da terra!)... Ide, pois, e facede discípulos meus a tódolos pobos... (¡Discípulos daqueles discípulos, apóstolos continuadores, iso é o que somos, esa é a nosa responsabilidade, seguir facendo discípulos!)... , bautizándoos no nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo; ensinándolles a gardar canto vos mandei. Asegúrovos que eu estarei sempre convosco ata a fin do mundo”. Como aqueles apóstolos, os directos, eran mortais, para que o apostolado chegue “... ata a fin do mundo”, obviamente quérese dicir   que a Igrexa, estruturada en xerarquías, con atribucións xerárquicas por suposto, fórmase cos relevos sucesivos.
Marcos 16, 14. 16: “Por último, aparecéuselles ós Once mentres estaban á mesa, botándolles na cara a súa incredulidade e a dureza de corazón, por non creren a aqueles que o viran resucitado de entre os mortos. E díxolles: -Ide polo mundo enteiro... (¡Polo mundo enteiro!)...anunciando a Boa Nova a toda a creación. Quen crea e se bautice, salvarase; quen non crea, condenarase”.
Tomemos boa nota pola conta que nos ten: ¡Ou condenación, ou salvación! A dúbida ofende esta intelixencia que nos regalou Deus. ¡Ateos, espertade, que moitos, e bos avisos levamos recibido, todos, dos máis intelixentes aos máis torpes!
Lucas 24, 45. 49: “E abriu os seus entendementos para que comprendesen as Escrituras. Engadiu: -Así está escrito: O Mesías padecerá e resucitará de entre os mortos no terceiro día, e predicarase no seu nome a conversión e mailo perdón dos pecados a tódolos pobos, empezando por Xerusalén. Vós seredes testemuñas de todo isto. E eu heivos mandar o don prometido por meu Pai. Mentres tanto seguide na cidade, ata que se vos revista co poder que vén de arriba”.
Abriulles o entendemento... ¿E nós, testáns, indecisos, que facemos coa nosa estupidez, facéndolle caso a Satán, a ese traidor, que non tivo bastante co da Eva e pretende seguir coas súas? Xuremos a bandeira de Cristo acudindo ao Noso Pai, da mañá á noite: “... non nos deixes caer na tentación, mais líbranos do mal. ¡Amén!”
Xoán 15, 16.27; e 20, 21.22: “Non me  escollestes vós a min, senón que vos escollín eu a vós; e púxenvos para que vaiades e levedes froito e o voso froito permaneza; de xeito que todo o que lle pidades ó Pai no meu nome, volo conceda. (... ¡Así é como hai que pedir, así é como temos que rezar: Pedíndolle ao Pai no nome de Xesús. Así foi daquela, pero tamén vale hoxe, pois a palabra de Xesús é palabra de Deus. Infalible, divina. O pecado fundamental do mundo consiste en non crer en Xesús, o que leva consigo non crer no Pai. Esa falta de fe a pesar dos signos que Xesús fixera foi consecuencia de preferi-las tebras á luz. Por conseguinte, o mundo é culpable. ¡Tomemos nota!).
“Isto volo mando: que vos amedes uns a outros. (Mirade que insistiu nesta ¿recomendación? ¡Recomendación, non; obriga!). ... “Cando veña o Paráclito que eu vos hei de mandar de onda o Pai, o Espírito da Verdade que vén do Pai, dará testemuño acerca de min; e tamén vós daredes testemuño, pois levades comigo desde o comezo”.
Vexamos e comparemos: Eu si que levo con Xesús desde os meus comezos..., desde o mesmísimo bautizo! ¡Deo gratias!
O mesmo Xoán, no seu 20, 21.22: “El díxolles outra vez: -Paz convosco: como o Pai me mandou a min, tamén eu vos mando a vós. E dito isto alentou sobre eles, e díxolles: -Recibide o Espírito Santo: a quen lles perdoéde-los pecados, quedaranlles perdoados; a quen llelos reteñades, quedaranlles retidos”.
¡Confesión, confesión; confesión con propósito de emenda, pero sen reserva algunha; lembremos que a Igrexa, os seus Ministros, están facultados, desde Cristo, e por Cristo, para perdoarnos! ¿Imos desperdiciar este privilexio salvífico? 
-.-
Arrepentimento?
¡E logo; que menos; indispensable, e lóxico tamén, para que a confesión borre; sen escatimar que no arrepentimento tamén vai a obriga de restituír, de reparar!



O Papa confésase; e eu, non?
Esta foto é todo un Catecismo; así que vaiamos ao tema da predicación de Xesús ao respecto:
Mateo 4, 17: “E desde aquela (desde que Xesús soubo que encadearan ao Bautista, retirouse a Galilea e comezou a predicar o arrepentimento) empezou Xesús a predicar, dicindo: -arrepentídevos, que xa está aí o Reino de Deus”. ¡Oh, milagre: baixou o Ceo á terra, e fundíronse; Xesús comezou a repartir credenciais!
Marcos 1, 14. 15: “Cando prenderon a Xoán, marchou Xesús a Galilea a anuncia-la Boa Nova de Deus, dicindo: -O tempo está cumprido, e chega o Reino de Deus; convertédevos, e crede na Boa Nova”.
Señor, neste punto tiña que axeonllarme, pero, de xeonllos, non podo teclear: nin as verdades nin o meu arrepentimento, que o quero facer público e notorio para pedirlle a Deus, pero tamén ao meu próximo, a tódolos que teña ofendido, perdón! Escusas, non, que iso non vale xa que o pecado é voluntario, sae e prodúcese abusando do noso libre albedrío; daquela,  mea culpa, mea culpa, mea máxima culpa.
Lucas 13, 1.5; 15, 7.10. No 13, 1.5: “Naquel intre presentáronse algúns para contarlle o caso aquel de cando Pilato mesturara o sangue duns galileos co dos sacrificios que ofrecían. El respondeulles: -¿Coidades que eses galileos eran máis pecadores cós demais porque acabaron así? Non tal, e asegúrovos que como non vos arrepintades acabaredes todos igual. ¿Seica pensades que aqueles dezaoito que morreron esmagados pola torre de Siloé eran máis culpables cós outros habitantes de Xerusalén? Non tal, e asegúrovos que, se non vos arrepentides, todos acabaredes igual”. No 15, 7.10: “Pois asegúrovos unha cousa: no Ceo haberá máis alegría por un pecador que se converta que por noventa e nove xustos que non precisen conversión. E, ¿que muller que teña dez moedas e perda unha, non acende a luz, e non varre a casa, buscándoa con coidadiño ata atopala? E cando a atopa, chama polos amigos e veciños para dicirlles: “Alegrádevos comigo que atopei a moeda perdida”. Asegúrovos que outro tanto se alegran os anxos por un só pecador que se converta”.
Xa o sabedes, xa o sabemos: ¿quen non se alegra dándolles boas novas aos amigos? ¡Pois os nosos arrepentimentos ata os anxos os celebran!
A avaricia
¡Uf! Disto temos un refrán ben expresivo, que o di todo: A avaricia rompe o saco! E meu padriño engadía: No pecado sempre vai a penitencia, as consecuencias, que non se fan esperar!
-.-
Bautismo
¡Signo de morte para o pecado; e de vida para o pecador! O bautismo cura e vacina, á vez.
Marcos 10, 35.39: “Achegándose os fillos de Zebedeo, Santiago e mais Xoán, dixéronlle; -Mestre, nós queríamos que nos fixésede-lo que che imos pedir. El preguntou: -¿E logo, que é o que queredes que vos faga? Contestáronlle: -Concédenos que na túa gloria sentemos un á túa dereita e outro á túa esquerda. Respondeulles Xesús: -Vós non sabedes ben o que pedides. ¿Seredes capaces de bebe-lo cáliz que eu teño que beber, e recibi-lo bautismo que eu teño que recibir? Respondéronlle: -Somos. Xesús replicou: -O cáliz que teño que beber, si que o beberedes, e tamén recibiréde-lo bautismo que eu teño que recibir, pero o de sentardes á miña dereita ou á iña esquerda, iso non depende de min concedelo, senón que é para os que está reservado”.
Eu tamén son egoísta, que no Ceo quero estar cerca daquelas persoas que tanto quixen, e que tanto ben me fixeron aquí na terra; ¡con todos eles, sen excepción, que por iso lle pido a Xesús, de todo corazón, que nos perdoe a todos, e nos salve, e nos xunte de novo; como somos moitos, moito ocuparemos, pero o Ceo é..., iso, coma Deus, infinito!
Lucas 12, 50: “Hanme bautizar cun bautismo, ¡e xa me tarda a hora de que se cumpra!”. Tiña que verse co Bautista, e tardáballe, non porque o precisase senón para instituílo, digamos que, oficialmente, para ben da humanidade. Acordémonos de que cando hai perigo, pode anticiparse un bautismo “de socorro”, séxase, previo, provisional. ¿Como? Derramando auga, aínda que sexa sen bendicir (Can. 853), sobre a cabeza do bautizando, dicindo ao mesmo tempo a seguinte fórmula: “N. N. , eu bautízote no nome do Pai, e do Fillo e don Espírito Santo”. (Sen dicir amén nin agregar máis palabras).
O bautismo é, á vez, a sinal de incorporación a Cristo e á comunidade cristiá. ¡Unha chave, a chave da entrada no templo divino!
(Ademais de bautizarme, ademais dos efectos e do alcance do bautismo, meus padriños tiveron comigo unha especial atención: Achegarme á Sagrada Familia, familiarizarme con ela, con dous nomes prestados, que moito lles agradezo: José María).
-.-
Camiño
Xoán 14, 1. 7 “Nos vos agoniedes; crede en Deus e mais crede en min. Na casa do meu Pai hai moitas moradas; doutro xeito, ¿teríavos dito que vos ía amañar un lugar? E cando vaia e vos amañe un lugar, volverei e collereivos comigo, para que, onde estea eu, esteades vós tamén. E a onde eu vou, vós ben sabéde-lo camiño. Díxolle Tomé: -Señor, se non sabemos onde vas, ¿como imos sabe-lo camiño? Xesús respondeulle: -Eu son o camiño, a verdade e a vida; ninguén chega onda o Pai máis que por min. Se me coñecésedes, coñeceriades tamén a meu Pai; aínda que xa desde agora o coñecedes e o tedes visto”.
¡O que sabe o camiño non se perde; o problema está en esquecelo, e iso é tan fácil, que ben llelo dixo Xesús aos seus discípulos naquela traxedia da horta das oliveiras: (Mateo 26, 40.41): “E, volvendo onda os discípulos, atopounos durmindo. (¡É o que facemos os pecadores, que nos durmimos con facilidade no cumprimento das nosas obrigas!). Díxolle a Pedro: -¿Non podedes velar comigo nin tan sequera unha hora? Estade á espreita e orade, para que non entredes na tentación. O espírito está disposto, pero a carne é débil”.


Camiño das Andoriñas, polo que moito levo camiñado e meditado. Ao fondo, o Mons Ciro, o monte da traxedia medulliense, da que tamén moito levo cavilado.

Caminante, son tus huellas
el camino y nada más;
Caminante, no hay camino,
se hace camino al andar.
Al andar se hace el camino,
y al volver la vista atrás
se ve la senda que nunca
se ha de volver a pisar.
Caminante no hay camino
sino estelas en la mar.
Antonio Machado

Como os pasos dados, ¡que xa o dixo o poeta!, son irreversibles, antes das decisións, meditacións!
A chegada da hora marcou o momento máis importante da existencia terrea do Fillo de Deus. Foi tan importante que nola relata Xoán, no seu 17, 1.26, ao pe da letra, así que merece unha lectura reflexiva, que ben, que mal, llela dedicamos ás cousas profanas, as mundanas, esquecéndonos do Testamento de Xesús:
“Isto dixo Xesús. Logo, erguendo os ollos ó Ceo, dixo: -Pai, chegou a hora: glorifica ó teu Fillo, de xeito que o fillo te glorifique a ti; conforme lle deches poder sobre todo home, para que dea vida eterna a tódolos que ti lle deches. (E nisto consiste a vida eterna: que te coñezan a ti, o único Deus verdadeiro, e a quen mandaches, Xesús Cristo). Eu glorifiqueite na terra, rematando a obra que me deches a facer. E agora, Pai, glorifícame onda ti, coa gloria que eu tiña onda ti, antes de que o mundo existira.
“Eu manifesteite ós homes que me escolliches do mundo. Eran teus, e déchesmos, e gardaron a túa palabra. Agora coñecen que todo canto me deches vén de ti, pois entreguéille-las palabras que ti me encomendaches e eles recibíronas; coñeceron verdadeiramente que saín de onda ti, e creron que ti me mandaches. Eu rógoche por eles; non che rogo polo mundo, senón polos que me deches, pois perténcenche; todo o meu é teu; e o teu, meu; e neles quedo glorificado. Eu xa non vou estar no mundo; pero eles quedan no mundo, mentres que eu vou onda ti. Pai santo, coida ti mesmo dos que me entregaches, para que sexan un coma nós.
“Cando eu estaba con eles, coidábaos no teu lugar. Ti entregáchesmos; eu agarimeinos, e ningún deles se perdeu, fóra do fillo da perdición (Xudas), de xeito que se cumprise a Escritura. Mais agora estou indo a ti, e falo estas cousas no mundo para que teñan eles a plenitude do meu gozo. Eu déille-la túa palabra, e o mundo aborreceunos, pois eles non son do mundo, como tampouco eu non son do mundo. Conságraos na verdade: a túa palabra é verdade. Como ti me mandaches ó mundo, así os mando eu a eles; e por eles conságrome eu, para que tamén eles sexan consagrados na verdade.
“E non che rogo só por estes, senón tamén polos que han de crer pola palabra deles; que todos sexan un, como ti, Pai, en min, e eu en ti; que tamén eles sexan un en nós, para que o mundo crea que ti me mandaches. E a gloria que ti me deches déillela a eles, para que sexan un como nós somos un. Eu neles e ti en min, para que cheguen á perfecta unidade, de xeito que o mundo recoñeza que ti me mandaches e que os amaches a eles, como me amaches a min.
“Pai, os que me deches, quero que, onde estou eu, estean tamén eles comigo, para que contemplen a miña gloria, a          que ti me concediches, porque me amabas xa antes da fundación do mundo. Pai xusto, o mundo non te coñeceu, pero eu coñecinte, e estes coñeceron que ti me mandaches. Eu manifestéille-lo teu nome e llelo seguirei manifestando, para que o amor co que me amaches estea neles, e tamén eu estea neles”.
Aclaracións e puntualizacións que destes pasaxes fixeron os tradutores deste Evanxeo:
O da “chegada da hora” xa quedou, arriba, comentado.
Xoán, recollendo palabras de Xesús, dinos que a salvación vennos polo coñecemento de Deus, un coñecemento que non é só intelectual, senón toda unha comunidade de vida con Deus. Esta vida eterna, para Xoán, comeza xa aquí abaixo, (¡Que vos dicía eu, que son un aprendiz de teoloxía, un catecúmeno: Que o Ceo comeza aquí, aquí na terra!), pois xa aquí son salvados os que honran a Deus crendo en Xesús Cristo.
Xesús é o “profeta semellante a Moisés”, anunciado no libro do Deuteronomio (18, 18), que había de proclama-las palabras que Deus lle encargara.
Xesús roga polos que creron nel. Os que están sometidos ó “príncipe deste mundo” xa non teñen remedio, pois non quixeron escoitar a Xesús, preferindo as tebras á luz, vindo Xesús como viñera para salva-los homes polo amor que o Pai lles tiña e lles ten.
Na pregaria de Xesús estaban incluídos tamén tódolos homes que habían de crer pola súa palabra, transmitida polos seus discípulos, verbalmente ou por escrito: ¡nós!
A unión existente entre o Pai e Cristo é o fundamento da unión que debe existir entre os cristiáns; e esta é consecuencia da unión que Cristo, intimamente relacionado co Pai, ten con eles. Tal unión fará que os homes comprendan que Xesús é o mandado do Pai e que este os ama de verdade. (Agora que témo-las mulleres tan celosas dos homes, dos seus, supostos, privilexios, non sexamos sexistas e lembremos que en toda a nosa literatura a verba “homes” é xenérica, abarca os dous sexos, varóns e femias).
No epígrafe 17, 24 fai alusión a Xénese 45, 13, na redacción do Targum Neophiti, onde se di que Xosé lles mandara ós seus irmáns que lle contaran ó pai toda a súa gloria en Exipto.
-.-

¿Que? ¡Moito dan que estudiar os Evanxeos, ¿non si?, pero máis tempo lles dedicamos, tiramos pola ventá, ás fantochadas, intranscendentes, deste mundo!
-.-

Cea pascual – Eucaristía.
Cando se quere moito, cando se ama moito, ¿verdade que non quixésemos separarnos, pero nunca, nin por un intre, do ser querido? ¡Pois iso, e máis cá iso, foi o que nos fixo Xesús quedándose connosco, a perpetuis, baixo as formas sacramentais!
Mateo 26, 17: “No primeiro día dos Ácimos os discípulos fóronlle preguntar a Xesús: -¿Onde queres que che preparémo-la cea pascual? El respondeu: -Ide á cidade, a casa de (fulano) e dicídelle: “O Mestre di: ´O momento está preto; vou celebra-la Pascua cos meus discípulos na túa casa´” Os discípulos fixeron tal como Xesús lles mandara, e prepararon a Pascua”.
¡Deus, que días máis angustiosos para o Fillo do Home, sabendo, como sabía, que Paixón lle esperaba; iso si, voluntariamente aceptada!
-.-

A DERRADEIRA CEA.
O lavado dos pés.
Xoán 13. 1. 5: (Humildade fraterna, plenitude de amor, antes da Eucaristía). “Antes da festa da Pascua, sabía Xesús que lle chegara a hora de pasar deste mundo para onda o Pai; e xa que amara ós seus que estaban no mundo, amounos ata a fin ... E mentres ceaban -xa o Satán lle movera o corazón a Xudas, o de Simón Iscariote, para que o entregara-, sabendo que o Pai lle puxera todo nas mans, e que saíra de Deus e ía onda Deus, ergueuse da mesa e deixou a túnica; collendo unha toalla, cinguiuse con ela. Despois botou auga nunha almofía e comezou a lavárlle-los pes ós discípulos e a secárllelos coa toalla que levaba cinguida”. 




En canto á eucaristía.
Mateo 26, 26. 29: “Mentres estaban a comer, Xesús colleu pan e, dando gracias, partiuno e déullelo ós seus discípulos, dicindo: -Tomade e comede: isto é o meu corpo. E collendo unha copa, dando gracias, déullela dicindo: -Bebede todos dela. Que isto é o meu sangue, o sangue da Alianza, vertido por todos para o perdón dos pecados”.
Comentario do tradutor: Cando os xudeus celebraron a Alianza con Deus no Sinaí selárona co sangue dun año. O sangue de Xesús, novo año pascual, sela a Nova Alianza na cruz. A Eucaristía renova perennemente a Alianza.
Marcos 14, 22. 27: “Mentres estaban a comer... Despois de cantaren os Salmos, saíron para o Monte das Oliveiras. Díxolles Xesús: -Todos ides tropezar na vosa fe, como está escrito: Ferirei ó pastor e espallaranse as ovellas. Pero cando resucite, irei diante de vós a Galilea”.
Lucas 22, 17 e 19: “E collendo unha copa, deu gracias e dixo:...” “E collendo pan, deu gracias, partiuno, e déullelo dicindo: -Este é o meu corpo, que se entrega por vós; facede isto en lembranza miña”.


¿Ante esta entrega do propio Xesús, do propio Fillo de Deus, ¿que podemos dicir? ¡A min só se me ocorre axeonllarme e darlle, de todo corazón, as máis expresivas gracias, pois mellor regalo cá este, divino, celestial, imposible!
-.-

Ceo
¿Ceo e terra; ceo na terra; a terra tamén é do Ceo, tamén é Ceo? Non fará falta que o volva a expoñer: Somos terra de Deus, creada por Deus; daquela estamos no Ceo, estamos camiño do definitivo, do eterno, pois a terra desaparecerá algún día, pero o Ceo non, nunca!
Morada de Cristo e dos benaventurados.
Mateo 3, 15. 17: “Xesús respondeulle: -Deixa, que agora convén que cumprámo-la vontade de Deus. Xoán (Xoán Bautista) accedeu. Tan pronto como foi bautizado, Xesús saíu da auga. E velaí que se abriron os ceos, e viu o Espírito de Deus baixar como unha pomba ata pousarse enriba del. E oíuse desde o ceo unha voz que dicía: -Este é o meu fillo benquerido, o predilecto”. No 5, 1. 12: Explica os méritos, o programa, as recomendacións que nos levan ao Ceo; as benaventuranzas. No 20, 1: “Porque o Reino do Ceo parécese a un propietario que saíu pola mañá cedo a contratar xornaleiros para a súa viña; etc., etc.”
Marcos 1, 11: “E unha voz deixouse oír desde o ceo: ...” No 16, 19: (Na Ascensión): “O Señor, despois de lles falar así, elevouse ó Ceo, e sentou á dereita de Deus”.
Lucas 3, 21. 22: Confirmación mesiánica. A voz do Pai revela solemnemente o misterio de Xesús. “Durante un bautismo xeral, e despois de se bautizar tamén Xesús, mentres oraba, abriuse o ceo e baixou sobre el o Espírito Santo na aparencia corporal dunha pomba. Entón oíuse unha voz desde o ceo: -Ti e-lo meu fillo benquerido, o meu predilecto”.
Xoán 1, 51: “E concluíu: -Con toda verdade volo aseguro: habedes ve-lo ceo aberto, e os anxos de Deus subindo e baixando onda o Fillo do Home”. No 6, 35-40: “Xesús respondeulles: -Eu son o pan da vida: quen vén onda min non pasará fame, e quen cre en min endexamais terá sede. Pero xa vos dixen  que, aínda que vistes, non credes. Tódolos que o Pai me entregou, virán onda min. E a quen vén onda min, non o botarei fóra. Pois eu baixei do ceo non para face-la miña vontade, senón a vontade daquel que me mandou. Esta é a vontade daquel que me mandou: que non perda a ningún dos que me entregou, senón       que os resucite no derradeiro día. Esta é, polo tanto, a vontade do meu Pai: que todo aquel que ve ó Fillo e cre nel, teña vida eterna, e eu resucitareino no derradeiro día”. No 14, 1. 3: (Repasemos) “Non vos agoniedes: crede en Deus, e tamén en min. Na casa do meu Pai hai moitas moradas; doutro xeito, teríavos dito que vos ía amañar un lugar? E cando vaia e vos amañe un lugar, volverei e collereivos comigo, para que, onde estea eu, esteades vós tamén”.
A terra sublevárase, pero nisto, naquilo, que o Deus da bondade, compadecido dela, xerou un fillo, ¡nunha Virxe!, dándolle atribucións para que asumise a súa reconquista; co Mesías volvemos a ser do Ceo, volvemos a ser Ceo!
-.-

Conciencia
¡Pero, haina? ¿E logo, como é iso de que digamos, dos malos, que non teñen conciencia? ¡Téñena, pero é que non a formaron ben, ou que se lles deformou!
Unha conciencia sa, boa, imparcial, esixente, ben a ser coma a voz, sen voz, do noso anxo da garda: interpreta todo o que lle di, todo o que lle manda o anxo, e transmítenolo, sempre con oportunidade. ¿Como estudia, como aprende a conciencia? ¡Escoitando os bos consellos; mais para saber se son bos, hai que cotexalos coas ensinanzas dos Evanxeos, que niso está a carreira da vida salvífica de todo cristián!
Romanos 13, 5: (Hai que obedece-las leis). “Así, compre obedecer non só por medo ó castigo, senón por deber de conciencia”. No 14, 23: “... e todo canto non se fai con boa conciencia é pecado”.
Corintios 8, 12: “... pecando contra os irmáns e ferindo a súa débil conciencia, pecades contra Cristo”.
A importancia de coñecerse, de coñecer a propia conciencia: Conciencia moral é esa voz interior que nos obriga a actuar dunha forma concreta, e tamén nos di se son correctas ou non as nosas accións. É a capacidade de xulgar non só as nosas accións senón, e tamén, as dos demais, como boas ou malas.
-.-

Concordia entre irmáns.
Como irmáns en Cristo Xesús sómolo todos, a Concordia é un mandato universal. Concordia Carballedo, da casa de Marzo de Vilabade, miña querida bisavoa paterna, non cheguei a coñecerte, pero, polas referencias túas, transmitidas polo teu fillo, por meu avó, aquí na terra facías honor ao teu nome en tódolos teus actos, así que, se Deus me deixa entrar no Ceo, no salón onde ti esteas, pídoche de antemán que me recibas; e tamén de antemán que lle pidas a Deus que a concordia reine, para sempre, aquí na terra, entre os teus descendentes! ¡Grazas, Avoíñas!
Romanos 12, 17.21: “Non volvades mal por mal a ninguén: que todo o mundo vexa que procuráde-lo ben. No posible, en canto dependa de vós, mantede a paz con tódolos homes. Meus queridos amigos, non tomedes por vós mesmos a vinganza; deixade máis ben que actúe a ira de Deus, pois está escrito: “miña é a vinganza, eu darei o merecido”, di o Señor. ”Se o teu inimigo ten fame, dálle de comer; se ten sede, dálle de beber: obrando así amoreas brasas acesas enriba da súa cabeza”. Non te deixes vencer polo mal, senón vence o mal á forza de ben”. No 15, 5. 6: “Que o Deus da paciencia e do consolo vos faga ter un mesmo sentir entre vós, conforme ó exemplo de Cristo Xesús. Para que cun só corazón e unha soa boca louvedes a Deus, Pai do noso Señor Xesús Cristo”.
1 Corintios 1, 10: “Irmáns, polo nome do noso Señor Xesús Cristo: rógovos que vos poñades todos de acordo e que non haxa divisións entre vós; ó contrario, axeitádevos todos nun mesmo espírito e nun mesmo pensamento”.
Efesios 4, 1. 3: “Por tanto, eu, preso polo Señor, pídovos que camiñedes segundo a dignidade da chamada que recibistes, con total humildade, sinxeleza e paciencia, aturándovos uns a outros con amor, esforzándovos por mante-la unidade do espírito no vencello da paz”.
Filipenses 2, 2. 4: “... facede completa a miña alegría levándovos ben, tendo un mesmo amor, unha soa alma, unha mesma idea. Non fagades nada á retesía nin por fachenda. Que cadaquén pense humildemente que os outros son máis cá el. Non mirar cada un polo que lle ten conta a el, senón tamén polo que llela ten ós outros”.
Temos pecados de toda clase; o mundo da convivencia cheira que apesta. O que non é Abel, chámase Caín, así que, limpos, limpos, fora das monxas e dos frades..., coido que poucos! Daqueles doce, un deles saíu traidor; aínda que nisto non podo, nin sei, opinar, pois daquela facía falta unha traizón, e por ende un traidor, para consuma-la acción do noso Redentor. ¡Moita paciencia ten Deus con Satán, pero halle chegar o seu día..., que xa nolo anunciou o propio Mestre!
¿Que podemos facer cando hai irmáns que non acougan? ¡Querelos máis cá nunca, á vez que se lle pide a Deus que faga un milagre, outro máis!
-.-
Condenación
Con só teclear esta verba xa tremen os dedos. ¡Libera nos, Dómine!
A actitude fronte a Cristo xa decide a  condenación. Xoán 3, 36: “Quen cre no Fillo, ten vida eterna; pero quen non obedece ó Fillo non verá a vida, pois a ira de Deus pesa enriba del”.
¿Auto condenarnos? ¡Pois si, que esta estupidez existe; cultívase no noso albedrío..., regándoa con pecados! Daquela, ¡libera nos, Señor! 
-.-
Confesión
Xa vimos ao Papa confesándose; ¡iso é predicar co exemplo!
-.-
Coñecer a Deus
Para coñecer, para ver, por exemplo, un iceberg que se está esfarelando, pagamos o luxo de viaxar nun deses cruceiros que cruzan a friaxe. ¿E para coñecer a Deus, ao Deus que nos criou, ao Deus que nos pode salvar, en que, e como, lle pagamos? Pensar nisto si que nos derrete o pasotismo; ou debera!


Coñecer a Deus é coñece-la obra salvadora de Xesús. Lucas 10, 22. 24: “Meu Pai ensinoume tódalas cousas, e  ninguén coñece ó Fillo a non se-lo Pai, nin coñece ó Pai a non se-lo Fillo, e aquel a quen o Fillo llo queira revelar. E volvéndose ós discípulos, díxolles á parte: -Benia os ollos que ven o que vós vedes. Porque é ben certo que moitos profetas e reis arelaron ve-lo que vós vedes, e non o viron; e oí-lo que vos oídes, e non o oíron”.
Coñecemento, fe e bautismo. Romanos 12, 1. 3: (Culto espiritual). “Rógovos, logo, irmáns, pola misericordia de Deus, que ofrezáde-los vosos corpos como sacrificio vivo, santo, grato a Deus: como o voso culto espiritual. E non vos instaledes no mundo presente. Transformádevos, máis ben, pola renovación da mente, para que podades coñecer cal é a vontade de Deus: o bo, o que lle agrada, o perfecto. En virtude da gracia que se me deu, dígovos, por tanto, a todos e a cada un de vós: que ninguén se teña por máis do que convén, senón que un se teña no que se debe ter, conforme á medida da fe que Deus lle deu a cadaquén”.
Filipenses 3, 8: “... todo me parece perda comparado co grande que é coñecer a Cristo Xesús, o meu Señor”.
Claro que todo o demais son bagatelas; a grandeza do ser humano está en coñecer a Deus, en coñecelo para acatalo!                                                                                                                                                                                                                                                                     
¡Pensade na fortuna que tivemos de nacer na era cristiá, en territorio cristiá, de familia cristiá! E con iso démoslle as máis expresivas gracias a Xesús Cristo, noso Redentor.
-.-
Consagración (“Santificación”).
Consagración do home a Deus. Vexamos: 1 Corintios 2, 14. 17: A salvación “en Cristo”. “Doulle gracias a Deus, que, unidos a Cristo, nos leva decote ó seu triunfo e que por medio de nós espalla por todas partes o perfume do seu coñecemento. Porque somos recendo de Cristo para Deus, tanto entre os que se salvan como entre aqueles que se perden: para estes somos un cheiro de morte, para morte; para os outros, un recendo de vida, para vida. E nestas cousas, ¿hai alguén capaz abondo? Nós, de feito, non imos traficando coa mensaxe de Deus, como fan outros, senón que falamos con transparencia, como quen é de Deus, en Cristo”.
1 Timoteo 4, 14. 16: “Non descóide-lo carisma que hai en ti, que se che deu pola profecía coa imposición de mans dos “presbíteros”. Coida estas cousas, mantente nelas, para que todos vexan como progresas. Preocúpate de ti e da doutrina; mantente en todo iso, que, facéndoo, salvaraste ti e salvara-los que che fagan caso”.
Hebreos 10, 19. 24: Exhortación á fe, esperanza e caridade. “Pois logo, irmáns, xa que temos entrada libre no santuario, (¡no Ceo!), debido ó sangue de Xesús, un vieiro novo e vivente que El nos abriu a través da cortina, isto é, a través da súa carne, e, xa que temos un gran sacerdote á fronte da casa de Deus, manteñámonos con criterios sans na súa presencia con plenitude de fe. Xa que estamos limpos por dentro de toda consciencia de pecado e xa que estamos lavados por fóra con auga limpa (¡bautismo!), manteñámo-la esperanza indefectible que profesamos, pois quen prometeu é fiel. E considerémonos uns ós outros de xeito que nos sirvamos de estímulo para o amor e para as boas obras”.
Santiago (¡O noso Santiaguiño!) 1, 2. 8: “Cando vos vexades envoltos en diferentes tentacións, meus irmáns, tédevos por moi ditosos porque xa sabedes que aquilo que somete á proba a vosa fe xera paciencia. Pero cómpre que a paciencia vaia acompañada de boas obras, de xeito que sexades perfectos e completos sen fallardes en cousa ningunha. Se algún de vós está necesitado de sabedoría, que lla pida a Deus, que llela dá a todos abondosamente e sen roñar; e a ese tal tamén lla ha dar. Pero compre que pida con fe e sen dubidar para nada, que quen dubida é coma as ondas do mar, que o vento abala e leva de aquí para acolá. Un home así non pense recibir cousa ningunha do Señor: é un indeciso e un inconstante en tódolos seus camiños”.
Cando optamos por un oficio, ou por unha carreira, ¿verdade que poñemos corpo e alma en cumprir, el lograr os proxectos? ¡Pois na carreira do Ceo con máis razón!
-.-

Convivencia familiar. Referencia histórica; circunstancias dos tempos de Paulo. Daquela era incontestable o predominio do marido. Interpretación correcta, actual.
En Efesios 5, 21. 24: “Sede ben guiados uns cos outros por respecto a Cristo: as mulleres sométanse ós propios maridos, como se fose o Señor, pois o marido é cabeza da Igrexa, o salvador do Corpo. E, como a Igrexa se somete a Cristo, así tamén as mulleres ós seus maridos, en todo”.
Isto hai que velo no seu contexto histórico: Paulo buscaba a paz fogareña, nin máis nin menos. E como daquela a muller, nalgún caso, estaba considerada aínda menos que unha escrava, recomendáballes ese sometemento para que non se puxesen en perigo; para que fosen respectadas polo seu carácter de compañeiras, non de servas, nun ambiente de paz, pacífico. Isto non lle daba dereitos de opresión ao marido, como tampouco Cristo oprimía a Igrexa; eran unhas comparanzas pacificadoras.
Téñase en conta que as fillas de Eva, ao longo da Historia Antiga, viñeron padecendo a penitencia que lle correspondía á nosa Avoa: ¡castigo da súa soberbia, que os Adáns, miopes eles, egoístas eles, non vían, non recoñecían que Adán acepto aquela proposta, aquela insubordinación, indirectamente, ¡pero, aceptouna!
O Novo Testamento tenlle que dar, e dálle, unha volta sociolóxica ao papel da muller, entronizando á Virxe María; ¡Unha muller pecou, pero outra redimiu, aceptando e cumprindo á perfección a xeración e mailo coidado do Fillo unixénito de Deus!
Cristo ben que enxalzou á muller na súa vida pública; ¡repasemos os Evanxeos! Pero a historia da humanidade é lenta, e tardan en borrarse aquelas desigualdades, tantos séculos cultivadas.
En definitiva: ¡Interpretemos ben a Paulo; e nos casamentos, actualicemos a liturxia das Misas de Desposorios!
-.-

Corpo
Como tendencia ó pecado e ó egoísmo. Algúns: Romanos 6, 2. 12: (Mortos ó pecado, vivos en Cristo). “Os que xa morremos ó pecado, ¿como imos vivir aínda nel? ¿Ou ignorades que a cantos nos bautizaron para Cristo Xesús, bautizáronos para unirnos á morte del?  Enterrámonos, logo, con el polo Bautismo para a morte, para que, como Cristo foi resucitado dos mortos pola gloria do Pai, así tamén nós camiñemos nunha vida nova. Pois se fomos enxertados nel pola semellanza dunha morte coma a del, seguro que tamén o seremos por unha resurrección semellante”.
No 7, 22. 25: “Na intimidade do meu ser comprázome coa Lei de Deus, pero vexo outra lei no meu corpo, que lle fai a guerra á lei da miña razón, escravizándome a lei do pecado que levo no meu corpo. ¡Pobre de min! ¿Quen me librará deste meu corpo, instrumento de morte? ¡Pero, si: gracias a Deus por medio de Xesús Cristo o noso Señor! Así que, eu mesmo coa razón sirvo á Lei de Deus, pero cos baixos instintos á lei do pecado”.
No 8, 10, 13: “Se Cristo está en vós, o voso corpo certamente está morto por culpa do pecado, mais o Espírito é vida por causa da xustiza. Se o Espírito do que resucitou dos mortos a Xesús habita en vós, o mesmo que resucitou a Cristo dos mortos vivificará os vosos corpos mortais polo seu Espírito que habita en vós. Polo tanto, irmáns, somos de certo debedores; pero non da baixa condición, para vivirmos segundo ela. Porque, se vivides segundo tal condición, teredes que morrer, pero, se coa axuda do Espírito mortificáde-las obras do corpo, viviredes”.
1 Corintios 9, 26. 27: “Eu, pola miña parte, corro, pero non ó que saia; loito, pero non dando golpes ó aire. Ó contrario, castigo duramente o meu corpo e trátoo como a un escravo: non vaia suceder que despois de lles predicar ós outros, quede eu descualificado”.
Teñamos presente que o corpo é o sustento da nosa alma; e se o corpo se dá a vicios..., mánchanos a alma!
-.-

Corrección fraterna
Empezando por min: Que me corrixan dos meus defectos, que os teño; ou logo, non son mortal, un mortal pecador? ¡Agradézoo!
Mateo 7, 1. 5: “Non xulgar ós demais... (¡Que pena privarnos dese pracer, tan xeneralizado; co moito que nos gustou..., desde os tempos de Caín!). “Non xulguedes para que non vos xulguen a vós. Porque co xuízo que xulguedes hanvos xulgar a vós, e coa medida coa que midades hanvos medir a vós. ¿Por que reparas no lixo que hai no ollo de teu irmán e non te decatas da trabe que hai no teu? E, ¿como lle vas dicir a teu irmán: “Deixa que che quite o lixo que tes no ollo”, tendo ti unha trabe no teu? ¡Hipócrita! Quita primeiro a trabe do teu ollo e logo verás mellor para quita-lo lixo do ollo de teu irmán”.
No 18, 15. 18: “Se teu irmán peca contra ti, vai e repréndeo; pero ti só con el. Se te escoita, conquistáche-lo teu irmán. Se non te escoita, leva contigo un ou dous, para que por medio de dúas ou tres testemuñas quede resolto o asunto. Se non vos fai caso, dillo á comunidade, sexa para ti como un pagán ou un recadador de impostos. Asegúrovos que o que atedes na terra será atado no ceo, e o que desatedes na terra será desatado no ceo”.
¡Que ben entendiches o mandato evanxélico, Martín Dumiense, cando elaboraches o teu De correctione rusticorum!
Tamén Lucas fixo por recordarnos este mandato, ou consello, no seu 17, 3. 4: “Se o teu irmán che fai mal, repréndeo; se se arrepinte, perdóao. E se te ofende sete veces no día e sete veces volve a ti dicindo: “Síntoo moito”, perdóao”.
¿E no caso contrario, se son eu o ofensor? ¡Non sei; é tan difícil de pronunciar ese “Síntoo moito”, tanto en galego como en castelán!
-.-
Cumprimento
Plenitude salvífica que existe en Cristo e que é comunicable ós homes.
Xoán 11, 23. 27: “Xesús díxolle: -Teu irmán resucitará. Marta respondeulle: Ben sei que resucitará na resurrección, no día derradeiro. Díxolle Xesús: -Eu son a resurrección e a vida. Quen cre en min, anque morra, vivirá; e todo o que vive e cre en min, non morrerá endexamais. ¿Cres ti isto? Ela respondeu: -Si, Señor: eu creo que ti e-lo Cristo, o Fillo de Deus, que había de vir ó mundo”.
Romanos 15, 20. 21: “De tal xeito que tiven a honra de evanxelizar onde nunca se falou de Cristo, para non edificar enriba de alicerces alleos, senón como está escrito: “Verano aqueles ós que aínda non se lles falara del, e comprenderán aqueles que nunca oíran”.
Filipenses 4, 19. 20: “O meu Deus, pola súa parte, cubrirá tódalas vosas necesidades, conforme a súa riqueza con magnificencia en Cristo Xesús. Gloria a Deus, noso Pai, polos séculos dos séculos. Amén”.
Colosenses 1, 9-12: “Por esta razón tamén nós, desde o día en que soubemos disto, non deixamos de rezar por vós. Pedímoslle a Deus que vos encha de coñecemento da súa vontade, con todo o saber e intelixencia que dá o Espírito. Así daredes como froitos toda clase de obras boas e medraredes no coñecemento de Deus; estaredes enfortecidos en todo coa súa potencia magnífica para serdes con ledicia pacientes e constantes a toda proba; e darédeslle gracias ó Pai que nos fixo merecentes de participar na herdade dos santos, na luz”.
¡Isto, Señor, precisamente isto é o que che pido a través deste ordenador: Que ordenes a miña vida para que resulte fortalecido, para poder algún día, pola miña idade xa próximo, participar nesa herdade dos santos, nesa luz da que nos falaron Paulo e Timoteo! ¡Gracias, Señor, por cumprir en min, e tamén na miña xente, as túas promesas, esas promesas universais!
-.-

Demo
Na miña infancia aos nenos malos chamábanlles demontres; agora xa non, debe ser que, a Deus gracias, daqueles xa non quedan.
¿Hai xerarquías entre eles, entre os diabros? ¡Para min, ao meu entender, todos son satánicos! Deles, libera nos Dómine! ¡Amén!
Mateo 12, 43. 45: O que lle vai pasar á xeración malvada: “Cando o espírito inmundo sae do home vai polos ermos adiante buscando acougo sen atopalo. Entón di: “Volverei á casa de onde saín”, e ó chegar atopa a casa desocupada, varrida e ordenada. Entón vai, colle consigo outros sete espíritos aínda peores cá el e establécense alí; resultando que, ó final, aquel home acaba estando peor do que ó principio. Así lle vai pasar tamén a esta xeración malvada”.
Non fai falta ser médico, nin fai falta ser crego, para caer na conta de que as recaídas son peores cá enfermidade; ¡ollo con elas, así que, volvamos á vacina, volvamos a reza-lo Noso Pai! ... non nos deixes caer na tentación..., pois Satanás non acouga na súa rebeldía!
No 25, 41. 46: Un proverbio ben clariño: “E diralles logo ós da súa esquerda: -Arredade de min, malditos; ide para o lume eterno preparado para Satán e para os seus anxos. (O exército dos anxos rebeldes a Deus). Porque tiven fame e non me destes de comer; sede, e non me destes de beber; fun forasteiro e non me acollestes; estiven en coiro e non me vestistes; enfermo e na cadea e non me visitastes. Eles replicáronlle: -Señor, ¿cando te vimos famento ou sedento, forasteiro ou en coiro, enfermo ou na cadea e non che acudimos? El responderalles: -Asegúrovos que canto deixastes de facerllo a un destes máis pequenos, deixastes de facermo a min. Estes irán ó castigo eterno, e os xustos á vida eterna”.
¡Ai, Deus, e con estas perspectivas, seguimos na nosa soberbia? ¡Coidado coas desercións, que as castiga Deus, con toda xustiza! Na miña infancia os cregos predicaban moito acerca da atrición, pero os de agora, post-Concilio Vaticano II, inclínanse pola contrición. Pola miña parte, este aprendiz de cristián inclínase a pensar que as dúas son boas, segundo os casos, segundo as situacións, pois tamén é bo terlle medo ao inferno, séxase, a ese reinado de Satanás.


Mentres vivimos estamos na máis importante das eleccións
-.-

Día. O do xuízo do Señor.
Recordare, Iesu pie,
quod sum causa tuæ viæ;
ne me perdas illa die.

Acuérdate, piadoso Jesús
de que soy la causa de tu calvario;
no me pierdas en este día.

Mateo 10, 12. 15: “Ó entrar na casa, saudade. Se a casa é digna, veña a ela a vosa paz; pero se non é digna, que a vosa paz volva convosco. E se alguén non vos acolle nin escoita as vosas palabras, saíde daquela casa ou daquela vila e sacudide o po dos vosos pés. Asegúrovos que o día do Xuízo será máis levadeiro para Gomorra e Sodoma do que para aquela vila”.
¡Ai, Deus, como será o Día do meu xuízo? ¡Só levarei de defensa as miñas obras, as boas; e de acusación, as malas!
No 12, 36. 37: “Asegúrovos que toda palabra falsa que digan os homes háselles ter en conta no día do Xuízo. Pois polas túas palabras declararante xusto e polas túas palabras condenarante”.
¡Vaia; hai que ter conta do que se di, e non só do que se fai! Na miña terra, ao pé do río Azúmara, adoitamos dicir: Pola boca morren as troitas. ¡Daquela, coidado cos anzois de Satanás!
-.-
Discípulos
Os cristiáns, que tivemos un bo Mestre, ¡o mellor do mundo!, ¿imos suspender, imos ser discípulos vagos, malos, malos e maléficos? ¡Sería imperdoable!
Mateo 5, 1. 2: Anuncioulles como era o camiño, por onde se ía á dita verdadeira. “Vendo Xesús a multitude, subiu ó monte e sentouse. Achegáronselle os seus discípulos, e el, tomando a palabra, ensinábaos dicindo: ...“ (Expúxolles as benaventuranzas, que representan un auténtico programa do que é o Reino de Deus).
Marcos 6, 1. 5: “Saíndo de alí, foise para a súa vila, acompañado polos seus discípulos. Cando chegou o sábado, empezou a ensinalos na sinagoga. E moita da xente que o escoitaba dicía abraiada: -¿De onde lle veñen a este todas esas cousas? ¿Que sabedoría é esa que lle ensinaron, e como pode facer tantos milagres pola súa man? ¿Non é este o carpinteiro, fillo de María e irmán (primo) de Santiago, Xosé, Xudas e mais Simón, e as súas irmás (as primas) non viven aquí connosco? Estaban realmente escandalizados. Pero Xesús díxolles: -Non hai profeta máis desprezado que na súa terra, na súa casa, ou entre os seus parentes”.
Lean, lean os Evanxeos, e asombraranse de que os seus discípulos fosen tan tardos en crer, con todo o que lle oían e lle vían facer; os discípulos, e cos discípulos os veciños en xeral. Xa o dixen antes: O Fillo de Deus tardou en vir á terra porque a xente aínda estaba verde, verde e inculta; a terra non estaba abonada, nin sequera cos Profetas que tiña habido, para a semente do Novo Testamento. ¡Aínda hoxe nos dá pereza poñernos a camiñar por un camiño tan ben trazado, tan ben explicado!
-.-
Educación
Disto aínda sabemos pouco. ¡Dígollelo eu, que fun “mestre, pero dos de a ferrado”!
-.-
Escándalo
Mateo 13, 41: “Mandará o Fillo do Home os seus anxos, e quitarán do seu Reino tódolos escándalos e a tódolos que fan o mal...”
No 18, 7: “¡Ai do mundo polos seus escándalos! É irremediable que haxa escándalos, pero, ¡ai do home que provoca escándalos!”
En Romanos 14, 12. 13: Evita-lo escándalo dos irmáns. “Por tanto, cada un de nós dará conta de si a Deus. Non nos xulguemos uns a outros, mais ben coidade de non lle pór ó irmán nin tropezo nin escándalo”.
No 15, 1. 2: “Nós, que estamos seguros, temos que atura-las debilidades dos inseguros, e non compracernos a nós mesmos. Cada un de nós compraza ó seu próximo para o ben, con miras á edificación”.
¡Que pouco nos paramos nisto de ser edificantes! (No Dicionario. Edificante: 1. Que produce elevación moral. 2. Que serve, ou pode servir, como modelo de virtude). Sabémolo, entendémolo, pero, que pouco o practicamos! Dásenos mellor o de construír rañaceos..., e a ver como facemos cos seus escombros o día que haxa que demolelos! Pois cos escándalos algo parecido: vanse construíndo, elaborando, pero, desmontalos?
-.-

Esperanza
Con un bo comportamento, no sitio da esperanza teremos seguranza.
Baséase, aséntase, fundamentalmente, na resurrección e no poder vivificador de Deus ou de Cristo resucitado.
Feitos 23, 6: “Sabendo Paulo que unha parte deles eran saduceos e outra fariseos, berrou en medio do Sanedrín: -Irmáns, eu son fariseo, fillo de fariseos, e quero dicir que é por causa da nosa esperanza na resurrección dos mortos, polo que se me xulga”.
Romanos, 4, 23. 25: “Estas palabras non se escribiron soamente por el (por Abraham), senón tamén por nós. Pois tamén nos vai “valer” a nós que cremos naquel que resucitou  dos mortos a Xesús, noso Señor, que foi entregado por culpa dos nosos pecados e resucitado por mor da nosa xustificación”.
No 8, 20. 24: “Porque a creación está sometida ó fracaso; non pola propia vontade, senón polo poder daquel que a someteu, anque coa esperanza de que tamén a mesma creación será liberada da escravitude da corrupción e levada á salvación gloriosa dos fillos de Deus. Pois sabemos que toda creación vén xemendo ata hoxe e coma con dores de parto. E non só isto, senón que nós mesmos, que temos xa as primicias do Espírito, xememos dentro de nós, degorando pola filiación, pola liberación do noso corpo. Pois é en esperanza como estamos salvados. Ora, a esperanza do que se ve non é esperanza, pois o que un xa ve, ¿como o pode esperar?”.
No 15, 13: “Que o Deus da esperanza encha de alegría e de paz a vosa vida, para que rebordedes na esperanza pola forza do Espírito Santo”.
1 Corintios 15, 18. 22: “Resultaría tamén que os que finaron en Cristo pereceron completamente. Ora, se a esperanza que temos en Cristo é soamente para esta vida, nós sómo-los máis dignos de lástima entre tódolos homes. Pero non: Cristo resucitou dos mortos como primicia dos que adormecen. Porque xa que por un home entrou a morte, tamén por un home chegou a resurrección dos mortos. Igual que todos morren por Adán, así tamén por Cristo todos revivirán”.
2 Corintios 1, 9. 10. “Porque tivemos sobre nós a sentenza de morte. Así aprendemos a non poñérmo-la confianza en nós senón en Deus, que resucita ós mortos. El foi quen nos librou de tan evidente perigo de morte e hanos de seguir librando -confiamos nel, que nos librará no futuro-, se colaborades tamén vós coa vosa oración”.
Gálatas, 5, 5: “Porque a nós o Espírito móvenos a agardar da fe os bens da xustificación esperada”.
Etc. Con estas citas coido que temos abondo para nutrirnos de fe, esperanza e caridade, pero se nos queda sede..., abride a nosa Biblia, que vos saturará, e convencerá, por incrédulos que sexades!
-.-

O Espírito de Deus / O Espírito de Xesús.
Mateo 3, 16. 17: “Tan pronto como foi bautizado, Xesús saíu da auga. E velaí que se abriron os ceos, e viu o Espírito de Deus baixar como unha pomba ata pousarse enriba del. E oíuse desde o ceo unha voz que dicía: -Este é o meu fillo benquerido, o predilecto”.
Mateo 12, 15. 18: “Xesús, ó sabelo, ordenou ir para outro lado, seguido por moitos e curando a todos. E mandoulles que non o descubrisen, para que se cumprise o que dixera o profeta Isaías: “Velaquí o meu servo, o meu elixido, o meu amado, a miña regalía. Apousarei o meu Espírito sobre el, para que anuncie o Dereito ás nacións”.
Mateo 28, 18. 20: “Xesús, achegándose, díxolles: -Déuseme todo poder no ceo e mais na terra. Ide, pois, e facede discípulos meus a tódolos pobos, bautizándoos no nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo; ensinándolles a gardar canto vos mandei. Asegúrovos que eu estarei sempre convosco ata a fin do mundo”. 
¡Está con nós a Santísima Trindade; Deus non nos abandona, proba absoluta de que estamos redimidos, pola súa misericordia! ¡Aleluia!
Lucas 4, 16. 18: “Chegou a Nazaret, onde se criara, e o sábado entrou, como estaba afeito, na sinagoga. Ergueuse para face-la lectura, e déronlle o libro do profeta Isaías. Abriuno  e atopou unha pasaxe que dicía: O espírito do Señor está sobre min...”
Romanos 8, 9. “Pero vós non vivides así, senón conforme o Espírito, posto que o Espírito de Deus habita en vós: se alguén non ten o espírito de Cristo, ese tal non é de Cristo”.
E no 8, 14: “Cantos se deixan guiar polo Espírito de Deus, eses son fillos de Deus”.
¡Alá; xa temos “lazarillo”, xa temos guía espiritual, xa estamos no Ceo, polo menos na mesmísima fronteira; e aínda hai quen diga que esta terra é un inferno: Esta terra, collidos da man de Deus, xa é do Ceo!
-.-

O Espírito Impuro. Poder da Igrexa sobre estes espíritos.
Lucas 10, 20: “Con todo, non vos alegredes de que os espíritos se vos sometan; alegrádevos, máis ben, de que os vosos nomes estean escritos no ceo”.
Feitos 5, 16: “Viña moita xente das vilas veciñas de Xerusalén e traía enfermos e atormentados por espíritos impuros, e todos quedaban curados”.
Espíritos impuros, por que? O Espírito Santo é puro porque achega a Deus; fainos puros para achegarnos a Deus; fainos puros coma Deus, e por tanto, dignos de achegarnos a Deus, mentres que o espírito impuro separa de Deus aos homes.
-.-
Espírito Santo
¡Ai Deus, canto lle debemos; por algo os Evanxeos non se cansan de mencionalo, así que, como é moito o que del hai que dicir, o que del hai que saber, mellor abrides a Biblia, para no perder puntada! Acordádevos do que din nas nosas aldeíñas polos malos bailadores: ¡Ese pérdese nos puntos! Pois non fagamos outro tanto coas lecturas, coas que nos deben ser preceptivas.
-.-

Eucaristía
Aquí non caben omisións, pois canto digamos, canto nos intercomuniquemos acerca dela, con ela, todo será pouco para achegarnos a este misterio:
Prometida por Cristo. Mateo 6, 11: “Dános hoxe o noso pan de cada día”. Os Padres da Igrexa tamén o aplicaron ó pan eucarístico. No 14, 19: O cerimonial co que Xesús bendí e reparte o pan (no milagre da súa multiplicación), xa é un anticipo da derradeira cea.
Xoán 6, 32. 71: “Entón díxolles Xesús: -Con toda verdade volo aseguro: non foi Moisés quen vos deu o pan do ceo; meu Pai é quen vos dá o verdadeiro pan do ceo: pois o pan de Deus é o que baixa do ceo e lle dá a vida ó mundo. Dixéronlle entón: -Señor, danos sempre dese pan. Xesús respondeulles: -Eu son o pan da vida: quen vén onda min non pasará fame, e quen cre en min, endexamais terá sede. Pero xa vos dixen que, aínda que vistes, non credes. Tódolos que o Pai me entregou, virán onda min. E a quen vén onda min, non o botarei fóra. Pois eu baixei do ceo non para face-la miña vontade, senón a vontade daquel que me mandou. Esta é a vontade daquel que me mandou: que non perda a ningún dos que me entregou, senón que os resucite no derradeiro día. Etc., etc”.
Instituída por Cristo: Mateo 26, 26. 29: “Mentres estaban a comer, Xesús colleu pan e, dando gracias, partiuno e déullelo ós seus discípulos, dicindo: -Tomade e comede: isto é o meu corpo. E collendo unha copa, dando gracias, déullela dicindo: -Bebede todos dela. Que isto é o meu sangue, o sangue da Alianza, vertido por todos para o perdón dos pecados. E asegúrovos que desde agora non volverei beber este produto da viña ata o día que o beba, noviño, convosco no Reino do meu Pai”.
Marcos 14, 22. 26: “Mentres estaban a comer, Xesús colleu pan, deu gracias, etc.”
Lucas 22, 14. 20: Todos relativos ao mesmo, á institución eucarística.
1 Corintios 11, 26 e seguintes: Condicións para participar nela: “Polo tanto, cada vez que comedes este pan e bebedes este vaso, anunciáde-la morte do Señor, ata que el volva. De maneira que quen coma o pan ou beba o vaso do Señor indignamente, terá que responder do corpo e do sangue do Señor. Examínese cada quen a si mesmo... Etc.”
Xa existía na primeira comunidade: Feitos 2, 42. 46. Vida dos primeiros cristiáns: “Eran perseverantes en escoita-la ensinanza dos apóstolos, na comuñón de vida, no rito de partiren o pan, e nas oracións. Etc”. No 20, 7: “O domingo estabamos reunidos para parti-lo pan. Etc.”
A primeira comuñón dos fillos súbenos ao Ceo, pero, a dos netos? ¡A dos netos confírmanos que os fillos souberon educar e instruír! ¡Deu-los bendiga, a todos eles. E que eses froitos sigan na súa/nosa descendencia. Amén!



A primeira comuñón do primeiro dos nosos netos
-.-

Evanxeo
Este servidor, que ten algunhas condecoracións militares, sente unha sensación íntima moi agradable cando as pon na solapa das súas americanas. Se isto ocorre coas cousas cativas, nimias, -honores mundanos-, por que non exhibimos, con lexítimo orgullo, o título máximo, que é o de ser cristián, o de estar bautizados?
Se eu fose o Papa, ¡Deus me libre de tal, pois levaría á Igrexa á súa descomposición!, recomendaría aos cristiáns levar na solapa, ou na cadea do pescozo, o noso distintivo colosal: a Cruz de Cristo!
Se exteriorizásemos a nosa distinción, o noso signo, seguro, seguro, que se multiplicarían as conversións. Non fan falta sotanas, que chega con “alzacuellos”, para distingui-los clérigos, pero, ¿as cruces? ¡As cruces, ás que tan adictos fomos os galegos, que incluso temos os cruces dos nosos camiños ateigados de cruces...; iso si, de pedra!


Cruceiro de San Cibrao

Hoxe en día non hai fogar onde falte o Código da Circulación, pero, ¿os Evanxeos? Sequera hainos nas dúas linguas, e logo que xa non temos analfabetos, a Deus gracias, así que os podemos ler, todos; ¡lelos, interpretalos, e cumprilos!
Como os imos ler, deteñámonos, polo menos, nos capítulos seguintes:
-Xesús predicou o Evanxeo do Reino, e de Deus.
-O Evanxeo é o mesmo Xesús Cristo.
-Debe ser predicado; ¡predicado e, cumprido!
-Por ende, debe ser testificado con feitos e aínda co mesmo martirio, se tal heroicidade se nos presenta.
-Debe ser recibido coa conversión e coa fe.
-O seu contido é a salvación inaugurada e realizada por Cristo.
-Anuncialo é unha función sacra.
-O seu anuncio é medio de comunicación da salvación e do Espírito Santo.
-A súa formulación ten un contido doutrinal, e tamén unha praxe moral.
-Debe ser profesado externamente. (Ah, que dicía eu: aquilo dos distintivos!).
-E anunciado polo pobo crente, séxase, por todos e cada un de nós.
-Implica unha vida especialmente digna.
-O non aceptalo carrexa o xuízo escatolóxico do castigo de Deus.
¡Para aprender a ler, o Silabario; para aprender a ser cristiáns, os Evanxeos!
-.-

Expiación
Moi grande debe ser o Purgatorio, con tanto que levamos ao lombo! ¡E menos mal que hai responsos, e que nas necrolóxicas se piden oracións, pero, dánnolas, dedícannolas?
Do pecado e da cólera de Deus pola oración xa nos falaran os do Antigo Testamento, pero vou citar aquí algo do Novo, tal que a
Hebreos 7, 25: “Por iso pode levar á plenitude da salvación para sempre ós que por El se achegan a Deus, xa que en todo momento vive para interceder por eles”. Conclusión dos teólogos: “O sacerdocio de X. C. resucitado e entronizado caracterízase con tres trazos fundamentais: a intercesión, o carácter mediador do noso achegamento a Deus, e o seu poder de levar á plenitude e á consumación salvíficas.
No 9, 24: “De feito que o Mesías non entrou nun santuario de feitío humano, copia do verdadeiro, senón que entrou no mesmo Ceo, para poder presentarse agora diante do mesmo Deus a favor noso”. ¡Mestre, ti que lavaches os pés aos teus discípulos, humildemente che pido que laves a miña conciencia, o meu rocho, co teu perdón, para que o meu purgatorio sexa o máis levadeiro posible!
1 Xoán 2, 1. 2: “Meus filliños, escríbovos estas cousas para que non pequedes; pero, se algún peca, temos quen nos defenda diante do Pai: Xesús Cristo, o xustificador. El é quen expía os nosos pecados; e non só os nosos senón tamén os de todo o mundo”.
1 Xoán 4, 8. 10: “O que non ama, aínda non coñece a Deus, porque Deus é amor. O amor de Deus fíxose ver entre nós en que Deus mandou ó mundo o seu Fillo Unixénito, para que nos dese a súa vida. Hai amor dentro de nós, non porque nós teñamos amado a Deus, senón porque el nos amou a nós e mandou o seu Fillo para que expiase os nosos pecados”.
-.-

Familia
Nunha familia ben avida o Ceo pálpase mellor; nunha familia ben avida hai silencio, un silencio grato, e no silencio medítase mellor. Eu, pola miña parte, moi agradecido lles estou a Xosé e a María, pois, ademais de prestarme o seu nome, bebín da auga de Rois, que tanto fai florecer as rapazas coma as rosas, ¡outras rosas, aínda que non o sexan de nome!



Nas nosas Vodas de Ouro 

A Igrexa, familia de Deus. Esposa de Cristo.
Efesios 3, 14. 19: “Por esta razón axeónllome perante o Pai, de quen toma nome toda paternidade no ceo e mais na terra, para que vos conceda -segundo a riqueza da súa gloria- que se robusteza poderosamente en vós o home interior por medio do seu Espírito; que Cristo habite pola fe nos vosos corazóns, e que teñáde-la vosa raíz e o voso alicerce no amor, de xeito que podades comprender, con todo o pobo crente, o ancho, o longo, o alto e o profundo que é o amor de Cristo, que supera todo coñecemento; e así quededes cheos da plenitude total, que é Deus”.
No mesmo Efesios 5, 31..33: “Por iso deixará o home a seu pai e mais á súa nai e unirase á súa muller e serán os dous un único ser”. Grande misterio é este e eu refíroo a Cristo e á Igrexa. En calquera caso, todos e cada un de vós debe ama-la súa muller como a si mesmo; e a muller, que respecte ó seu marido”. ¡Xa o fan, pobriñas, pois, a estas alturas do século XXI aínda seguimos no imperio do machismo!
Colosenses 3, 13. 15: Aturádevos uns ós outros e perdoádevos cando un teña queixa do outro; como o Señor vos perdoou, perdoádevos tamén vós. E, por riba de todo isto, cinguídevos co amor, que é o vencello que todo o une e leva á perfección. Que a paz de Cristo goberne os vosos corazóns, xa que a ela vos chamaron coma membros dun mesmo corpo. Sede tamén agradecidos”.
-.-
Fe.
O vello Catecismo dicía, ¡dicíalles aos iletrados!, que ter fe era crer “no que non vimos”. Agora engadiríamos:”... no que non limos, tanto e tan explicado, tan demostrado, que o temos nas Sagradas Escrituras!”.
Sobre da fe fanse libros, libros enteiros, e aínda así queda moito sen explicar. Como mostra, podemos comezar por Xoán, que no seu 4, 39. 42, vén a dicirnos que a fe é froito da palabra evanxelizadora: “Moitos samaritanos daquela vila creron nel pola palabra da muller, que declaraba: “díxome todo canto eu fixen”. Por iso os samaritanos chegados onda el rogábanlle que se quedase con eles; e quedou alí dous días. E creron aínda moitos máis polo que el lles dixo. Dicíanlle despois á muller: -Xa non cremos polo que ti nos dixeches: nós mesmos o escoitamos e sabemos que este é de verdade o Salvador do mundo”.
-.-

Felicidade
Isto é o que buscamos, o que ansiamos, todos, pero, onde se atopa, e como se busca? Tíñana naquel Paraíso o Adán e maila Eva, pero..., a maldita soberbia, estimulada polo maldito Satanás!
O feito de ser cristiáns, coa dita que nos espera se sabemos, e queremos, selo, ¡pero, de verdade!, por desgracias que nos ocorran, ¡somos felices! Os malos tragos son iso, ¡tragos!, pero a continuación, se os levamos con paciencia, cobraremos en especie: ¡A gloria celestial, eterna!
Pola fe no Mesías e na súa mensaxe:
Mateo 11, 2. 6: “Xoán, oíndo falar na cadea das obras de Cristo, mandou os seus discípulos a preguntarlle: -¿Es ti o que ten que vir ou esperamos a outro? Respondeulles Xesús: -Ide e contádelle a Xoán o que estades oíndo e vendo: os cegos ven e os coxos andan, os leprosos fican limpos e os xordos oen, os mortos resucitan e ós pobres estáselles anunciando a Boa Nova. ¡É ditoso quen non se escandalice de min!”
Tamén Mateo, no seu 13, 16. 17: “¡Ditosos, en troques, os vosos ollos, porque ven; e mailos vosos oídos, porque oen! Pois asegúrovos que moitos profetas e xustos arelaron ve-lo que vós vedes, e non o viron; oí-lo que vos oídes, e non o oíron”.
Lucas, 7, 22: O mesmo que Mateo: “... ide e contádelle a Xoán...”
Lucas 10, 23 Insiste e recalca no de “...Benia os ollos que ven o que vós vedes...”
Lucas 11, 27. 28. A verdadeira felicidade. “Mentres el dicía estas cousas, unha muller de entre a xente (¡Benditas mulleres, que ben pagastes coa vosa fidelidade a Cristo aquela infidelidade da Avoa!) exclamou en voz alta: -¡Ditoso o ventre que te levou, e os peitos que te criaron! Pero el respondeulle: Ditosos máis ben os que escoitan a palabra de Deus e a gardan”.
Xoán 20, 28. 29: “Tomé respondeulle:-¡Meu señor e meu Deus! Xesús díxolle:-¿Tes fe porque me viches? ¡Benia os que creron sen veren!”.
1 Pedro 4, 14: “Se se burlan de vós por serdes cristiáns, felicitádevos, porque o Espírito dá gloria, isto é, o Espírito de Deus permanece sobre vós”.
-.-


Fermento
Miña naiciña, miña querida Irene, con esta verba no teclado estoume lembrando de cando me ensinaches que sen fermento non podía haber, non podíamos ter, un bo pan. ¡Ai, “nena”, como te chamaba meu pai, aquilo era certo, pero non o é menos que, sen fermento, desoutro, do espiritual, non pode haber cristianismo; por iso, a necesidade da total transformación do home mediante a súa acollida ó Reino!
Mateo 13, 33: “Díxolles outra parábola: -O Reino do Ceo é semellante ó fermento que unha muller amasou en tres medidas de fariña ata que todo levedou”. ¡Isto é un bo exemplo do que fixo na terra, coa súa vida, o Fillo de Deus: amasarnos, e de paso, amansarnos!
Lucas 20, 21: “Así dixéronlle (aínda que con intención retorta): -Mestre, sabemos que falas e ensinas rectamente, e non te deixas levar polos respectos humanos, senón que mostras o camiño verdadeiro de Deus... Etc”
-.-

Festa
A grande: O domingo, Día do Señor.
Mateo, 28, 1: “Pasado o sábado, na alborada do primeiro día da semana., María Magdalena e maila outra María  foron visita-lo sepulcro...” ¡As mulleres, como son, que ata madrugaron para achegarse ao sepulcro do Mesías; e nin con esas, pois os sucesores de Pedro queren telas de amas de chaves; amas, elas, pero, as chaves..., consérvanas eses sucesores, en exclusiva!
Marcos, 16, 1: “Pasado o sábado, (as tres Marías)... ¡Iso, o Domingo, que ese si que foi Día de Festa! ¿E non será que as teles, cos seus programas tardíos dos sábados, estean atentando contra as Misas dominicais? Domingos eran aqueles das nosas aldeíñas, que había que madrugar para deixar o gando mantido; o gando, si, pero as persoas, co xaxún rigoroso, a pé, pois as igrexas parroquiais quedaban, case sempre, a unha legua de camiño, ¡de corredoira!
Xoán 20, 1. 29: Lendo, e meditando, o relato que fai Xoán acerca da Resurrección de Xesús, dan ganas de chorar..., pero de ledicia, de ledicia e de agradecemento!
-.-

Fillos de Deus.
Os que traballan pola paz, os que imitan o perdón de Deus, os que se deixan levar polo Espírito Santo; fillos de Deus e herdeiros seus, fillos de Deus pola fe en Cristo Xesús; etcétera, etcétera, que desenrolar esta filiación é tan longo coma o Camiño do Ceo. ¡Gracias, Señor, pola túa Adopción, pola túa Salvación; séxase, pola túa, infinita, Misericordia!
Mateo 5, 9: “Ditosos os que traballan pola paz porque eles serán chamados fillos de Deus”.
Mateo, 5, 44. 45: “Pero eu dígovos: amade ós vosos inimigos, e pregade polos que vos perseguen. Así seredes fillos de voso Pai que está no ceo, que fai saí-lo seu sol sobre malos e bos, e chover sobre xustos e inxustos”.
Lucas 6, 35. 36: “Vosoutros non; vós amade ós vosos inimigos, facede o ben, e emprestade (¡Daquela aínda non se inventaran os Bancos, no que eu traballei tantos anos!) sen esperardes nada a cambio. E así teredes unha gran recompensa e seredes fillos do Altísimo, pois El é bo cos malos e desagradecidos”.
Romanos 8, 14: “Cantos se deixan guiar polo Espírito de Deus, eses son fillos de Deus”.
Gálatas 3, 26. 27: “Todos vós sodes fillos de Deus pola fe en Cristo Xesús, porque os que  os bautizaron en Cristo vestíronvos de Cristo”.
Gálatas 4, 6. 7: “A proba de que sodes fillos del é que Deus mandou ós vosos corazóns o Espírito do seu Fillo, que exclama ¡Abbá! (que quere dicir “¡meu Pai!”). Polo tanto, ti xa non es escravo, senón fillo. E, por seres fillo, tamén, gracias a Deus, es herdeiro”.
¿Vedes como somos, proclamados, herdeiros? ¡A filiación témola clara, a Deus gracias!
Etc., etc.
-.-

Fin (= Xuízo)
Mateo 28, 16. 20: Os teólogos afirman que este é o punto cume do evanxeo de Mateo: a misión universal. A fórmula supón unha teoloxía e unha liturxia avanzada dentro xa da comunidade cristiá. “Os once discípulos (aínda non designaran a Matías, repito e aclaro) fóronse para Galilea ó monte onde Xesús os citara. E véndoo, postráronse ante el, aínda que algúns dubidaban. Xesús, achegándose, díxolles: -Déuseme todo poder no ceo e mais na terra. Ide, pois, e facede discípulos meus a tódolos pobos, bautizándoos no nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo; ensinándolles a gardar cando vos mandei. Asegúrovos que eu estarei sempre convosco ata a fin do mundo”.
Por moito que repitamos este capítulo, este “ordenamento sacerdotal”, nunca nos pode aburrir, porque nestas verbas do Mestre, ¡do Mestre Resucitado!, está explícita a finalidade da función de Xesús, e con ela, a nosa, a de tódolos discípulos, dos alí presentes, pero tamén dos que herdamos aquel mandato, sexan clérigos ou segrares. ¡Só o Fillo de Deus podía ser tan concreto, e tan expresivo, en todo canto dixo e fixo!
-.-

Froito. Froitos para a vida eterna.
Lucas 12, 17. 21: “Púxose entón a cavilar: “¿Como vou facer, que non teño onde mete-lo froito? ... Así é quen atesoura riquezas para si, pero non é rico para Deus”. Isto das riquezas..., ¡hai que ter coidado con elas, pois a entrada no Ceo non se paga con cartos senón con obras de misericordia!
Romanos 7, 4. 5: “Así que, meus irmáns, tamén vos quedastes mortos para a Lei mediante o corpo de Cristo, para pertencedes a outro: a aquel que resucitou dos mortos; de xeito que demos froitos para Deus”.
Colosenses 1, 10: “Así daredes como froitos toda clase de obras boas e medraredes no coñecemento de Deus”.
¿Témolo claro? ¡Aquí sementamos..., para recoller no Ceo, así que, miúdo negocio, como para prestarlle toda a nosa mellor atención! ¿Hai algunha dúbida?
-.-

Gloria. Deus é o Deus da gloria.
Feitos, 7, 54. 56: Martirio de Estevo. “Ó sentiren isto, adoecían e renxían os dentes contra Estevo. Pero el, cheo do Espírito Santo e cos ollos cravados no Ceo, viu a gloria de Deus e a Xesús de pé, á dereita de Deus, e dixo: -Ollade, vexo o Ceo aberto e ó Fillo do Home de pé, á dereita de Deus”.

 
Valga do Santo Estevo, en Montecubeiro. Aquí houbo un eremitorio, xunto dun rego que aplanaron as palas da Concentración Parcelaria.
-.-

Glorificar a Deus ó ve-las obras de Cristo
Mateo 9, 4. 8: “Coñecendo Xesús o que pensaban, díxolles: -¿Que cavilades nos vosos adentros? ¿Que é máis fácil dicir: “perdoados quedan os teus pecados”, ou dicir: “érguete e anda?”. Pois para que vexades que o Fillo do Home ten poder na terra para perdoar pecados -díxolle ó tolleito-: “érguete, colle o teu leito, e vai para a casa”. E erguéndose foise para a súa casa. Vendo isto a xente, asombrouse e glorificaban a Deus por darlles tal poder ós homes”. Concorda con Marco, 2, 12.
Lucas 2, 20: “Os pastores volvéronse glorificando e louvando a Deus por canto viran e oíran (en Belén), tal como lles fora anunciado”. Do mesmo: 5, 25. 26: “E así foi: erguéndose no intre diante deles, colleu o leito e foise para a súa casa, louvando a Deus. Todos ficaron pasmados, e cheos de temor louvaban a Deus, dicindo: -¡Hoxe si que vimos cousas nunca vistas!”. No 7, 14. 17: “E achegándose, tocou o cadaleito -os que o levaban pararon-, e el mandou: -Rapaz, falo contigo:¡érguete! O morto incorporouse e empezou a falar; e Xesús entregoullo á súa nai. Todos quedaron impresionados e loaban a Deus, dicindo: -Un gran profeta xurdiu entre nós. Deus visitou ó seu pobo. E por toda a Xudea e a súa comarca correron estes comentarios”.
As obras de Cristo foron excepcionais, divinas, e temos tantas referencias delas nos evanxeos que non é cousa de citalas aquí. Non houbo termo medio: Dos que as presenciaron, uns loaban a Deus, e outros...; os de Satán, coma sempre, bramaban!
-.-

Gracia, agraciar, conceder unha gracia.
Don gratuíto da salvación, que Cristo nos comunica.
Feitos 15, 40. 41: Paulo, pola súa  banda, escolleu a Silas e, encomendado polos irmáns á gracia do Señor, marchou atravesando Siria e Cilia e animando as comunidades”.
Romanos 11, 5 ss: En Israel Deus reservou un “resto”. “Da mesma maneira, tamén neste intre de agora reservou un resto elixido por pura gracia. Ora, se foi por gracia, non foi polas obras; outramente a gracia xa non sería gracia”.
“Caer en gracia...”, dicíase moito na miña bisbarra; aquel/aquela que nos cae en gracia é porque algo especial ten, algo que nos agrada. ¡Ai, Deus, que podo facer eu para caerche en gracia? Por de pronto, e para empezar, arrepentirme das miñas faltas, e de seguido procurar ser útil a esta humanidade, por Deus creada. Fíxonos para o ben, así que aos malos pasoulles/pasounos coma ás árbores sen sostén, sen esteos, ¡que medramos verdes e torcidos, torcidos e retortos, agarrados ás cousas materiais, coma as hedras!
Colosenses 1, 6: “Tamén entre vós, como en todo o mundo, o Evanxeo da froitos e medra desde o día que escoitastes e coñecestes de verdade a gracia de Deus”.
-.-

Igrexa
Foi fundada polo propio Xesús. É o noso toldo, o noso alboio; baixo esta cobertura estamos abeirados, camiño da nosa salvación; daquela, obriga moral, pero tamén material, a nosa: facer por ela, contribuír ao seu sostén, á súa expansión, á súa labor catequizadora, expansiva.
Mateo 16, 18. 19: “E eu asegúroche que ti es Pedro, a Pedra; e sobre esta pedra vou edifica-la miña Igrexa; e as portas do Inferno non prevalecerán en contra dela. Dareiche as chaves do Reino do Ceo: todo o que ates na terra ficará atado no Ceo; e todo o que desates na terra, ficará desatado no Ceo”.
1 Corintios 11, 16: “... se alguén ten gana de discusións, saiba que non temos tal costume, nin tampouco as igrexas de Deus”. No 12, 28: “Na Igrexa dispuxo Deus primeiro Apóstolos, logo profetas, en terceiro lugar mestres”. ¡Somos do terceiro lugar, séxase, Mestres; nun exército diríase, Oficiais! ¡Ás túas ordes, Señor!
Gálatas 1, 11. 12: “Porque fágovos saber, irmáns, que o Evanxeo que eu predico non é cousa de homes xa que nin o recibín nin o aprendín de home ningún, senón que mo revelou Xesús Cristo”.
Efesios 1, 22. 23: “Someteuno todo baixo os seus pés e deullo por riba de todo como cabeza á Igrexa, que é o seu corpo, a plenitude daquel que enche todo en tódalas cousas”.
Filipenses 2, 5. 11: O exemplo de Cristo. “Tede entre vós a mesma actitude de Cristo Xesús. El, con ser de condición divina, non se agarrou cobizosamente á súa categoría de Deus, senón que se espiu do seu rango, asumiu a condición de escravo; fíxose un home normal e presentouse como tal; abaixouse a si mesmo, facéndose obediente ata á morte, ¡con morte na cruz! Por iso tamén Deus o exaltou sobre todo e lle concedeu un título que está por riba de calquera título, para que ante o título de Xesús se dobre todo xeonllo, no Ceo, na terra, e mais no abismo, e para que toda lingua proclame para gloria de Deus Pai que Xesús Cristo é o Señor”.
-.-

Imaxe. Os cristiáns, imaxes de Xesús Cristo.
Romanos 8, 26. 30: O Espírito en nós. “Do mesmo xeito, tamén o Espírito acode a axuda-la nosa debilidade. Nós non sabemos como debemos orar para pedi-lo que convén; pero o Espírito en persoa intercede por nós  con xemidos máis fondos cás palabras. É o Deus que escruta os corazóns, coñece a intención do Espírito, pois el intercede polos santos, conforme á vontade de Deus. Sabemos ademais que todo colabora para o ben dos que aman a Deus, dos que foron escolleitos segundo os seus designios. Pois El distinguiunos primeiro e predestinounos a reproducírmo-la imaxe do seu Fillo, de tal maneira que El sexa o primoxénito entre moitos irmáns. E a eses que predestinou, tamén os chamou; e a eses que chamou, tamén lles deu a súa gloria”.
Os teólogos: A oración cristiá nace das profundidades do “novo ser”: é o Espírito mesmo de Deus quen promove os nosos mellores desexos e oracións, que son así conformes ó plan de Deus: a nosa salvación é felicidade. Distinguiunos: coñeceunos, no senso bíblico, que inclúe amor, predilección. Predestinounos: a salvación é iniciativa gratuíta de Deus, non mérito do home; o que non significa que o home non coopere, acollendo ou refugando. Paulo describe un proceso: o da Historia da salvación: non fala de individuos, senón dos cristiáns como “pobo”.
¡Canto lles debemos aos teólogos polas súas explicacións, pois sen eles nadaríamos na escuridade, en moitas cousas; son os “políticos” do cristianismo!
-.-

Irmán. Dise dos que cren / cremos en Xesús.
Mateo 12, 48. 50: “El respondeu ó que llo dicía: -¿Quen é a miña nai, e quen son os meus irmáns? (Xa está comentado).
-.-


Liberdade. A liberdade cristiá non debe dar pé ás paixóns.
Gálatas 5, 19. 23: “As obras dos baixos instintos tédelas ben á vista: fornicación, adulterio, libertinaxe, idolatría, bruxerías, xenreiras, liortas, cobiza, retesías, discordias, faccións, envexas, bebedelas, enchentes, e cousas polo estilo. Xa vos avisei ben avisados de que non herdarán o Reino de Deus os que tal fagan. En cambio o froito do Espírito é o amor, alegría, paz, paciencia, agarimo, bondade, formalidade, mansedume e dominio de si. Contra isto non hai lei que valla”.
¡Dígovolo eu, que xa vin de todo neste mundo, así que, -penso-, estou cargado de experiencias, das boas, pero tamén das malas! Xa o dicía meu Avó: ¡Hai que aprender en cabeza allea..., para non expoñe-la nosa!
-.-

Louvanzas. Acción de gracias. A Deus sempre lle daremos poucas, poucas e rís..., porque, aínda que sexan profundas, dámolas de moi abaixo a moi arriba!
Marcos 14, 26: “Despois de cantaren os Salmos, (¡as loanzas!, saíron para o Monte das Oliveiras”.
Romanos 1, 24. 25: “Por iso Deus abandonounos (aos homes) ás cobizas dos seus corazóns e chegaron a envilece-los seus propios corpos por trocaren o Deus verdadeiro por un falso, e por honraren e daren culto á criatura en lugar do Creador. (¡Bendito e louvado El sexa. Amén!)”.
¡Iso; bendito e louvado El sexa. Amén!
En Romanos 9, 5: “... a eles pertencen os patriarcas; e deles vén Cristo como home. O Deus que está sobre todo sexa bendito por séculos. Amén.
-.-

Canción relixiosa.

Alabaré

Alabaré, alabaré, alabaré, alabaré
Alabaré a mi Señor
Juan vio el número de los redimidos
Y todos alababan al Señor
Unos cantaban otros oraban
Y todos alababan al Señor
Alabaré, alabaré, alabaré, alabaré
Alabaré a mi Señor
Todos unidos
Alegres cantamos
Glorias y alabanzas al señor
Gloria al Padre
Gloria al Hijo y
Gloria al Espíritu de amor
-.-



Xa que estamos de louvanzas, non sigo: Déixovos estes apuntes para que poñades as vosas; para que poñades, para que cubrades, da vosa parte, as miñas omisións; lembrade que son, soamente, que só fun, un simple mestre dos de a ferrado; ¡senón o último deles, case!
-oOo-

Xosé María Gómez Vilabella